1.2.13

Ribeira: este sábado 2 entregan miles de sinaturas contra a LOMCE do ministro peor valorado da democracia

Ribeira, 1 de febreiro de 2013. Segundo comunicou hoxe en nota de prensa, a Asemblea en Defensa do Ensino Público da Barbanza  levará a cabo o SÁBADO 2 DE FEBREIRO ÁS 12:00 HORAS a entrega no REXISTRO DO CONCELLO DE RIBEIRA de miles de sinaturas recollidas en toda a comarca en contra da nova lei do ensino (LOMCE).
"A tal efecto faremos unha concentración frente ao Concello. Ao acto asistirá a Presidenta da Federación de ANPAS de Galicia, representantes da diferentes ANPAS da comarca, profesores, alumnado e demáis membros da comunidade educativa para mostrar o descontento da cidadanía en xeral polas novas medidas establecidas pola nova lei que pretende aplicar o Ministro Wert", sinalan dende a Asemblea pola Defensa do Ensino Público da Barbanza.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o martes 5 de febreiro preséntase o servizo de TeleXerontoloxía

Rianxo, 1 de febreiro de 2013. O vindeiro martes día 5 de febreiro ás 18:00 h. terá lugar no Salón de Actos do Centro Sociocultural de Rianxo a presentación por parte de persoal da empresa Recursos y Servicios Gerontológicos Gallegos S.L. da presentación do servizo de Telexerontoloxía.

É un recurso de teleasistencia avanzada dirixido ás persoas maiores e/ou con pérdida funcional e/ou cognitiva, que se presta pola empresa antes citada. Entre os seus obxectivos destacan a prevención e a detección precoz da dependencia e a teleasistencia multiespecialidade, polo que se pode considerar tanto un sistema de apoio social como sanitario.


Este dispositivo, que funciona a través dunha pantalla táctil situada no domicilio da persoa usuaria, permite realizar a valoración do estado cognitivo, da tensión arterial, do pulso e do nivel de saturación de osixeno en sangue, ademais de facilitar a interación mediante videoconferencia con profesionais específicos.

Telexerontoloxía ofrece unha gama de servizos sociosanitarios que inclúen:

  • Videoconferencia
  • Valoración e adestramento da memoria e outras funcións mentais
  • Control de parámetros biomédicos
  • Navegación a través de internet
  • Telealarma por videoconferencia

Antes, en Certo:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

31.1.13

Turismo: os catro alcaldes de Arousa Norte viaxaron a Madrid a facerse a foto en Fitur

Fitur_barbanza

  • Estiveron apoiados pola delegada territorial do Goberno galego na Coruña

Barbanza, 31 de xaneiro de 2013.- Nin crise, nin austeridade: os alcaldes da Mancomunidade Arousa Norte (tres do PP e un do Bng) consideraron que tiñan que estar presencialmente en Fitur (Madrid) hoxe para dicir que esta bisbarra existe, inda que a presenza dela, como de todas as demais, é un pequeno curruncho no stand de Galicia. Ademais, os grandes titulares, como adoita acontecer nestas citas, fóronse para outras bisbarras, neste caso a da Costa da Morte, coa máis que cuestionable aposta polo mundo do ciclismo (Vuelta a España) nestes intres onde está tan baixo sospeita como o dos partidos políticos debido á dopaxe e corrupción.

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, destacou o potencial turístico da comarca de Arousa Norte, pois “pertence a un xeodestino -Ría de Arousa-, que conta cunha enorme riqueza paisaxística natural, un importante patrimonio arquitectónico, xacementos arqueolóxicos de primeiro nivel e, tamén, unha gastronomía que está indisolublemente unida ao mar”.

A representante do Goberno galego na provincia reiteroulle aos alcaldes da Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira "todo o apoio da Xunta de Galicia para seguir impulsando o crecemento turístico da zona e convertelo en referencia de calidade". Neste senso, avogou por incrementar a colaboración entre as administracións para poñer en valor os recursos do xeodestino, que conta coa peculiaridade de abarcar dúas provincias, pois tamén se estende ata Pontevedra.

Do Campo participou esta tarde no acto de presentación da campaña Regala Arousa Norte. Produtos e paquetes turísticos, organizada pola Mancomunidade de Municipios Ría de Arousa Zona Norte no stand disposto pola Xunta en Fitur, que acolle todas as propostas galegas baixo o paraugas da oferta común de Turgalicia. Nese senso, a delegada territorial valorou a iniciativa, que servirá para “aumentar o turismo de calidade en colaboración con empresas punteiras da zona relacionadas cos sectores de aloxamento, restauración e ocio.

Relacionada:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Bng local tamén manifesta a súa disconformidade "e asombro" co peche ou traslado do Grumir

Temporal_grumir

  • O Bng apoia e sumarase á concentración deste domingo, 3 de febreiro, ás 13:00 horas fronte ao Concello para protestar por esta medida arbitraria da Xunta


Noia, 31 de xaneiro de 2013. O responsable local do Bng de Noia, Xosé Agapito Romeiro, manifestou hoxe en nota de prensa o seu "asombro e disconformidade coa decisión que acaba de tomar a Xunta de Galicia, respecto do traslado do GRUMIR de Noia para o concello de Muros".

"Sen ánimo de facer política localista, esta decisión da Xunta semella que non ten pés nen cabeza, tendo en conta a realidade e o contexto en que se dá. O concello de Noia conta cun alto potencial de medios neste tema, sen parangón nos concellos e comarcas limítrofes. Tampouco podemos obviar a situación estratéxica de que goza Noia desde o ponto de vista xeográfico. Isto, sumado ao senfín de servizos prestados a cotio polo GRUMIR nos concellos colindantes, fai que este servizo de emerxencia sexa fundamental para Noia e comarca; por suposto ubicado onde está actualmente", argumenta o portavoz do Bloque Nacionalista Galego de Noia.

O BNG apela á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e aos responsábeis do Partido Popular "para que, facendo un exercicio de racionalidade e cordura, recapaciten e non despracen o GRUMIR de Noia para o concello de Muros. Finalmente, o BNG de Noia anuncia que se sumará a todos aqueles actos e mobilizacións reivindicativas para que este servizo esencial permaneza no noso concello. Deste xeito apoiará a concentración que está convocada para este vindeiro domingo, 3 de febreiro, ás 13:00 horas, fronte ao concello de Noia".

Onte, en Certo:


Pode que tamén lle interese:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: programa de Entroido, do martes 5 ao mércores 13 de febreiro

A concelleira de Cultura do Concello de Riveira, Elvira Pisos, deu a coñecer esta mañá a programación de Entroido de Ribeira. Secundárona os técnicos municipais Unai González e Segundo Chiki Durán. No acto estivo tamén o presidente da Asociación de Hostalería, Víctor Casais, quen dou a coñecer dúas actividades promovidas por esta nova entidade: por unha parte un concurso de disfraces (cuxas bases se achegan en documento adxunto e están publicadas na páxina web municipal: www.riveira.es) e por outra un concurso de decoración de locais no que poderán participar todos os establecementos interesados (inscricións no Auditorio Municipal, data límite: 7 de febreiro).Tamén servirán aos seus clientes tapas típicas de Entroido.

 

PROGRAMACIÓN XERAL

 

Do 5 ao 8 de Febreiro

 

OBRADOIRO DE COCIÑA E REPOSTERÍA DO ENTROIDO

 

Lugar: Aulas de Servizos Sociais

Datas e horario: Do 5 ao 8 de febreiro de 19:00 a 21:00 h

Destinatarios: Persoas de 16 anos en diante / Mín. 13 – Máx. 25 prazas

Información e inscricións: Do 31 de xaneiro ao 5 de febreiro de 10 a 14 h no Auditorio Municipal de Riveira – Tlf. 981 835650 e culturaefestexos@riveira.com

Publicarase a listaxe de admitidos o 5 de febreiro ás 15 h no Auditorio e web de Riveira. Inscrición de balde

 

VENRES, 8 de Febreiro

 

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA  DE RIVEIRA COA CHARANGA:

 

“OS ARMADANZAS” a partir das 11 da noite

 

SÁBADO, 9 de Febreiro

 

ENTROIDOLANDIA

 

Praza do Concello, de 11:30 a 13:30 e de Ás 16:30 a 19:00 h na Praza do Concello, parque de inchables de saltar, escalar, rampear, pelotear, xogar, bailar, rechinar os pequenos piratas, pallasos, choqueiros, príncipes, patos, galiñas, princesas, soldados, romanos, mariñeiros, astronautas, sereas… e demais personaxes fantásticos e animados!!! Para nenos e nenas. Entrada libre e de balde (en caso de choiva trasladarase ao Pavillón “Santa Uxía” de Coroso, Riveira.

 

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA DE RIVEIRA COA CHARANGA:

 

 “OS ARMADANZAS” a partir das 11 da noite!

 

DOMINGO, 10 de Febreiro

 

CHOQUEIRADA INFANTIL

 

Aviso a todas as máscaras e caretas, choqueiros, príncipes e princesas, demos, elfos, merlíns, piratas, cavernícolas, ratos, gatos, lunnis, gormittis, pallasos, monsters high, bob esponjas e demais seres de fantasía que queiran pasar unha tarde de entroidada.

 

Ás 16:30 h. na Carpa do Entroido (Paseo do Malecón) unha reviravolta de bulicio, algarabía, barafunda e profano divertimento, dará comezo á GRANDE FESTA INFANTIL para os máis cativos, amenizada por animadores de xogos, mascotas, desfile de disfraces con entrega de diplomas, obradoiros variados e moito máis...

 

Entrada libre e de balde. Todos os nenos e nenas deberán ir disfrazados.

 

LUNS, 11 de Febreiro

 

FESTA DA NOITE DE ENTROIDO

 

Música, luces, animación, e baile na Carpa do Entroido, a partir das 12 da noite no Paseo do Malecón. Entrada libre e de balde.

 

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA  DE RIVEIRA COA CHARANGA:

 

“OS TROMPOS DAS  NICRAS” a partir das 12 da noite.

 

MARTES 12 de Febreiro

 

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA DE RIVEIRA CO GRUPO DE GAITAS:

 

 “A GANDAINA DE PALMEIRA” a partir das 11:30 h!

 

FESTIVAL DE MURGAS E COMPARSAS

 

Ás 17:00 h. sairán do Auditorio Municipal as murgas e comparsas do Entroido cara á Praza do Concello, acompañadas no desfile polas charangas “OS ARMADANZAS” de Boiro, “OS TROMPOS DAS NICRAS” de Barbanza e os gaiteiros de “A GANDAINA” de Palmeira, así como un sinfín de personaxes que advertirán ao cidadán dos perigos de andaren a soas polas rúas.

 

As “Murgas Adultas” competirán no festival por un Primeiro Premio de 1.000 €, un Segundo Premio de 500 €, un Terceiro Premio de 350 € e un Premio Local de 350 €, para o que haberá un Xurado Entroido-Profesional composto por seis membros, especialistas en Artes Escénicas, Moda e Vestiario, Música, Maquillaxe e Caracterización, Letra e Rima e a Presidencia que recaerá  nun representante da Área de Cultura e Festexos de Ribeira.


Festival e actuación:  Praza do Concello. Bases en www.riveira.es

Nota: En caso de choiva o festival será trasladado á Carpa do Entroido de Riveira.

 

MÉRCORES 13 de Febreiro

 

ENTERRO DO FELIPE

 

Saída do acompañamento ás 19.30 h, dende o Auditorio Municipal pasando polas rúas da cidade ata chegar á Praza dos Mariñeiros. Ao ritmo da comparsa “O SANTIAGUIÑO” de Padrón. Unha vez enterrado afogaremos todos xuntos as penas na Rúa de Portugal, -e se chove a mares e escacha na rúa será na Carpa do Entroido-, con preñados, orellas e rosquiñas,  todo isto regado co mellor viño de Barrantes e demais bebidas para os padais máis exquisitos.

Bases definitivas concurso disfraces Entroido 2013 Riveira hostaleria.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este venres, 1 de febreiro, charla e coloquio sobre a "estafa das preferentes"

Invita_psoe

  • Organiza o Psoe de Noia, na segunda actividade do foro "Diálogos"
  • Ás oito da tarde, na casa da cultura "Antón Avilés de Taramancos"


Noia, 31 de xaneiro de 2013. O Portavoz Parlamentario do PSdeG-PSOE, Abel Losada acudirá mañá a Noia para explicar a situación na que se atopan os produtos financieiros (preferentes e subordinadas) que foron suscritos por moitas familias. Será ás oito da tarde, na casa da cultura, como segunda actividade do Foro "Diàlogos" creado polos socialistas noieses para abrir un espacio de diálogo permanente coa cidadanía.


A executiva do PSdeG-PSOE de Noia fundou este espazo informativo e de debate denominado Foro "Diàlogos" como "un espazo útil para os cidadáns, onde se aborden temas de actualidade que poidan ser de interese".

O Foro "Diàlogos" comezou a a súa andaina no pasado mes de xaneiro coa celebración dunha MESA-REDONDA sobre  a nova lei de taxas xudiciais. Neste mes de febreiro (sempre os primeiros venres de cada mes) acudirá a este Foro o economista e deputado autonómico Abel Losada Álvarez, para falar da "estafa das preferentes".

Losada Álvarez é membro do Departamento de Economía da Universidade de Vigo e exerce de Portavoz Parlamentario dos Socialistas Galegos no pazo do Hórreo.
 
No acto os cidadàns poderàn coñecer de primeira man como a situación na que se atopan os productos financieiros coñecidos como preferentes e obrigas subordinadas así como os avances lexislativos e xudiciais sobre este "engano masivo".O PSdeG-PSOE de Noia invita a tódolos cidadáns e aos afectados a acudir a este acto e participar no coloquio que se abrirá ao remate da intervención do ponente.
 
 




 
 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

30.1.13

Política: Compromiso por Galicia nomeou responsables das secretarías locais da bisbarra de Muros-Noia

  • O sábado 2 de febreiro escollen secretari@ comarcal
Media_httpfarm9static_qgyje

Imaxe de arquivo dunha rolda de prensa de Compromiso por Galicia

Noia, 30 de xaneiro de 2013. Ao longo da pasada fin de semana Compromiso Por Galicia celebrou na comarca de Muros e Noia asembleas para conformar as súas agrupacións das localidades de Noia, Muros, Outes, Lousame e Mazaricos, que agora xa teñen secretarías locais.

En Noia, Xurxo Louro será o encargado de levar as rendas na localidade. Administrativo de profesión, Louro incorporouse ao mundo da política da man de CXG.
En Muros, a concelleira María Sambade será a referente de CXG neste concello. Mestra de profesión, María Sambade incorpórase á política sendo a número 3 da lista encabezada por María Xosé Alfonso, portavoz municipal de CXG nesta localidade.
En Outes, Xosé Manuel Ramos foi elixido o pasado sábado secretario local de Compromiso Por Galicia en Outes. Ocupou o terceiro posto na lista que encabezou Xosé Ramón Riomao (agora portavoz municipal de CXG).
En Lousame, a empresaria Sonia Ares foi elixida o pasado luns como a nova secretaria local de Compromiso Por Galicia. A lousamiana ten un longo percorrido na política municipal deste concello.
En Mazaricos, Xan Ramos será o encargado de levar a secretaría local. O histórico nacionalista será o encargado de tomar as rendas nesta localidade e volver de novo á primeira plana da política.

Unha vez conformadas as localidades, Compromiso Por Galicia inicia esta semana a elección do/a secretario/a comarcal que se elixirá nunha xuntanza aberta, na que poden participar todas aquelas persoas que sigan as liñas galeguista e socialdemócrata que marcou Compromiso Por Galicia o pasado 16 de decembro logo do seu Congreso Constituínte. A xuntanza celebrarase en Outes o vindeiro sábado, 2 de febreiro.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o sábado 9 de febreiro, I Concurso de Filloas e Orellas

Porto_do_son_filloas





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Centro Social de Cabo de Cruz celebra o Antroido e organiza unha exposición en febreiro

Boiro, 30 de xaneiro de 2013. Durante o mes de febreiro, no Centro Social de Cabo de Cruz vanse levar a cabo as seguintes actividades (á parte dos obradoiros anuais, que están na web: cabodecruz.org)

Obradoiro de disfraces: os días 11 e 12 de febreiro destinados a rapaces de 4 a 12 anos. Prazas limitadas. aberto plazo de inscrición.

Baile de disfraces: o día 8 de febreiro, venres, a partir das 20:30h, destinado a maiores de 18 anos.

Asemade, ata fin de mes pode verse a exposición pictórica "Obradoiro", de varios integrantes do Obradoiro de Pintura de Valga.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o grupo de goberno ve "unha aberración calamitosa" que se queira desmantelar o Grumir local e montar un novo en Muros

Grumir_noia

Noia, 30 de xaneiro de 2013. A Dirección Xeral de Emerxencia e Interior, dependente da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, vén de facer unha proposta de distribución no territorio galego dos Grupos de Emerxencia e Protección Civil (tamén coñecidos como Grumir). Segundo explica o goberno de Noia en nota de prensa "esta proposta da Xunta, de ir adiante, significaría a liquidación do actual Grumir de Noia, que dá servizo  non só a este concello senón aos que integran a comarca de Muros-Noia e incluso outros".

O Grumir de Noia e demais medios e infraestructuras en materia de Protección Civil e Emerxencias, explica o tripartito que goberna Noia, "son froito dunha longa traxectoria de esforzos económicos e humanos por conseguir esta loxística, que se remonta aos anos oitenta do século pasado. O goberno da Xunta, do PP, nun alarde de irracionalidade política pretende trasladar a base deste servizo, agora chamado Grupo de Emerxencia Supramunicipal, para o concello de Muros, concello que non conta coa máis mínima infraestrutura e os seus medios nesta materia son insignificantes. O despropósito sería tal que levaría, nun momento de máxima austeridade, por unha banda, á construcción en Muros dunha nova infraestrutura, con todos os medios, materiais e humanos, requeridos para este fin e pola outra banda, a destruir por abandono, en Noia, unha infraestrutura que conta con todos os medios materiais e humanos: persoas con formación, capacidade e moita experiencia acadada nas inumerábeis intervencións efectuadas na comarca".

ABERRACIÓN CALAMITOSA

Esta modificación, sinala o Concello de Noia, "suporía unha aberración calamitosa se nos axustamos aos criterios de equidistancia e centralidade. Mentres que Noia é o centro xeográfico dunha comarca, Muros atópase na sua periferia. Mírese por onde se mire, non se lle atopa lóxica e sensatez a esta proposta da Xunta de Galicia. Isto lévanos a pensar que o motivo desta decisión  é estritamente político-partidario e, de castigo a un concello rexido por un goberno que non está integrado polo Partido Popular".

QUE SE PRONUNCIE O PP LOCAL

Por último, o grupo de goberno do concello de Noia manifesta "a nosa firme resolución de loitar, con todos os medios ao noso alcance, para que a base do novo Grupo de Emerxencia Supramunicipal se manteña en Noia e, así, evitar esta arbitrariedade contra o noso concello e comarca. Ademais, convidamos ao PP de Noia para que, deixando a un lado sectarismos inúteis, se espelle nos seus compañeiros comarcais e se sume á defensa deste importantísimo servizo para o noso concello e comarca".

Antes, en Certo:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical