18.8.11

Ribeira: arqueoloxía, miradores e praias, dentro do programa de rutas cicloturísticas "Ribeira sorprende"

Riveira_sorprende_2

  • A primeira saída será o domingo 28 de agosto, centrada no patrimonio arqueolóxico ribeirense, explicou o concelleiro de Deportes esta mañá
  • Costa 5 euros e hai que ter máis de 16 anos de idade para participar

Ribeira, 18 de agosto de 2011.- Co fin de que os veciños e visitantes teñan a oportunidade de coñecer o patrimonio natural e histórico do municipio dun xeito diferente, o Concello propón unha nova iniciativa: “Ribeira Sorprende”, consistente na celebración de tres rutas cicloturistísticas que permitirán percorrer sobre unha bicicleta os monumentos arqueolóxicos, miradores e praias do termo municipal.  

“Queremos que a xente coñeza Ribeira dun xeito distinto, facendo unha actividade lúdica que sexa saudable e sobre todo gratificante”, manifestou hoxe o concelleiro municipal de Deportes e Atención Cidadá, Juan Luis Martínez no transcurso da presentación da actividade. Martínez Queiruga estivo acompañado de Juan Santos como representante do club ciclista Saltamontes e de Moncho Sampedro pola Asociación As Miñoteiras. 

A primeira das tres saídas programadas terá lugar o domingo 28 de agosto, a partir das 9 horas, e levará a denominación de Ruta Arqueolóxica en Bicicleta de Montaña. Está organizada polo Concello cos colaboración dos clubs e peñas ciclistas Os Saltamontes, Ácido Láctico e Tahúme e da asociación As Miñoteiras.

Itinerario


A ruta terá un percorrido de 30 km. cunha duración de entre 3 e 4 horas e un grao de dificultade media. Sairá e finalizará no pavillón polideportivo de Coroso e, entre os puntos a visitar, figuran o petróglifo da Pedra das Cabras, a Capela de San Alberto, o Dolmen de Axeitos, o Menhir de Bretal (este fito aínda está en negociacións ao estar afincado nunha propiedade privada), o parque Dunar, o Monte da Cidá ou o Parque Periurbano de San Roque, entre outros. 

Inscrición

O prazo de inscrición para participar nesta primeira ruta comeza hoxe e rematará o día 25 ás 12 do mediodía. Os interesados en anotarse poden facelo por medio da páxina web municipal www.riveira.com (en caso de non ter acceso a Internet pódese apuntar na oficina de Deportes do Auditorio Municipal). 

O prezo da actividade é de 5 euros por participante, importe que inclúe ruta guiada, coche de apoio, avituallamento (auga, peza de froita e barra enerxética) e servizo de duchas e refrixerio ao finalizar. Poderán participar ata un máximo de 150 ciclistas (federados ou afeccionados) cunha idade maior aos 16 anos. 

O uso do casco é obrigatorio e o ritmo de marcha estará controlado pola organización, de tal xeito que os membros das peñas e clubs irán debidamente identificados e abrirán a ruta, non podendo ser adiantados por ningún dos participantes. 

A organización pon a disposición dos participantes asistencia mecánica gratuíta (se ben os repostos correrán a cargo dos participantes).

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: 35 nenas e nenos participaron no "Verán en Danza" que se clausurou hoxe

Ribeira, 18 de agosto de 2011. O Conservatorio Profesional de Música deu cabida esta mañá ao acto de clausura do obradoiro de ballet clásico “Verán en Danza” que se enmarca dentro das actividades do Verán Cultural organizadas polo Concello. 

Foron 35 as nenas e nenos que, divididos en dous grupos, participaron na acción ao longo do mes de xullo e do que vai de agosto. No día de hoxe estas rapazas e rapaces, con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos, tiveron oportunidade de demostrar o aprendido ante os seus pais e achegados, guiados pola súa profesora Cristina Riveiro. 

Acto seguido, recibiron os seus correspondentes diplomas acreditativos de man da concelleira de Cultura, Elvira Pisos Arnoso, quen destacou a idoneidade da iniciativa para a formación dos pequenos riveirenses non só no ballet clásico senón tamén para a aprendizaxe serie de valores humanos inherentes a esta disciplina artística, como a constancia e o traballo en equipo.

Antes, en Certo:


Obradoiros Verán Cultural: clausura do de novas tecnoloxías

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a cidade non vai ser regulada por semáforos aínda, anunciaron nunha charla sobre seguridade viaria

Fotos e información: José Manuel Pena

Ribeira, 18 de agosto de 2011. O pasado martes, 16 de agosto, tivo lugar no Liceo Marítimo unha charla titulada "A seguridade viaria é cousa de todos". Foi impartida por dous funcionarios da Xefatura da Provincia de Tráfico da Coruña. Abriu a charla o concelleiro de Seguridade Cidadá e Tráfico de Ribeira, Víctor Reiriz, quen apelou á necesidade de campañas de prevención e sensibilización para condutores e peóns en xeral.

A preguntas dos asistentes, o concelleiro de Tráfico comentou que polo momento Ribeira non vai ser regulada con semáforos "polo elevado custo dos mesmos, pero non o descartamos nun futuro non moi lonxano". Así que haberá que ir respectando os ceda ao paso e as normas para circular polas numerosas rotondas ribeirenses.   

Na fin da charla cada asistente levouse un kit con folletos sobre seguridade vial e brazaletes reflectantes que incrementan a visibilidade dos peóns ao camiñar polas estradas.


 
 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: Mamá Rosa cumpriu 102 anos rodeada de familia e amigos

Foto_aniversario_rosa_queiruga

Dodro, 18 de agosto de 2011. Onte, 17 de agosto de 2011, cumpría 102 anos Rosa Queiruga Ferro, veciña de Dodro coñecida polos seus máis achegados como Mamá Rosa. Con inmenso cariño foi arroupada pola súa filla, o seu xenro, netos, bisnetos e sobriños para celebrar os seus 102 anos cunha gran festa na súa casa familiar de Dodro.

A poboación dodrense quixo felicitala, demostrarlle o seu cariño e agradecemento pola alegría, entusiasmo e a vitalidade da que fai gala, cunha placa conmemorativa e un ramo de rosas que lle foron entregados no mesmo día do seu 102 aniversario.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: Xuventudes Socialistas acusa ao PP de mentir sobre o Noitebús

  • "Minte María Seoane candi dí que só se eliminou a financiación só dalgunhas liñas de Noitebús", aseguran dende a asociación socialista, e retan á deputada popular a que diga cales son os cartos que destina a Xunta de Galicia e que liñas financia
  • "É moi grave que unha deputada autonómica falta á verdade dunha maneira tan descarada, toda vez que a Xunta de Galicia eliminou o 100% da financiación das liñas do Noitebús, e as que sobreviven o fan pola financiación privada das empresas de transporte”, argúen.

María Torres

Santiago de Compostela, 18 de Agosto de 2011.- A Secretaria Xeral, María Torres Pose, denunciou hoxe os ataques de “dobre personalidade” do PP logo das declaracións feitas onte pola deputada popular María Seoane en relación á Iniciativa lexislativa Popular a través da que os mozos e mozas socialistas pretenden retomar o Servizo do Noitebús
 
Torres indicou que “Minte María Seoane candi dí que só se eliminou a financiación só dalgunhas liñas de Noitebús e reta á deputada popular a que diga cales son os cartos que destina a Xunta de Galicia e que liñas financia” “É moi grave que unha deputada autonómica falta á verdade dunha maneira tan descarada, toda vez que a Xunta de Galicia eliminou o 100% da financiación das liñas do Noitebús, e as que sobreviven o fan pola financiación privada das empresas de transporte”
 
María Torres lembroulle a María Seoane que “apostar polo mantenemento do Noitebús, pasa ineludiblemente por mantelo como un servizo público que dependa de decisións e accións políticas e non de decisións empresariais” e engadiu, “é irónico que o PP pretenda dicir que manteñen o Noitebús cando non destinan un céntimo á súa financiación, porque qué pasaría se o sistema de sanidade público deixa de ser financiado polo Estado e as CCAA???? Pois que evidentemente deixaría de ser un servizo público por moito que se mantivesen os hospitais privados, nonsí, señora Seoane?”

Torres Pose quixo tamén lamentar o dobre raseiro de María Seoane, xa que no ano 2007, sendo Presidenta de Novas Xeracións de Galicia dixo en rolda de prensa o día 7 de Agosto de 2007 que o Noitebús era unha medida "esencial para evitar que os mozos conduzan as noites da fin de semana”, e avogou por ampliar as liñas do bus nocturno a todo o territorio e criticou a "falta de información" sobre os percorridos e os horarios que realiza.” E agora sendo deputada, representando á mocidade galega no máximo órgano de representación da cidadanía onde se toman as decisións que permiten defender e ampliar os dereitos dos Galegos e galegas, dí todo o contrario.” E engadiu, “parece que a opinión da Señora Seoane muda conforme o fai a cor política do goberno galego”
 
Segundo Torres Pose o Noitebús foi “Un servizo que se desenvolveu e consilidou coma unha das iniciativas de maior rentabilidade social impulsadas pola Administración Galega, e que só no mes de Xullo do ano pasado, foi empregado por máis de 35.400 mozas e mozos galegos.”

E indicou, “Dende Xuventudes Socialistas celebraremos a chegada do PP á defensa do noitebús, cando o PP apoie a Iniciativa Lexislativa Popular presentada polas XSG no Parlamento de Galicia”

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: menos de 300 persoas no bus turístico dende o 27 de xullo

  • Algúns usuarios animáronse a probar as dúas rutas que se ofrecen 
  • O Concello agarda consolidar esta iniciativa complementándoa cun transporte marítimo


Media_httpfarm7static_ngbcg

Ribeira, 18 de agosto de 2011.- Un total de 276 viaxeiros  subiron ao Autobús Turístico nas 12 sesións celebradas ata o momento dende que se puxo en marcha a iniciativa o 27 de xullo.  

Entre os usuarios do autocar, figuran persoas que escolleron Ribeira como destino turístico (procedentes de Madrid, Alicante, Valladolid, Asturias ou mesmo Arxentina, entre outros lugares), veciños do propio concello e grupos organizados (caso este último das asociacións Ámbar e Amicos e nenos do colexio Bayón que están a participar nas actividades de verán). 

Satisfacción, disque

O Executivo Local móstrase satisfeito con estes datos, que están por enriba das expectativas iniciais dado o breve tempo do que se dispuxo para organizar e promocionar a acción, e confía en consolidar definitivamente a iniciativa no vindeiro verán, unha vez se impulse un servizo integral de transporte turístico que inclúa, ademais do autocar, unha ruta marítima en catamarán  que conecte Ribeira coa outra banda da ría de Arousa e os seus turistas potenciais. 

Cabe salientar que algúns usuarios xa se animaron a realizar as dúas rutas ofertadas pola Concellería de Turismo: un primeiro itinerario que visita o miradoiro da Pedra da Rá, o parque periurbano de San Roque e o seu Centro de Interpretación Arqueolóxica, o Museo Etnográfico de Artes, o Dolmen de Axeitos, o miradoiro da Curota e o porto de Palmeira; e unha segunda ruta que pasa polo Carreiro de Aguiño, a Casa da Costa / CIELGA (centro de interpretación do parque dunar), a Gran Duna, o Faro de Corrubedo, o porto de Corrubedo e a ermida e miradoiro de San Alberte. 

Houbo tres días en que o vehículo non puido saír debido ao mal tempo. 

De mércores a domingo

O servizo funciona de mércores a domingo e ten un custo de 3 euros salvo para os rapaces menores de 10 anos, que viaxan de balde. As entradas están á venta na oficina de turismo do Malecón, que conta cun horario ininterrompido de 9 da mañá a 9 da noite (pecha os luns). O último percorrido terá lugar o vindeiro 28 de agosto. 

Para que os usuarios teñan unha información o máis ampla posible, un guía se ocupa de expoñer as peculiaridades de cada lugar e durante o transporte dun punto a outro emítense dous vídeos explicativos: un sobre os atractivos turísticos do municipio e o outro sobre a futura lonxa, da que non se sabe nin cando van comezar as obras.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: do venres 19 ao luns 22 de agosto, festas do Carme dos Pincheiros. Programa completo

Rianxo: o martes 30 e o mércores 31 de agosto, I Curso de Óboe

Curso_i_oboe

Rianxo, 18 de agosto de 2011.
A Escola de Música de Rianxo vai organizar os días 30 e 31 de agosto o seu I Curso de Óboe impartido pola mestra Irene del Río Busto. Máis información no cartaz ou no teléfono 671 058 555.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

17.8.11

Ribeira: do venres 19 ao domingo 21 de agosto, V edición da Feira Artesanal e Mariñeira

  • Agárdanse un cento de postos e paradas
  • A feira estará amenizada por actividades que van dende o circo á pirotecnia, pasando por xogos infantís, teatro e música
Ribeira, 17 de agosto de 2011.- Un cento de postos e paradas participarán os vindeiros días 19, 20 e 21 de agosto na quinta edición da Feira Artesanal e Mariñeira de Riveira na que ademais da parte expositiva daranse cita todo tipo actividades de rúa, música tradicional galega e portuguesa, teatro e circo ambulante, contacontos, zancudos, xigantes e cabezudos, xogos infantís, pirotecnia, e outras accións que encherán o acontecemento de divertimento e animación. 

Os concelleiros de Comercio e Turismo, Anxo Orellán, e de Cultura, Elvira Pisos, foron os encargados de explicar polo miúdo o programa desta feira e destacaron a gran implicación recibida por parte de comerciantes e hostaleiros nesta convocatoria. Tamén interviron na presentación os técnicos municipais Unai González e Chiki Durán. 

Sobre a parte expositiva, Elvira Pisos destacou que este ano houbo o dobre de solicitudes que postos se concederon, pois a organización preferiu priorizar “a calidade e diversidade de postos e produtos a ofrecer antes que a cantidade”. Estes stands proceden de lugares como Francia, Portugal, Marrocos, Arxentina, Brasil, Cuba, India e de boa parte de España como Andalucía, Valencia, Cataluña, Asturias, Estremadura, A Rioxa, Castela A Mancha, etc... o que vén  consolidar esta feira como referente en Galicia e en España.  

En canto ao lugar de celebración, nesta edición cambia o itinerario e primarase a zona do Malecón en canto a área expositiva, pois é intención do Concello seguir abrindo o evento ao mar para resaltar a súa temática. Non obstante, tamén se emprazará en zonas peonís como a rúa de Santa Uxía e haberá actividades no entorno da Igrexa parroquial, nas prazas do Concello, Pablo Neruda, de Vigo ou de Ourense, etc... ademais do propio Malecón. 

Concurso de escaparatismo

Segundo referiu Anxo Orellán, esta feira vai supoñer un impulso ao turismo e ao comercio da cidade, e para este fin cóntase coa colaboración da Asociación de Empresarios e do Centro Comercial Aberto Viamare. Unha das novidades desta edición será un concurso de escaparatismo de temática artesanal e mariñeira na que participarán sete establecementos. 

Rutas de tapeo mariñeiro e de cócteis

Outra das novas iniciativas promovidas foi a de involucrar a hostalería local a través de dúas actividades: unha ruta de tapeo mariñeiro (os bares e cafeterías inscritos porán a disposición dos clientes tapas realizadas con produtos do mar) e unha ruta de cócteis da feira (que ofrece a posibilidade de degustar un cóctel propio e único en cada establecemento participante, todos eles con nomes mariñeiros: dorna, galerna, rompente mariña... e así ata 20 variedades). 

Moitos establecementos organizarán ademais actividades paralelas como concertos, exposicións, menús mariñeiros, conxuros de queimadas.... Ademais, algúns establecementos comerciais participarán na parte expositiva da feira ou ben abrirán os seus locais a fin de semana para aproveitarse do tirón de visitantes que se prevé recibir. 

En canto aos elencos que se encargarán de animar as rúas durante a feira, cabe destacar entre eles Confusión de Toledo (con ogros xigantes, figuras...), Al-Folk (formación musical arábigo-andaluz), o grupo de gaitas A Gandaina de Palmeira, Bom-Bom (teatro ambulante, encantadores de serpes...), Tuttis Catraputtis (grupo de música tradicional portuguesa), Cenáculo Teatro (circo e animación de rúa), Pista Activa (acrobacias, clown, malabares...), A Roda (circo) e Atraspies Circo (espectáculo circense). 

A organización quixo destacar tamén a implicación de distintas asociacións do municipio, como as Amas de Casa ou “Riveira escríbese con v” e convidar á xente que acuda a feira a vestirse de época para darlle máis sabor mariñeiro á feira.

 


Programa da Feira Artesanal e Mariñeira.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este xoves, 18 de agosto, concerto de clausura do I Curso de Saxofón

Concerto_curso_i_saxofon_a4

Rianxo, 17 de agosto de 2011. A Escola de Música de Rianxo comprácese en convidar a todo o mundo ao:
  • CONCERTO CLAUSURA DO I CURSO DE SAXOFÓN
  • MESTRE: Adrián Pais Abuín
  • DÍA: xoves 18 de agosto
  • HORA: 20.30 h
  • LUGAR: Auditorio de Rianxo
Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical