25.2.13

Rianxo: as nenas e nenos do colexio Castelao aprenderon sobre oficios artesanais co programa "Enredando, artesanía na escola"

Colexio_castelao

  • Amosáronlles o procedemento para obter seda, desde o coidado dos vermes ao enfiado
  • A iniciativa de Economía e Industria ten por obxectivo concienciar á sociedade, comezando polos rapaces, do valor do produto feito á man

Rianxo, 25 de febreiro de 2013.- A Consellería de Economía e Industria presentou hoxe no CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao o módulo O gremio da seda do programa didáctico “Enredando, artesanía na escola”, unha iniciativa organizada pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño que ten por obxectivo achegar os oficios artesanais aos rapaces para que poidan coñecelos e valoralos en maior medida.

“Enredando, artesanía na escola”, que se iniciou no curso 2011-2012, chegou na súa primeira edición a case 4.000 alumnos e alumnas de toda Galicia. Durante este curso chegará a 22 localidades galegas, ofrecendo aos alumnos de educación infantil, primaria e secundaria a oportunidade de coñecer de preto o sector da artesanía.

Coa unidade didáctica presentada hoxe achégaselles aos estudantes o procedemento da obtención da seda, desde o coidado dos vermes ata a extracción e enfiado da seda dos casulos. Como novidade este ano preséntase tamén para alumnos de secundaria o módulo Do papel ao libro, no que os participantes elaboran artesanalmente follas de papel que logo encadernan.

Co programa “Enredando”, a Consellería de Economía e Industria persegue concienciar á sociedade do valor do produto feito á man, comezando polos máis novos, así como presentarlle aos rapaces a artesanía como unha alternativa para o seu futuro laboral. Deste xeito, contribúese a favorecer o relevo xeracional nos oficios máis tradicionais e promóvese o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores, trasladando aos cativos o valor engadido da artesanía no que se refire á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: institucións públicas e asociacións homenaxearon a Rosalía de Castro no 150 aniversario de "Cantares Gallegos"

  • No acto de Altofalante en Ribeira participaron Quico Cadaval, Carlos Callón e Santiago Páramo
  • Na homenaxe institucional da Xunta estiveron o dodrense Anxo Angueira, como presidente da Fundación Rosalía de Castro, e o alcaldes de Rianxo, Adolfo Muíños, e de Dodro, Valentín Alfonsín

Barbanza-Noia, 25 de febreiro de 2013. Nesta fin de semana houbo celebracións e alborados ao longo de todo o país para celebrar o Día de Rosalía, que cadrou co 150 aniversario da publicación do libro-viveiro das Letras Galegas, "Cantares gallegos".

En Ribeira, o sábado 23, a asociación Altofalante celebrou na Casa do Pescador, que se viu superada no seu aforo e obrigou a varias persoas a presenciárena de pé, unha lectura con xente de toda caste. Houbeo dende unha nena de 6 anos até unha anciá ou unha moza estadounidense. Entre os lectores estiveron "vacas sagradas" do activismo cultural en galego como  Quico Cadaval, Carlos Callón e Santiago Páramo. A Asociación Altofalante valora moi positivamente a acollida e prepárase cos ánimos reforzados para facer máis actividades culturais neste concello. "Demanda delas, evidentemente, hai", explicou o seu presidente, Carlos Lixó.

Acto institucional da Xunta en Padrón


O alcalde de Vigo, o de Padrón, o conselleiro Jesús Vázquez e Anxo Angueira

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou na celebración do acto institucional conmemorativo do 176 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a importancia do recoñecemento colectivo que Galicia brinda á obra e á figura rosaliana. Coa alborada celebrada no Día de Rosalía na Casa da Matanza (Padrón) comezaron os actos de celebración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, organizados –co apoio do Goberno galego e outras entidades– pola Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo.


No acto participaron ademais os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; así como o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, o alcalde de Santiago, Ángel Currás Fernández, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, o director do Centro de Estudos Rosalianos, Xesús Alonso Montero, o reitor da Universidade de Vigo, a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, Salustiano Mato, o deputado da Xunta de Goberno da Deputación da Coruña, Santiago Amor, o presidente do Pen Club de Galicia, Luís González Tosar, o presidente da Asociación de Editores, Manuel Bragado, o director xeral da Fundación Barrié, Javier López Martínez, o vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, Antón Pedreira, e a tesoureira da Asociación Internacional de Estudos Galegos, Elisa Fernández Rey.

O Día de Rosalía comezou cunha ofrenda floral ao pé do monumento que lembra onde naceu a escritora, na praza de Vigo, en Santiago de Compostela. Ademais, e por iniciativa conxunta coa Asociación de Gaiteiros Galegos, gaiteiras e gaiteiros de toda Galicia interpretaron unha “Alborada para Rosalía” en diferentes puntos do territorio galego.

Esta peza tamén se interpretou na Casa da Matanza onde se proxectaron tamén imaxes das alboradas realizadas esta mañá ao longo e ancho do país. Neste acto na casa de Rosalía en Padrón, ademais do conselleiro, personalidades de distintas institucións culturais, sociais e políticas de Galicia recitaron versos de Cantares Gallegos na honra da poetisa. Xesús Vázquez Abad pechou a súa intervención afirmando que “hoxe celebramos o grande exemplo de Rosalía, a extraordinaria dimensión do seu legado e, como ela moi probablemente desexaría, a confianza nunha Galicia que constrúe o seu futuro.”


Jesús Vázquez con Anxo Angueira

Melloras na Casa da Matanza
Coincidindo co final deste ano conmemorativo está prevista para o mes de decembro a reinauguración da Casa da Matanza, tras as obras de mellora, conservación e accesibilidade realizadas, ás que a Consellería de Cultura e Educación destinou 200.000 euros con cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

Deste xeito a Fundación ten previsto levar a cabo unha modernización dos contidos e do perfil da Casa-Museo´, así como incorporar novas tecnoloxías audiovisuais e novos servizos para os e as visitantes da casa na que Rosalía de Castro pasou os derradeiros anos da súa vida

150 aniversario de Cantares Gallegos
Un dos eixos centrais deste ano conmemorativo será a exposición ‘O Cantar dos cantares’, que se organizará co patrocinio da Xunta de Galicia e o Concello de Vigo e coa colaboración do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Educación, impulsará nos vindeiros meses un completo programa de actividades en colaboración con diversas institucións e entidades culturais, co obxectivo de facer partícipe a toda a cidadanía galega desta celebración.


O venres pasado:

Homenaxe a Rosalía en Ribeira: nove colexios leron os seus poemas                            

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

23.2.13

Poesía: Serafín Marcos leva por toda Galicia o seu espectáculo "Mergullarnos na poesía"

Noia, 23 de febreiro de 2013. O noiés Serafín Marcos é xa un vello coñecido  (que non é o mesmo que coñecido vello) neste xornal nas súas facetas de performer e activista cultural. Cada ano prepara un espectáculo cultural no que o protagonista é a autora ou autor escollido pola Real Academia Galega para o Día das Letras Galegas.


Serafín Marcos no claustro do Concello noiés en 2010

Este ano engade a ese número monográfico outro, titulado "Mergullarnos na poesía", no que mestura a seis poetas. Falamos con el sobre esta actividade a través do seguinte cuestionario:


Pregunta.- Por un intre pensamos que este ano non ía difundir a Roberto Vidal Bolaño, o autor do Día das Letras 2013...
 
Resposta.- Por suposto que hai Roberto Vidal Bolaño, estamos fixando as datas de representación que por agora se están centrando no mes de maio.
 
.- Seis autores en "Mergullarnos na poesía". Difícil escolla para textos, ou doada pola calidade dos autores?

 

.- Non caben todos os textos nunha mesma representación, así que van entrando uns e saíndo outros. Isto dáme aire novo e frescura en cada función.


.- Como vai ser o espectáculo: un aburrido recital ou haberá sorpresas?

 

.- O espectáculo pretende ser divertido, dinámico e participativo. Todo iso xurde do propio texto ou acción poética. Rímonos coa poesía, gritamos con ela, mergullámonos no seu silencio, imos con ela e deixamos que nos leve, alguén nos traerá de volta.


.- Ao non someterse ao autor do Día das Letras Galegas, que sempre leva case toda a programación cultural en maio, cre que o seu espectáculo poderá ser máis visto en toda Galicia durante máis meses?

 

.- Así está sendo. Achegarse á poesía con este espectáculo non ten calendario; achegarse ó autor e á obra das Letras Galegas ten un calendario moito máis limitado.


.- Segue correndo? En que carreiras participou hai pouco ou vai participar?
 
.- O exercicio físico é parte imprescindible da creatividade, é o momento onde as ideas máis indomables e esquivas se achegan co brillo máis irresistible. A última carreira foi en Negreira e retomaremos a competición na media maratón Vigo-Baiona.
 
.- Murakami ten unha novela sobre un corredor e os seus pensamentos namentres fai runnning. Que pensa vostede cando corre? 
 

.- Lin a novela, o corredor é el, o contido en volume, que Murakami meteu nese libro veríase superado con unha sola hora de trote en soidade. O que pensas cando corres, acaso sexa o máis parecido á actividade cerebral mentres soñas.


.- Política e cultura: cre que se apoia abondo ou coa escusa da crise chapodan de máis os políticos?

 

.- A cultura é independente, loitadora; mais a política pode apoiar as iniciativas culturais e agora estáselle aplicando unha poda moi severa.


.- Vostede comezou no teatro: inda que o que fai agora ten moito de dramatúrxico, pensa voltar a participar en espectáculos teatrais tradicionais?

 

.- Gústame o teatro, mais namórame a performance e o happening.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

22.2.13

Dodro: o sábado 16 de marzo, obradoiro de globoflexia para a mocidade

Globoflexia


A Concellería de Cultura, Voluntariado e Asociacionismo organiza un curso gratuíto
de Iniciación a Globoflexia o vindeiro sábado 16 de marzo de 9:30h a 13:30h para mozas/os de entre 15 e 30 anos.

As inscricións poden realizarse na Casa da Cultura ata o 14 de marzo.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Bng presenta unha moción para que se arranxen as desfeitas do Campo da Tasca en Aguiño

Ribeira, 22 de febreiro de 2013. O portavoz do BNG en Ribeira, Xosé Antonio Vázquez Cobas, visitou o Campo da Tasca de Aguiño na compañía de usuarios e usuarias deste campo, non só usado polo clube de Aguiño senón por outros deste concello. Alí puideron comprobar o seu estado de abandono e deterioro. Cabe lembrar que o campo de fútbol cada fin de semana é moi utilizado e visitado posto que hai partidos de diferentes ligas e categorías.

Ante o seu mal estado, o BNG levará as demandas dos usuarios e usuarias ao pleno do mes de febreiro, onde pedirá que haxa melloras e un mantemento en condicións para este campo de fúbol.

Deficiencias máis graves:

-Gradas sen cubrir: isto orixina que os vestiarios que están debaixo, teñen importantes filtracións de auga cando chove.
-Filtracións na cantina: na actualidade cada vez que chove, entra a auga dentro dela e o pechamento está en mal estado.
-Mal estado dos aseos e vestiarios: faltan billas, lavabos soltos, instalación de auga ten perdas e a instalación eléctrica está en mal estado e é perigosa.
-Falta de hixiene: podedes ver nas fotografías a falta de limpeza das instalacións.

Ante todo isto, o BNG solicitará que haxa unha intervención integral na instalación municipal da Tasca que contemple a solución de todas estas deficiencias enumeradas.

Solicitude campo da Tasca.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: a xunta local de seguridade acorda crear un comité de coordinación policial

  • O subdelegado do Goberno aproveitou para visitar o posto da Garda Civil, algo habitual neste tipo de xiras da autoridade gubernamental.

A Pobra, 22 de febreiro de 2013.- O subdelegado do Goberno en A Coruña, Jorge Atán, e o alcalde, Isaac Maceiras, copresidiron esta mañá unha reunión da xunta local de seguridade. Con eles estiveron a vicesecretaria xeral da delegación do Goberno, Eva Vázquez; o comandante xefe da Garda Civil de A Coruña, Benedicto González, os comandantes dos postos de Boiro e A Pobra; o tenente-alcalde de A Pobra, Manuel Fontao; o xefe da Policía Local, Ramón Valiño; e o inspector xefe da Policía Autonómica, Antonio Riádigo.

Acordaron crer un comité de coordinación policial que vai depender desa mesma xunta de seguridade, pois estamos nun país no que as forzas de seguridade están duplicadas e non partillan en moitos casos as súas forzas inda que teñan o mesmo obxectivo. Disque buscan que medren as accións conxuntas na Pobra, en especial de cara a datas estivais (aumenta a poboación flotante, polo turismo) e co obxectivo sobreentendido de previr a comisión de faltas e delitos. Na reunión congratuláronse do baixo nivel de delincuencia desta zona e da colaboración puntual de Garda Civil e Policía Nacional para erradicar puntos conflictivos neste eido. Non se voltarán a reunir en seis meses, a non ser que sobreveñan circunstancias excepcionais.
 





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: nenas e nenos de nove colexios de Ribeira leron textos para homenaxear a Rosalía

Ribeira, 22 de febreiro de 2013. A concelleira de Educación, Carmen Vizcaya Sampedro, acompañou ós máis de 250 nenos de primaria que acudiron hoxe ó Auditorio Municipal de Riveira a unha homenaxe a Rosalía de Castro. En solitario, en parella ou en grupo recitaron poemas de “Cantares Gallegos” neste acto organizado desde o servizo de Normalización lingüística da Concellería de Educación do Concello.

O acto comezou ás once da mañá e tivo unha duración de hora e media na cal os nenos e nenas estiveron moi participativos e gozaron do traballo dos seus compañeiros.


Ó comezo da actividade seis alumnos de terceiro e cuarto da ESO do IES Nº1 presentaron unha curtametraxe do poema “Cantan os galos pra o día” que se pode ver na páxina da Asociación de Escritores en Lingua Galega, impulsores da idea. 

Logo da proxección comezou o recital infantil a cargo do alumnado de 4º de primaria.

- Os alumnos do colexio A Milagrosa recitaron de maneira coral “Has de Cantar”. 

- Os nenos e nenas do Colexio Bayón estiveron representados por Miriam e Alba que recitaron outro poema de “Cantares Gallegos” en solitario.

- Unha intervención en parella e outra coral é o que prepararon os nenos e nenas do Colexio Sagrado Corazón de  
Jesús.

- Os alumnos do CEIP Frións co poema “Fun un domingo”. 

- O colexio de primaria de Artes recitou en parellas, e dunha maneira moi orixinal o poema de Rosalía “Canta Meniña”. Ó terminar a súa mestra cantoulles como lle pedían, para sorpresa de todos, unha canción en ruso. 

- Tamén houbo idiomas estranxeiros na actuación dos nenos e nenas do colexio de Carreira. Recitaron dous poemas de “Cantares Gallegos”, o último en inglés lido por unha mestra nativa.

Con estas dúas propostas en ruso e inglés, os centros plurilingües de Riveira dan a coñecer o seu magnífico traballo de comunión de todas as linguas do mundo.

- Os alumnos dos colexios Galaxia e O grupo foron os máis numerosos. Subiron en grupos e por clases a amosar o seu traballo. 

- Os alumnos do Grupo recitaron acompañados de música. Os primeiros “Campana de Bastavales” e os seguintes ”Adios Ríos Adios Fontes” con música de  
Amancio Prada.

Para rematar o acto, todos os nenos e nenas recitaron ó unísono e postos en pé un anaco do poema “Cantarte hei, Galicia”.

Dende a Concellería de Educación do Concello agradécese a enorme participación na iniciativa tanto ós nove colexios que participaron coma ós mestres que se involucraron cos nenos. "Sen eles non sería posible", remata.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: actos de homenaxe a Rosalía de Castro previstos para esta fin de semana nas bisbarras de Barbanza e Noia


O acto principal será en Bonaval, Santiago, onde repousan os restos da Nai das Letras Galegas

Barbanza e Noia, 22 de febreiro de 2013. Segundo informa a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, as quendas e datas  para a multitudinaria homenaxe (tanto en espazos como en número de xente) a Rosalía de Castro esta fin de semana en Barbanza e Noia son as seguintes:





Poden consultar toda Galicia en:
http://axendaaelg.blogaliza.org/

Relacionadas:





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: orde do día do pleno do 25 de febreiro de 2013

Cultura: o músico noiés Rodrigo Romaní, finalista en tres categorías dos XII premios do xornal La Opinión

Premios_la_opinin_2013

  • A mellor artista, mellor disco e mellor canción (Terras de Melide), co seu último traballo, "Arpas de Breogán"

O artista participou na última Semana Musical de Noia

Noia, 22 de febreiro de 2013. O noiés Rodrigo Romaní aparece como finalista nas tres categorías que se conceden nos galardóns do xornal coruñés La Opinión, segundo se deu a coñecer onte. "Nesta edición dos galardóns achamos unha mestura entre as candidaturas finalistas de artistas xa veteranos, cunha sólida traxectoria, e músicos que aportan traballos que supoñen o seu debut discográfico, como acontece con dous dúos que foron quen de entrar nunha lista sobranceira da que é difícil formar parte, e máis se temos en conta que este ano o xurado debeu valorar case un 30% máis de traballos que na edición anterior", sinalan os organizadores destes premios.

Explican que na "loita para ser a mellor peza atopamos unha canción do cuarteto A Cada Canto, unha composición de Óscar Fernández incluída na obra de Os Cempés e unha creación de Rodrigo Romaní, quen é un dos grandes protagonistas destes nomeamentos ao lograr entrar co seu Arpas de Breogán nas tres categorías (disco, canción e artista). Unha menos logrou outro home que tamén leva moitos anos de andaina no mundo do folk e que completa o cuarteto para mellor canción. O traballo de Pancho Álvarez como solista, tamén é integrante dende hai tempo da banda de Carlos Núñez, aparece tamén con opción de vitoria como mellor artista do ano".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical