28.5.10

Lingua galega: os do Ceip de Aguiño poñen as rusas tamén en galego

Habitantes de todo o mundo que non vivides en Aguiño ou arredores: que son as rusas? Temos que sacar o "Dissionario de vocablos perdidos", feito con moito "solás" pola Cofradía da Dorna e buscar:
"Rusas: sapatillas de tua abuela". Pois iso.
Esta imaxe é unha das moitas da última campaña gráfica a prol do galego que fixo o Equipo de Innovación en Normalización Lingüística do colexio de Aguiño.

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Política: os socialistas acusan á Xunta de agochar información ao Valedor sobre as irregularidades nas oposicións

Lage Tuñas anuncia o envío ao Valedor do Pobo de máis documentación sobre as probas selectivas do Sergas "para axudarlle na súa tarefa"

Lage di que o feito de que as persoas que traballan no departamento onde se preparan as probas sacaran as notas máis altas nas oposicións entre 7.500 presentados "ou é un milagre ou unha inmensa casualidade"

Santiago de Compostela, 28 de maio do 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Manuel Lage denunciou hoxe “o ocultismo e a falta de colaboración do goberno galego co Valedor do Pobo” para clarexar as sospeitas de anomalías en diferentes procesos selectivos do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

Lage Tuñas anunciou hoxe o envío ao Valedor do Pobo de máis documentación sobre as probas selectivas do Sergas para axudarlle na súa tarefa e “tendo en conta que o primordial é transmitirlle a milleiros de opositores que se depuran responsabilidades cando hai anomalías e que se garantiza que volva a existir imparcialidade e limpeza nos procesos selectivos”.

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia coñecía hoxe a resposta da Xunta de Galicia ao Valedor do Pobo onde “o goberno practica o escapismo, ocultando de xeito grave a información requerida por unha institución que se interesa”.

O Viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Manuel Lage entende que "existen denuncias sindicais sobre fallos na custodia de exames, producíronse bastantes "casualidades" en diferentes procesos selectivos do SERGAS, hai sospeitas de graves irregularidades, e o goberno galego négase a depurar responsabilidades e “intenta torear ao Valedor do Pobo ao negarlle a información que lle solicita”.

"A alarma social xerada é froito da pasividade do goberno galego que non atallou as anomalías e sospeitas de graves irregularidades con contundencia e agora négalle ao Valedor do Pobo a existencia dos feitos" asegurou hoxe Lage Tuñas.

O deputado socialista explica que “as denuncias non remitiron senón que se foron incrementando e nas últimas semanas téñense recibido denuncias de opositores sobre grupos como o de celadores onde tamén se teñen detectado anomalías. É un constante goteo de anomalías, sospeitas, e casualidades en procesos selectivos nos que participan máis de 35.000 persoas”.

O Viceportavoz do Grupo Socialista recorda que “o propio persoal do SERGAS facía público o pasado 28 de marzo a existencia de “fallos na custodia dos exames” dos procesos selectivos deste organismo da Xunta de Galicia. Esta denuncia sindical debe ser tida en conta xa que está en xogo a imparcialidade e as garantías de limpeza nos procesos selectivos”.

Lage Tuñas explicaba hoxe que “estamos a falar de situacións cando menos chamativas e onde se producen moitas casualidades” e así recordaba que “ tanto a Presidenta do Tribunal das probas de Auxiliar Administrativo como a Presidenta do Tribunal de ATS/DUE das oposicións do SERGAS son compañeiras de traballo e superiores xerárquicas dos opositores que quitaron as mellores puntuacións nestas probas e estes datos son aportados dentro da documentación remitida no día de hoxe ao Valedor do Pobo.”

O parlamentario socialista entende que “o feito de que persoas que traballan no mesmo departamento onde se elaboran e preparan os procesos selectivos acaben obtendo as puntuacións máis altas nas probas convocadas entre máis de 7.500 persoas, ou ben é un milagro ou ben unha inmensa casualidade, e consideramos que o feito de que a Xunta de Galicia lle oculte ao Valedor do Pobo a información que solicitou só contribue a sembrar máis dúbidas sobre os procesos selectivos do SERGAS

Os deputados socialistas Lage Tuñas, Fernández Leiceaga e Cerviño González remitiron hoxe ao Valedor do Pobo documentación facilitada por fontes sindicais para que sexa tida en conta na súa investigación.

”O goberno galego algo ten que tapar cando diante das denuncias de posibles irregularidades nega, primeiro ao parlamento e despois ao Valedor do Pobo, os datos e os informes estadísticos que clarifiquen as grandes casualidades que se teñen producido nas oposicións do SERGAS” afirmaba hoxe José Manuel Lage.

O parlamentario socialista recorda que a directora xeral de Recursos Humanos do SERGAS na súa comparecencia na comisión 5ª do Parlamento dixo que apreciaba “normalidade”, a pesar “do cúmulo de casualidades, e de serios indicios sobre posibles irregularidades nas oposicións do SERGAS”.


Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: O Bng esíxelle á Xunta que entregue dunha vez as vivendas de Xarás

Download now or preview on posterous
35988-asinado.pdf (102 KB)

Ana Pontón pregúntalle ao Goberno do PP porqué suprimiu as axudas para o alugueiro aos adxudicatarios para compensalos polos prexuízos provocados pola demora na entrega das vivendas

Algunha das polémicas vivendas de Xarás

Ribeira, 28 de maio de 2010.- A deputada do BNG no Parlamento Galego pola comarca do Barbanza, Ana Pontón, presentou unha iniciativa no Parlamento Galego pola que lle reclama á Xunta de Galiza que entregue sen máis demora as vivendas de Xarás, en Ribeira, aos adxudicatarios. 
A parlamentaria nacionalista lembra que o proceso de construción destas vivendas “foi ben accidentado”. Foron adxudicadas o 21 de outubro de 2004 polo daquela Goberno do PP por un importe de 1,4 millóns de euros e tiñan un prazo de execución das obras que remataba o 22 de setembro de 2006. Porén, no momento da rescisión do contrato só estaba executada o 13,85% da obra. 
A Consellaría de Vivenda do Goberno Bipartito solucionou esta situación  herdada do Goberno do PP rescindindo o contrato e convocando un novo concurso para rematar os traballos. Así, o 11 de marzo de 2008 adxudicou de novo a obra cun prazo de execución de 12 meses. 
Para compensar o prexuízo que se lle causou ás familias, a Consellaría de Vivenda decidiu conceder unha axuda de 2.000 euros aos afectados para sufragar o custo do aluguer mentres se executaban as obras, “unhas axudas –denuncia a deputada do BNG- que o actual goberno decidiu non renovar, desentendéndose das complicadas situacións persoais que se dan”. 

“A Xunta ten que entregar as chaves aos adxudicatarios”

Unha vez rematadas, por fin, o pasado 1 de marzo sorteáronse as 21 vivendas protexidas e a Xunta fixo pública a entrega das chaves para este mes de maio. Porén, Ana Pontón denuncia que “a Xunta demora sen aclarar os prazos de entrega das chaves, sen aclarar os prazos nin ofrecer explicacións sobre esta situación”. 
Para a deputada do BNG “esta situación debe solucionarse de inmediato e as vivendas deben ser entregadas ás persoas que resultaron adxudicatarias das mesmas, porque esta dilación está provocando situacións moi complexas para moitas persoas e a Xunta debería amosar máis sensibilidade ante este asunto”. 
Ante esta situación, a deputada do BNG pregúntalle á Xunta por qué razóns demora a entrega dos pisos e en qué prazo prevé facelo. Ademais, demanda explicacións pola supresión das axudas aos adxudicatarios e adxudicatarias  para compensar os prexuízos ocasionados pola demora na entrega destas vivendas.    

Relacionada: o Psoe tamén reclamou algo semellante o 2 de marzo, aquí

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Obras: a Deputación coruñesa aprobou por unanimidade inversións para saneamento e subvención para un tanatorio en Porto do Son

Imaxe: pleno da Deputación de A Coruña

Noia, 28 de maio de 2010. Os tres grupos políticos que compoñen a Deputación coruñesa aprobaron hoxe por unanimidade inversións nesta provincia por importe de case sete millóns de euros.

Entre as que afectan a concellos das áreas de Muros e Noia  está o saneamento, abastecemento de auga e pavimentación en Boa e Taramancos, en Noia, por un importe de 387. 384 euros. Tamén se aprobaron 109.444 euros para o saneamento en Cabanamoura e Tarás, no Concello de Outes. Para Porto do Son destínanse 811.328 euros, cos que se pretende dotar de abastecemento integral de auga á zona norte da parroquia de Miñortos.


Tanatorio en Tarela, Porto do Son

Ademais, segundo informa o Bng de Muros e Noia, tamén se aprobou unha subvención nominativa xestionada entre o grupo do BNG na Deputación e os concelleiros nacionalistas desta localidade, por valor de 300.000 euros, para a construcción dun tanatorio municipal. Esta infraestrutura conta xa cun proxecto total de 779.000 euros, e que se está a negociar para poder facer a obra nunha soa fase, ben con capital público doutra administración ou con capital privado.
O chan onde se vai ubicar está preto de onde se está a construír a piscina municipal, no lugar da Tarela, e van a compartir aparcamento.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: o vindeiro 5 de xuño, excursión xacobea completa dos de Aguiño para pedir párroco, e o 12, proxección de documental



Quedaron esgotadas as entradas para ir á peregrinación xacobea de Aguiño a Santiago o sábado 5 de xuño. Irán 110 persoas no catamarán e tamén se sumarán buses con máis veciños. Ao sábado seguinte, na casa do mar, presentación de dvd coas imaxes e gravacións en vídeo dos actos do cincuentenario que se fixeron o pasado ano 2009. 
Active Image

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Porto do Son: a web municipal vale para anunciar recortes de calquera tipo

A imaxe foi premonitoria, amigos da nave do misterio. A web oficial do Concello de Porto do Son non se da actualizado nin entra a furrular (a nova de cando anunciamos que se reactivara, pois antes nin estaba operativa, é de xaneiro, e maio case vai alá), así que agora poden incluso propoñerlle a simpática imaxe desta muller coa tesoira en posición a calquera partido político, pois o que se leva é recortar.
Métanlle unha tesoirada de humor á crise!
Cando http://portodoson.net estea operativa, avisarémolos, descoiden.

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

27.5.10

Boiro: Aturuxo! adianta o cartel de concertos das festas de xullo

Ribeira: o Bng solicita a substitución das canalizacións de fibrocemento en varias rúas

Ribeira: o montañeiro Andrés Villar fará en patíns 1.250 quilómetros do Camiño de Santiago

Subido nuns patíns, sae este domingo 30 de maio de Toulouse e ten o reto de chegar o 8 de xuño a Santiago, cunha media de 8,2 horas diarias de patinaxe



 

Ribeira, 27 de maio de 2010.- Co fin de conmemorar o Ano Santo Xacobeo 2010 e baixo o patrocinio do Concello de Ripeira, o montañeiro noiés Andrés Villar Murillo emprenderá a partir deste vindeiro domingo, día 30 de maio, o Camiño de Santiago Francés subido nuns Patíns. Os detalles deste reto foron presentados hoxe na Casa Consistorial do referido municipio barbanzano polo propio alpinista, quen estivo acompañado no acto polo alcalde de Ribeira, José Luis Torres Colomer, e polo concelleiro municipal de Turismo, Vicente García Rivas.

O obxectivo de Villar Murillo é percorrer os 1.250 quilómetros que distan entre Tolouse e Santiago en dez etapas, comezando na citada localidade francesa o domingo 30 de maio e finalizando na praza do Obradoiro da capital compostelá o martes 8 de xuño.

En total, pretende investir neste reto un total de 82 horas (8,2 horas ao día) afrontando un desnivel acumulado de 11.790 metros. As dez etapas previstas son: Tolouse-Pao, Pao-Jaca, Jaca-Puente de la Reina, Puente de la Reina-Nájera, Nájera-Burgos, Burgos-Sahagún, Sahagún-Astorga, Astorga-O Cebreiro, O Cebreiro-Arzúa e Arzúa-Santiago de Compostela.

Aínda que a etapa máis longa do percorrido será a primeira (Burgos-Sahagún) con 178 quilómetros, o experimentado montañeiro teme máis á segunda (Pao-Aragón), xa que terá que soportar os 1.800 metros de desnivel que supón o feito de cruzar os Montes Pirineos. De feito, Villar Murillo considera que esta xornada vai ser un “punto de inflexión” á hora de calibrar se terá folgos suficientes para culminar o seu reto.

 

Dentro do mesmo acordo de patrocinio co Concello de Ribeira, o escalador emprenderá a finais de ano unha nova empresa, consistente nunha expedición ao cerro Aconcagua, de 6.962 metros de altitude e situado na cordilleira dos Andes.

 

Amplo currículo


Garda civil de profesión, Andrés Villar ostenta o record de rutas abertas no cumio do Pico Urriellu, nos Picos de Europa, cun total de 16, a última das cales efectuou en outubro de 2009. Foi campión de España de Esquí Alpinismo o ano 1993/94 e Campión de Aragón de Esquí Alpinismo nos anos 1993/94 e 1994/95.

 

Actualmente é profesor do Centro de Adestramentos en Montaña da Garda Civil, membro activo do Grupo de Alta Montaña Español, instrutor da Escola Española de Alta Montaña e instrutor de espeleoloxía, barranquismo e escalada. Cabe apuntar tamén que participou no programa de TVE “Al Filo de lo Imposible”, desenvolvendo labores de realización, subindo e baixando cámaras e facendo os preparativos das tomas.

Outros logros seus son a apertura de escaladas en Picos de Europa, Pirineos, Francia e Andes (Perú), expedicións de montaña en Alpes, Dolomitas, Atlas e Himalaia, ascensións en patíns ao Monte da Curota, ao Monte Iroite, ao Monte Enxa, aos Lagos de Covadonga e ao Mirador do Ézaro.

Segundo expresou José Luis Torres Colomer, todas estas fazañas conseguidas na súa vida profesional e como deportista, fixeron que o Concello de Ribeira decidise apostar por el na conquista dos seus dous seguintes retos e para transmitir aos mozos e mozas en xeral, e aos mozos e mozas ribeirenses en particular, os valores da superación, do esforzo, do sacrificio, da tolerancia, da honestidade, do respecto, do traballo, da responsabilidade,... Todos eles valores e virtudes dos deportistas e nos que cree profundamente o Concello de Ribeira.

Pola súa parte, Vicente García Rivas manifestou a importancia que reviste turisticamente para Ribeira o feito de que Andrés Villar faga promoción do municipio ao longo do Camiño Francés.

Se queren ver a "Villareto" en acción, en Certo recopilamos algunhas das súas fazañas, aquí

 

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Noia: o cinco de xuño, última charla sobre adiccións, centrada no consumo de cannabis

Foto en Flickr de livingroomshadows


Noia, 27 de maio de 2010. O día 5 de xuño conclúe o Curso de Actualización e Especialización en Adiccións, organizado pola Concellería de Sanidade do Concello de Noia e o Plan Comarcal de Prevención de Drogodependencias. O curso levantou expectación e interese e chegouse a un número de 25 inscritos xa que, xa iniciado o curso, fóronse incorporando persoas interesadas na materia.

Botellón na praia

 

Durante o curso tratáronse, entre outros temas, o consumo abusivo de alcohol e o alcoholismo, aspectos xerais das drogodependencias, unha análise das campañas de información e sensibilización sobre o consumo de drogas e a intervención con menores no contexto de ocio e tempo libre.


Charla aberta ao público sobre o consumo de porros

Sinal en Holanda. Foto en Flickr de Marie-ll


Nesta última sesión tratarase sobre os mitos acerca do cannabis e a prevención dos problemas ocasionados polo seu uso. O docente encargado de impartir esta sesión será Manuel Isorna Folgar, coordinador do Programa de Prevención dos Concellos de Baixo Ulla-Sar e doutor en Psicoloxía. O lugar de realización desta sesión do curso será no edificio dos servizos sociais na rúa do Curro, número 4.

Pranta de "maría", foto no flickr de Statuesque


Dada a importancia do tema esta última sesión estará aberta ao público xeral. As persoas que teñan dúbidas sobre o consumo de cannabis, ou se os seus fillos/ás ou coñecidos próximos consumen porros e están preocupados por esta situación. Xeralmente, son situacións preocupantes no consumo de cáñamo sobre todo se son novos, consumen moita cantidade de cánabo ou frecuentemente ou consumen marihuana de variedades moi fortes.

 

Para calquera información adicional poden contactar co Plan Comarcal de Prevención de Drogodepedencias no teléfono de atención e consultas: 609.82.31.34 ou escribindo un email á dirección de correo electrónico: infodrogas@gmail.com

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical