21.2.13

Mar: o Bng apoia o amarre da flota de baixura nos portos galegos

  • A protesta é polo reparto de cotas, co que non están dacordo
  • Para  Francisco Jorquera, portavoz do grupo parlamentario do BNG, “é imprescindible que os gobernos galego e central rectifiquen as súas políticas que condenan ao desmantelamento a un sector básico para Galiza”


 

Barbanza, Noia, 21 de febreiro de 2013. O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, manifestou o apoio desta forza nacionalista ás reivindicacións da flota de baixura que permanece amarrada nos portos de A Coruña, Muros, Ribeira e Celeiro en protesta polas cotas pesqueiras.

O deputado urxiu ao Goberno galego e ao Goberno central a “rectificar as súas políticas nesta materia”  por seren lesivas para Galiza e condenar “ao desmantelamento” a un sector básico para a economía galega.

Para o portavoz do grupo nacionalista, o reparto de cotas “non se xustifica por criterios de sustentabilidade das diferentes especies” máis ben, dixo, responden a intereses políticos e económicos que “prexudican gravemente ao noso país”.

Trala Xunta de portavoces celebrada hoxe no Parlamento, Francisco Jorquera compareceu ante os medios de comunicación para dar conta da orde da vindeira sesión plenaria prevista para os días 26 e 27 na que serán debatidos e aprobados os orzamentos do ano 2013.


O PP profundiza austericídio, no paro e na depresión económica

A actitude do Partido popular galego é a mesma de Mariano Rajoy no debate do Congreso dos deputad@s, unha actitude, dixo, “de chulería, triunfalismo e falta de dialogo” para aceptar algunha emenda  porque o Partido popular entende a maioría absoluta como mera aplicación “do rodillo parlamentario” aceptando só as súas emendas.

Jorquera afirmou que o trámite dos orzamentos constata  a súa caducidade  porque as previsións macroeconómicas das taxas de paro para final do 2013 xa se cumpriron no mes de xaneiro.

Estas políticas, engadiu o nacionalista, profundizan no “austericidio, no paro e na depresión económica”, o Partido popular segue cada vez “máis lonxe” dos problemas que padecen os cidadáns, aseverou.

O PP non responde ás Declaracións Institucionais

O parlamentario explicou que as Declaracións institucionais relativa ao  indulto do galego David Reboredo e ao pronunciamento da Cámara galega contra os  desafiuzamentos   permanecen á espera dunha resposta do Partido popular, polo contrario, engadiu, a Mesa da Cámara si aportou un modelo de declaración de bens e rendas que debe ser cumprimentada polos deputados e deputadas nun prazo de 30 días para que  posteriormente  figure na páxina web do Parlamento de Galiza.

O grupo parlamentar do BNG considera que debe existir un modelo “ad hoc” onde se recollan todas as declaracións de actividades e bens aportados nesta cámara por todos os deputados e deputadas recollidas na propia constitución da lexislatura porque é “ máis transparente”, concluíu.

 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: "Airiños" non recollerá o premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas en apoio aos traballadores deste sector e aos músicos

  • A entrega era hoxe na Cidade da Cultura
  • Non o rexeitan, pero non asisten á entrega institucional como xeito de protesta

Rianxo, 21 de febreiro de 2013. O Cadro Artístico Airiños de Asados, en Rianxo, grupo de teatro afeccionado en activo máis antigo da Galiza, non vai asistir á entrega dos Premios da Cultura Galega, na Cidade da Cultura, en apoio aos traballadores das artes escénicas e musicais que estes mesmos días se manifestan  alí mesmo polo parón que sofre o sector. "Sumámonos así á Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que tamén se solidarizaron deste xeito coas persoas implicadas e comprometidas coa cultura de Galicia", explican dende este colectivo rianxeiro.

Este grupo de teatro amador, como xa informamos no seu día, foi o premiado na categoría das Artes Escénicas “polo traballo desenvolvido desde a súa creación, no ano 1933, que o converte no máis lonxevo de Galicia. Así, ao longo de catro xeracións, esta iniciativa veciñal vén sendo protagonista da construción dunha creatividade escénica de raíz popular desde o ámbito local”. O colectivo teatral "Airiños" agradece este recoñecemento institucional "que de ningunha maneira rexeitamos, xa que son moitas as persoas que traballaron para chegar ata aquí, e tampouco somos quen para rexeitar un premio que, entre outras cousas, non nos pertence ás persoas que estamos agora no grupo senón a tantas outros veciños e veciñas de Asados e Rianxo que se subiron ás táboas durante tantos anos".

E rematan sinalando que "a pesar de que foi unha decisión difícil de tomar, finalmente a maioría dos actuais membros adultos en activo de Airiños decidimos sumarnos á protesta do sector teatral con esta decisión: non acudir ao acto de entrega dos premios. Apoiamos así ao sector teatral ao que, dende o afeccionado, pertencemos. E sumámonos a unha protesta que nos atinxe a todos nós: sexa como teatreiros, sexa como consumidores de cultura".

Antes, en Certo:


Premio: Airiños, premio das Artes Escénicas nos Cultura Galega 2012


Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

20.2.13

Mar: o Grupo de Estudio do Medio Mariño en Ribeira atopa moluscos invasores en augas de Arousa

  • Un deles é a primeira vez que se atopa na Península Ibérica, o Cumatotus cuenoti, atopado antes só nunha área pequena de Francia
  • O outro atopouse en Noruega, Irlanda, Inglaterra e Italia e crese que puido vir nas gaiolas de salmón que de xeito experimental se colocaron en augas galegas
  • Advirten da necesidade de realizar estudos "escrupulosos" de impacto ambiental antes de

As imaxes deste artigo foron tomadas por Jacinto Pérez Dieste, presidente do Grupo de Estudio do Medio Mariño

Ribeira, 20 de febreiro de 2013. O Grupo de Estudio do Medio Mariño (GEMM) desenvolve a súa actividade científica de forma preferente en augas da ría de Arousa e ten a súa base en Ribeira, no Club Náutico. Como resultado desta actividade vén de publicar no número de xaneiro de 2013 da prestixiosa revista científica internacional Gloria Maris, o achádego de varios exemplares dunha rara especie de nudibranquio (vistoso molusco mariño semellante a unha babosa), como resultado das numerosas inmersións con escafandra autónoma realizadas nas nosas augas. Este molusco, chamado científicamente Cumatotus cuenoti,  foi atopado con anterioridade só en contadas ocasións nun área moi restrinxida da costa de Francia, e por tanto é a primeira vez que se da conta á comunidade científica internacional da súa existencia en aguas da península ibérica.

No mesmo artigo, descríbese tamén a presencia das nosas augas doutro nudibranquio, Cumanotus beaumonti, que ata o de agora só se coñecía en augas de Noruega, Irlanda, Inglaterra e Italia, e que contaba cunha única cita en augas galegas tamén realizada por membros do GEMM. Nas devanditas inmersións obtiveronse abundante material fotográfico dos animáis e as súas postas de ovos, o que documenta o achádego de forma excepcional, e describen no seu artigo algunhas peculiaridades respecto á súa alimentación e ó seu comportamento que semellan constituir unha adaptación específica ao noso ecosistema mariño.

Especies invasoras que hai que controlar

Estes dous nudibranquios son considerados especies invasoras nas nosas augas. Cumanotus beaumonti foi observado asociado a estruturas experimentais de cultivo de salmóns o que fai supor que foi trasladado nos mesmos tanques que serviron para o traslado destes peixes dende augas Noruegas. "Esto pon de manifesto unha vez máis a necesidade de realizar escrupulosos estudios de impacto ambiental antes de proceder á importación de especies de acuicultura, se queremos evitar un efecto negativo sobre o noso ecosistema mariño do que viven directamente milleiros de persoas", manifesta o GEMM.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: pedirán a Portos a fórmula que rexe para adxudicar espazos de uso de compradores na nova lonxa

  • Foi na reunión do Consello Sectorial de Pesca e para facer un  rexistro de solicitantes

Ribeira, 20 de febreiro de 2013.- O Consistorio acubillou esta mañá unha nova reunión do Consello Sectorial de Pesca de Ribeira co obxecto de realizar un seguimento por distintos asuntos que son de interese para o noso sector do mar

Media_httpfarm6static_pfvsc

Imaxe virtual da futura lonxa, que debería estar antes de 2015

Un destes asuntos tivo que ver coa Nova Lonxa, e máis concretamente cos espazos que conforme ao proxecto de execución van ser habilitados na futura infraestrutura para uso de compradores e transformadores.

Así, durante a reunión constatouse o alto grado de interese existente entre un gran número destes operadores por facerse cun destes espazos. Ao obxecto de confeccionar un rexistro de demandantes, tomouse a decisión de solicitar a Portos de Galicia que informe das condicións baixo ás que se pretende adxudicar eses locais, detallando aspectos tales como os tempos de concesión, o valor do metro cadrado ou as taxas que se eventualmente se pretenden aplicar sobre os mesmos.

Outro dos temas referidos durante a reunión foi a necesidade de que se tomen as medidas oportunas para que se garantan os pagos nas transaccións coas vendedurías. A este respecto, acordouse estudar a posibilidade de que se reforme o vixente regulamento da lonxa en aras a que impere unha maior seguridade xurídica neste tipo de operacións.

Transportistas

Tamén se debateu a localización dun emprazamento axeitado para o estacionamento dos vehículos dos transportistas: un asunto sobre que o alcalde Manuel Ruiz deu conta das xestións realizadas ata o momento e no que se coincidiu de maneira unánime en dar o visto bo á última das propostas tomadas en consideración: é dicir, a de que ese aparcamento para camións se sitúe nas inmediacións da actual lonxa municipal.

Por último, a reunión serviu tamén para que se puxera en coñecemento dos integrantes do Consello sectorial a problemática derivada de que barcos de arrastre doutros países, como é o caso de Portugal, operen nos caladoiros españois baixo diferentes condicións ás que aquí rexen. Farase un informe ao respecto.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a asociación Altofalante homenaxea a Rosalía este sábado 23 de febreiro

Media_httpeniacinform_kmkby

Santiago Páramo

Carlos Callón

Ribeira, 20 de febreiro de 2013. A asociación cultural Altofalante organiza unha homenaxe a Rosalía de Castro este sábado 23 ás 19:00h na Casa do Pescador de Ribeira. O acto realízase co gallo do 150 aniversario de Cantares Gallegos, a primeira grande obra da literatura galega contemporánea, e encádrase dentro dun movemento expansivo promovido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, que pretende coorganizar unha lectura de rosaliana simultánea ao longo de numerosos concellos de Galiza (http://www.aelg.org/GetActivityById.do?id=278).


A actividade, presentada polo presidente de Altofalante, Carlos Lixó, consistirá na lectura do Manifesto da AELG e no recital de textos da autora escolleitos por persoas diversas, quen tentarán achegar as súas propias percepcións, ben dos textos seleccionados ben do que para eles representa Rosalía como figura. Polo de agora está confirmada a participación de 10 persoas (Santi Páramo, Lola Outeiral, Carlos Callón, Elvira Blanco, Pili Pereiro, Raquel Xallas, Pacucha Rey e as nenas Uxía, Iria e Alejandra), porén aínda quedan asistencias por confirmar. Tamén haberá unha actuación musical de Pepe Romero.


Ademais de tentar achegar a literatura galega a toda a xente (de aí a natureza aberta e plural do acto), "o noso obxectivo é reivindicar a Rosalía loitadora, feminista e nacionalista. Isto é unha resposta social á interpretación dos sectores máis reaccionarios e españolistas, que baldeiran a autora do seu contido caracterizándoa como folclórica e choromiqueira. Nós cremos que hoxe en día é máis importante ca nunca exaltar a figura das mulleres que se rebelan contra a sociedade patriarcal na que vivimos e, moi especialmente, a figura das galegas que se negan a renunciar á súa identidade nacional", sinala Carlos Lixó, quen convida a todo o mundo a asistir e desfrutar deste acto.


Noutros concellos:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: a Escola de Música imparte un obradoiro musical de marzo a xuño para cativos entre 3 e 7 anos

  • O prazo para inscribirse remata o vindeiro martes 26 de febreiro
  • Comeza o 1 de marzo e custa 40€

Rianxo, 20 de febreiro de 2013. A Escola de Música de Rianxo informa da realización do V Obradoiro Musical durante os meses de marzo a xuño, para nenos/as de 3 a 7 anos.

As xornadas serán:

Venres:
Rianxo (16:00 a 17:00)
Taragoña (17:30 a 18:30)
Asados (19:00 a 20:00)

Sábados:
Leiro (16:00 a 17:00)
Isorna (17:30 a 18:30)

O prazo de inscrición remata o 26 de febreiro.
O obradoiro comeza o 1 de marzo.
O prezo do obradoiro é de 40€.

Máis información nas oficinas do auditorio de 11h30 a 13h00, no
teléfono 671 058 555 ou no e-mail: escolademusicaderianxo@gmail.com.

Cartaz_saxo_obradoiro_2013

FICHA DE INSCRICIÓN obradoiro 2013_1.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a rúa Esteirón de Palmeira estará arranxada entre abril e maio

Ribeira, 20 de febreiro de 2013. As obras de renovación da pavimentación e servizos da rúa Esteirón en Palmeira, que comezaron a finais do pasado mes, están a avanzar a bo ritmo, segundo fontes municipais.  Traballa a empresa Construcciones Figueiras Vixán, S.L., adxudicataria das mesmas por un importe de 102.564,11 euros e un prazo de execución de tres meses.

A rúa Esteirón -paralela á praia da Corna e lindeira practicamente co termo municipal de A Pobra- atopábase bastante deteriorada. O seu firme estaba formado por unha capa de formigón que se foi danando polas sucesivas reparacións que ao longo do tempo se realizaron nos servizos da zona.

 

Ademais, o colector de saneamento existente está  feito de formigón, non existe rede separativa de alcantarillado (pluviais e fecais descorren por un único colector) e as tubaxes da rede de abastecemento son de fibrocemento.

 

En consecuencia, a actuación que está a realizar contempla a substitución da tubaxe de auga existente por outras de polietileno de alta densidade. Renovaranse as acometidas existentes, dispoñendo todas as chaves e válvulas que sexan necesarias.

 

Ademais, instalarase polo centro da calzada un colector de PVC liso para o saneamento de fecais e un colector de PVC corrugado para pluviais. Nas liñas de fecais se construirán pozos de rexistro cada 30 ou 35 metros e  en todas as conexións con colectores existentes. Tamén se reporán as acometidas domiciliarias con tubaxes de PVC liso. Nas liñas de pluviais colocaranse arquetas sumidoiro e disporanse acometidas de pluviais. En canto á pavimentación, empregarase unha mestura bituminosa en quente tipo D-12 de oito centímetros de espesor.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Concello gana un contencioso-administrativo sobre un portal en Entrerríos-Bergondo

Noia, 20 de febreiro de 2013. A licenza agora confirmada autorizaba a apertura dun oco nun muro de peche dunha finca, permitindo á súa vez a colocación dun portal. Os demandantes entendían que a instalación do portal íalle dar acceso ao veciño solicitante a unha zona que eles consideraban non estaba habilitada nin para o tránsito peonil, nin para o rodado. Neste sentido argumentaban que cando se procedeu á construción da urbanización de vivendas acaroadas, onde actualmente residen, a empresa promotora tivera que ceder 393,95 metros cadrados, con destino a terreos de titularidade municipal.

Os argumentos esgrimidos polo Concello partían dunha primeira consideración: que a concesión da licenza non autorizaba a constitución dunha servidume de paso sobre un terreo de titularidade municipal, tal como os demandantes sostiñan, senón que era para autorizar a colocación dun portal. O segundo dos argumentos era clarexar o carácter do solo cedido no seu día pola empresa promotora, que para os demandantes debía ter a consideración de terreos adscritos ao Patrimonio Municipal do Solo, e para o Concello tales terreos teñen a consideración de Espazos Libres Públicos. Neste sentido hai que lembrar que a actual normativa urbanística de Noia obriga, para a construción de vivendas acaroadas, á cesión de 28 metros cadrados por vivenda, destinados a espazos libres públicos.

A sentenza comentada é firme, e contra a mesma non cabe a interposición de recurso algún, non facendo tampouco mención algunha ao pago das costas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

19.2.13

Rianxo: o Día de Rosalía contará con actos este mércores 20 e o sábado 23

Rianxo_rosala

Media_httpuploadwikim_zerfb

Luz Fandiño na Galipedia

Rianxo, 19 de febreiro de 2013. No marco das actividades organizadas e promovidas pola ASOCIACIÓN DE ESCRITORES E ESCRITORAS EN LINGUA GALEGA, para conmemorar a figura de Rosalía de Castro, o Concello de Rianxo, en colaboración co Colexio Rural Agrupado do concello, organiza o seguinte programa conmemorativo:

  • MÉRCORES 20 DE FEBREIRO - 16.30 horas - ESCOLA DE CRUCEIRO, TARAGOÑA

Lerán, contarán e cantarán a Rosalía coa colaboración das familias e Luz Fandiño

Organizado polo Club de Lectura de Literatura Infantil do CRA de Rianxo

  • SÁBADO 23 DE FEBREIRO - 18.00 HORAS - NO BUSTO DE ROSALÍA EN RIANXO - PASEO DA RIBEIRA

Media_httpfarm3static_iriqi

Lectura pública e Ofrenda Floral

Tamén coa presenza de Luz Fandiño, poderán participar todas aquelas persoas, entidades ou institucións rianxeiras interesadas en ler composicións propias ou alleas, do ou sobre a eximia poeta, para dar forma, deste xeito,  a un texto colectivo nado e dictado en Rianxo por iniciativa pública e popular,  na celebración do 150 aniversario da edición de "Cantares Gallegos".

Noutros concellos:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Bng leva ao Parlamento o "deficiente funcionamento" da confraría

Confraria Noia.pdf Download this file

  • Ante as  denuncias formuladas polos socios e socias da Confraría de Noia sobre a negativa dos órganos de goberno para informar da situación contable e a decisión de peche temporal da campaña marisqueira co grave prexuízo para a actividade e os postos de traballo, a deputada do BNG Montse Prado dirixe diversas preguntas á Consellería do Mar

Media_httpfarm3static_tfnkj

O Bng critica como está levando Rosa Quintana o asunto das confrarías

 

Noia, 19 de febreiro de 2013. A portavoz de Pesca do BNG, Montse Prado, vén de rexistrar diversas iniciativas sobre as demandas de socios e socias da Confraría de Noia derivadas do "seu mal funcionamento". Prado alude a unha situación na que un número importante de socios e socias denunciaron “unha serie de anomalías” que se están a producir na confraría  polas que  membros do pósito presentaron diversas demandas ante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº2 de Noia e a propia Consellería do Medio Rural e do Mar.


A deputada explica que estas denuncias recollen “o mal funcionamento do sistema de pesado”, a denegación de información dos órganos de goberno da confraría sobre a situación financeira e o peche temporal da campaña marisqueira sen previa consulta dos e das afectad@s.


Prado tamén se fai eco da denuncia de “superación en 2 anos” de mandato dos órganos de goberno da confraría polo que reitera, como xa reclamou noutra iniciativa parlamentaria, “a convocatoria inmediata de eleccións neste ente”.


A deputada formulará varias preguntas á titular da Consellería de Medio Rural e Mar sobre as xestións realizadas polo departamento que dirixe Rosa Quíntana para resolver esta situación anómala. Por outra parte, a nacionalista tamén quer saber se a Consellería de Mar contactou coa confraría de Noia e os seus socios e socias para determinar os “graves feitos denunciados”.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical