23.12.10

Ribeira: adxudicadas pavimentación e renovación de servizos nun anaco da rúa de Galicia na cidade e de Braña da Area en Aguiño


A rúa de Galicia fíxose peonil durante este ano 2010

Ribeira, 23 de decembro de 2010.- O Concello acaba de adxudicar provisionalmente novas actuacións de pavimentación e renovación de servizos en dous puntos do municipio: por unha parte, no tramo final (entre a Praza da Concordia e a rotonda de Padín) da rúa de Galicia, antes General Franco, e na travesía de Padín, ambas localizadas en Santa Uxía, e por outra parte, na rúa Braña da Area na parroquia de Aguiño.

A actuación da rúa de Galicia, que está adscrita ao Plan de Obras e Servizos (POS 2010), foi adxudicada a Obras y Viales de Galicia (Oviga) despois de ser licitada por un prezo de 552.308,32 euros. O prazo de execución é de cinco meses.

En canto á obra da rúa Braña de Area, enmarcada dentro do POS complementario, foi licitada por 180.700,92  euros e adxudicouse a Lisardo Inversiones. O prazo de realización tamén é de 5 meses.

Suponse que logo deste amaño non acontecerán máis asulagamentos

Tramo final da rúa de Galicia e travesía de Padín

Polo que respecta ao tramo final da rúa de Galicia, á renovación de servizos municipais consistirá en:

   1. Auga: Cambiaranse as tubaxes existentes por outras de fundición dúctil
   2. Saneamentos fecais: anularase o colector central existente e colocaranse dous colectores de PVC, un en cada beira da rúa.
   3. Saneamentos pluviais: disporase  polo centro da rúa un colector de PVC corrugado e construiranse sumidoiros sifónicos a ambos lados da calzada.
   4. Alumeado: Disporanse puntos de luz en brazos acaroados ás fachadas cada vinte metros. Substituirase toda a rede aérea por canalización enterrada.

En canto á travesía de Padín:

   1. Auga: cambiaranse as tubaxes existentes por outras de polietileno de alta densidade.
   2. Saneamentos fecais: disporase dun colector de PVC liso.
   3. Saneamentos pluviais: colocarase un colector de PVC corrugado e construiranse sumidoiros sifónicos no centro da rúa.
   4. Alumeado: disporanse puntos de luz en brazos acareados ás fachadas cada 27 metros. Tamén se cambiará toda a rede aérea por canalización enterrada.

Tamén se prevé  no proxecto a substitución das redes aéreas de telefonía e electricidade por canalizacións enterradas. Polo que respecta á  pavimentación, na rúa de Galicia manterase a ordenación actual, polo que se conservará un carril de circulación de vehículos de 3,75 metros de ancho e unha banda de aparcamentos en liña de 2,25 metros de anchura.

No que se refire á pavimentacións de beirarrúas e outras áreas peonís, empregaranse lousas de granito abuxardado de 60x40x4 para harmonizar o espazo coas rúas colindantes. Tamén se instalará  un sistema soterrado de almacenamento de residuos formado por catro contedores con capacidades mínimas de 1.100 litros.

O mobiliario proxectado está formado por bancos e xardineiras de madeira tratada. Contémplase ademais a construción de alcorques cadrados cada 20 metros na banda de aparcamento en liña para diminuír o impacto visual dos vehículos estacionados.

Rúa Braña da Area en Aguiño

No que atinxe á  rúa Braña de Area, as obras a realizar inclúen a montaxe de tubaxes para abastecemento de auga, saneamento de fecais e drenaxe de pluviais, a instalación de conducións soterradas para o alumeado, a colocación de báculos e luminarias, a pavimentación con aglomerado asfáltico e a pavimentación de beirarrúas con baldosa hidráulica.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: o Psoe ve confirmadas as súas denuncias ao certificar o Valedor do Pobo no seu último informe irregularidades nas oposicións do Sergas

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2010. O portavoz da Área Institucional do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage, vén de presentar unha pregunta urxente ao goberno galego para o seu debate no pleno do parlamento despois de que o Valedor do Pobo veña de recoñecer no seu último informe “que durante casi tódalas fases das oposicións do SERGAS houbo incumprimentos e irregularidades”. O informe pódese ler na páxina do Valedor, aquí

Lage Tuñas considera “nauseabunda en termos políticos” a actuación da conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, “ao ter negado a existencia de denuncias e manter que todo era correcto, decindo que non había irregularidades”, pero vai máis arriba pedindo responsabilidades, ao dicir que “penso que Feijóo amosou unha gran falta de respecto cara a centos de opositores que viron cuestionada a imparcialidade, a igualdade de oportunidades e a limpeza nos procesos selectivos do SERGAS”.

Lage Tuñas pide a Núñez Feijóo que cese á Directora Xeral de Recursos Humanos do Sergas, “porque faltou gravemente á verdade ao decir que non se rompera a cadea de custodia dos exames, cando hoxe está probado polo Valedor do Pobo que si se rompeu e que ademais non houbo control de ningún tipo sobre a sala de impresión dos exames”. O deputado outiense cre que o Presidente da Xunta debe cesala "polos graves feitos descubertos nas oposicións do sergas e confirmados polo Valedor do Pobo, porque se rompeu a igualdade de oportunidades e houbo persoas que xogaron con vantaxe”. Lage di que o presidente da Xunta actual "esqueceu as súas promesas de rexeneración, ampara co seu silencio a baltarización do Sergas ao permitir irregularidades que outorgan situación de vantaxe a determinados opositores”.

O viceportavoz do PSdeG denuncia que o Presidente da Xunta “aínda non explicou porque avala a xestión das oposicións onde un opositor corrixeu o seu propio exame”. Lage Tuñas recordaba hoxe “un feito tan grave ou máis que o do propio opositor-examinador” como é que “os exames das oposicións do SERGAS imprimíronse nunha sala onde non existiu control nin vixiancia”. De igual xeito recordou hoxe que “o Valedor recibiu nos últimos meses denuncias por parte de opositores afectados e non só a denuncia do PSdeG-PSOE. Creo que esto pon na picota unha vez máis á conselleira de Sanidade xa que queda ao descuberto que sí houbo denuncias e non rumores como ela afirmaba”.

O deputado do PSdeG lamenta que o PP “intentara ningunear ao Valedor do Pobo negando as irregularidades postas de manifesto polo Alto Comisionado. Despois tiveron que rectificar pola vía dos feitos e recoñecer o tirón de orellas. Só queda que asuman as responsabilidades políticas derivadas das citadas irregularidades”.

Novas sobre o mesmo asunto publicadas antes en Certo, aquí

Relacionada:
Política: Ruiz Rivas e Lage Tuñas, dous "látegos" premiados

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Nadal cultural aposta pola música, o cinema e a maxia. Todo no auditorio.


Rianxo, 23 de decembro de 2010. O que resta do ano 2010 e primeiros de 2011 abranguen o chamado Nadal cultural no Concello de Rianxo. Os actos programados son os seguintes:

  •  FESTIVAL DE NADAL da Escola de Música de Rianxo            

            LUGAR: Auditorio de Rianxo
            DÍA: domingo 26 de decembro
            HORA: 12.00

  •  FESTIVAL DE NADAL da Asociación Cultural Vai de Roda de Rianxo           

            LUGAR: Auditorio de Rianxo
            DÍA: domingo 26 de decembro
            HORA: 19.30

            Web de Vai de Roda: http://vaideroda.org

  •  PROXECCIÓNS DE CINE INFANTIL
            LUGAR: Auditorio de Rianxo
            DÍA: martes 28 de decembro e martes 4 de xaneiro
            HORA: 11.30
  •  ESPECTÁCULO DE MAXIA INFANTIL A CARGO DO RIANXEIRO ALÁN GOLIAS


            LUGAR: Auditorio de Rianxo
            DÍA: xoves 30 de decembro
            HORA: 11.30

  •  CONCERTO DE ANINOVO A CARGO DA BANDA DA ESCOLA DE MÚSICA DE RIANXO
            LUGAR: Auditorio de Rianxo
            DÍA: domingo 2 de xaneiro
            HORA: 19.30

A retirada de entradas será unha hora antes do comezo das actuacións, por rigorosa orde de chegada e ata completar aforo (300 butacas).

Para máis información poden consulta a páxina web www.rianxo.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: Editorial Volta, unha nova aposta editorial galega

Barbanza-Noia, 23 de decembro de 2010. Acaba de constituírse unha nova editorial galega, chamada Volta. Segundo os seus promotores, os ferroláns Pablo Portero e Fernando Fernández Rego, dous vellos coñecidos de Certo polas súas facetas cinematográfica e de analista musical respectivamente, "xurde coa idea principal de cubrir baleiros existentes no mundo editorial galego, dende a parte do mundo audiovisual sen poñernos límites ata o mundo da banda deseñada, a narrativa, música, o cinema, a fotografía e demais manifestacións artísticas".

O seu primeiro lanzamento é o cómic "O regreso do caralludo Sr. Mundo", unha historia composta polos debuxos de Alfonso Martínez e guionizado por Nathan Carter e Juan Junquera, do cal se pode ler a sinopse aquí.

“Atopámonos ante unha obra única dentro da banda deseñada galega. O primeiro que chama a atención é a coidada presentación, propia dunha edición conmemorativa, de coleccionista. Un acabado de luxo que responde á propia natureza do produto, un traballo xestado ao longo de moitos anos de traballo tanto de concepción, guión como de deseño artístico", explican.

O seguinte lanzamento da editorial será "Composteland", un álbum fotográfico realizado en Santiago de Compostela durante 2009 e 2010 por Pablo Portero, con 150 imaxes a cor que retratan unha parte da cidade do Apóstol distinta á que sae nas postais. A continuación, tamén como lanzamento, sairá "Story", do mesmo autor, que se configura como novela, ensaio e libro acerca do guión e o mundo do guionista. En parte é unha homenaxe a un dos máis afamados mestres de guion, o californiano Robert McKee.
Tamén está xa en periodo de lanzamento "Blues From a Gun: Secuencias Interiores", de Fernando F. Rego. Trátase dun percorrido  a través do relato e a poesía "sobre as rexións máis escuras e evocadoras da nosa mente", segundo sinala o seu autor.

Obxectivos de Volta Editorial

Segundo explican na súa web, Volta Editorial funciona como catalizadora da creación cultural: "somos creadores de obxectos culturais que desprenden un aroma artesanal, ese recendo que teñen as cousas feitas coas mans con plena dedicación e cariño. Somos editores, si, pero por riba de todo, somos autores".
Gústanlles os libros visuais "e as imaxes que poidan condensar mil palabras distintas, porque queremos que os nosos che gusten a ti, e non á maioría. Temos que confiar no creador, que é o artista, e que á súa vez deposita a súa confianza en nós, porque este é o noso traballo nesta empresa. Sacar á luz produtos culturais de calidade, respectando ao autor, que sexan rendibles para todos e que ademais se movan nunha esfera de inquietude, creatividade e paixón, relacionada co cine, a literatura, a música, o audiovisual, a fotografía e tantas e tantas paixóns compartidas".

Se es creador e cres que compartes estes obxectivos, os seus datos de contacto están na súa páxina web http://www.voltaevolta.com.
 
Se queres facer un agasallo por calquera motivo e cres que á agasallada lle interesesan produtos culturais novidosos, o catálogo de Volta Editores está aquí.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o venres 7 de xaneiro preséntase "Alpabarda", o novo cd de Inllorfeis, nun concerto solidario

Download now or preview on posterous
cruzroja2.pdf (1717 KB)

Ribeira, 23 de decembro de 2010. O primeiro venres do vindeiro 2011, o 7 de xaneiro, terá lugar a presentación do novo cd do grupo ribeirense Inllorfeis, titulado Alpabarda. A estrea será nun concerto solidario, no que se destinará todo o recadado a fins benéficos. Acompañará a Inllorfeis, como teloneiros, o grupo Lizard Crash, que é unha banda veterana de heavy metal afincada en Ribeira.

Dende Inllorfeis, o seu líder, Abdón, agarda "que asista moito público a este primeiro concerto da nosa xira en Galicia para presentar o disco e así poder colaborar un pouco con quen máis o precisa". A organización do concerto, que terá lugar no pub Destranjis dende as dez da noite, corre a cargo de Cruz Vermella, Xuventudes Socialistas de Ribeira e o grupo anfitrión, Inllorfeis.

Relacionada:


Inllorfeis: o punk máis agresivo xurde en Corrubedo e atrona por todos lados. Máis

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o domingo 26, festival de panxoliñas na igrexa de San Xián de Laíño


O festival de panxoliñas é ás seis da tarde na igrexa de San Xián

Dodro, 23 de decembro de 2010. O vindeiro domingo, 26 de decembro, en plenas festas do Nadal, a concellaría de Cultura do Concello de Dodro organiza un festival de panxoliñas, como vén sendo tradicional, pois alcanza a terceira edición.
Desta volta celebrarase na igrexa de San Xián de Laíño, pois o equipo de goberno opina que "é o marco idóneo para esta actividade, tanto pola súa acústica, como polo seu valor artístico, así como pola capacidade para acoller a numeroso público".

"Queda convidada toda a veciñanza e quen queira achegarse para disfrutar do marabilloso marco e da música popular propia destas datas que interpretarán o coro
de Laíño e as corais de La Salle e Polifónica Padronesa", explican dende o Concello. Tamén actuará Bellón Maceiras dúo. O festival rematará cunha actuación conxunta de todas as corais interpretando unha peza clásica, o que xuntará no escenario a case 100
persoas.
Segundo a organizadora deste festival de panxoliñas, Victoria Rei, "o concello
comprácese en poder aportar unha tarde de nadal musical e contribuír a partillar
ledicia nestes días de festas e xuntanza".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

22.12.10

Ribeira: este domingo 26, partido benéfico para recadar fondos para loitar contra a esclerose múltiple

Ribeira: rematados os obradoiros de cociña de nadal e arte floral, con entrega de diplomas



Alumnado do obradoiro de cociña

Ribeira, 22 de decembro de 2010.A área de Cultura e Festexos organizou varios obradoiros dentro da programación do Nadal Cultural 2010, entre os que se atopan os de Arte Floral e Decoración e o de Cociña e Repostería de Nadal. O primeiro foi impartido por Maribel Losada e o segundo por Ana Domínguez.

No de Arte Floral, que rematou onte, participaron 24 alumnas e no de Cociña que rematará mañá están a participar 26 alumnas e alumnos, xa que aínda que as prazas eran dun máximo de 20 persoas esta área non quixo deixar a ninguén dos preinscritos fóra do obradoiro e admitiu a todos os anotados no prazo; isto é sinal da boa acollida das actividades que como novidade se introducíron este ano no programa do Nadal Cultural ribeirense.


Entrega de diplomas no obradoiro de cociña


A entrega de diplomas aos asistentes que acudisen ao menos tres das catro xornadas dos obradoiros foi realizada por parte de Luciano Fernández Martínez, que tamén entregou como agasallo un gorriño do Pai Noel serigrafiado co escudo de Ribeira e o logo do Auditorio coa lenda "Bo Nadal".



Alumnas de Arte Floral

No obradoiro de Arte Floral realizáronse todo tipo de elementos decorativos con flores secas e frescas, material de refugallo, adornos de Nadal, papeis, froitas, etc; preto dun cento de centros, ramos, camiños de mesa, coronas, nacementos... ao longo das catro xornadas de taller. Rematou onte, martes 21 de decembro, cuns doces de Nadal e cava.

O obradoiro de Cociña e Repostería de Nadal rematará mañá xoves 23 ás 21:30 h cunha degustación dos produtos realizados no propio taller, até o de agora xa realizaron todo tipo de entrantes, entremeses, primeiros e segundos pratos, postres e doces típicos destas festas, así como trucos para o correcto cocido, asado, dorado, decoración... dos distintos pratos orientados a Nadal, Aninovo e Reis.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Xosé Deira, confirmado de novo como candidato á alcaldía polos nacionalistas


Boiro, 22 de decembro de 2010. A asemblea do BNG de Boiro confía unha vez máis en Xosé Deira para encabezar o proxecto do nacionalismo en Boiro. Ademais a asemblea, segundo informou Daniel Ermo, responsable local do Bng, "valorou moi positivamente o traballo desempregado tanto polo alcalde como pola actual equipa de goberno e agarda incrementar os apoios da cidadanía para conseguir ser o partido máis votado do concello, posto que nos anteriores comicios se quedou a tan só 12 votos dese obxectivo. O BNG parte coas mellores expectativas de goberno, neste caso".

Unhas poucas louvanzas...

Para os nacionalistas boirenses, Xosé Deira "é a persoa que aglutina maiores consensos dentro da cidadanía ao tempo que representa á perfección o proxecto transformador do BNG. O noso candidato é a mellor opción porque reúne carisma, capacidade de diálogo e xestión, e non está supedidato a ningún interese económico nin persoal. Iso, xunto coa equipa que estamos deseñando, será a garantía de liderado do BNG e faranos medrar en apoio e implantación entre a cidadanía".

Os froitos de oito anos de goberno nacionalista "están á vista", aseguran dende o Bng de Boiro, "porque desde que estamos gobérnase doutro xeito: transparencia absoluta no funcionamento da administración, contacto continuo coa cidanía, control exhaustivo do gasto (uns hipotecaron o concello e outros agora pagamos) e inversións pensando nas persoas e nas clases mais desfavorecidas: galescola, centro de día, praza de usos múltiples, iniciativas locais de emprego, etc. Por iso o mandato do BNG pódese resumir en transparencia, participación e cidadanía".

...e moito optimismo electoral

Igualmente o BNG de Boiro manifesta que o actual contexto político "é moi favorábel para que a frente nacionalista entre no goberno dos catro concellos da nosa comarca e anima a todo o mundo a apoiar esta oportunidade histórica".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Patrimonio autorizou intervencións de restauración no pazo e finca de Goiáns, que comezan en 2011

Comezarase pola recuperación paisaxística da contorna, cos seus xardíns orixinais, e pola substitución dos deteriorados tellados


Os tellados, logo de tantos anos de agarda, están desfeitiños

Boiro, 22 de decembro de 2010. A Comisión Territorial do Patrimonio Histórico Galego da Coruña, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, aprobou onte martes, nunha sesión á que asistiu o alcalde de Boiro, D. Xosé Deira Triñanes, as primeiras intervencións de restauración no Pazo e a finca de Goiáns proxectadas polo goberno de Boiro. Trátase dos proxectos Recuperación paisaxística do contorno do Pazo – Torre de Goiáns e Substitución da cuberta do Pazo de Goiáns, que recollen unha serie de actuacións prioritarias para evitar, en primeiro lugar, o deterioro do edificio. Ambos proxectos, cuxa acometida se iniciará a principios de ano, unha vez que xa se conta co permiso de Patrimonio, están dotados de importantes partidas orzamentarias xestionadas polo goberno de Boiro diante doutros organismos.

Medio millón de euros para cambiar teitos

Deste xeito, e a través dunha enmenda aos orzamentos xerais do Estado para o 2011,  xa se consignou unha partida orzamentaria de 500.000 euros para executar o proxecto que inclúe a substitución da teitume de todo o inmoble, incluída a capela e os lagares. Esta primeira intervención recolle tamén a colocación de tódalas fiestras e portas, realizadas en materiais acordes co entorno, que preservarán a súa singularidade.

Por outra banda, o “Proxecto de Recuperación Paisaxística do Pazo- Torre de Goiáns” financiarase cos outros 204. 000 euros logrados da Deputación da Coruña, a través do Plan de Cooperación cos Concellos 2008 – 2011 (PCC), Esta actuación agrúpase en dous aspectos principais:

-  Tarefas de limpeza e desbroce da parcela sobre a que se centra a actuación, xa que polo paso dos anos, atópase claramente degradado. Esta actuación, que implica tarefas mecanizadas e manuais, en función da accesibilidade da zona, abarca case 48.000 metros cadrados, centrados na parte norte e sur do terreo do pazo.

- Una vez limpo e con posibilidade de acceso, acometeranse as tarefas de renovación e de recuperación dos muros perimetrais da parcela, incluídos os elementos de forxa de portas e peches menores. Na actualidade, a parcela do pazo dispón de 1.972 metros lineais de muros de mampostería ordinaria de granito, con alturas variables entre os 1,5 e os 4,5 metros cadrados, obténdose unha superficie de case 5.000 metros cadrados. Deste total, preténdese a actuación nas partes que presentan derrubes parciais, para recuperar o seu aspecto orixinal. En total se pretende a recuperación de 700 metros cadrados de muros de mampostería de granito.

O desleixo actual (imaxe deste mes de decembro) asilvestrou moito pazo e xardíns

-  Recuperación dos xardíns orixinais, de traza afrancesada, principalmente mediante a recuperación dos setos de arbustos que delimitaban as áreas axardinadas. Preténdese a recuperación de 200 metros lineais de distintos tipos de arbustos. Igualmente, xunto coa actuación nos setos dos xardíns, preténdese a recuperación das trazas orixinais dos camiños, de clara influencia nos típicos tridentes dos xardíns franceses do século XVIII, recuperando así paisaxisticamente o pazo de Goiáns, facendo posible un percorrido a pé tal e como foi definido orixinariamente.

Cómpre lembrar que, ademais destes investimentos logrados doutras administracións, o Goberno central destinou 4 millóns de euros ao Concello de Boiro para a compra do conxunto histórico, de tal xeito que non supuxo ningún desembolso ás arcas municipais do Concello, aclaran dende o equipo de goberno.

Antes publicamos:


Pazo de Goiáns: xa é público. Discurso do alcalde

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical