18.1.13

Noia: o plan de aproveitamento da anguía na desembocadura do Tambre, a información pública

  • A zona de pesca é a comprendida entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e Pontenafonso e por un período de captura de 175 días
  • As cotas de captura diarias son 15 quilos máximo por embarcación e día e o número máximo de nasas a usar é de 10 por persoa
  • Este plan é solicitado pola Confraría de Pescadores de San Bartolomé, en Noia e as capturas serán vendidas en lonxa mediante sistema de poxa pública


Foto deste peixe teleósteo na Wikipedia

 

Noia, 18 de xaneiro de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, inicia hoxe o proceso de información pública do plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2013.

Este plan para a pesca profesional da anguía na conca deste río, concretamente na súa desembocadura, é solicitado pola Confraría de Pescadores de San Bartolomé do Concello de Noia. Así durante o período de información pública, se poderán presentar alegacións que deberán ser analizadas e incorporadas ao plan de aproveitamento antes da súa aprobación.

A arte de pesca que se empregará é de nasa tipo butrón con rede de malla non inferior a 14 milímetros, medidos en diagonal e molladas. A zona obxecto das capturas é a comprendida entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e Pontenafonso.

Cómpre indicar que o período de pesca que se propón ten un máximo de 175 días, dende as 12 horas do luns ata as 12 horas do sábado, cun máximo de 8 horas diarias de traballo.

O número de artes de pesca que se empregarán non poderá ser superior as dez por tripulante e ninguén poderá facerse cargo das artes asignadas a outro pescador. As cotas de captura diarias son 15 quilos e a dimensión mínima das anguías será de 20 cm. Só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada anguía amarela e deberanse devolver á auga, inmediatamente despois da súa captura, todos os exemplares con signos externos propios da fase denominada anguía prateada.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza lembra que as capturas comercializaranse na lonxa mediante sistema de poxa pública.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o domingo 27 de xaneiro, Campionato Autonómico de Campo a Través en Couso

  • Participarán os mellores fondistas galegos
  • A proba vale para escoller aos integrantes das seleccións Absoluta, Júnior e Promesa que representarán a Galicia no Campionato de España

 

Ribeira, 18 de xaneiro de 2013.- O próximo domingo 27 de xaneiro terá lugar no circuíto de Couso a proba de cross máis importante do calendario deportivo autonómico: o Campionato Galego de Campo a Través, unha cita da que sairá nas categorías absoluta, junior e promesa as seleccións que representarán a Galicia no Campionato de España de Campo a Través que se disputará o vindeiro 10 de marzo (sede pendente de designar).

Para ofrecer detalles da proba compareceron no Consistorio o concelleiro de Deportes e Atención Cidadá, Juan Luis Martínez; o presidente do Club Atletismo Santa Uxía, José Manuel Olveira; e Vicente Sánchez, secretario da delegación compostelá da Federación Galega de Atletismo, entidade organizadora da proba. 

Está confirmada a participación dalgúns dos primeiros espadas do fondismo galego, tanto en categoría masculina como feminina. Cabe nomear a este respecto a Lolo Penas (campión de España de 10 quilómetros de 10.000 metros e de 5.000 metros en pista), Alejandro Fernández Rivera (actual campión galego de 10 quilómetros en ruta tras vencer no pasado novembro a proba disputada precisamente en Ribeira coincidindo coa Carreira Popular de Santa Uxía) ou Pedro Nimo, auténtico especialista en cross. Entre as mulleres hai que destacar a Solange Andrea Pereira, actual campioa de campo a través e medallista nacional en medio fondo na pasada tempada, a cal defenderá o título ante Ester Navarrete e de María Jesús Gestido.

Probas para escolares

Antes da celebración das categorías absoluta, júnior e promesa vanse disputar unhas probas dirixidas especificamente a rapaces en idade escolar, estean ou non federados, co fin de promocionar o deporte do atletismo entre os máis novos. Tres serán as modalidades -benxamín, infantil e cadete- en ambos sexos. 

En canto ás características do circuíto, de dous quilómetros de longo, José Manuel Olveira destacou o seu alto carácter técnico e a vistosidade da proba tanto para o propio corredor como para o espectador.

Juan Luis Martínez destacou a política do Goberno Municipal de desenvolver importantes probas deportivas non só na cidade senón tamén nas parroquias. Neste senso, lembrou que Aguiño foi escenario o ano pasado do Campionato Galego de Traíñas. 

Vicente Sánchez salientou o impulso que se está a dar en Riveira ao atletismo nos últimos tempos e a colaboración do Concello para poder albergar probas como o citado Campionato Galego de 10.000 Metros en Ruta, o Campionato Galego por Equipos en Pista en Categorías Menores ou coa Gala da Federación celebrada hai escasas semanas.

Inscricións

Para a inscrición nas categorías benxamín, infantil e cadete, os cativos e cativas interesados deberán cubrir un formulario online no seguinte enlace: 

http://www.fgatletismo.es/inscripciones/inscripcion_20130127.html 

A inscrición nas probas júnior, promesa e sénior (que comezarán ás 11.10 horas) deberá  facerse a través da Federación Española de Atletismo e estará dirixida unicamente a atletas con licenza federativa en vigor.

Con motivo do campionato será necesario realizar algún corte de tráfico momentáneo, polo que se pediu comprensión.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: o Psoe leva a pleno unha moción para que se manteñan os 400 euros do Plan Prepara

Moción programa Prepara.docx Download this file

Antes, na Pobra:

Polémica: Quen paga a comida de Nadal da Pobra e por que razón?




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: outros 600.000 euros a gastar no paseo marítimo de Coroso

  • A obra terá un prazo de execución de seis meses
  • Hai menos de dous anos inda se lle cambiaron as luminarias, o gasto de 64.000 euros. O paseo foi inaugurado no ano 2000 e valera case tres millóns de euros
  • Agora vaise cambiar pavimento, carril bici ata As Carolinas, poñer novo saneamento e dous voladizos que farán de miradoiros, de 40 e 80 metros de longo

 


 

Ribeira, 18 de xaneiro de 2013.- Quen dixo crise neste municipio de Ribeira? Importa que se estea endebedado dende hai anos con numerosos proveedores e que se tivera que ir a plan de rescate este mesmo ano pasado por case un millón de euros? Parece que non: o Goberno local dou luz verde na súa última xunta á reparación e mellora do paseo marítimo de Coroso. Unha actuación que ten un orzamento de 599.545,24 euros (case cen millóns das extintas pesetas) e un período de execución de seis meses. En breve publicarase no BOP o inicio do prazo para presentar ofertas. Cando se fixo, o paseo marítimo de Coroso custara 444.208.895 pesetas, nada menos que dous millóns setecentos mil euros. A última reparación que se fixo consistiu en cambiar 77 luminarias, por un importe de 64.000 euros. Mais non conformes co de Coroso, no proxecto Riveira Atlántica 2015, financiado con fondos europeos, propóñense outras actuacións semellantes de paseos no litoral que encherán de formigón outros dous quilómetros de costa. E a paradoxa é que se quere adicar isto, totalmente insustentable, para atraer "turismo sustentable".

 

A grandes rasgos, a actuación que se proxecta inclúe a renovación do colector de saneamento instalado ao principio do trazado e o reforzo da cimentación desta parte do muro, a introdución dun carril bici que conecte o xa existente con As Carolinas, a construción de dous voladizos-miradoiros de 40 e 80 metros para compensar a subsecuente redución de espazo peonil, escalinatas remozadas á praia, a substitución da varanda metálica exterior, a restauración dos perpiaños desprendidos e a reposición de todas as lousas en mal estado ao longo do paseo.

Inaugurado no ano 2000, o paseo está delimitado en tres tramos: un primeiro tramo de aproximadamente 400 metros de lonxitude que se sitúa a unha cota superior ao do areal e que está apoiado sobre un muro de formigón con perpiaños de granito; un segundo tramo de 800 metros de lonxitude no que se dispuxo un carril bici de tres metros de ancho e un paseo peonil de cinco metros; e unha senda de madeira no sistema dunar das Saíñas que enlaza coa zona do cámping de Coroso.

 

Boa parte das accións que se van executar centraranse no primeiro dos tramos aludidos. Esta zona rexistra importantes desperfectos non só na súa pavimentación (lousas rotas ou moi danadas), senón tamén no colector de saneamento que descorre pola praia a pé de paseo, con tramos de tubaxe á vista e puntos de rotura que inciden na propia cimentación do muro marítimo e nas escalinatas de acceso, algunhas semiderruídas ou en mal estado.

Reforzo da cimentación

En consecuencia, o Concello instalará unha nova tubaxe de 225 metros lineais feito de polietileno corrugado e con 500 milímetros de diámetro. Estará protexida por unha envoltura de formigón que, a diferenza do que acontece actualmente (hai separación entre colector e muro), irá adosada ao propio paseo, actuando así como un importante reforzo da súa cimentación.

O novo trazado do colector afectará tamén ás escaleiras de acceso, de tal xeito que se construirán outras novas recuperando os perpiaños e peldaños de granito das antigas. Terán un deseño semellante ao actual, pero cun trazo recto. Tamén se restaurarán os perpiaños danados ou fóra de sitio do muro.

Unha das grandes novidades do proxecto é a dotación ao tramo inicial dun carril bici que vai enlazar co que xa existe na zona central e se conectará co futuro carril do Paseo das Carolinas. O propósito último do Goberno Local é introducir gradualmente un trazado ciclista integrado no borde litoral, tal e como se desprende por exemplo do proxecto do paseo de O Touro acabado de adxudicar.

Co fin de compensar a redución de espazo peonil a raíz do carril bici e de facilitar as vistas á ría, instalaranse dous voladizos-miradoiros. O primeiro deles, de 40 metros de lonxitude, estará situado á altura da baixada da rúa da Insua, mentres que o segundo, de 80 metros, construirase entre as dúas escalinatas centrais que dan á praia, entre os accesos das rúas Noro e Lajareu. Os voladizos serán pavimentados con lousas de granito abuxardado gris Mondariz de dimensións de 60x40 centímetros.

A introdución do carril bici vai significar a desmontaxe de máis de 1.200 metros cadrados de lousas de granito, o que permitirá o seu aproveitamento para renovar as lousas rotas do paseo marítimo en toda a súa lonxitude. Tamén se utilizarán estas lousas nos puntos de conexión do colector xeral proxectado cos ramais das rúas perpendiculares ao paseo que se conectan con esta condución.

Por último, a varanda metálica exterior será substituída por outra máis lixeira e transparente que posibilite contemplar o mar dende todos os puntos do paseo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: 327.000 euros para melloras na conxestionada rúa Canarias e apertura de nova transversal

  • Contará con beirarrúas e haberá un vial detrás do colexio O Grupo que conseguirá desconxestionar o tráfico

 

Ribeira, 18 de xaneiro de 2013.- A Comisión de Goberno do Concello aprobou na súa reunión dos mércores pola tarde sacar a licitación a actuación consistente na instalación da rede de saneamento e abastecemento de auga e de renovación de pluviais na céntrica rúa Canarias, así como a apertura dunha rúa Transversal que descorrerá por detrás do CEIP O Grupo e que estará dotada igualmente dos servizos citados.

Esta actuación ten un orzamento de 327.802,63 euros e un prazo de execución de cinco meses. A fase de licitación dará comezo unha vez saia publicado o pertinente anuncio no Boletín Oficial da Provincia.

Das de maior densidade de tráfico en Ribeira

A rúa Canarias é unha das máis importantes e con maior densidade de tráfico do municipio, xa que se trata dunha das principais vías de acceso e saída ao centro urbano. A día de hoxe, a súa calzada e de aglomerado asfáltico –atópase bastante deteriorado- e carece de beirarrúas no seu trazado. Ademais, non existe rede de abastecemento nin de saneamento en toda a rúa e a rede de pluviais só está renovada nun tramo –a maior parte está formada por tubaxes de formigón, o que provoca fugas e asentamentos-.

Co obxecto de erradicar estas eivas, plantéxase a instalación de novas redes de servizos, pavimentación e beirarrúas na rúa Canarias. A tal efecto, instalarase unha tubaxe de fundición dúctil de 150 milímetros de diámetro, un colector de PVC liso de 400 milímetros de diámetro para saneamentos fecais e unha tubaxe de polipropileno de 1000 milímetros de diámetro para pluviais. 

Por outra parte, mantendo os dous carrís de circulación existentes, disporanse beirarrúas por toda a súa lonxitude nunha das súas marxes e na outra nalgúns tramos. O pavimento das beirarrúas será de pedra granítica abuxardada de 60x40x4 centímetros ou de baldosa hidráulica dependendo da zona. O firme da capa de rodadura estará formado por unha mestura bituminosa en quente tipo D-12.

Nova transversal que comunica con Mariño de Rivera

Por outra banda, o proxecto inclúe a apertura dunha rúa transversal que comunicará Canarias con Mariño de Rivera e  descorrerá pola parte traseira do CEIP O Grupo e da Comisaría. Esta vía de nova creación contribuirá á desconxestión do tráfico rodado nunha zona que rexistra gran densidade de vehículos.

A rúa transversal irá equipada cunha tubaxe de fundición dúctil de 100 milímetros de diámetro para o abastecemento de auga, un colector de PVC liso para o saneamento de fecais, un colector de PVC corrugado para o saneamento de pluviais e con puntos de luz sobre báculo en todo o trazado. 

Ademais, disporanse beirarrúas de baldosa hidráulica por unha das súas marxes. A capa de rodadura estará formada por unha mestura bituminosa en quente tipo D-12.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este sábado, 19 de xaneiro, a eurodeputada Ana Miranda mantén un encontro co sector pesqueiro e marisqueiro da Ría de Muros e Noia

Cartel_encontro_parlamentaria

  • Ás 12 do mediodía no salón de plenos do Concello

Noia, 18 de xaneiro de 2013. A eurodiputada Ana Miranda, vai manter este sábado día 19 a partir das 12:00 horas, un encontro co sector pesqueiro da Ría de Muros e Noia. O acto vaise a celebrar no salón de plenos da Casa do Concello de Noia.

No transcurso do mesmo tratarase sobre as emendas que o BNG formulou á “Política Pesqueira Común”, noventa en total, entre as que destaca unha nova proposta de definición de flota artesanal que pasaría a considerar como tal ás embarcacións que teñan ata 15 metros de eslora ou que realicen mareas que non excedan das 36 horas de duración, definición na que terían cabida a práctica totalidade das 4.380 embarcacións que integran a flota artesanal galega, a diferenza da proposta presentada pola Comisión Europea que unicamente incluía como flota artesanal os barcos cunha eslora inferior a 12 metros, o que deixaba fora a unha parte significativa do sector.

Tamén disertará sobre o futuro “Fondo Europeo de Pesca”, ao que igualmente se presentaron alegacións, demandado a creación dun programa específico para a pesca artesanal e o marisqueo de xeito que financie axudas para os traballadores en caso dunha paralización temporal da flota por causas biolóxicas, por incidencias medioambientais, etc. Búscase deste xeito fortalecer a actividade pesqueira e marisqueira e, polo tanto, ao mantemento e á creación de novos empregos, pero tamén se propón que, ante eventuais procesos de reconversións, o fondo permita sufragar a recolocación dos traballadores dentro do propio sector.

Por último explicará a demanda presentada ante a Comisión Europea de solicitude de explicacións a fin de que se pronuncie sobre a posible instalación de 20 gaiolas para a cría industrial de salmón na Ría de Muros-Noia, a través dun proxecto que pretende levar a cabo a multinacional North West Food, cunha produción estimada superior ás 5.000 toneladas anuais e que, a día de hoxe, xa posúe dúas gaiolas experimentais no medio deste ecosistema mariño.

Antes, en Certo:


Mar: as gaiolas de salmón de Muros-Noia, de novo a Europa

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

17.1.13

Música: "La Yegua Gris", fusión de grupos de Ribeira, inicia unha xira por Galicia

1301_noitemeiga


Ribeira, 17 de xaneiro de 2013. LA YEGUA GRIS, grupo formado por integrantes de varias das formacións musicais máis coñecidas de RIbeira, vanse liar a manta á cachola e tocar punk/rock universitario californiano mesturado con cancións do Xabarín Club -en CERTO modo poderíase dicir que é o rock xuvenil desta terra, ameazan ou prometen dende esa formación fusionada).

O grupo intégrano Martin Klean, que leva batería, guitarra e voz; Olga Vidal, co baixo e voz; Martín Rockfamidas, con guitarra e facendo coros; Sariña Jalocha cunha gaita e Abdon Inllorfeis, que lle peta a todo un pouco.

Estas son as datas dos próximos concertos:

18-Xaneiro.Pub Malas Compañias-Cangas do Morrazo (+Satxa na leira)
24-Xaneiro.Sala por confirmar-Santiago de Compostela.(+Rockfamidas)
26-Xaneiro.Pub Noite Meiga2.0-Ribeira.(+Tevra)
16-Febreiro.Discoteca Aquarium-Porto do Son(Festival con E.U.D.Z.,SATXA NA LEIRA,SPINAL WINS,CURVA A ESQUERDA + bandas por confirmar)


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

16.1.13

Noia: o tripartito no goberno saca adiante a actuación para transformar a rúa do Curro na "maior praza comercial da vila"

Curro_noia

  • O PP oponse porque cre que é unha actuación "superficial"
  • As obras costarán case medio millón de euros


Noia, 16 de xaneiro de 2013. O pleno da corporación aprobou co único voto favorable do grupo de goberno (PSdeG, BNG e NOIA) o proxecto a incluír no POS 2013 (Plan de Obras e Servizos) e o voto en contra do PP.  A obra denomínase "Reformulación dun espazo público: de Rúa a Praza. Pavimentación da Rúa Curro.

O Concello propón unha reforma integral do espazo actual da Rúa Curro para transformala nunha praza, actuando para iso na totalidade do ámbito, incluíndos ambos soportais. O obxectivo é transformar a Rúa Curro nunha gran praza, onde o pavimento continuo e uniforme de pedra se estenda por baixo dos soportais. co que se racharía a uniformidade unicamente nas principais edificacións que son o Hospital de Adentro, o Teatro Coliseo Noela, e o Edificio Domingo Fontán que comparte entrada coa praza de Abastos. Segundo o equipo de goberno, esa creba da uniformidade "busca destacar estes edificios sobre outros de menor interese arquitectónico".


Tamén argumentan que esta rúa-praza "foi sempre espazo importante de mercado e feira, especialmente de cereais, recibindo nomes como Alhóndiga ou Rúa dos Lagares en referencia ás actividades que alí se levaban a cabo. Xa no século XX pasou a chamarse Rúa Felipe de Castro polo famoso escultor que ademais no seu testamento deixara unha importante doazón á Vila para fins educativos. E ultimamente pasou a denominarse Rúa do Curro, polos curros e os actos de "correr touros" que alí se celebraban. E curiosamente foron estas celebracións as que, sendo unha rúa tan importante, fixeron que non recibira o mesmo tratamento que outras rúas xa que non foi enlousada como outras rúas, polo que permaneceu co chan de terra ata o século XX". 


Para esta actuación reutilizarase a pedra retirada da actuación da Rúa Carreiriña, buscando unha mellor integración da intervención co entorno singular onde se atopa. O concello mobilizará en dúas actuacións un orzamento global de 494.000 euros, unha cargada ao POS cun investimento de 280.432,97 euros e que incluirá a pavimentación do soportal do coliseo Noela e a parte central, e outra a través da Área de Rehabilitación Integrada ARI cun orzamento de 214 mil euros e que afrontará o soportal da Praza de Abastos e as instalacións restantes.

A principal praza comercial de Noia

Segundo o equipo de goberno, "estas dúas actuacións pretenden rehabilitar esta praza tan importante de intramuros, e convertela na principal praza comercial de Noia, xa que as outras dúas grandes prazas da vila, a da Alameda e a do Tapal non teñen esa orientación comercial.  Para unha actuación tan importante e singular o concello conta co prestixioso estudo de arquitectura que realizou as obras da Pedrachán e Chaínza e polas que xa se recibiron varios premios tralas intervencións".

Postura destructiva do PP

Desde o grupo de goberno sinalan como "lamentable a postura destructiva do PP votando en contra dunha obra tan necesaria para a vila. Só pretenden crispar aos futuros afectados desta actuación  e tentando intoxicar coas súas mentiras e falsidades como que non se cambiarán as instalacións, e demostran unha vez máis que non apoian as iniciativas de mellora da vila".

Argumentos da oposición "popular"

Postura íntegra recollida no FB de Julio Bustelo:

O Partido Popular, xa no mes de novembro, presentou dúas mocións para que no último pleno ordinario do ano (30 de novembro de 2012) se aprobasen as obras do POS 2013 destinando a inversión a tres tramos da rede viaria local como é a rúa Pedra Sartaña e os tramos comprendidos entre Roo e Sampaio e Argote e Ponte de San Francisco, tendo en conta que neste Plan a Deputación non pon límite á inversión complementaria que os concellos poidan engadir, polo que por segunda vez neste mandato perdemos unha magnífica oportunidade de acometer o arranxo destes viais que se atopan nunha situación deplorable. E decimos por segunda vez non so porque estas mocións xa foran presentadas con anterioridade e rexeitadas polo tripartito, senón que é o segundo plan da Deputación Provincial nun ano que non se adica a inversión para a mellora da rede viaria local, posto que o primerio destes plans, o DTC 94, este grupo de goberno decidiu destinalo integramente a gasto corrente cando nos orzamentos actuais se reduciu a inversión a tan so o 10% dos fondos do concello. Concretamente 1 millón de euros dos 9,57 millóns de € que contrastan cos 4,5 millóns de euros adicados a gastos de persoal e órganos de goberno. É por isto, que unha vez esgotada a primeira prórroga que a Deputación dou aos concellos para solicitar a inversión no mes de decembro, e que a segunda remata antes da celebración do primeiro pleno ordinario deste ano (25 de xaneiro de 2013), este grupo de goberno vese obrigado a empezar o ano do mesmo xeito que rematou o pasado: cun pleno extraordinario que cargamos ás arcas municipais dos impostos que se cobran aos contribuíntes desta vila. De novo temos que empezar coa crítica pola falta de planificación e a improvisación da coalición de goberno. O alcalde virá a escudarse, como ten por costume ultimamente, en que os demais, outros concellos, tamén o solicitaron tarde e entón teremos que recordarlle que tamén outros, como o veciño de Lousame aprobou as obras do POS 2013 o 16 de novembro, sr. Alcalde, 14 días, dúas semanas, antes da celebración do último pleno ordinario de Noia. Aquí todo o contrario, se convoca mes e medio despois un novo pleno extraordinario outra vez cun único punto, para aprobar un proxecto feito a última hora a finais de decembro. Da a impresión, sr. Alcalde, que se houbese unha terceira prórroga se esgotaría, e se houbese unha cuarta tamén. Algún día nos terá que explicar a que adica o tempo da súa dedicación exclusiva.

Por outra banda, estamos ante un proxecto pouco clarificador que non define absolutamente nada, nin sequera as cotas, e todo queda supeditado á supervisión da dirección de obra por parte do arquitecto. Segundo ditamine esta dirección así se fará o proxecto, sen que os responsables políticos do mesmo poidan facer as preceptivas labores de previsión e control, polo que se está a incorrer nunha neglixente deixadez de funcións.

Na memoria do proxecto tampouco se clarifica como van a ser os accesos tanto ás tendas como á Praza de Abastos.

Tampouco se clarifica si se vai a peatonalizar ou non a rúa ou que alternativas de aparcamento se ofrecen aos veciños residentes carentes de praza de garaxe.

Tampouco sabemos que vai a pasar cos postos do mercadillo dos xoves e domingos que periodicamente se veñen a instalar nesta rúa, así como que vai a pasar na Feira Medieval cos postos ou co tránsito das Procesións.

Tampouco se explica por que se recorreu a un arquitecto de Bertamiráns para redactar este proxecto nin tampouco a remuneración económica que percibiu por facer o seu traballo e quixéramos saber por que este proxecto non se encargou aos técnicos do concello, completamente competentes na materia e que suporían un importante aforro ás arcas municipais. O señor Bieito González que presidiu a comisión informativa do pasado xoves non soubo responder a pregunta do concelleiro delegado do Partido Popular, José Luis Trillo, sobre a remuneración que este arquitecto percibiu pola redacción deste plan. Esperamos que o consultara para hoxe e o clarifique, toda vez que nos parece unha falta de respecto aos contribuíntes desta vila que se encargue un proxecto a un gabinete externo sen saber o que nos vai custar.

Tamén cabe destacar que sometemos este punto a aprobación sen contar co informe técnico e o informe da Secretaria, como é preceptivo, e iso que foron solicitados na comisión informativa do pasado xoves. Non sabemos si existen eses informes e no caso de existir descoñecemos por que non nos foron remitidos, algo que nos gustaría que aclarase.

Unha vez máis se pretende levar a obra por administración, co persoal do concello, impoñéndolles unha sobrecarga de traballo coa que non dan feito. Prexuízos ideolóxicos impídenlle contratar unha empresa á que se lle poida esixir rematar as obras en prazo e unha garantía das mesmas. Todos coñecemos as repetidas queixas dos veciños de Boa ou Bergondo polo abandono e o estado das obras de saneamento. A brigada de obras non ten culpa de nada, fan todo o que poden e máis, a culpa é de quen ten a responsabilidade de coordinar e planificar o seu traballo. Si agora se vai mandar a brigada de obras para o Curro, ¿Qué vai pasar co resto das obras empezadas e non finalizadas? ¿Está o alcalde en disposición de asegurar que todas esas inversións foráneas se van a xustificar en prazo?

O Partido Popular está de acordo con que se faga unha obra de adecentamento do Curro coa inversión que a Deputación de A Coruña gobernada polo PP pon a disposición de tódolos noieses, aínda que cremos que existen outras prioridades que deberan ser obxecto dunha cobertura urxente, como as que se citaron, entre outras, pero para nada podemos compartir este proxecto nin a súa redacción, xa que segundo se observa nos planos se vai a montar unha plataforma diante do Coliseo Noela que invade máis da metade da Rúa do Curro e que non so vai supoñer un importante impacto visual, senón que vai a causar un obstáculo ao normal tránsito da rúa tanto de vehículos como de  viandantes ao que lle hai que engadir a creación dun factor de risco de accidentes.

Por último, botamos de menos unha actuación paralela e complementaria sobre todas as infraestructuras  do subsolo posto que non se contemplan para nada no proxecto. Nin se prevé reparar as deficiencias da rede de saneamento nin da auga potable, nin se prevé dotar a rúa de novos servizos de novas tecnoloxías ou gas. O proxecto simplemente contempla actuar en superficie perdendo unha oportunidade inmellorable para facer unha actuación completa que evite que máis adiante se teña que levantar o empedrado para facer as reparacións e dotar a rúa dos servizos dos que carece. Existe unha labor de inversión histórica en materia de saneamento na vila a través da Consellería de M.A.T.I., un saneamento separativo impulsado polo Partido Popular co apio do BNG. O colector do malecón de Cadarso acábase de colocar e en cambio non se actúa na rede de saneamento do Curro unha vez que se levanta a rúa, isto parécenos un dispendio de fondos públicos, pan de hoxe e fame de mañá, o que nos da unha idea exacta da responsabilidade deste equipo de goberno. Nunha época de baixada da inversión pública na que cada vez costa máis atopar financiamento para as obras, Noia ten unha oportunidade histórica de mellorar a súa rede de saneamento a cargo da Deputación e aquí mírase para outro lado, quizais porque o Alcalde sigue empeñado en que o saneamento da vila debera ser unitario e non separativo, como o que se está executando. Interpor de novo o criterio persoal ao interese xeral nos parece reprobable, polo que lle pedimos aos tres partidos que sosteñen o goberno local que acepten debater no vindeiro pleno ordinario do día 25 a moción que o Partido Popular presentou no rexistro no día de onte para que os técnicos municipais elaboren un proxecto complementario a esta actuación a executar con fondos municipais, que contemple tanto reparar as deficiencias das redes de saneamento e auga potable como a dotación dos servizos dos que carece esta rúa. Cremos que un lavado de cara superficial non é o que precisa unha das principais rúas do casco, e que se necesita unha actuación completa con todos os servizos como a acometida no mandato 2003-2007 en 25 rúas e 2 prazas do casco histórico, que evite ter que estar levantando as rúas cada dous anos.

Así pois, si o alcalde se compromete aquí e agora a incluír esta moción na orde do día do vindeiro pleno ordinario para posibilitar a actuación complementaria no subsolo da rúa, o Partido Popular votará a favor neste pleno extraordinario. En caso contrario, se entre todos non nos comprometemos neste sentido, o Partido Popular non poderá apoiar a aprobación deste proxecto tal como foi presentado.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: alumnado do instituto entrevistou e asistiu á presentación do libro "Trampa de luz" de Agustín Agra

  • O autor estivo acompañado do tamén noiés Serafín Marcos, que protagonizou un dos seus orixinais espectáculos


Relacionada:
Agustín Agra e o espírito de Noia

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o sétimo Encontro Arqueolóxico terá lugar o sábado 23 e domingo 24 de febreiro

  • O sábado 2 de marzo farase a actividade complementaria, que consiste nunha visita co arqueólogo Tito Concheiro ás escavacións recentes do castro de Baroña. Sobre este castro tamén hai unha ponencia completa
  • Xa está aberta a inscrición

Media_httpfarm8static_jsjrm

Na última intervención en Baroña arranxouse o fallo das portas das cabanas

 

 

PROGRAMA COMPLETO

Sábado, 23.02.2013

09:00 - 10:30 h. Acreditacións e entrega de documentación

10:30 - 11:00 h. Acto de apertura

11:00 - 12:15 h. Manuel Domínguez-Rodrigo
(Prof. Universidad Complutense, Co-director Institute of Evolution in Africa)

¿Nos convirtió la carne en humanos? Un proyecto de investigación sobre el origen de nuestro género en la garganta de Olduvai (Tanzania).

12:15-12:45 h. DESCANSO

12:45 - 14:00 h. Antonio Salas Ellacuriaga 
(Prof. USC, Facultade de Medicina, Instituto Medicina Legal, Unidade de Xenética)

Aportacións da xenética ao coñecemento dos movementos das poboacións humanas no pasado.

SÁBADO TARDE

16:30 - 17:00 h. Yolanda Álvarez González*, Luís Fco, López González*, Miguel A. López Marcos** e Ángel Concheiro Coello***
(*Arqueólogos e **arqueólogo-restaurador da empresa Terra Arqueos, *** arqueólogo da empresa Arqueoestudio)

Media_httpfarm9static_mimui

Avance de resultados dos últimos traballos de restauración no castro de Baroña (Porto do Son).

17:00 - 17:30 h. María Martín Seijo
(GEPN-USC, Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico) 

Cambios e continuidades na explotación do bosque e do monte dende a Idade do Bronce á época romana no noroeste penínsular: combustibles e manufacturas.

Media_httpfarm5static_cmhhb

17:30 - 18:00 h. Roberto Bartolomé Abraira
(Arqueólogo profesional e doutorando da USC)

Lvcvs Avgvsti ¿ciudad alfarera?

 18:00- 18:30 h. Adolfo Fernández* e Fermín Pérez Losada**
(*Membro do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo; **Profesor da Universidade de Vigo e investigador principal do Grupo de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio)

Novas intervencións no conxunto arqueolóxico de Armeá: redescubrindo un xacemento esquecido.

 18:30 - 19:00 h. DESCANSO

19:00-21:00 h. RADIOGRAFÍA E DIAGNOSE DA ARQUEOLOXÍA GALEGA
Relatorios curtos analizando a arqueolóxica galega dende distintos ámbitos a cargo de:
Raquel Casal García (Dpto de Historia I, Facultade de Xeografía e Historia, USC).

David Barreiro Martínez (Instituto de Ciencias do Patrimonio, Consello Superior de Investigacións Científicas).

Lino Gorgoso López (Representante de traballadores da arqueoloxía profesional).

Javier Rodríguez Corral (Membro do Grupo de Esfudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico, GEPN-USC).

Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez (Arqueólogo da Xunta de Galicia).

María José Bóveda Fernández (Empresa Gabinete de Arqueoloxía).

Israel Picón Platas (Presidente da Asoc. de Empresas Galegas de Arqueoloxía)

Eugenio Rodríguez Puentes (Xefe de Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Xunta de Galicia).

21:00 h. Presentación de exposicións:

-Bibliográfica: EXIPTO: A CULTURA DA MORTE (organiza CARD´ville + ACAB)

-Fotográfica: NAS ENTRAÑAS DE NEIXÓN (organiza ACAB)

Domingo, 24.02.2013

10:00 - 11:15 h. Pedro Díaz-del-Río Español
(Científico Titular del Instituto de Historia, Consejo Superior de Investigaciones Científicas)

Casa Montero (Madrid) y la minería del silex en el Neolítico Antiguo.

11:15  - 12:30 h. José Antonio Linares Catela
(Director Técnico de Cota Cero, Gestión del Patrimonio)

 El megalitismo en la provincia de Huelva. Territorios, paisajes y arquitecturas de la prehistoria reciente del Suroeste de la península ibérica.

12:30 - 12:15 h. DESCANSO

12:45 - 14:00 h. Ángel Armendariz Gutiérrez
(Prof. Titular da Universidade de Cantabria, Instituto Internacional de Investigaciones Prehistóricas de Cantabria)

Guerra y violencia en las primeras sociedades campesinas europeas. La cueva sepulcral de San Juan Ante Portam (Álava)

14:00 h. Clausura do VII Encontro

 

Quere inscribirse? Vaia aquí

MODALIDADES DE MATRÍCULA:
Modalidade Libre: inscrición gratuíta (150 prazas).

Modalidade I: persoal docente inscrito antes do 31 de xaneiro (100 prazas). Solicitada a homologación como curso de formación do profesorado á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (14 horas). Importe 20 euros

Modalidade II: persoal docente inscrito entre o 1 e 18 de febreiro (prazas libres da modalidade I). Importe 40 euros 

FORMALIZACIÓN DA MATRÍCULA
Modalidade Libre: mediante correo electrónico a info@centroarqueoloxicodobarbanza.org, indicando nome, apelidos, DNI, dirección postal, tfno contacto e modalidade de inscrición; ou os tfnos: 981843810 - 647922210

Para as modalidades I e II. Remitir mediante correo electrónico a info@centroarqueoloxicodobarbanza.org, indicando nome, apelidos, DNI, dirección postal, tfno contacto e indicar centro de traballo e número de identificación persoal. Unha vez confirmada a preinscrición pola secretaría dos Encontros, será preciso achegar xustificante de pago (nº de conta: 20805160323110001494- Novagaliciabanco) para completar a matrícula.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical