16.6.11

Ribeira: o Psoe leva ao Parlamento o conflito do instituto de Coroso

PNC-Coroso-centro intregrado-xuño 2011--.pdf------.pdf Download this file

  • Os socialistas apoian ao alumnado na súa petición de supresión escalonada do Bacharelato e ESO e defenden as súas protestas defendendo medidas "moi sensatas"
  • Lage Tuñas apoia o Centro Integrado en Coroso-Ribeira, "pero con planificación, pois hai improvisación. Parécenos un erro grave de Educación"
Media_httpfarm4static_aupkl

Ribeira, 16 de xuño de 2011. O deputado e portavoz da área institucional do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE, José Manuel Lage Tuñas vén de presentar unha iniciativa na cámara galega co obxecto de pedir que “a creación do centro integrado de Coroso se faga sen perxudicar ao alumnado de ESO e Bacharelato, con planificación e de forma escalonada”.

Lage Tuñas recorda na súa iniciativa que “estamos a falar dunha decisión tomada con nocturnidade e alevosía, comunicando aos centros que simplemente se estaban a estudar unha posibles decisións cara ao futuro, pero sen precisar nunca que xa serían tomadas este ano. Mesmo se indicaba ás direccións dos mesmos que seguiran cos procedemento habituais destas datas como se nada fora a cambiar no curso 2011-12.”

Os distintos centros educativos galegos afectados por esta medida teñen iniciado xa a formalización da matrícula cara o curso 2011-2012, de forma que as nais e pais do alumnado daban por feito a continuidade dos seus fillos e fillas nos propios centros onde hoxe en día cursan os seus estudos.” explica Lage Tuñas.

O deputado do PSdeG recorda que “os departamentos dos centros educativos tiñan tomada, por exemplo, as decisións sobre os libros de texto do curso vindeiro e cuxos listados, nalgúns dos centros, xa foron postos en moitos dos casos á disposición dos equipos directivos e xa eran do coñecemento das nais e pais.”

Lage Tuñas engade que “tanto claustros, como equipos directivos e alumnado, están volcados coas tarefas propias de fin de curso e non parece que este cometido debera ser alterado por unha decisión da importancia para a comunidade educativa que se tenta acometer nestas sinaladas datas.”

O portavoz socialista di que “o calendario escollido pola Xunta de Galicia para acometer esta decisión só pode entenderse dende a decisión de actuar ás costas das distintas comunidades educativas afectadas, sen contar para nada coas súas achegas, e dun efecto calculado ao deixar pasar en primeiro lugar as eleccións municipais, para evitar unha máis que posible influenza adversa, e para achegarse, como estratexia que por desgraza repítese cada ano, aos meses de verán para provocar a desmobilización do conxunto de sectores da comunidade educativa afectados.”.

Ademais, detrás desta decisión ocúltase unha clara supresión de prazas públicas na E.S.O. e no Bacharelato que sen dúbida irá en contra da calidade educativa, e que os propios sindicatos están a calcular entre 150 e 200 prazas docentes que corren grave risco de ser amortizadas, por non falar do número de postos escolares que se reducen no ensino público e que provocarán, no mellor dos casos, un incremento da masificación das aulas.

Dende o Grupo Parlamentario Socialista, estimamos conveniente a suspensión da decisión tomada e aprazar a mesma cando menos ata o vindeiro curso, de forma que a sociedade galega representada no Consello Galego de Formación Profesional, a Mesa Sectorial, os Consellos Escolares Municipais, os Consellos Escolares dos centros afectados, en definitiva, que o conxunto das comunidades sexan escoitadas e que as decisións que posteriormente se tomen conten co maior grao de consenso posible e sempre tendo en conta a singularidade de cada centro.” Lage Tuñas defende na súa iniciativa “iniciar un proceso participativo, claro, transparente e de consenso que contemple a singularidade de cada centro, que conte coa participación das distintas comunidades educativas dos mesmos e co conxunto dos órganos de representación implicados, nomeadamente os Consellos Escolares Municipais, o Consello Galego de Formación Profesional, o Consello Escolar de Galicia e a Mesa Sectorial Docente.”


Coroso-Ribeira será un centro integrado, sempre o defendemos os socialistas, pero non se pode actuar por atrás e a última hora tal e como acaba de poñer de manifesto o propio alumnado do centro educativo”.


Antes, en Certo:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: o Psoe denuncia a falsa austeridade do goberno Feijóo, que aínda non disolveu Sodeco logo de case tres anos

64236-POC SODECO.pdf Download this file

  • Sodeco (Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal) encargábase dos chiringuitos das Fundacións Comarcais, que tampouco foron disoltas no bipartito
  • Aprobáronse dúas leis no Parlamento para extinguila, e non se cumpriron
  • O Psoe afirma que o peche de Sodeco confirma "o fiasco" da comarcalización na que o PP investiu millóns de euros en 15 anos
  • Lage Tuñas argumenta que Feijóo "cunha man fai publicidade e propaganda dunha falsa austeridade e coa outra bótalle de comer financieiramente a esta sociedade mercantil"

Sodeco foi un invento de Manuel Fraga e o integrante do Opus e catedrático de Xeografía Humana Andrés Precedo Ledo. Fraga propugnara durante un tempo a administración única e acabou facendo un nivel máis de administración, pois con Sodeco xa eran catro (central, autonómico, municipal e comarcal)

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2011. O portavoz de Area Institucional do Grupo Parlamentario Socialista Jose Manuel Lage Tuñas interveu hoxe na Comisión 1ª do Parlamento para interpelar á Xunta sobre os motivos polos que o Goberno de Alberto Núñez Feijoo non disolve a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia (SODECO), tal e como contemplan dúas lei do parlamento de Galicia, unha do ano 2008 patrocinada polo goberno Touriño e outra ben recente como foi a lei de orzamentos aprobada en decembro de 2010.

Lage Tuñas destapou hoxe na comisión que a Xunta de Galicia “ autorizou un convenio coa SODECO con vixencia ata o 15 de decembro de 2011, o que deixa en evidencia a publicidade e propaganda dos plans de racionalización e a disolución de chiringuitos. Neste caso sigue vivito e coleando, con financiación para o ano 2011”.

Alí denunciou que “Feijoo cunha man fai unha cousa (publicidade e propaganda) e ca outra segue alimentando financieiramente a esta sociedade”, algo que contradí o “os seus anuncios publicitarios sobre a austeridade”.

O deputado socialista preguntoulle con claridade si o Goberno de Feijoo ten pensado disolver SODECO, e o Director Xeral asegurou na súa resposta que aínda non teñen tomada ningunha decisión.

Lage afirmou que “estamos diante dunha farsa e a Feijoo caéuselle a careta, porque aquí hai unha proba evidente de que non disolveron esta sociedade e xa levan dous anos gobernando”, sobre as súas promesas de racionalizacións da administración autonómica.

Lage Tuñas lembrou que dentro do teórico plan de “racionalización” da Administración autonómica e xunto á extinción das 34 fundacións comarcais, a Lei de Acompañamento de decembro do 2010, prevé tamén, como xa proxectara o anterior goberno, a “disolución” da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia (SODECO) e a integración dos seus cometidos na Axencia Galega para o Desenvolvemento Rural (AGADER).

Todo quedou nun brindis ao sol xa que a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal (Sodeco) conta en 2011 cun importante orzamento, concretamente, 7,1 millóns. A propia consellería de Medio Rural transferirá ao longo de 2011 a Sodeco, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural un total de 3,1 millóns de euros.”

E agora a maiores podemos comprobar que no Consello da Xunta de Galicia do 17/03/2011 autorizou un convenio coa Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia (SODECO) por un importe de 438.291 euros e con vixencia ata o 15 de decembro de 2011. U-la disolución da SODECO” explicou Lage Tuñas na comisión parlamentaria.

O deputado do PSdeG afirma que “esta decisión contradice unha vez máis os reiterados compromisos de “racionalización” por parte do Sr. Conselleiro da Presidencia, e pon en entredito tódolos anuncios propagandísticos que leva facendo ao longo dos últimos dous anos.”

Durante os ano 2009 e 2010, o goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo cansouse de anunciar en repetidas ocasións a disolución da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal (Sodeco).”

O conselleiro da Presidencia anunciou ao longo da lexislatura varios plans de racionalización da administración, coa eliminación das fundacións comarcais e da sociedade para o desenvolvemento comarcal.”

No debate dos orzamentos para o ano 2011 volveu o Sr. Rueda a anunciar unha vez máis a disolución da Sodeco, que xa quedará autorizada por lei a finais do ano 2008.”

Lage Tuñas afirma que “a desaparición da SODECO será o certificado do fiasco que supuxo a lei de comarcalización de Galicia patrocinada polo Partido Popular fai 15 anos”.

Un auténtico fiasco e que supuxo un importante despilfarro económico. A lei de comarcalización e a creación do Sodeco son responsabilidade exclusiva do Partido Popular e dos respectivos gobernos da Xunta de Galicia ao longo dos ano 90, no século XX, e tamén a comezos do século XXI. Seguramente o feito de ter que recoñecer un estrepitoso fracaso está facendo que os actuais gobernantes remoloneen e non cumpran cos acordos existentes.”

O goberno galego está incumprindo a legalidade vixente e non está procedendo á disolución dos organismos contemplados na mal chamada Lei de de Desenvolvemento Comarcal de Galicia.”

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

15.6.11

Rianxo: este xoves 16 preséntase en Santiago o libro sobre o grupo de teatro "Airiños"

Airios_libro

  • O recente Premio Max de Teatro ao mellor texto dramático en galego por "Shakespeare para ignorantes", o ribeirense Quico Cadaval, é un dos mestres de cerimonia na presentación

Rianxo, 15 de xuño de 2011. Mañá, xoves 16 de xuño, preséntase o libro de ''Airiños'' na libraría Couceiro de Santiago ás 8:30h. Con participación de Esther F.  Carrodeguas, Quico Cadaval, Xesús Santos e Carlos Gey.

O libro tamén se pode adquirir en distintos establecementos como ''Estanco Xacobiño'' e ''Peluquería Pelos'' de Asados, ou na libraría ''Andaina'' en Rianxo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: o Psoe denuncia que a Xunta despilfarrou 3 millóns de euros en publicidade mentres suprime o seguro colectivo

interpel seguro mar.PDF Download this file

  • A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira envioulle unha mensaxe á Conselleira para que non se fíen dos que aplauden as súas políticas, xa que advertiu que hai algún representante do sector nos que os Tribunais de Xustiza sinalan que foron elixidos de maneira ilegal, e mesmo a sentencia acusa a Consellería do Mar de non cumprir a lei
  • Denunciou quere a Xunta quere facer lanchóns para a extracción de áridos, despois de rexeitar a defenestrada idea de facer unha Goleta de 2 millóns de euros.
Media_httpfarm5static_jjhmf

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2011. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, interviu hoxe no Pleno da Cámara para reclamar explicacións sobre as consecuencias da supresión do seguro colectivo de accidentes no mar e as actuacións previstas pola Consellería do Mar ao respecto. Alí denunciou que a Xunta deixa desprotexidas a 30.000 persoas e, co aforrado, quere facer lanchóns para a extracción de áridos, despois de rexeitar a defenestrada idea de facer unha Goleta de 2 millóns de euros. Ademais lembrou a peregrina proposta do Presidente de Portos de Galicia, en campaña electoral, na que asegurou que ía construír un Porto en Cereixo (Vimianzo), Soneira dixo que “desde a época dos fenicios non subiu barco algún por aquela parroquia”.

Afirma que o suposto aforro da Xunta coa supresión deste seguro malgastouno a Consellería do Mar en campañas de publicidade, xa que denuncia que leva gastado mais de 3 millóns de euros en comprar vontades nos medios de comunicación. A deputada tamén fixo alusión aos resultados electorais “na Comarca da Costa da Morte foi o único sitio de Galicia onde o Partido Popular baixou en votos”.

Na súa intervención envioulle unha mensaxe á Conselleira para que non se fíen dos que aplauden as súas políticas, xa que advertiu que hai algún representante do sector  que os Tribunais de Xustiza sinalan que foron elixidos de xeito ilegal. E lembra que as sentencias “acusan a Consellería do Mar de non cumprir a lexislación”, espetou.

A deputada socialista lembrou que o Seguro Colectivo de Accidentes no Mar cubría aos  tripulantes galegos de calquera embarcación pesqueira, debidamente enrolados e con independencia do seu abandeiramento, así como os mariñeiros non galegos que cotizan no Réxime Especial do Mar da Seguridade Social, incluídos no TC2 dun buque pesqueiro con porto base en Galicia.

Dixo que o seguro comprendía as mais de 5000 mariscadores a pé, con autorización da Consellaría de Pesca, no desempeño lícito da súa actividade; traballadores de viveiros flotantes radicados na nosa Comunidade Autónoma; e persoal da Cruz Vermella de Galicia cando actuasen en tarefas de rescate e salvamento no mar nas nosas augas.

Decisión carente de lóxica

Asegura que o Goberno de Feijoo, nunha decisión carente de toda lóxica e dos máis mínimos principios de solidariedade para con un dos colectivos que, potencialmente, desempeña unha das profesións de máis alto nivel de risco, decidiu anulalo en aras a unha mal entendida austeridade. O argumento ofrecido pola Xunta sinalaba que, dada a obrigatoriedade de subscribir unha póliza de responsabilidade civil por parte dos armadores con porto base en Galicia, as tripulacións xa estaban cubertas diante de posibles accidentes. Incluso se chegou a afirmar que unha parte dunha póliza concreta, sería subvencionada pola Consellería do Mar.

Soneira advirte que a Xunta esquecíase de que non tódalas persoas que traballan no mar están enroladas en embarcacións con porto base en Galicia, ou que, incluso, algunhas delas nin sequera necesitan estar enroladas en ningunha embarcación para desempeñar o seu traballo no mar. E, sobre todo, a Xunta de Galicia esqueceuse dun colectivo importante de galegos que están enroladas en barcos abandeirados noutros países, que non están suxeitos á lexislación española nin galega.

Onte, en Certo:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: agardan uns 300 participantes no Día da Bici deste domingo 19 de xuño

Ribeira, 15 de xuño de 2011. O novo concelleiro de Deportes e Atención Cidadá de Ribeira, Juan Luis Martínez Queiruga, estreouse hoxe no seu primeiro acto público como edil coa presentación da xa tradicional Día da Bici: unha actividade que, en verbas do propio cargo municipal, é unha herdanza do traballo do anterior Equipo de Goberno, razón pola cal quixo felicitar ao respecto ao seu antecesor Miguel Ángel Vidal Tomé. 

Para falar dos pormenores do acontecemento, programado para este domingo día 19 de xuño, tamén estiveron presentes sendos representantes da peña Saltamontes –Juan Santos- e do Club Cicilista Ácido Láctico –Lolo Paisal-, así como o técnico municipal Miguel Ruiz. Martínez Queiruga desculpou a presenza dun representante da peña ciclista Tahúme, entidade que tamén forma parte da organización do evento ao igual que tenda de bicicletas especializada Sportbike, que colabora con premios. 

O edil municipal quixo destacar o bo momento que está a vivir o deporte da bicicleta en Ribeira, como se demostra polo feito da existencia no municipio de ata tres peñas ou clubs ciclistas que reúnen entre eles a máis 200 integrantes, tanto afeccionados como federados.  

Ademais, manifestou que con esta proba o Concello quere  fomentar o uso habitual dun medio de transporte tan saudable e sobre todo ecolóxico como é a bicicleta, especialmente nos desprazamentos de proximidade. 

Prazo para anotarse ata o venres 17. Agasallo seguro dunha camisola

A día de hoxe xa hai 150 persoas anotadas na proba e a organización aspira a alcanzar os 300. As inscricións pódense facer a través da páxina web www.riveira.com. O prazo para anotarse expira ás 13 horas do 17 de xuño, e aqueles que así o fagan recibirán unha camiseta conmemorativa de agasallo. 

Miguel Ruiz foi o encargado de explicar o programa do día: 

  • De 10.00 a 10.45 horas, retirada de dorsal no punto de saída na Praza de España.
  • Ás 11.00 horas, saída e volta polas rúas do centro de Riveira.
  • Ás 11.15 horas, retirada dos máis pequenos na Praza de España e o resto do grupo inicia o camiño cara á parroquia de Aguiño.
  • 11.45 horas, chegada a Aguiño e avituallamento.
  • 12.10 horas, saída de Aguiño cara a Ribeira.
  • 12.45 horas, chegada á Praza de España
  • 13.00 horas, sorteo.

A organización quere facer tamén unha serie de recomendacións: 

  • Intentar levar a bici nas mellores condicións posibles
  • Ser puntuais
  • Non adiantar o coche de cabeza
  • Facer caso das indicacións das persoas da organización
  • Non interrumpir nin acelerar a marcha normal do grupo
  • Non invadir o carril contrario
  • Non utilizar as beirarrúas como vía
  • Non entender esta actividade coma unha competición, é un paseo

Ao final do percorrido sortearase entre os participantes distinto material deportivo e unha bicicleta doada pola tenda Sportbike. 

A idade mínima que a organización propón para poder facer o percorrido é de 8 anos. Aqueles rapaces que sexan menores desta idade, ou que os seus pais non os vexan con forzas para poder facer todo o camiño, poderán participar nun percorrido menor polas rúas de Ribeira.  O uso do casco é obrigatorio.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: este domingo, 19 de xuño, festival de fin de curso da escola de música

Logotipo_3


Lousame, 15 de xuño de 2011. A Asociación Cultural Prudencio Romo (Banda de Lousame) e a Concellería de Cultura do Concello de Lousame organizan para este domingo 19 de xuño o festival de fin de curso da Escola de Música de Lousame ás 8 da tarde na Casa de Cultura de Portobravo. 

A Escola de Música de Lousame remata con este festival as súas actividades no curso 2010/2011, cun balance moi satisfactorio tanto en canto a número de alumnos, xa que se acadaron os 50 alumnos, como na calidade da ensinanza e a mellora da formación musical, como se verá reflectido no debut da Banda infantil e xuvenil da Escola de Música de Lousame que se producirá neste festival. 

Ampliación de plantilla para o vindeiro curso

No próximo curso 2011/2012 vaise incrementar o plantel de profesores coa incorporación dun profesor de trompeta que xunto cos outros que imparten clase (flauta, oboe, clarinete, saxo, trompa, vento metal grave e percusión) cubrirán todo o abano de instrumentos dunha banda de música.  O prazo de matrícula será en setembro e pódese solicitar información no teléfono da banda (676982604) ou por correo electrónico (banda@concellodelousame.com).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

14.6.11

Rianxo: este venres, 17 de xuño, seminario de ximnasia abdominal hipopresiva

Disque aumenta a libido e tonifica os órganos sexuais, á parte de outras múltiples vantaxes

Rianxo, 14 de xuño de 2011. Este vindeiro venres, 17 de xuño, vai ter lugar no pavillón de Rianxo o primeiro Seminario de Reprocessing Soft Fitness, chamada sen anglicismos ximnasia abdominal hipopresiva. O seminario comeza ás oito e media da tarde e está destinado a todo tipo de público. Dura hora e media e ten un custe de 35 euros. Vai ser impartido polo licenciado en Actividades Físicas David Palleiro, que é experto nesta novidosa técnica que, a xulgar polo vídeo, tanto se asemella ás ancestrais ximnasias dos vellos faquires hindúes, que buscaban con ela masaxear os órganos internos e manter a raia ás tentacións.

Para inscribirse e informarse hai que acudir á piscina municipal de Rianxo (Teléfonos: 981860086/628349396) ou ao Servizo Municipal de Deportes (981.86.63.81).

Que é o Reprocessing Soft Fitness?

É un conxunto de técnicas posturales hipopresivas rítmicas e técnicas de xestión emocional asociadas á práctica fisico-deportiva fásica, realizadas coa finalidade de:

    * Normalizar a postura (prevención de lesións articulares e musculares.
    * Normalizar as variacións de presión abdominal durante o esforzo (prevención de lesións funcionais viscerais).
    * Normalizar o esquema emocional (mellorar problemas como a dificultade de concentración, trastornos do sono, tensión da competición, etc.).
    * Ter unha acción positiva durante o esforzo.

Non poden facer este seminario:

    Persoas hipertensas ou que tomen medicamentos para a tensión. Importante a tensión diastólica (normal 70-80 ml/hg).

    Embarazadas, aínda que 2 semanas antes de dar a luz é recomendable facer as posturas sen ser exercicios ritmados.

    Antes de deitarse, xa que incrementa o metabolismo.

    Despois de comer

    Sen antes ir ao baño (pis)

Beneficios

Reduce até un 10% a cintura en relaxación

Aumenta o ton da faixa abdominal

Reduce lumbalxias e pubalxias

Mellora o ton do chan pélvico

Mellora problemas tan importantes como a incontinencia urinaria, caida de órganos (prolapso) e disfuncións sexuais.

Mellora das curvaturas das costas aumentando o confort postural.

Aumenta a dopamina (pracer, sociabilidade, gozo e motivación para realizar certas actividades)

Aumenta a serotonina (benestar, estado de ánimo, rexeneración hepática, regulación da hormona do crecemento).

Incide positivamente sobre a dismenorrea ou menstruación dolorosa

Mellora o estrinximento (o que se chama en publicidade de produtos lácteos "a regularidade intestinal")

Mellora a arritmia cardíaca

Alteracións da  libido

Ansiedade

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: este xoves 16, obradoiro de astronomía; o venres 17, saída nocturna para ver estrelas e o sábado, romaría no San Ramón con "A Chungatrona"

Cartel_2

  • Son actividades programadas pola asociación de pais "Loureda", do colexio do Castro
Media_httpfarm4static_gjckc

Haberá que agardar unha noite despexada para poder ver estrelas, planetas e satélites

Boiro, 14 de xuño de 2011. A APA Loureda organiza esta semana tres actividades, a cal máis interesante:

Xoves 16 de xuño

Obradoiro de Astronomía sobre as estrelas. En  colaboración coa Dirección do Centro,  ás 12:15h. no C. STª Mª do Castro, charla- conferencia para todo o alumnado do Centro sobre introducción á Astronomía: As estrelas e os planetas.

Venres 17 de xuño

Parte práctica do obradoiro do día anterior, cunha saída nocturna para ver as estrelas e poñer en práctica o escoitado na conferencia. Ös asistentes, á parte de entregarlles material práctico, poderán observar as estrelas e os planetas a través de telescopios.  Nesta ocasión, a actividade está dirixida tanto para pais/nais coma para os rapaces. As persoas interesadas en participar na actividade deben apuntarse na conserxería do Centro (data límite xoves 16 ás 13:00h).  Os menores deben ir acompañados dun adulto 

Sábado 18 de xuño

Terá lugar a romaría de socios que se recuperou e que se pretende que perdure no tempo, dado que é un día de ocio onde as familias poden convivir durante unhas horas de xeito divertido.

Programa da romaría:

          o 12:30h   Xuntanza e apertura da romaría na área de San Ramón

                              .. Actuación de Peter Punk “A Chungatrona”

          o 14:00h.  Xantar campeiro
          o 16:00h.  Actividades:

                              .. Ruta

Media_httpfarm5static_fbacf

Xogo da chave en Noia

                              .. Xogos cooperativos e tradicionais: Chave, corda, pano, brilé, trompos, etc

      As persoas interesadas en participar na actividade deben apuntarse na conserxería do Centro (data límite xoves 16 as 13:00h). Parte do custe do obradoiro, coma da actuación da romaría (Rede Cultural) están subvencionadas pola Deputación da Coruña.         

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: a denominación protexida "Mexillón de Galicia" querélase contra unha empresa de Mos por fraude

Media_httpfarm5static_fmbvb

Auténticos "mytilus galloprovincialis" servidos nunha tapa premiada en Boiro

Barbanza-Noia, 14 de xuño de 2011. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia, dando continuidade á campaña contra o fraude ao consumidor e de defensa da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia (que implicou non hai moito tempo a unha conserveira de Rianxo), vén de presentar unha querela criminal, que foi admitida a trámite polo Xulgado de Instrucción de O Porriño, contra os representantes legais da empresa Thenaisie-Provôté, con sede en Mos, por comercializar mexillón foráneo como 'Mejillones de las Rías Gallegas'. Esta é a segunda querela que presenta o Consello Regullador contra unha conserveira por este mesmo motivo.

As mostras foron adquiridas aleatoriamente nun establecemento comercial baixo presencia notarial. Nas análises realizadas polo Laboratorio do Departamento de I+D+i do Consello Regulador identificouse que nas mostras comerciais compradas da marca
"Grandes Hoteles", da conserveira Thenaisie-Provôté, había latas nas que o 100% do seu contido correspondían a unha especie de mexillón "totalmente allea a Galicia". Co fin de garantir a imparcialidade e independencia das análises ante a Administración de Xustiza, optouse por realizar novas analíticas nun laboratorio externo, remitindo mostras ao Grupo de Investigación Xenomar do Departamento de Bioloxía Celular e Molecular da Universidade de A Coruña. Os resultados das súas análises determinan que de cinco latas, a totalidade (100%) dos mexillóns envasados en dúas latas contiñan individuos do xénero "Perna Spp" totalmente alleo a Galicia. A especie existente en Galicia é "Mytilus galloprovincialis", e os individuos encontrados nas latas de "Grandes Hoteles", non só non corresponden á mesma especie, senón que son dun xénero taxonómico distinto.
A querela criminal, admitida a trámite polo Xulgado de Instrucción do Porriño, indica que os feitos atópanse tipificados no Código Penal, nos seus artigos 282, que protexe os dereitos dos consumidores e a transparencia dos mercados, e no artigo 275, que protexe un dereito de propiedade industrial da titularidade do Consello Regulador, ao abeiro do disposto no vixente Regulamento da DOP e no propio artigo 13 do Regulamento (CE) 510/2006 de protección das DOP. Neste caso, Thenaisie-Provôté comercializa un producto e o publicita falseando características esenciais como é a especie de mexillón envasado e a súa orixe. Porén, a empresa xera un prexuízo ao conxunto dos consumidores, que pensan que están adquirindo Mexillón de Galicia cando en realidade están a recibir outra caste de xénero de bivalvo, de moi inferior calidade e que nin siquera é do xénero mytilus. Así mesmo está a facer unha competencia ilegal e a perxudicar a meirande parte das empresas transformadoras, que honestamente están a envasar mexillón 100% galego.

A querela tamén considera que a empresa incurre no delito tipificado no artigo 275 do Código Penal, que protexe o dereito da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia para diferenciar o mexillón cultivado, elaborado e transformado en Galicia. Neste caso, Thenaisie-Provôté, coñecedora do valor da DOP Mexillón de Galicia, comercializa intencionadamente un producto foráneo coma se fose cultivado en Galicia.

A campaña vai seguir

O obxectivo que procura o Consello Regulador coas accións desta campaña é protexer os dereitos da sociedade en xeral e do consumidor en particular, e a defensa dos intereses das empresas e dos profesionais que viven do Mexillón de Galicia. "O prestixio e notoriedade do mexillón galego obrigan ao propio sector e á administración a garantir que o produto que chegue ao mercado identificado coma tal corresponda realmente ao molusco cultivado nas rías galegas, combatindo fraudes e falsificacións que non fan máis que prexudicar a consumidores, productores e transformadores, así como á imaxe de Galicia como cultivadora de primeira orde mundial deste molusco", aseguran dende o Consello Regulador, que continuará coa campaña de revisión do etiquetado, en especial ás mencións incompatibles coa DOP Mexillón de Galicia (Rías Gallegas, de las rías, etc). Así mesmo, seguirá a denunciar calquera fraude que detecte nos que as indicacións do etiquetado non se corresponda co contido envasado.
No caso de existir algún indicio ou evidencia de que algunha outra empresa esté envasando producto foráneo como se fose do cultivado nas Rías Galegas, aproveitándose do prestixio do mexillón galego, o Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia seguirá loitando contra estas prácticas fraudulentas. A DOP é a única garantía de que os consumidores están a mercar un producto 100% galego.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: composición do goberno municipal recén constituído. Doce concellerías e catro tenencias de alcaldía

Media_httpfarm6static_kdxic

Ribeira, 14 de xuño de 2011. Doce son as concellerías delegadas en que se vai estruturar o organigrama do novo goberno municipal de Ribeira que, baixo a presidencia do alcalde Manuel Ruiz Rivas, ten encomendada a responsabilidade de dirixir o Concello estes próximos catro anos.  

Á hora de realizar o reparto de competencias, procurouse a consecución dunha "homoxeneidade interna en canto ao conxunto de atribucións asumidas por cada concelleiro delegado, de tal xeito que a xestión e a prestación de servizos ao cidadán se efectúen baixo criterios de eficiencia e calidade". 

Esta é a relación de concellerías delegadas e edís responsables: 

  • Seguridade e Mobilidade Cidadá: Victor Reiriz Lampón
  • Servizos Sociais, Promoción Social, Sanidade e Consumo: Vicente Mariño de Bricio
  • Fomento do Emprego, Comercio, Turismo e Pemes: Anxo Orellán Fernández
  • Cultura: Elvira Pisos Arnoso.
  • Deportes e Atención Cidadá: Juan Luis Martínez Queiruga
  • Facenda, Administración Pública e Patrimonio: María Herminia Pouso Maneiro
  • Parque Natural e Medio Ambiente: Elvira Pereira Ageitos
  • Benestar Comunitario: Antonio Javier Jesús Freire Brión
  • Xuventude e Igualdade: Aroa Fernández Cadórniga
  • Infraestruturas e Urbanismo: María Dolores Elorduy Callón
  • Educación: Mª Carmen Vizcaya Sampedro
  • Enerxía e Novas Tecnoloxías: Manuel Emilio Pérez Outeiral

Catro dos concelleiros ostentarán tamén tenencias de alcaldía: 

    1. María Dolores Elorduy Callón
    2. Juan Luis Martínez Queiruga
    3. Vicente Mariño de Bricio
    4. Manuel Emilio Pérez Outeiral

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical