21.1.13

Pesca: a eurodeputada Ana Miranda estivo en Noia coa baixura e o marisqueo da bisbarra Muros-Noia

  • Segundo lles explicou aos alí reunidos o pasado sábado, o Bng defende no EuroParlamento "que a frota artesanal como a de Muros-Noia teña fondos específicos na futura Política de Pesca Común (PPC) 2014-2020"
  • A nacionalista tamén demanda axudas para a modernización da frota, incluídas as embarcacións auxiliares das bateas, para o apoio comercial dos produtos e aposta pola acuicultura extensiva fronte as macroplantas industriais

Noia, 21 de xaneiro 2013 .- A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo o pasado sábado no salón de plenos do Concello de Noia un encontro co sector pesqueiro da Ría de Muros-Noia para explicar o momento en que se atopa a reforma da futura Política Pesqueira Común (PPC) 2014-2020, que nos próximos meses será aprobada polo Parlamento Europeo, e que terá unha repercusión evidente para o sector da pesca e do marisqueo en zonas altamente dependentes desta actividade como a comarca do Barbanza.

Ante unha nutrida representación do sector, Miranda explicou que o BNG traballa para que a PPC teña un “marcado contido social”, apostando polo mantemento do emprego no sector, por medidas de apoio á frota de baixura, polo marisqueo tradicional fronte a macroplantas de acuicultura industrial, por dar valor aos produtos das Rías galegas respectando as denominacións de orixe e por reforzar a seguridade das embarcacións, entre outras medidas plasmadas nas emendas presentadas na Eurocámara.

Neste sentido, Miranda explicou ao sector pesqueiro de Muros-Noia que o BNG defende que a futura reforma da Política Pesqueira Común inclúa un “programa específico” para a pesca artesanal ou de baixura como a que desenvolve maioritariamente a frota do Barbanza, e para o marisqueo tradicional, moi significativo tamén nesta comarca con catro polígonos de bateas de mexillóns e unha importante produción de berberecho.

Ese programa específico sería financiado co Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP), que forma parte do paquete de documentos da reforma da PPC, e que ten un orzamento inicial de 6.500 millóns de euros para o período 2014-2020.

CALIDADE E SINGULARIDADE

Durante o encontro celebrado no salón de actos do Concello de Noia, Miranda tamén salientou a necesidade de defender a  "calidade e singularidade" dos produtos da Ría de Muros-Noia, tanto en fresco como transformados, dando un papel clave ás denominacións de orixe. “O consumidor debe saber en todo momento se o produto que consume ven das nosas rías ou doutras latitudes, porque sabemos que esa información é un valor engadido que da vantaxes comerciais aos produtores de Muros-Noia, dado o prestixio dos produtos desta Ría”, explicou.

AXUDAS PARA MODERNIZACIÓN

Dentro das súas propostas á PPC, a eurodeputada tamén destacou a proposta do BNG para establecer axudas específicas para a modernización das embarcacións, co obxectivo de dar “maior seguridade laboral” á tripulación, incluídas as embarcacións auxiliares das bateas e a posibilidade de construír un novo barco para substituír outro que se dea de baixa.

Igualmente, axudas para os traballadores do mar que podan verse afectados por paros na actividade pesqueira, como as paradas biolóxicas para a recuperación de caladoiros, ou debido a procesos de renegociación de acordos pesqueiros entre a UE e terceiros países.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

20.1.13

Ribeira: o Psoe critica a xestión económica do equipo de goberno polo "agasallo" a Frinsa Eólica

  • Bótalle en cara o retraso da gardería municipal e do polideportivo de Palmeira, por adxudicar as obras a empresas en problemas

Ribeira, 20 de xaneiro de 2013. Segundo explica o grupo socialista de Ribeira en nota de prensa, "a xestión pública dos cartos dos veciños de Ribeira que leva a cabo o Alcalde xunto co seu Grupo de Goberno, deixa moito, por non dicir todo, que desexar. Á nefasta xestión das obras da gardería municipal e do Polideportivo de Palmeira, respeto das cales as empresas adxudicatarias das obras atópanse en situación de concurso de acreedores, e en liquidación, temos que engadir o último agasallo que vén de facer o noso Concello, cos nosos cartos".

Segundo relata o Psoe ribeirense, "a finais do ano 2006 suscríbese un contrato de arrendamento polo que o Concello lle arrenda a unha empresa eólica -suponse que Frinsa Eólica-  un terreo de monte común, sito no Monte de San Alberte, por un importe anual de 18.442,08 € anuais, mais o seu ive correspondente. A renda vense pagando pola empresa arrendataria até o ano 2009, en que, polas razóns que fosen, deixa de facelo. Ou sexa: terreos gratis; malia que o Concello de Riveira, por imperativo legal, vén facendo o
ingreso do correspondente IVE cos cartos de todos, destes anos non abonados. Total, pagamos todos".

Os socialistas sinalan que "amparada no contrato que se suscribeu a finais do ano 2006, a empresa arrendataria solicita a finais de setembro do 2012 a resolución do arrendamento e o Pleno do Concello, coa soa oposición do Partido Socialista, aproba a liquidación que presenta o Interventor accidental e o Tesoureiro. Segundo os técnicos, a renda que non se pagou foi a correspondente aos anos 2009, 2010 e 2011, o que, co IVE engadido a cada ano, totaliza a suma de 64.916,11€. Debeulles parecer elevada a cantidade, e non só se esquecen da renda do ano 2012, senón que, motu proprio, acordan devolverlle á empresa arrendataria a cantidade de nada máis e nada menos 50.730,63 €, que se adecúa co cen por cen do ICIO pagado o 13 de Marzo do 2003, e o oitenta por cento da taxa por apertura de establecemento que tiña pagado o 26 de febreiro do 2003, ! Devólvenselle os cartos da apertura do negocio! E así como dos 64.916,11€ a ingresar; se lle pretenden “reter” unicamente 14.185,48 €. ¡Negocio redondo!, pero para a empresa. Pero coidamos que a débeda non son sesenta e cinco mil euros, senón que a esta cantidade haille que engadir a renda do ano 2012, co seu IVE ao 21%, e os intereses de demora. Tendo en conta ademais, que non procede descontar o ingreso feito no ano 2003, por ter transcurrido mais de catro anos que sinala a Lei para a prescricción dos mesmos. Pero claro, neste Concello, non todos somos iguais!", remata o PSOE as súas acusacións.

EÓLICA EXTINGUIDA

Segundo rezan os seus datos mercantís, a empresa á que se refiren os socialistas ribeirenses, FRINSA EOLICA SA, finalizou a súa actividade. Fora constituída en setembro de 1999 co obxectivo da "PRODUCiÓN DE ENERXÍA ELÉCTRICA. COMERCIALIZACIÓN DISTRIBUCIÓN E TRANSPORTE DA MESMA, TENENCIA E EXPLOTACIÓN DE INMOBLES, VALORES E ACCIÓNS". Foi a última en incorporarse a EGA (Asociación Eólica de Galicia), en 2007, e mantivo a súa actividade durante 14 anos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a asociación "Francisco Lorenzo Mariño" homenaxeou a Mariscal e ao seu fundador

Media_httpfarm9static_xbhju

Media_httpfarm9static_egwmq

Media_httpfarm9static_ppqbq

Imaxes da ofrenda floral e homenaxe na tumba de Francisco Lorenzo Mariño no cemiterio de San Vicente de Noal, en Porto do Son


Ribeira, 20 de xaneiro de 2013. A Semana Cultural de Aguiño rematou onte coa xa tradicional homenaxe no cemiterio do Son a Francisco Lorenzo Mariño, párroco fundador desa parroquia. A continuación, manifesto lido polo presidente da asociación "Francisco Lorenzo Mariño", Unai González, no acto de homenaxe, que finalizou coa interpretación do Himno Galego a cargo do grupo de gaitas "A Gandaina" e que xa comezar coa Marcha do Antigo Reino de Galicia.


O día anterior, o venres 18, a Semana Cultural de Aguiño adicoullo a Manuel Pérez Sampedro, alcumado "Mariscal", recentemente finado e que contribuíu en diversos aspectos á difusión das actividades da parroquia de Aguiño. Este foi o discurso de presentación lido por Unai González, presidente de "Francisco Lorenzo Mariño".

Discurso VIII Sem Cult FLM Aguiño 2013.doc Download this file

MANIFESTO OFRENDA FLORAL don paco 2013 pequeno.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

18.1.13

Mar: o Bng presenta unha moción para que se restableza o seguro do mar e non se desmantele o salvamento marítimo

Noia: o plan de aproveitamento da anguía na desembocadura do Tambre, a información pública

  • A zona de pesca é a comprendida entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e Pontenafonso e por un período de captura de 175 días
  • As cotas de captura diarias son 15 quilos máximo por embarcación e día e o número máximo de nasas a usar é de 10 por persoa
  • Este plan é solicitado pola Confraría de Pescadores de San Bartolomé, en Noia e as capturas serán vendidas en lonxa mediante sistema de poxa pública


Foto deste peixe teleósteo na Wikipedia

 

Noia, 18 de xaneiro de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, inicia hoxe o proceso de información pública do plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2013.

Este plan para a pesca profesional da anguía na conca deste río, concretamente na súa desembocadura, é solicitado pola Confraría de Pescadores de San Bartolomé do Concello de Noia. Así durante o período de información pública, se poderán presentar alegacións que deberán ser analizadas e incorporadas ao plan de aproveitamento antes da súa aprobación.

A arte de pesca que se empregará é de nasa tipo butrón con rede de malla non inferior a 14 milímetros, medidos en diagonal e molladas. A zona obxecto das capturas é a comprendida entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e Pontenafonso.

Cómpre indicar que o período de pesca que se propón ten un máximo de 175 días, dende as 12 horas do luns ata as 12 horas do sábado, cun máximo de 8 horas diarias de traballo.

O número de artes de pesca que se empregarán non poderá ser superior as dez por tripulante e ninguén poderá facerse cargo das artes asignadas a outro pescador. As cotas de captura diarias son 15 quilos e a dimensión mínima das anguías será de 20 cm. Só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada anguía amarela e deberanse devolver á auga, inmediatamente despois da súa captura, todos os exemplares con signos externos propios da fase denominada anguía prateada.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza lembra que as capturas comercializaranse na lonxa mediante sistema de poxa pública.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o domingo 27 de xaneiro, Campionato Autonómico de Campo a Través en Couso

  • Participarán os mellores fondistas galegos
  • A proba vale para escoller aos integrantes das seleccións Absoluta, Júnior e Promesa que representarán a Galicia no Campionato de España

 

Ribeira, 18 de xaneiro de 2013.- O próximo domingo 27 de xaneiro terá lugar no circuíto de Couso a proba de cross máis importante do calendario deportivo autonómico: o Campionato Galego de Campo a Través, unha cita da que sairá nas categorías absoluta, junior e promesa as seleccións que representarán a Galicia no Campionato de España de Campo a Través que se disputará o vindeiro 10 de marzo (sede pendente de designar).

Para ofrecer detalles da proba compareceron no Consistorio o concelleiro de Deportes e Atención Cidadá, Juan Luis Martínez; o presidente do Club Atletismo Santa Uxía, José Manuel Olveira; e Vicente Sánchez, secretario da delegación compostelá da Federación Galega de Atletismo, entidade organizadora da proba. 

Está confirmada a participación dalgúns dos primeiros espadas do fondismo galego, tanto en categoría masculina como feminina. Cabe nomear a este respecto a Lolo Penas (campión de España de 10 quilómetros de 10.000 metros e de 5.000 metros en pista), Alejandro Fernández Rivera (actual campión galego de 10 quilómetros en ruta tras vencer no pasado novembro a proba disputada precisamente en Ribeira coincidindo coa Carreira Popular de Santa Uxía) ou Pedro Nimo, auténtico especialista en cross. Entre as mulleres hai que destacar a Solange Andrea Pereira, actual campioa de campo a través e medallista nacional en medio fondo na pasada tempada, a cal defenderá o título ante Ester Navarrete e de María Jesús Gestido.

Probas para escolares

Antes da celebración das categorías absoluta, júnior e promesa vanse disputar unhas probas dirixidas especificamente a rapaces en idade escolar, estean ou non federados, co fin de promocionar o deporte do atletismo entre os máis novos. Tres serán as modalidades -benxamín, infantil e cadete- en ambos sexos. 

En canto ás características do circuíto, de dous quilómetros de longo, José Manuel Olveira destacou o seu alto carácter técnico e a vistosidade da proba tanto para o propio corredor como para o espectador.

Juan Luis Martínez destacou a política do Goberno Municipal de desenvolver importantes probas deportivas non só na cidade senón tamén nas parroquias. Neste senso, lembrou que Aguiño foi escenario o ano pasado do Campionato Galego de Traíñas. 

Vicente Sánchez salientou o impulso que se está a dar en Riveira ao atletismo nos últimos tempos e a colaboración do Concello para poder albergar probas como o citado Campionato Galego de 10.000 Metros en Ruta, o Campionato Galego por Equipos en Pista en Categorías Menores ou coa Gala da Federación celebrada hai escasas semanas.

Inscricións

Para a inscrición nas categorías benxamín, infantil e cadete, os cativos e cativas interesados deberán cubrir un formulario online no seguinte enlace: 

http://www.fgatletismo.es/inscripciones/inscripcion_20130127.html 

A inscrición nas probas júnior, promesa e sénior (que comezarán ás 11.10 horas) deberá  facerse a través da Federación Española de Atletismo e estará dirixida unicamente a atletas con licenza federativa en vigor.

Con motivo do campionato será necesario realizar algún corte de tráfico momentáneo, polo que se pediu comprensión.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: o Psoe leva a pleno unha moción para que se manteñan os 400 euros do Plan Prepara

Moción programa Prepara.docx Download this file

Antes, na Pobra:

Polémica: Quen paga a comida de Nadal da Pobra e por que razón?




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: outros 600.000 euros a gastar no paseo marítimo de Coroso

  • A obra terá un prazo de execución de seis meses
  • Hai menos de dous anos inda se lle cambiaron as luminarias, o gasto de 64.000 euros. O paseo foi inaugurado no ano 2000 e valera case tres millóns de euros
  • Agora vaise cambiar pavimento, carril bici ata As Carolinas, poñer novo saneamento e dous voladizos que farán de miradoiros, de 40 e 80 metros de longo

 


 

Ribeira, 18 de xaneiro de 2013.- Quen dixo crise neste municipio de Ribeira? Importa que se estea endebedado dende hai anos con numerosos proveedores e que se tivera que ir a plan de rescate este mesmo ano pasado por case un millón de euros? Parece que non: o Goberno local dou luz verde na súa última xunta á reparación e mellora do paseo marítimo de Coroso. Unha actuación que ten un orzamento de 599.545,24 euros (case cen millóns das extintas pesetas) e un período de execución de seis meses. En breve publicarase no BOP o inicio do prazo para presentar ofertas. Cando se fixo, o paseo marítimo de Coroso custara 444.208.895 pesetas, nada menos que dous millóns setecentos mil euros. A última reparación que se fixo consistiu en cambiar 77 luminarias, por un importe de 64.000 euros. Mais non conformes co de Coroso, no proxecto Riveira Atlántica 2015, financiado con fondos europeos, propóñense outras actuacións semellantes de paseos no litoral que encherán de formigón outros dous quilómetros de costa. E a paradoxa é que se quere adicar isto, totalmente insustentable, para atraer "turismo sustentable".

 

A grandes rasgos, a actuación que se proxecta inclúe a renovación do colector de saneamento instalado ao principio do trazado e o reforzo da cimentación desta parte do muro, a introdución dun carril bici que conecte o xa existente con As Carolinas, a construción de dous voladizos-miradoiros de 40 e 80 metros para compensar a subsecuente redución de espazo peonil, escalinatas remozadas á praia, a substitución da varanda metálica exterior, a restauración dos perpiaños desprendidos e a reposición de todas as lousas en mal estado ao longo do paseo.

Inaugurado no ano 2000, o paseo está delimitado en tres tramos: un primeiro tramo de aproximadamente 400 metros de lonxitude que se sitúa a unha cota superior ao do areal e que está apoiado sobre un muro de formigón con perpiaños de granito; un segundo tramo de 800 metros de lonxitude no que se dispuxo un carril bici de tres metros de ancho e un paseo peonil de cinco metros; e unha senda de madeira no sistema dunar das Saíñas que enlaza coa zona do cámping de Coroso.

 

Boa parte das accións que se van executar centraranse no primeiro dos tramos aludidos. Esta zona rexistra importantes desperfectos non só na súa pavimentación (lousas rotas ou moi danadas), senón tamén no colector de saneamento que descorre pola praia a pé de paseo, con tramos de tubaxe á vista e puntos de rotura que inciden na propia cimentación do muro marítimo e nas escalinatas de acceso, algunhas semiderruídas ou en mal estado.

Reforzo da cimentación

En consecuencia, o Concello instalará unha nova tubaxe de 225 metros lineais feito de polietileno corrugado e con 500 milímetros de diámetro. Estará protexida por unha envoltura de formigón que, a diferenza do que acontece actualmente (hai separación entre colector e muro), irá adosada ao propio paseo, actuando así como un importante reforzo da súa cimentación.

O novo trazado do colector afectará tamén ás escaleiras de acceso, de tal xeito que se construirán outras novas recuperando os perpiaños e peldaños de granito das antigas. Terán un deseño semellante ao actual, pero cun trazo recto. Tamén se restaurarán os perpiaños danados ou fóra de sitio do muro.

Unha das grandes novidades do proxecto é a dotación ao tramo inicial dun carril bici que vai enlazar co que xa existe na zona central e se conectará co futuro carril do Paseo das Carolinas. O propósito último do Goberno Local é introducir gradualmente un trazado ciclista integrado no borde litoral, tal e como se desprende por exemplo do proxecto do paseo de O Touro acabado de adxudicar.

Co fin de compensar a redución de espazo peonil a raíz do carril bici e de facilitar as vistas á ría, instalaranse dous voladizos-miradoiros. O primeiro deles, de 40 metros de lonxitude, estará situado á altura da baixada da rúa da Insua, mentres que o segundo, de 80 metros, construirase entre as dúas escalinatas centrais que dan á praia, entre os accesos das rúas Noro e Lajareu. Os voladizos serán pavimentados con lousas de granito abuxardado gris Mondariz de dimensións de 60x40 centímetros.

A introdución do carril bici vai significar a desmontaxe de máis de 1.200 metros cadrados de lousas de granito, o que permitirá o seu aproveitamento para renovar as lousas rotas do paseo marítimo en toda a súa lonxitude. Tamén se utilizarán estas lousas nos puntos de conexión do colector xeral proxectado cos ramais das rúas perpendiculares ao paseo que se conectan con esta condución.

Por último, a varanda metálica exterior será substituída por outra máis lixeira e transparente que posibilite contemplar o mar dende todos os puntos do paseo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: 327.000 euros para melloras na conxestionada rúa Canarias e apertura de nova transversal

  • Contará con beirarrúas e haberá un vial detrás do colexio O Grupo que conseguirá desconxestionar o tráfico

 

Ribeira, 18 de xaneiro de 2013.- A Comisión de Goberno do Concello aprobou na súa reunión dos mércores pola tarde sacar a licitación a actuación consistente na instalación da rede de saneamento e abastecemento de auga e de renovación de pluviais na céntrica rúa Canarias, así como a apertura dunha rúa Transversal que descorrerá por detrás do CEIP O Grupo e que estará dotada igualmente dos servizos citados.

Esta actuación ten un orzamento de 327.802,63 euros e un prazo de execución de cinco meses. A fase de licitación dará comezo unha vez saia publicado o pertinente anuncio no Boletín Oficial da Provincia.

Das de maior densidade de tráfico en Ribeira

A rúa Canarias é unha das máis importantes e con maior densidade de tráfico do municipio, xa que se trata dunha das principais vías de acceso e saída ao centro urbano. A día de hoxe, a súa calzada e de aglomerado asfáltico –atópase bastante deteriorado- e carece de beirarrúas no seu trazado. Ademais, non existe rede de abastecemento nin de saneamento en toda a rúa e a rede de pluviais só está renovada nun tramo –a maior parte está formada por tubaxes de formigón, o que provoca fugas e asentamentos-.

Co obxecto de erradicar estas eivas, plantéxase a instalación de novas redes de servizos, pavimentación e beirarrúas na rúa Canarias. A tal efecto, instalarase unha tubaxe de fundición dúctil de 150 milímetros de diámetro, un colector de PVC liso de 400 milímetros de diámetro para saneamentos fecais e unha tubaxe de polipropileno de 1000 milímetros de diámetro para pluviais. 

Por outra parte, mantendo os dous carrís de circulación existentes, disporanse beirarrúas por toda a súa lonxitude nunha das súas marxes e na outra nalgúns tramos. O pavimento das beirarrúas será de pedra granítica abuxardada de 60x40x4 centímetros ou de baldosa hidráulica dependendo da zona. O firme da capa de rodadura estará formado por unha mestura bituminosa en quente tipo D-12.

Nova transversal que comunica con Mariño de Rivera

Por outra banda, o proxecto inclúe a apertura dunha rúa transversal que comunicará Canarias con Mariño de Rivera e  descorrerá pola parte traseira do CEIP O Grupo e da Comisaría. Esta vía de nova creación contribuirá á desconxestión do tráfico rodado nunha zona que rexistra gran densidade de vehículos.

A rúa transversal irá equipada cunha tubaxe de fundición dúctil de 100 milímetros de diámetro para o abastecemento de auga, un colector de PVC liso para o saneamento de fecais, un colector de PVC corrugado para o saneamento de pluviais e con puntos de luz sobre báculo en todo o trazado. 

Ademais, disporanse beirarrúas de baldosa hidráulica por unha das súas marxes. A capa de rodadura estará formada por unha mestura bituminosa en quente tipo D-12.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este sábado, 19 de xaneiro, a eurodeputada Ana Miranda mantén un encontro co sector pesqueiro e marisqueiro da Ría de Muros e Noia

Cartel_encontro_parlamentaria

  • Ás 12 do mediodía no salón de plenos do Concello

Noia, 18 de xaneiro de 2013. A eurodiputada Ana Miranda, vai manter este sábado día 19 a partir das 12:00 horas, un encontro co sector pesqueiro da Ría de Muros e Noia. O acto vaise a celebrar no salón de plenos da Casa do Concello de Noia.

No transcurso do mesmo tratarase sobre as emendas que o BNG formulou á “Política Pesqueira Común”, noventa en total, entre as que destaca unha nova proposta de definición de flota artesanal que pasaría a considerar como tal ás embarcacións que teñan ata 15 metros de eslora ou que realicen mareas que non excedan das 36 horas de duración, definición na que terían cabida a práctica totalidade das 4.380 embarcacións que integran a flota artesanal galega, a diferenza da proposta presentada pola Comisión Europea que unicamente incluía como flota artesanal os barcos cunha eslora inferior a 12 metros, o que deixaba fora a unha parte significativa do sector.

Tamén disertará sobre o futuro “Fondo Europeo de Pesca”, ao que igualmente se presentaron alegacións, demandado a creación dun programa específico para a pesca artesanal e o marisqueo de xeito que financie axudas para os traballadores en caso dunha paralización temporal da flota por causas biolóxicas, por incidencias medioambientais, etc. Búscase deste xeito fortalecer a actividade pesqueira e marisqueira e, polo tanto, ao mantemento e á creación de novos empregos, pero tamén se propón que, ante eventuais procesos de reconversións, o fondo permita sufragar a recolocación dos traballadores dentro do propio sector.

Por último explicará a demanda presentada ante a Comisión Europea de solicitude de explicacións a fin de que se pronuncie sobre a posible instalación de 20 gaiolas para a cría industrial de salmón na Ría de Muros-Noia, a través dun proxecto que pretende levar a cabo a multinacional North West Food, cunha produción estimada superior ás 5.000 toneladas anuais e que, a día de hoxe, xa posúe dúas gaiolas experimentais no medio deste ecosistema mariño.

Antes, en Certo:


Mar: as gaiolas de salmón de Muros-Noia, de novo a Europa

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical