27.6.11

Ribeira: os cambios no mercado principiarán a fin de ano ou inicios do 2012

  • Vicente Mariño, edil de Consumo, escoitou as suxestións dos comerciantes e consensuou medidas para mellorar a hixiene e seguridade na instalación actual

Ribeira, 27 de xuño de 2011.- O concelleiro de Asuntos Sociais, Promoción Social, Sanidade e Consumo e terceiro tenente de alcalde de Ribeira, Vicente Mariño de Bricio, mantivo esta mañá unha xuntanza na Casa Consistorial cunha representación dos vendedores que desenvolven a súa actividade económica no Mercado Municipal. Esta cita foi convocada polo edil de Consumo tanto para presentarse formalmente como para falar acerca da praza existente e do futuro mercado, que cabe recordar será construído no lugar onde está o actual. 

A este último respecto, Mariño de Bricio avanzoulles que a intención do Goberno Local é principiar a execución do novo proxecto a finais do presente ano ou a comezos do que ven, e que con tal motivo os vendedores serán trasladados a unha carpa. O prazo concreto de inicio está a expensas das xestións que está a realizar o Concello en canto á busca de financiamento, na procura de posibles fondos FEDER, achegas da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial. Precisamente, o alcalde, Manuel Ruiz Rivas, manterá o próximo luns 4 de xullo unha entrevista coa directora xeral de Comercio da Xunta, Nava Castro, para abordar entre outras cuestións a do novo mercado. 

Outros temas considerados na reunión de hoxe tiveron que ver coa praza actual. Vicente Mariño recordou aos comerciantes reunidos a normativa vixente na praza de abastos tocante a aspectos como identificación, salubridade, tránsito de usuarios ou vestiario. Así mesmo, aproveitou a xuntanza para consensuar unha serie de medidas encamiñadas a reforzar a seguridade e hixiene no mercado e o seu entorno. Entre as mesmas, acordouse a localización dentro do inmoble dun emprazamento que se considerou adecuado para gardar o xeo de próxima utilización (de tal xeito que os corredores de paso do público estean secos e evitar así que se produzan posibles esvaróns); ou a decisión de eliminar o contedor para depósito de xeo sobrante situado no exterior da entrada principal do inmoble, que estaba ocasionando episodios de malos olores. 

O concelleiro municipal de Consumo recibiu de parte dos comerciantes outras suxestións para un mellor funcionamento da praza que se comprometeu a estudar.

Pode que tamén lle interese:


Río Arlés: 5.000 alevíns de troita o 1 de xullo


Mercadillo dos sábados: van regulalo para mellorar limpeza e tráfico

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: rapaces do instituto Leliadoura participaron nun bautismo de mar

nota prensa-BAUTISMO DE MAR.doc Download this file


A actividade foi o pasado mércores 20 de xuño, xa na recta final do curso

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: subliñan a importancia dos maiores na clausura do programa de dinamización e promoción social dos mesmos


Ribeira, 27 de xuño de 2011. O salón de actos do auditorio municipal, cheo a rebentar, viviu o venres pasado, día de San Xoán, o acto de clausura do Programa de Dinamización e Promoción Social dos nosos Maiores promovido e organizado polo Departamento de Servizos Sociais. 

O alcalde Manuel Ruiz Rivas e o edil de Servizos Sociais, Promoción Social, Sanidade e Consumo, Vicente Mariño de Bricio asistiron a este acontecemento que estivo presentado pola xefa de servizo Francisca Vidal. O evento comezou coa proxección dun vídeo no que, baixo a música da Coral Polifónica Municipal de Riveira, foise describindo a base de fotografías os distintos contidos de que constou o programa, como o obradoiro Estimulemos A Mente (taller de memoria), o de Enriquecemento Educativo, os cursos de pandeireta, o taller de restauración de mobles, as clases de ximnasia para a terceira idade ou o curso de alfabetización dixital (introdución a Internet), así como as saídas culturais realizadas este ano a Santiago de Compostela e ás Médulas e León. 

Acto seguido tivo lugar unha breve exposición sobre os cruceiros: un traballo realizado polas alumnas do obradoiros de enriquecemento educativo que estiveron en funcionamento en Ribeira, Aguiño, Palmeira, Artes e Oleiros durante o curso escolar. Todos eles foron impartidos por membros do programa de voluntariado social municipal,  cun total de 90 persoas inscritas. 

A continuación tivo lugar dúas actuacións de Pandereteiras coa participación de alumnas asistentes aos talleres que se impartiron en Riveira, Aguiño e Palmeira.  Esta actividade atraeu a  43 persoas e fíxose en coordinación coa Asociación de  Amas de Casa de Ribeira.  

Ademais, con motivo da conmemoración do centenario de Álvaro Cunqueiro, unha alumnas do grupo de enriquecemento educativo de Artes fixeron unha  breve exposición oral sobre a traxectoria do literato e mesmo declamaron un poema do mesmo. 

Homenaxe

Un dos momentos máis emotivos da clausura foi o homenaxe que se realizou a Ana Sampedro Cores, persoa da terceira idade vinculada ao grupo de enriquecemento educativo dende a súa formación hai 13 anos, así como o programa de voluntariado local. Así mesmo, está moi vinculada  ao traballo comunitario a través da súa dirección na  xunta local de Ribeira da AECC (Asociación Española Contra o Cancro), dende a súa constitución,  que actualmente continua  presidindo. A homenaxeada recibiu un agasallo de mans do alcalde. 

Logo chegou a quenda das intervencións por parte de Vicente Mariño e de Manuel Ruiz. O primeiro deles fixo fincapé no gran exemplo a seguir que son os maiores e na súa axuda para a conciliación da vida familiar e laboral e quixo poñerse a disposición dos presentes para escoitar as súas demandas e suxestións. Pola súa parte o rexedor local informou de que a política de austeridade impulsada non Concello non vai impedir que a partida de Servizos Sociais se incremente nos próximos orzamentos e ambos agradeceron o esforzo de todas as persoas que axudaron ao éxito deste programa de dinamización. 

A continuación  tivo lugar a entrega de diplomas de asistencia ao taller de Estimulación da Mente (Memoria) no que participaron máis de 150 alumnas e alumnos  e ao Obradoiro Enriquecemento Educativo. 

Por último, os presentes subiron ata a planta alta do Auditorio para proceder á inauguración dunha exposición cos traballos realizados do Obradoiro de Restauración do Moble, no que durante dous meses (maio e xuño) participaron  30 persoas.


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: os socialistas critican os gastos do novo goberno e os horarios dos plenos, que serán pola mañá

Tamén o acusan de nepotismo, por nomear asesor xurídico a un irmán do alcalde, e de desprezar á comunidade educativa dodrense, pois envían os seus fillos a Padrón a estudar

Dodro, 27 de xuño de 2011. O grupo socialista de Dodro, na oposición tralos resultados do pasado 22 de maio, critica no seu blog as primeiras decisións do equipo de goberno, en especial a referida aos custes dos integrantes do goberno e aos horarios dos plenos.

Segundo o Psoe dodrende, "María Soledad Boga, tenenta de alcalde, só no mes de xullo vaille costar ao concello 6000 euros, entre as súas pagas, as cotas da conta pasiva de Muface e os seus gastos de representación. Non lle serve a Seguridade Social, vai a Muface". Tamén aclaran que entre xuntas de goberno a 40 euros e dúas ao mes, ás que asisten tres membros do goberno, sairaralles do peto aos de Dodro por 240 euros. Os socialistas lémbranlle ao pobo que "o anterior goberno bipartito comezou a cobrar os soldos polo seu traballo oito meses despois da toma de posesión". O Psoe pregúntase como pode dicir o alcalde "que o Concello está en creba e pode permitirse desembolsar agora mesmo máis de 6.000 euros en pagar ao novo goberno".

No que se refire ao horario dos plenos, o Psoe de Dodro fai evidente a contradición do alcalde do PP, Valentín Alfonsín Somoza, que prometeu en campaña "querer oír aos veciños e gobernar para todos: a quen escoitará con plenos cada dous meses en horario de mañá?". Ademais, aseguran que os principais integrantes do equipo de goberno "desprezan o colexio e as escolas de Dodro, pois levan aos seus fillos a Padrón. Será por iso que se esqueceron da área de Educación?", pregúntanse.

Presuntas ilegalidades

"O alcalde di que gobernará coa lei na man, e pon á venta ilegalmente nas dependencias do Concello os tickets para a Festa do Carneiro", aseguran dende o Psoe de Dodro.

Novo asesor xurídico: o irmán do alcalde

Aproveita tamén o grupo do Psoe no seu blog, nunha entrada que titulan "A pura realidade" para acusar de nepotismo ao novo goberno, xa que "o goberno municipal ten un novo asesor xurídico pagado polos veciños: que casualidade que sexa Manuel Alfonsín Somoza!".

Antes, en Certo:


Política: composición do novo goberno e pagamentos

Pode que tamén lle interese:


Festas: a do Carneiro é o domingo 3 de xullo

Vía http://psoedodro.blogspot.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a tradición das alfombras florais voltou un ano máis polo Corpus

O domingo 25 de xuño cadrou o Corpus Christi deste ano 2011. En
Ribeira, un ano máis conseguiron facer unha serie de fermosas
alfombras florais, que confeccionaron un grupo da sección da Adoración
Nocturna desta cidade e veciños voluntarios. Fotos cortesía de José
Manuel Pena.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

25.6.11

Ribeira: o Bng oponse "no fondo e na forma" ao desmantelamento do IES Coroso

Media_httpfarm4static_jkigc

Polo seu interese, publicamos íntegro o resumo da postura do Bng sobre o conflito do IES Coroso:

"A estas alturas non é preciso repetir que estamos a favor de que Ribeira conte cun centro Integrado de Formación Profesional. Pero esa non é a cuestión. A cuestión é si é preciso dar un duro golpe á calidade do ensino público (da ESO e Bacharelato) en Ribeira co pretexto de introducir melloras no ensino Profesional(*). No BNG entendemos que as melloras precisas na FP non precisan deteriorar o ensino secundario público.

O BNG quere deixar clara a súa fonda oposición á decisión da Xunta de Galicia de dar peche definitivo e fulminante aos estudos de ESO e Bacharelato no IES Coroso. Oposición tanto no fondo como na forma.

Opoñémonos no fondo porque se está a desmantelar un centro de ensino público dun xeito inxustificado e innecesario:

- Inxustificado porque nada impide que convivan nun mesmo centro ensinanzas de secundaria e profesional, máis en tempo de crise no que o aproveitamento de infraestruturas é imprescindible.

- Inxustificado desde o punto de vista da matrícula: tanto a matrícula actual como as previsións futuras anuncian un aumento de alumnado para os vindeiros anos no concello de Ribeira.

- Inxustificado porque o desprazamento de alumnado a outros centros vai provocar unha elevación ata máximos históricos nas ratios de alumnos por aula dos centros públicos co conseguinte deterioro da calidade do ensino. Ratios de 30 a 35 alumnos por aula, que se darán, suporán retroceder máis de 30 anos.

- Inxustificable a desaparición dun centro público mentres se sosteñen centros privados tamén con diñeiro público.

A nosa oposición na forma é tamén rotunda: a Consellería de Educación, que xa ten prevista a supresión polo menos desde principios de ano, agarda o paso das eleccións municipais para non prexudicar os intereses electorais dos candidatos populares, entre eles o actual alcalde de Ribeira. Nese tempo, os alumnos do IES Coroso vanse preinscribindo para os vindeiros cursos e os dos centros adscritos fano tamén, inocentemente, no IES que a propia Xunta ten decidido pechar. O dano moral ao alumnado e as súas familias e o prexuízo pedagóxico aos mesmos alumnos, centros e o propio sistema público de ensino é máis que evidente. Que sexa a propia Consellería quen perpetra tal acción é imperdoable.

Mención especial merece a actuación do actual alcalde de Ribeira polo seu papel tanto no fondo como na forma: como Portavoz do Grupo parlamentario popular no momento da toma da decisión era coñecedor e polo tanto co-responsable do peche. O xeito de actuar desde a alcaldía atendendo pais e alumnos e ofrecendo "mediación" e "xestión" diante da Consellería evidencia a súa capacidade de engano: gáñase tempo para que a Consellería publique a orde definitiva de supresión, xusto ao día seguinte, sen apenas oposición.

O BNG quere expresar o seu total apoio ao alumnado e ás súas familias así como a toda a cidadanía de Ribeira que defende maioritariamente un Ensino Público de Calidade, e anuncia que presentará, no primeiro Pleno da Corporación Municipal, unha iniciativa coa intención de restituír os niveis de calidade no ensino público de Ribeira".

Ribeira a 25 de xuño de 2011

(*) A oferta da Consellería para o vindeiro curso en Ribeira non contempla ningún novo ciclo de FP e si a supresión do ciclo de "Ponte" na Escola Náutica. En Coroso o de "Frío e calor" desdóbrase. Novos ciclos?:NADA (Consultar páxina da Xunta)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Natureza: un ribeirense participa no descubrimento dun novo cogomelo na Illa de Sálvora

  • Bautízano como Arrhenia Salvorana, na honra da illa

  • Jesús Parada Miniño, ribeirense da asociación micolóxica Refungando, foi un dos que participou no achádego
  • Tratase dunha especie de cor marrón e pequeno tamaño que destaca polo seu intenso cheiro a peixe cru e o conxunto das súas características microscópicas, elementos que a fan diferente a outras especies próximas

Media_httpfarm3static_fhfza

Jesús Parada Miniño foi entrevistado en Certo, aquí

Ribeira, 25 de xuño de 2011.- Unha nova especie de cogomelo foi atopada no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, xestionado pola Consellería do Medio Rural. O novo descubrimento foi bautizado como Arrhenia salvorana en honra á Illa de Sálvora, na que foi atopada.

A súa publicación como nova especie fíxoa Jaime B. Blanco, presidente da Asociación Micolóxica Brincabois de Pontevedra, membro do Grupo Micolóxico Galego e representante de Galicia na Comisión Ibérica de Hongos Amenazados. No descubrimento tamén participou o fundador da Asociación Micolóxica Refungando de Santa Uxía de Ribeira, Jesús Parada.

Arrhenia salvorana é unha especie de cor marrón e pequeno tamaño que destaca polo seu intenso cheiro a peixe cru e o conxunto das súas características microscópicas, elementos que a fan diferente a outras especies próximas. Reprodúcese entre o final de inverno e o comezo da primavera en zonas húmidas e en compañía doutras especies vexetais en ameaza de extinción na nosa Comunidade Autónoma, como son Cicendia filiformis ou Chaetopogon fasciculatus subsp. postratus.

Colaboración
Este achado foi posible grazas ao apoio que o Parque Nacional, a través da Consellería do Medio Rural, presta a temas de investigación. O departamento que dirixe Samuel Juárez ten aberta agora mesmo unha liña de investigación con Jaime B. Blanco, un dos descubridores da nova especie, que tamén realiza traballos de catalogación para a zonificación do uso público, a conservación e a investigación no espazo protexido.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

24.6.11

Dodro: a Festa do Carneiro é o domingo 3 de xullo

Dodro_festa_carneiro_2011

Dodro, 24 de xuño de 2011. A Festa do Carneiro de Dodro chega este ano á súa edición décimocuarta. O que queira participar deberá pagar dez euros por cada convidado, e ten que retirar os tickets no Concello ata o 30 de xuño, en horario de nove da mañá a dúas da tarde.

O programa é ben simple: á unha da tarde (hai que gardar as festas e os domingos... ) hai misa solemne, e ás dúas, papatorio. Os 10 euros inclúen prato conmemorativo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: queres aprender e practicar triatlón e mountain bike? Novas escolas deportivas para este verán!

Media_httpfarm4static_guwyx

Triatlonista en plena carreira de bicicleta

Ribeira, 24 de xuño de 2011. A Concellería de Deportes está poñendo en marcha, coma todos os anos, as Escolas Deportivas de Verán, que abriron o seu período de inscrición o pasado 15 de xuño. Entre estas escolas, cabe destacar a existencia de dúas de nova creación: Mountain Bike e Triatlón, que dende o departamento municipal se pretenden promocionar para dar pulo entre os mozos a estas intensas e incluso duras disciplinas deportivas. 

A xente interesada nalgunha delas pode informarse ou anotarse no departamento de Deportes, ben indo ao auditorio Municipal ou no teléfono 981 835 650. 

Media_httpfarm4static_ddzcj

En Ribeira celebrouse hai dous anos a Copa de España de Descenso de BTT

ESCOLA MUNICIPAL DE MOUNTAIN BIKE.

Contidos e horario:              

  • Rutas organizadas para os nenos.
  • Nocións básicas de mecánica para aprenderen a manter a súas bicicletas e a resolver algún pequeno inconveniente que lles poda xurdir nas rutas.
  • Inculcaráselle un respecto total dos recursos naturais.
  • Nocións básicas de circulación por cidade e estradas.
  • Técnica básica de mountain bike.
  • A partir de 8 anos.
  • Sábados de 10 a 13 horas con saída no polideportivo de Coroso.

ESCOLA MUNICIPAL DE TRIATLÓN. Contidos e horario:                

  • Iniciación ás tres modalidades que compoñen esta disciplina deportiva (natación, ciclismo e carreira a pé).
  • A partir de 13 anos.
  • De luns a venres de 11 a 12.30 horas no complexo deportivo A Fieiteira.
Pode interesarlle:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical