11.10.10

Porto do Son: o PP insta á aprobación do Plan Especial do Castro de Baroña para protexelo

TOMÉ INSTA O GOBERNO DO PSOE E BNG A APROBACIÓN DO PLAN ESPECIAL DO CASTRO DE BAROÑA.

* UN INFORME DOS EXPERTOS ALERTAN DA GRAVE SITUACIÓN NO QUE SE ATOPA O VESTIXIO CELTA.

*O PLAN REDACTADO DURANTE O GOBERNO POPULAR, CONQUERIU TÓDALAS AUTORIZACIÓNS NECESARIAS.

*ESTA FIGURA URBANÍSTICA É NECESARIA E IMPRESCINDIBLE PARA REDACTAR O FUTURO PLAN DIRECTOR.

Porto do Son, 11de Outubro de 2010

O Portavoz sonense do Partido Popular Manuel Tomé Piñeiro, insta o goberno bipartito do PSOE e BNG a que o Plan Especial do Castro de Baroña, sexa levado ó vindeiro Pleno Ordinario para a súa aprobación.

Hai que lembrar que a Redacción de dito Plan Especial foi cofinanciado polo Goberno Popular Sonense xunto á Consellería de Cultura tendo un coste de trinta mil euros.

Dada a voz de alarma que distintos expertos na materia están a amosar por mor do rápido e progresivo deterioro que está a sufrir o vestixio, fai que o tempo sexa un instrumento prioritario en canto ás primeiras actuacións de emerxencia a levar a cabo.

Esta iniciativa foi levada a Pleno para a súa aprobación no derradeiro Pleno Ordinario do mes de Outubro 09 presidido por Manuel Tomé , no que foi rexeitado polos Grupos que agora forman parte do Goberno Municipal xustificando que non se chegara a acordos cos afectados no ámbito da actuación.


Distintas agresións sufridas polo vestixio durante os dóus últimos anos, ben sexa, a construcción de milladoiros dentro do castro, as acampadas ilegais, visitas descontroladas, vasoira que deixan os visitantes dentro da mesma, etc…fan que xa non se poida esperar máis en escomenzar a actuar no ben para intentar na medida do posible minimizar os impactos e afeccións.

A aprobación de dito Plan Especial, que en esencia significa unha ordenación urbanística do ámbito, non supón en ningún caso ningunha expropiación ou similares dentro da delimitación.

Esta aprobación é o paso previo necesario para empezar a redactar o Plan Director do Castro, que vai supor ás delimitacións e usos o igual que as actuacións en distintas fases a levar a cabo para protexer o ben.

Dende o Partido Popular Sonense visto que este Goberno do PSOE e BNG segue deixando durmir no caixón da Alcaldía dito Plan, vémonos, ante a falla de sensibilidade que amosa este goberno bipartito polo patrimonio etnográfico municipal, a instar a que se leve a Pleno dita iniciativa ou no seu defecto o PP vai presentar unha Moción con carácter de urxencia para que a “desfeita do patrimonio etnográfico municipal” non siga a pasos axigantados deteriorándose o maior vestixio e icono turístico do noso Concello.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: os socialistas reclaman á Xunta "que se molle" e defenda a planta de reciclaxe

Lage Tuñas presentou unha Proposición non de Lei para que a Xunta adopte decisións que permitan manter máis de cen postos de traballo 

Lousame, 11 de outubro de 2010. O deputado do PSdeG-PSOE José Manuel Lage Tuñas vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para interesarse pola situación da planta de tratamento de lixo da Mancomunidade Serra do Barbanza, sita en Lousame. Explica que diante da situación de risco pola que atravesa a planta de tratamento de lixo da Mancomunidade Serra do Barbanza, situada en Servia (Lousame), os socialistas galegos consideran "urxente a mediación e o apoio da Xunta de Galicia".

Na Proposición non de Lei ínstase á Xunta a adoptar decisións que permitan manter máis de cen postos de traballo que existen na actualidade arredor desta planta de tratamento de lixo. Asegúrase que "sendo conscientes do óptimo funcionamento da planta e do número de empregos que ten xerado, dende o PSdeG-PSOE entendemos prioritario que o poder político galego se implique na súa defensa".

"Para nós é fundamental garantizar a viabilidade da planta e os empregos existentes”, afirma Lage Tuñas. Ademais di que os socialistas galegos apostan dende os concellos pola planta de reciclaxe e compostaxe da Mancomunidade Serra do Barbanza e van seguir defendendo o seu funcionamento e os empregos existentes

O deputado do PSdeG considera que "a Xunta ten na súa man a mediación con Ecoembes e tamén pode tomar medidas que contribuían a consolidar esta planta". “A Mancomunidade Serra do Barbanza e os concellos nela participantes están facendo os deberes e pola súa parte hai esforzo para manter vivo un proxecto que fixo viable unha alternativa à incineración pura e dura”, concluíu Lage.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: cen quilómetros de sendeirismo ata Santiago para celebrar o Xacobeo, no "Camiño de Outono"

Unha actividade dividida en tres etapas, a facer os días 30 e 31 de outubro e 1 de novembro. Participan varias asociacións e outros dous concellos, Lousame e Negreira


Ribeira, 11 de outubro de 2010.- Con motivo do Ano Xacobeo, o Concello está a organizar unha ruta de sendeirismo na modalidade campo a través e cunha distancia de 100 quilómetros que descorrerá entre Ribeira e Santiago de Compostela. Esta actividade, denominada Camiño de Outono, celebrarase os días 30 e 31 de outubro e 1 de novembro, e conta coa colaboración da Asociación As Miñoteiras e a Asociación de Veciños de Carreira, ademais da dos Concellos de Lousame e Negreira. O concelleiro de Deportes Miguel Ángel Vidal Tomé, e o representante de As Miñoteiras Moncho Sampedro presentaron a iniciativa na Casa Consistorial.

As dúas primeiras etapas terán unha distancia aproximada de 40 quilómetros, mentres que a última será de 20.

A saída do día 30 terá lugar en dous lugares distintos. Por unha parte, na praza do Concello ás 8.15 horas e, por outra, na Capela da Guía, na parroquia de Carreira, ás 8 horas. Ambos grupos converxerán no parque periurbano de San Roque e atravesarán o Monte Curota, a Serra de Barbanza, o Parque Arqueolóxico das Chans e o Monte Iroite. Esta primeira etapa finalizará no poliderportivo de Lousame.

O roteiro pasará polos arredores de Toxosoutos, espectaculares para o sendeirismo

A segunda etapa partirá  da aldea de A Silva, lugar onde está enclavado o polideportivo, e pasará por Portobravo, o río San Xusto, o mosteiro de Toxosoutos, a central do Tambre, a devesa do Nimo e o embalse do Tambre. Os participantes pernoctarán no pavillón polideportivo de Negreira. Por último, a terceira etapa equivalerá aos 20 primeiros quilómetros do camiño oficial de Fisterra. O punto máis emblemático desta ruta é Pontemaceira.

Inscricións

Este mércores habilitarase unha páxina web (http://caminodeoutono.blogspot.com/) para que se poidan inscribir os interesados en participar. O prezo é de 50 euros, e da dereito as comidas, un coche de apoio (onde no que se poderán trasladar as equipaxes para facer menos dura a ruta) e o retorno dende Santiago en autobús. 

Ademais, os familiares dos participantes poderán ir a bordo deste autobús o domingo 31 ata Santiago para reunirse cos camiñantes, sempre en función do número de prazas dispoñibles.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: a biblioteca organiza contacontos os xoves ata decembro e un club de lectura para adultos


Boiro, 11 de outubro de 2010. A Biblioteca Municipal do Concello de Boiro (ubicada na casa da cultura “Ramón Martínez López”) vai pór en marcha esta semana actividades para o fomento da lectura.

Por unha banda, haberá sesións de contacontos cada xoves, dende este 15 de outubro, ata o xoves 16 de decembro. Están dirixidas a nenos de 2º e 3º de Educación Infantil, en horario de catro e media a cinco e media da tarde. Hai que anotarse antes. Para inscricións, acudan á mesma biblioteca ou chamen ao 981 848410

Pola outra, fórmase un club de lectura para adultos maiores de 17 anos. Será tamén os xoves, ás cinco e media da tarde, pero non comeza ata o 4 de novembro.  Segundo explican dende o Concello, "o Club de Lectura é un grupo de lectores que se reúnen periodicamente para comentar un libro lido na casa. Nas reunións coméntase o lido e o impacto que tivo no lector: temáticas, estilo, acción, personaxes e, por suposto, sentimentos ou reflexións evocados polo texto. Non é unha reunión para especialistas en crítica literaria, nin para profesores de literatura, senón para lectores comúns. O obxectivo principal do Club de Lectura non é a análise exhaustiva da obra literaria senón incrementar o pracer da lectura ao compartilo con outros".


Quen estea interesado en participar no club e non poida participar nese horario (17:30) poderá comentar e debater  a través de Internet no blogue do Club de Lectura. O primeiro libro a comentar no club será: “84, Charing Cross Road”, de Helene Hanff. En outubro de 1949, Helene Hanff, unha escritora moza descoñecida, envía unha carta dende Nova Iorque a Marks & Co., a librería situada no 84 de Charing Cross Road, en Londres. Apaixonada, maniática, extravagante e moitas veces sen un peso, a señora Hanff reclámalle ao libreiro Frank Doel volumes pouco menos que inatopables que calmarán a súa insaciable sede de descubrimentos. Vinte anos máis tarde, continúan escribíndose e a familiaridade remata converténdose nunha intimidade case amorosa. Esta correspondencia excéntrica e chea de encanto é unha pequena xoia que evoca, con infinita delicadeza, o lugar que ocupan na nosa vida os libros e as librarías.

A biblioteca prestará os exemplares dos libros aos participantes do club. As sesións do Club de Lectura empezarán o xoves 4 de novembro.

Para inscribirse poden dirixirse á Biblioteca municipal (Casa da Cultura), por teléfono 981 848410 ou enderezo electrónico boiro@rbgalicia.org

Seminario en Holanda


Este mércores, 13 de outubro, terá lugar a presentación dun seminario que se vai celebrar en Holanda do 18 ao 25 de outubro no que participa o Concello de Boiro dentro do programa de voluntariado "Xuventude en Acción".
Este seminario insírese dentro do "I Love Culture", un proxecto global posto en marcha para crear o primeiro portal cultural global en liña (http://www.iloveculture.eu) onde se recollan entidades e proxectos que traballen no eido da xuventude a nivel internacional.
A este seminario acudirá, en representación do Concello, a técnica Margarita Sampedro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

10.10.10

Ribeira: o sábado 16, no Ateneo Valle-Inclán, presentación do libro "La loca Historia de Pontevedra"

Dende Certo animamos a todos os escritores, escribintes, escribidores e demais xuntaletras da Centenaria e máis aló a que se atrevan coa tola historia dos seus municipios. Aínda non lemos o de Rodrigo Cota, pero somos fans de "La loca historia de la Guerra de las Galaxias". Imaxinamos que se Cota fai a película, haberá máis persoas que logo pedirán ler o libro.
Mode retranca off
Manuel Jabois (http://www.manueljabois.com) é xornalista e escritor. Manuel Loureiro é avogado e escritor (http://es.wikipedia.org/wiki/Manel_Loureiro). Ambos presentarán este libro de Rodrigo Cota González, ao que non hai que confundir con Rodrigo Cota de Maguaque, outro escritor burlón que nos deixou en 1498 (ano arriba, ano abaixo, e referímonos aos que teñen 12 meses). O que nos ocupa é un dos máximos defensores da teoría da orixe galega de Cristóbal Colón, do que aínda se cre que descubriu América. Sobre iso escribu "Colón, Pontevedra, Caminha", unha obra na que sitúa a Colón polas súas terras (Cota é de Poio, Pontevedra).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

9.10.10

Noia: os mariscadores de a flote terán novas prazas de amarre en Testal en marzo de 2011


Noia, 9 de outubro de 2010.- Portos de Galicia comezou a construción de 80 novas prazas de amarre para os mariscadores de a flote do porto de Testal en Noia, e prevé o seu remate para marzo de 2011. O obxectivo desta obra é dotar dunha maior seguridade e calidade o desenvolvemento da actividade realizada polos mariscadores. Con esta actuación o ente da Consellería do Mar afianza o seu compromiso adquirido coa confraría de Noia e responde á súa demanda.

A obra realízase debido ao incremento da frota de embarcacións maiores de 6 metros e das 80 novas prazas de amarre que se construirán, 51 serán de seis metros de eslora e 29 prazas de sete metros. Ademais da ampliación das liñas de pantalán existentes, as obras consisten fundamentalmente na demolición e retirada dunha das rampas de varada do porto de Testal e na dragaxe ata conseguir un metro de calado entre as ramplas existentes.

Esta actuación conta cun investimento de máis de 586.000 euros e constitúe unha actuación comprometida da Consellería do Mar e do ente Portos de Galicia para impulsar todas as instalacións portuarias galegas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

8.10.10

Boiro: Lino Sánchez Torrado, escultor de 80 anos, expón as súas figuras en pedra en O Faiado 2

Boiro, 8 de outubro de 2010. O escultor Lino Sánchez Torrado é o protagonista, xunto coas súas figuras en pedra, da vindeira exposición que organiza a asociación cultural O Faiado 2. O vindeiro mércores, 13 de outubro, terá lugar ás sete da tarde a inauguración da mostra, na que amosará os seus traballos máis destacados.

Segundo explica María Luísa López Otero, presidenta de O Faiado 2, Sánchez Torrado "é ós seus 80 anos todo un exemplo de superación.É autor, entre outras obras de gran porte, do cruceiro do cemiterio de Vista Alegre (Boiro) e do Nazareno e os bancos de pedra situados xunto á Igrexa de Santa Baia. Tamén está a piques de presentar unha gran escultura da Virxe que se situará no cemiterio de Vista Alegre. Ademais destas obras, esculpe animais, bustos e imaxes relixiosas de menor tamaño, que fan do seu patio e casa un lugar digno de visitar".

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o sábado 16 de outubro un especialista disertará sobre fungos en ecosistemas dunares e logo irán miralos por Corrubedo

Ribeira, 8 de outubro de 2010. O vindeiro sábado 16 de outubro, no edificioi do CIELGA (no entorno da praia do Vilar, ao pé de onde se recibe aos visitantes do parque natural de Corrubedo), a asociación micolóxica Refungando organiza, en colaboración coa asociación cultural Altofalante, unha charla de José Manuel Castro Marcote, que disertará sobre fungos nos ecosistemas dunares. Castro Marcote é coautor do libro "Cogomelos de Galicia" e comezará a súa charla ás 11 da mañá.

Edifico do Cielga. Foto de Javier Crugeiras para Wikipedia

Segundo explican en Refungando, "moita xente ten percorrido carballeiras, piñeirais, soutos, ribeiras de ríos, prados... pero, cantos percorreron a liña da costa entre dunas á procura de cogomelos? Neste ecosistema, que a priori nos pode parecer hostil para os fungos, desenvólvense sen problema unha ampla variedade de cogomelos que, polo seu especial hábitat, raramente poderemos contemplar. Da man de José M. Castro Marcote, coñeceremos as especies dunares galegas máis comúns e logo da charla sairemos á súa procura, unha experiencia á que dende Refungando vos invitamos a todos a compartir con nós".

Esta charla e saída micolóxica son os prolegómenos das vindeiras Xornadas Micolóxicas de Ribeira, que xa teñen data: 6 e 7 de novembro.

Vía Refungando

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: o Bng insta á Xunta a que se dean solucións eficaces para manter a planta de reciclaxe


Manuel González é o responsable comarcal do Bng Muros-Noia

Lousame, 8 de outubro de 2010. O BNG da comarca de Muros e Noia indica nunha nota de prensa "a súa preocupación pola situación que se está a producir na planta de tratamento de residuos de Lousame e que lle afecta á recollida do lixo de varios dos concellos así como ao emprego de ducias de persoas da comarca".

Segundo os nacionalistas da bisbarra Muros-Noia, "debemos lembrar que a construción de dita planta foi impulsada pola decisión de varios concellos agrupados logo na Mancomunidade Serra do Barbanza sendo o BNG un dos principais artífices da mesma. A súa construción foi posíbel grazas a consecución de fondos europeos e non tivo aporte económico algún –ao contrario que a planta de SOGAMA en Cerceda- por parte da Xunta de Galicia, gobernada naquel momento por Manuel Fraga. A aposta pola separación de residuos e a reciclaxe foron os principais motivos para a súa posta en marcha. Hoxe podemos ver o acerto daquela decisión e esta planta funciona de xeito eficiente sendo, ademais, a que máis recicla no Estado Español. O contraste coa planta de SOGAMA é claro, xa que nestes momentos está en situación de colapso e utiliza ademais unha tecnoloxía pouco limpa (incineración)".

Diante dos problemas económicos de dita planta, dos que xa informamos nestes días, o BNG reclámalle á Xunta de Galicia que se comprometa a dar o seu apoio para o mantemento da mesma, ao igual que fai co modelo SOGAMA. En concreto solicitan da Xunta de Galicia:

  1.     Que se estableza unha dotación económica anual para o funcionamento da planta para evitar o agravio comparativo con SOGAMA.
  2.     Que inste á empresa ECOEMBES a recoller todos os materiais reciclados que lles correspondería segundo a Lei de Envases 11/1997. A decisión unilateral de ECOEMBES de deixar de recoller unha parte deste material afecta especialmente a aquelas plantas que máis reciclan, como é o caso da da Mancomunidade, coa conseguinte redución de ingresos.
  3.      Que faga as xestións necesarias para facilitar a amortización da débeda que varios concellos da comarca manteñen coa concesionaria.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: adxudicada provisionalmente a dotación da casa museo de Manuel Antonio á empresa Artifacto


Rianxo, 8 de outubro de 2010. Por decreto de Alcaldía nº 1452/2010 de hoxe mesmo, aprobouse a adxudicación provisional do contrato de subministro para dotación museográfica da casa de Manuel Antonio. Ascende a case 60.000 euros (ive incluído) e a empresa adxudicataria, Artifacto (A Coruña), ten 75 días para deixar lista a casa do poeta rianxeiro. Podería facelo en 90 días, pero nunca máis aló do 28 de febreiro de 2011.
A adxudicación foi feita polo procedemento negociado e sen publicidade.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical