7.11.10

Deportes: o boirense Rufino Regueira, campión absoluto galego de longa distancia en piscina


Rufino Regueira ten un longo historial de éxitos na natación galega

Boiro, 7 de novembro de 2010. O nadador de Abanqueiro Rufino Regueira voltou acadar o mellor posto nun campionato galego de natación. Desta volta foi en Pontevedra, na fase territorial do Campionato de España de Longa Distancia en piscina.

O seu club, o Natación Riveira, quedou de terceiro a puntos, por detrás do Galaico de Pontevedra (primeiro) e o Pabellón Ourense, segundo. Como nos teñen acostumados, o club barbanzano fixo de novo un gran papel cos nadadores que levou.

Download now or preview on posterous
puntos.pdf (35 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

6.11.10

Sanidade: denuncian que se está a paralizar actividade no Hospital da Barbanza pechando axendas en especialidades

O Psoe de Barbanza estenderá a toda a bisbarra unha campaña reivindicativa a prol de máis persoal para o centro sanitario logo do comezo de recollida de sinaturas no Concello de Ribeira levada a cabo pola agrupación socialista local

Boiro, 6 de novembro de 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialista de Galicia, José Manuel Lage Tuñas visitou hoxe a comarca do Barbanza e mantivo un encontro con responsables locales das agrupacións municipais da bisbarra co obxecto de analisar a situación dos centros sanitarios da comarca.


Lage Tuñas denunciou hoxe que “están pechando as axendas dende a dirección médica evitando dar citas para as consultas especialidadas no Hospital do Barbanza”. O Viceportavoz do Grupo Socialista afirmou hoxe afirma que “hai persoas que levan agardando máis dun ano para intervencións quirúrxicas”.

Lage Tuñas tamén denunciou hoxe que o hospital do Barbanza só conta cun “neurólogo” dous días á semana e só fai a primeira consulta “xa que as revisións periódicas teñen que facelas no Hospital Clínico Universitario de Santiago”.

O PSdeG-PSOE urxe á consellería de Sanidade a que resolva o déficit de persoal no Hospital do Barbanza antes de que finalice o ano 2010.

O deputado socialista denunciaba na rolda de prensa celebrada en Boiro que “dende a chegada do Partido Popular á Xunta de Galicia estamos observando un claro deterioro dos servizos sanitarios, ao diminuir o persoal de servizos xerais, minorar os profesionais de medicina especialidade e reducir as inversións en equipamentos sanitarios”.

“Feijóo decidiu recortar o orzamento en Sanidade, educación e axudas a dependencia e manter o gasto na Cidade da Cultura, os asesores ou as fundacións comarcais. A consecuencia é unha disminución de fondos públicos para os servizos hospitalarios”.

“Nos últimos meses medrou de maneira signifcativa a espera para unha consulta especializada” destacou Lage Tuñas. “É urxente que o goberno galego frene o seu ataque á sanidade pública” dixo o viceportavoz do PSdeG-PSOE e recordou que “fai meses que lle pedimos á Xunta que escoite as reivindicacións do comité de empresa”.

“Nós imos defender novamente no Parlamento que se incremente o persoal do hospital do Barbanza para mellorar a asistencia sanitaria”.

O Viceportavoz do Grupo Socialista, José Manuel Lage rexistrará o vindeiro luns unha iniciativa no Parlamento e afirma que “o goberno galego está deteriorando a calidade do centro hospitalario barbanzano, pechando periódicamente as axendas para as consultas especialidadas”.

O deputado barbanzano di que “os socialistas volveremos a facer unha proposta con ánimo constructivo e pedímoslle á Consellería de Sanidade que resolva antes de que finalice o ano 2010 o déficit de persoal que hai no Hospital do Barbanza”. Lage Tuñas ten recollido nas súas iniciativas unha parte importante das demandas do comité de empresa do Hospital do Barbanza, e demandarán no Parlamento de Galicia que se incremente o número de celadores/as de dito centro hospitalario.

O deputado do PSdeG recordou que “o PP votou xa en contra dunha proposta que defendín no parlamento fai dous meses e que recollía as propostas do comité de empresa do hospital” e nesa liña destacou que “o hospital da cobertura a unha poboación potencial de 70.000 habitantes e a lentitude da asistencia nalgúns casos débese á falta de celadores/as, e a sobrecarga de traballo que están sufrindo @s auxiliares de enfermería”. ”Fai meses que o goberno galego coñece as reivindicacións dos traballadores e traballadoras do Hospital do Barbanza, e polo de agora non deron un só paso adiante nin deron explicacións do que teñen pensado facer, e cómpre que se adopten decisións inmediatas”. José Manuel Lage defende que se mellore a calidade asistencial do Hospital do Barbanza “dado que os cidadáns desta área sanitaria non deben ser tratados como cidadáns de segunda, senón que teñen os mesmos dereitos que os que habitan nas cidades”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: Xuventudes Socialistas esixe que se arranxe a depuradora local, que funciona mal

A Pobra do Caramiñal, 6 de novembro de 2010. As Xuventudes Socialistas da Pobra  emitiron unha nota de prensa na que instan a que se solucionen os malos cheiros e o "desastre ambiental" da vila en xeral, que, no seu parecer, se debe ao mal funcionamento da estación depuradora de augas residuais. O responsable destas declaracións é Manuel Gude, voceiro de Xuventudes Socialistas na área de Medio Ambiente, e estudante de último curso de Enxeñería Industrial.

"Queremos mostrar a preocupación que os veciños nos transmiten por mor do desastre medioambiental da vila, así como da nula conciencia ecolóxica mostrada polo goberno municipal o longo de 12 anos de goberno. Queremos aportar a nosa visión e os nosos coñecementos para afrontar dun xeito decidido un mal endémico que vén padecendo dende fai moitos anos o noso concello.

Fixemos un estudio dos planos da edar que están publicados na páxina web de Augas de Galicia. Polo que apreciamos o funcionamento da edar da Pobra non é o correcto nin moito menos. Os cheiros que desprende son un claro sinal do mal funcionamento de esta. Aínda que está pensada para uns 30.000 habitantes está mal confeccionada según a documentación publicada.

Temos un tema de fondo: esta edar está deseñada para eliminar a auga residual dos veciños, non das industrias sen pre-depuración. Parecerá que isto é unha nimiedade pero a realidade é que as verteduras e desfeitos que verten as empresas non son nin o mesmo nin na mesma cantidade. Por exemplo, unha empresa non paga a luz co mesmo prezo que nós os veciños, ou tampouco é o mesmo prezo para o abastecemento de auga: entón por que teñen que verter sen un tratamento previo?

Por outra banda, hai que sinalar que está mal concibida, xa que neses planos que atopamos na páxina web de Augas de Galicia, un dos tratamentos máis importantes non está presente. Trátase da decantación primaria que é onde a auga unha vez pasada a etapa de desareado-desengraxado debería estar en repouso un día polo menos, para que todos os elementos solubles que levan as augas fecais quedaran no fondo e as graxas que poidan quedar nesta, quedaran na superficie. Cal é o problema de que non haxa este tratamento? Pois é moi sinxelo,: ao meter a auga tal e como vén da etapa de desareado-desengraxado, no reactor biolóxico, fai que as bacterias aerobias e anaerobias morran e non fagan o seu traballo. Isto é unha das causas dos malos cheiros e de que a auga non estea de todo depurada cando sae da Edar. Cabe subliñar un dato gracioso: que na Pobra temos decantador secundario, que como di o propio nome deste, tería que haber antes un primario, ou non? Pois nada máis lonxe da realidade.

Esixencia de decantamento primario

Dende Xuventudes Socialistas da Pobra, solicitamos que se lle esixa as empresas radicadas na Pobra unha pre-depuración das augas e tamén unha instalación do decantamento primario xa que o medio ambiente non entende de aforrar. Por outra parte, tamén solicitamos, xa que temos un silo de fangos, estes son riquísimos en termos de enerxía, e producen moito biogás, e este pódese utilizar para queimar e producir electricidade. Entendemos que si se sacaran unha cantidade importante de fangos, poderiamos producir electricidade para todos os nosos cidadáns. As cousas ben feitas nin cheiran nin son unha ruína económica. Preocúpanos o benestar das empresas porque son  xeradoras de emprego e riqueza pero é necesario facer compatible o desenvolvemento económico co respecto ó medio ambiente e co cumprimento da lexislación ambiental. Isto é o obxectivo".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

5.11.10

Boiro: gañadores do concurso de tapas de mexillón

Boiro, 5 de novembro de 2010. Hoxe entregáronse os premios do Concurso de Tapas con Mexillón de Boiro, celebrado o pasado fin de semana entre bares e restaurantes da localidade. Ao acto asistiu o alcalde, Xosé Deira, e a Concelleira de Turismo, Francisca Suárez Lijó.

Premios dos establecementos

Mellor tapa: Mexillón en escabeche de Os Dous de Sempre. 500 euros

Finalista na categoría de mellor tapa: mexillón mariachi da Cafetería Castelao.

Mellor tapa tradicional: Empanada de mexillón do Restaurante Arume. 250 euros

Mellor tapa creativa: Lasaña de mazá con aguacate e mexillón, de Os Dous de Sempre. 250 euros

Mellor tapa premio do público: Brocheta de mexillón en tempura de améndoa sobre crema de marisco, do Bar Plaza. 250 euros

Ademais tódolos establecementos gañadores viaxarán nunha visita organizada á  zona vinícola do Ribeiro e visitarán as bodegas de Viña Costeira. Tódolos establecementos participantes poderán asistir a un curso de cata de viños, dirixido por un enólogo de Viña Costeira. 

Premios dos votantes

Os premios dos votantes foron acadados por:

Botella Magnum Viña Costeira (1.5l.) para María Elisa Campaña Carou, de Taragoña; Alberto Carlos Canle López, de Boiro; e Nati Díaz Oliveira, de Boiro.

A visita organizada para dúas persoas á zona vinícola do Ribeiro que inclúe visita as bodegas de Viña Costeira. foi para Jorge Fernández Lojo, de Santiago de Compostela.Os agraciados poden pasar pola Oficina de Turismo de Boiro a recoller os seus agasallos. 

Xurado

O xurado estivo formado por Francisca Suárez Lijó, concelleira de Turismo; José  Manuel García, do programa “Come e fala” da Radio Galega; Cristian Bolla, de Restaurante Chicolino; Antonio Botana, presidente do Grupo Nove e Jorge Guitián, organizador do concurso e con funcións de Secretario.

A acta levantada polo secretario estará a disposición do público durante un mes na Oficina de Turismo, sita en Praza de Galicia, s/n  

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Arte: Marcelino de Santiago, "Kukas" expón en Boiro as súas pinturas este mes


Se queres mercar algunha obra, se queres meter na túa casa ou empresa arte galega, aí vai o catálogo da exposición.

 

 

 


Download now or preview on posterous
CATÁLOGO KUKAS.pdf (1027 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Festival Acción! 2010 será na vindeira fin de semana, do 12 ao 14 de novembro

Muros: o Concello homenaxea ao polígrafo noiés Xosé Agrelo Hermo cun busto na alameda

Noia, 5 de novembro de 2010. O vindeiro sábado 13 de novembro, ás cinco da tarde, terá lugar na alameda de Esteiro, en Muros, o descubrimento dun busto que homenaxea a figura do intelectual noiés Xosé Agrelo Hermo, falecido o 21 de novembro de 2006.

Non sabes quen era Xosé Agrelo? Consulta a Galipedia, aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

4.11.10

Barbanza-Noia: o delegado territorial da Xunta en Coruña, Diego Calvo, di que os orzamentos para a zona "crearán emprego"

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá 14,6 millóns de euros en infraestruturas viarias, entre as que destacan a conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC-550 en Taramancos, que contará cun investimento de 7,8 millóns de euros, e a mellora do firme na estrada AC-550 en Muros, con 4,7 millóns de euros de inversión

Augas de Galicia consigna unha partida orzamentaria de 7,4 millóns para o saneamento integral das rías. En Muros, o ente autónomo destinará 1,5 millóns de euros para a mellora das infraestruturas hidráulicas; en Porto do Son, 1,9 millóns de euros nos colectores das EDAR de Tarrío e Porto do Son, e en Ribeira, as obras de saneamento contarán cunha partida de 1,3 millóns de euros

Portos de Galicia acometerá traballos de mellora e ampliación das instalacións portuarias por importe de preto de 4,5 millóns de euros en nove concellos da comarca, entre os que destacan os 1,6 millóns para a dársena de Muros e os preto de 500.000 euros para a ampliación do porto noiés

En materia social, o delegado lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar destinará 106 millóns de euros en toda a provincia para políticas activas de emprego e 152 millóns en materia de benestar


Diego Calvo, nunha foto de arquivo

Boiro, 4 de novembro de 2010.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, destacou esta mañá en Boiro que estes investimentos “ademais de impulsar as infraestruturas, permitirán a creación de moitos postos de traballo na comarca do Barbanza”, o que favorecerá á mellora da actividade económica na zona nun momento de crise.

Así, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá 14,6 millóns de euros en infraestruturas viarias na comarca durante o próximo ano. Destacan os 7,8 millóns de euros da conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC-550 en Taramancos e que permitirá mellorar as comunicacións con Santiago de Compostela, e os 4,7 millóns de euros para o reforzo do firme e optimización da sinalización na AC-550 en Muros, que se realizará con cargo aos fondos da Sociedade Pública de Investimentos. A adecuación da AC-303 entre o Hospital Comarcal e Corrubedo, terá tamén unha partida da Consellería de 114.000 euros.


Zona da Ribeiriña, na Pobra do Caramiñal

O organismo autónomo Augas de Galicia consigna no próximo exercicio unha partida orzamentaria de 7,4 millóns para o saneamento integral das rías. En Muros, o ente autónomo destinará 1,5 millóns de euros para os colectores e as estacións depuradoras de Muros e Esteiro, así como para a mellora das infraestruturas hidráulicas en varias rúas da vila. En Porto do Son hai unha partida de 1,9 millóns para os colectores e as depuradoras de Tarrío e Porto do Son. En Ribeira, os traballos de saneamento, que inclúen actuacións nos colectores xerais de Ribeira e Corrubedo e a creación dunha liña independente dende Pantín ata o bombeo de Pedra Patieira, contarán cunha partida de 1,3 millóns de euros. Augas de Galicia tamén recolle un investimento de 466.000 euros no saneamento da Ribeiriña, en A Pobra, e 360.000 euros para o de Leiro e Isorna, en Rianxo, entre outras actuacións. Calvo lembrou que a mediados deste mes comezarán as obras da segunda fase de saneamento no río Coroño, en Boiro. Augas de Galicia vén de adxudicar estes traballos por un importe de 730.500 euros. O obxectivo é instalar unha rede de colectores residuais nos núcleos de Mieites, Comoxo e A Cuncheira.

Portos de Galicia contempla un investimento de preto de 4,5 millóns de euros para traballos de ampliación e mellora das instalacións portuarias de nove concellos da comarca. Destacan os 1,7 millóns de euros para a ordenación interior de atraques no porto de Muros e os preto de 500.000 euros para a ampliación das instalacións para embarcacións menores no de Noia. En Boiro, o investimento de Portos alcanzará os 650.000 euros, dos que 310.000 corresponderán á remodelación dos atraques no porto de Escarabote.

Pola súa banda, o investimento da Consellería do Mar na comarca para 2011 ascende a 1,4 millóns de euros e contempla actuacións nas instalacións dos servizos de Gardacostas; relativas á mellora do servicio de salvamento e loita contra a contaminación en Ribeira e Porto do Son e tamén vinculadas a ensinanzas náutico-pesqueiras.

Durante a súa visita a Boiro, o delegado lembrou que a todas estas cifras hai que engadir os 106 millóns de euros que destina a Consellería de Traballo en toda a provincia a políticas activas de emprego ou os 152 millóns de euros en materia de Benestar.

“Todas estas actuacións –sinalou- teñen como obxectivo primordial dar resposta as principais demandas dos concellos, impulsando proxectos clave para a comarca como o corredor Brión-Noia e a variante de Noia, o saneamento integral das rías ou as intervencións en materia portuaria”. Trátase, en definitiva, de mellorar a calidade de vida dos veciños do Barbanza e “xerar novas oportunidades e postos de traballo cun investimento eficiente e realista”.

Neste senso, Calvo gabou o esforzo realizado pola Xunta para coordinar aos distintos departamentos e cadrar con eles unhas contas “coherentes, sustentables, austeras e pegadas ao actual momento económico, nas que quedan garantidas a continuidade dos proxectos prioritarios do Barbanza”. Calvo lembrou tamén “o recorte de 1.177 millóns de euros por parte do Goberno central nos fondos que lle correspondían a Galicia”.

Visita CEIP Santa María do Castro en Boiro
Na visita ao CEIP Santa María do Castro, onde estivo acompañado pola xefa de Educación, Teresa Villaverde, polo alcalde de Boiro, Xosé Deira, e outros membros da corporación, Diego Calvo puido comprobar o resultado dos traballos realizados durante os meses de verán que, cun investimento de preto de 95.000 euros, permitiron reparar e substituír a cuberta do polideportivo do centro.

O delegado lembrou que Educación investiu 352.000 euros para a realización de traballos de mellora en cinco centros de ensino de Boiro durante o verán. Ademais do CEIP Santa María do Castro, no CEIP de Praia Xardín realizáronse traballos de adecuación do patio infantil; no CEIP de Escarabote, a construción de aseos en tres aulas de Infantil; no CEIP de Cespón, o acondicionamento do patio de xogos, e no IES Praia de Barraña, a substitución da carpintería exterior e a reforma dos vestiarios.
En total, na comarca do Barbanza, Educación investiu preto de 1,6 millón de euros en traballos de renovación e mellora nos centros de ensino. Calvo destacou que estas actuacións permitirán que os máis pequenos “poidan desenvolver as súas actividades nas mellores condicións” e, ao mesmo tempo, dar resposta ás necesidades do centro e ás demandas de pais e educadores.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: o sábado 6 de novembro, representación de Smóking no teatro Elma


A Pobra, 4 de novembro de 2010. Este sábado, 6 de Novembro, ás 20:30 horas, haberá unha representación de "Smóking". de Santiago Moncada, no teatro Elma da Pobra do Caramiñal a cargo do Grupo Teatro Liceo de Noia, baixo a dirección do escritor e actor Ramón Carredano.
Esta agrupación teatral acadou o 2º premio e 4 nominacións a actores destacados por "Smóking" no XIII certame de Teatro Afeccionado D. Bosco da Coruña. Non é apta para menores de 14 anos.

Sinopse

Glamourosa comedia na que priman a resistencia a entrar na idade de xubilación; o respecto e admiración dos xóvenes polas formas de facer dos maiores e a amizade entre dous homes na plena madurez..
A acción ten lugar integramente nun salón de ambientación moderna, de luxo e seducción, na vivenda dun prestixioso arquitecto, maduro, atractivo, interesante e sempre disposto á aventura. Un arquitecto que ten éxito coas mulleres, cunha vida familiar estable e feliz.
Aparentemente. o protagonista dispón de todo e está convencido de que todas as mulleres con encanto se encaixan perfectamente a el. Imposible para o arquitecto imaxinar o xeito de pasar o resto da vida sen a súa dona, compartindo piso co seu mellor amigo.

“Smóking” é unha comedia na que destacan o seus excelentes e intelixentes diálogos, mergullados no cinismo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o club de lectura infantil bota a andar o 11 de novembro como nova alternativa de ocio


O club de lectura para rapaces de Boiro está destinado aos de quinto e sexto de Primaria

Boiro, 4 de novembro de 2010. A Biblioteca Municipal do Concello de Boiro, baixo a coordinación de Anxo Campos, promove a creación dun club de lectura para rapaces, que ten como obxectivo gozar da lectura e do contacto cos libros, ofrecer novas posibilidades para o tempo libre, e potenciar a biblioteca como un bo sitio para atoparse con outros rapaces e compartir o tempo e o gusto pola lectura. 
As sesións do club, que comezará a súa andaina o vindeiro 11 de novembro, desenvolveranse os xoves de 6 a 7 da tarde. Hai que inscribirse na biblioteca municipal (Casa da Cultura) ou no teléfono 981 8484 10. Está destinado a rapaces de 5º e 6º de Educación Primaria.

Bule con Alcer: comezan hoxe as actividades

Por outra banda, hoxe, xoves 4 de novembro, comezan ás cinco e media da tarde no Centro social de Boiro as actividades inseridas no programa "Bule con Alcer", que programa a Deputación da Coruña e a Asociación de Loita contra Enfermidades do Ril xunto co Concello boirense. Estarán na inauguración o alcalde, a concelleira de Servizos Sociais e a deputada provincial Rosana Pérez.

Exposición de pinturas de Kukas, no Centro Social

O artista Marcelino de Santiago Viquera, máis coñecido como Kukas, expón pinturas no centro social dende este venres 5 de novembro. A inauguración é ás doce da mañá, co alcalde e o concelleiro de Cultura como anfitrións. Se queres saber quen é Kukas, aquí está o seu curriculum.

Antes publicamos:


Biblioteca: contacontos e club de lectura para fomentala. Os xoves


Bule con Alcer: programa aberto a enfermos crónicos

 


 

-         MAÑÁ VENRES, DÍA 5 DE NOVEMBRO, ÁS 18.00 HORAS NA SEDE DA ASOCIACIÓN DE MEXILLOEIROS DE CABO DE CRUZ (AMC), celebrarse a entrega de premios do concurso de tapas feitas con mexillón que organizou a Concellería de Turismo do Concello de Boiro, e que se desenvolveu a fin de semana pasada. Asistirá o Alcalde, Xosé Deira Triñanes, e a Concelleira de Turismo, Francisca Suárez Lijó.

 

 

Saúdos,

 

Ana Fernández Neira

Gabinete de Alcaldía

Telf. 981 847034

alcaldia@boiro.org

 

 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical