8.9.11

Ribeira: marketing turístico para cubrir contedores de lixo, en plan Potemkin

Promocin_turstica_contedores

  • O concello pon un soporte de promoción turística para ocultar contedores na rotonda de Padín
  • Irase facendo noutras zonas do municipio paseniñamente


Ribeira, 8 de setembro de 2011.- Co obxecto de diminuír o impacto visual que provocan algúns dos contedores de superficie en certas zonas da cidade, o Concello de Ribeira informou hoxe que vai instalar arredor deles unha serie de soportes informativos que servirán ademais para facer promoción dos recursos turísticos do municipio. 

O primeiro destes paneis promocionais xa se pode observar na rotonda de Padín, confluencia que serve de principal zona de entrada e saída ao casco urbano de Ribeira. O parque dunar e o dolmen de Axeitos son os motivos cos que está decorada esta estrutura. 

Nas próximas datas colocaranse outros soportes semellantes pero con motivos distintos ante outras illas de contedores localizadas en zonas da cidade con gran tránsito de vehículos ou peóns, e non se descarta que de ter éxito a iniciativa se expandan polas parroquias no futuro. 

O Concello desexa "que a cidadanía acolla con respecto a iniciativa, que constitúe outra fórmula máis para embelecer o pobo". Ou sexa, que non os esbandallen os túzaros de case sempre ás primeiras de cambio.

Así enganaba Potemkin a Catalina II a Grande, emperatriz de Rusia

A todos nos gusta ver os nosos pobos engalanados e que se coiden os detalles e se tapen, como fai neste caso o Concello de Ribeira, o que pode resultar desagradable á vista. Parécenos unha boa iniciativa, sobre todo cando é explicada e transparente.

Un personaxe sinistro que pasou á historia, non só polas súas ruindades, senón por esaxerar e enganar co asunto do embelecemento dos pobos foi Gregorio Potemkin, militar ruso que tivo por amante á mesmísima emperatriz Catalina a Grande. A ela fíxolle crer que coa súa terrible conquista de Crimea, un auténtico xenocidio levado a cabo por el e o seu exército, a zona mellorara moitísimo. Como Catalina non o cría, decidiu viaxar ata alí: cando Potemkin se veu acurralado, argallou uns decorados de cartón pedra para que dende a enorme carruaxe da emperatriz só se viran aldeas marabillosas. Aquel "tour de Crimea" supuxo que só se pintaran as fachadas das casas que daban ao camiño, que se levaran aos vellos e enfermos lonxe dos seus pobos, que árbores e setos de papel tapasen o máis feo daquela zona masacrada. Obrigouse, baixo ameazas de morte, a sorrir á xente antes asoballada. Os lugares por onde Catalina pasaba non existían: eran decorados, onde ata o gando pastaba enerxicamente porque o fixeran pasar fame días antes. As enciclopedias soviéticas chamaron ao engano de Potemkin "o maior da historia deste país". 


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este venres, 9 de setembro, conferencia en Carreira sobre a historia desta parroquia na tradición oral

Carreira_charla_historia

Ribeira, 8 de setembro de 2011. Mañá, venres 9 de setembro, ás 21:00 na casa de cultura de Carreira terá lugar a Conferencia "Historia de Carreira segundo a tradición oral", a cargo de Juan Francisco Ramallo Dorca. Organiza a activa asociación veciñal de Carreira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

7.9.11

Noia: subvención da Consellería de Economía para dotar de mobiliario urbano "con identidade propia" o casco histórico

  • Dentro do proxecto, elaborado polo Concello, chamado Remocicar II, cun orzamento de 100.400 euros. Economía paga o 70% do montante e o Concello o 30%
  • A concelleira de Comercio, Mónica González Eiras, di que este investimento "permitirá mellorar a imaxe do Casco Histórico e potenciar a zona comercial. Imos consensuar cos empresarios o programa a través da Mesa Local de Comercio"
  • Preténdese crear unha liña de mobiliario propia para o casco vello noiés, que o diferencie do resto de Galicia
Media_httpfarm3static_eegff

Noia, 7 de setembro de 2011. A Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia vén de conceder unha subvención para equipamentos comerciais no Casco Histórico de Noia a través da convocatoria do programa de subvencións para a modernización de equipamentos comerciais: Ágora Recomercia 2011 para zona peonís comerciais. 

O proxecto realizado polo concello e denominado Remocicar II ten un orzamento de 100.400 euros e servirá para instalar mobiliario (bancos, bolardos, papeleiras, puntos de información ao consumidor, xardineiras), sinaléctica, iluminación de baixo consumo e outros elementos. A finalidade é crear unha liña de mobiliario propia para o Casco Histórico de Noia, e que permita homoxeneizar os distintos compoñentes do mobiliario público.

Media_httpfarm3static_hsnxp

Un dos elementos afectados será a sinaléctica. Na imaxe, a sinalización de Pedrachán, proxecto premiado varias veces

A subvención da Dirección Xeral de Comercio cobre o 70% do orzamento de 100.400 euros, aportando o resto o Concello de Noia, e está  dividida en dúas anualidades, unha para o 2011 de 56.224,00 euros e para o 2012:  44.176,00 euros. 

A concelleira de Comercio Mónica González Eiras considera "moi importante este investimento xa que permitirá mellorar a imaxe do Casco Histórico e por tanto potenciar a zona comercial. Para eso consensuaremos coa Asociación de Empresarios Noia Histórica a implementación do programa a través de Mesa Local de Comercio. Debemos seguir traballando na mellora do noso casco histórico, para iso son esenciais este tipo de medidas que complementan outras liñas moi importantes como as de rehabilitación de vivendas no casco histórico que se levan desde a concellería de Urbanismo de Bieito González, para a mellora global do Casco Histórico que é un dos principais atractivos da nosa vila, ademais de concentrar boa parte da actividade comercial da mesma". 

Mobiliario identitario noiés

Media_httpfarm6static_ccvee

Noia conta con patrimonio e lendas abondo para fixar unha imaxe distinta do resto de Galicia

González Eiras destaca que unha das singularidades do proxecto é que os equipamentos comerciais que se instalarán serán deseñados especificamente para o casco histórico noiés, "fuxindo de elementos estándar que existen noutras vilas. Preténdese un mobiliario identitario propio do noso casco histórico; un casco histórico como o noiés precisa de elementos específicos diferenciados doutras zonas ou vilas para o que se creará unha liña identitaria exclusiva. Ademais tentaráse na medida do posible que os elementos sexan elaborados por artesáns da nosa vila". 

Na actualidade existe unha mestura de elementos de distintos estilos e marcas, e en moitos casos en mal estado, ou en número insuficiente, o que dá  unha imaxe deteriorada dos equipamentos públicos, "por iso neste programa preténdese crear unha liña homoxénea e coherente para todo o Casco Histórico, que vala para mellorar o servizo de cara aos veciños e dea unha excelente imaxe de cara a clientes e visitantes", remachou a concelleira.

Pode que tamén lle interese:

Urbanismo "fóra de ordenación", para arranxar as desfeitas do "ti vai facendo"


Rehabilitación: comeza a novena fase, con 22 actuacións


Arqueoloxía: Capítulo 0 adícalle unha entrada a Taramancos Vello


Ponte da Chaínza: están a destapala. Dous metros de altura no arco!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: este venres 9 de setembro preséntase "Aquelar", nova asociación cultural

Image_6

Outes, 7 de setembro de 2011. Este venres, 9 de setembro, a partires das 21:30 terá lugar a presentación oficial da Asociación Cultural “ Aquelar”, que terá como principal foco de acción o concello de Outes.

O obxectivo principal desta organización é "marcar a axenda local no eido cultural, deportivo, músical e xuvenil en Outes", sinalan os responsables. Este sábado presentan a directiva, a cal será a encargada de
materializar todas aquelas ideas que xurden dentro da asociación cultural.

O acto de presentacións consistirá nunha foliada e ademáis os asistentes darán boa conta dunha churrascada de balde namentres soa música ambiental. O lugar elixido é o antigo Bar “ O Baixo”.

Antes, en Outes:

Arqueoloxía: "Terra de Outes" pronúnciase a prol da conservación completa do atopado en Taramancos Vello


Memoria histórica: quen era Luis Barrena?


Xardín da memoria: onde asasinaron a Barrena

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

6.9.11

A Pobra: este venres, 9 de setembro, presentan "Coche Amarillo, Gorra de Plato, Ropa Tendida y Perro"

Boceto cartel presentación libro.pdf Download this file

A Pobra, 6 de setembro de 2011. O vindeiro venres 9 de setembro ás 21:00 h. vai ter lugar no auditorio do Museo Valle-Inclán, a presentación do libro “Coche Amarillo, Gorra de Plato, Ropa Tendida y Perro”, unha obra de tinguidura autobiográrfica escrita por María Isabel Muñoz Sotés, unha madrileña avogada e xornalista íntimamente ligada á Pobra do Caramiñal desde que, no ano 1955 veu pasar por primeira vez a tempada estival nesta vila xunto coa súa familia.. 

A través dun vocabulario sinxelo vai narrando as súas vivenzas desde a máis tenra infancia ata os derradeiros anos e consegue captar a nosa atención para levarnos ó longo de diversos episodios cos que non podemos evitar botar a vista atrás e darnos conta de tantas vivenzas que hoxe son tan habituais e que no seu tempo eran tan curiosas, como aquel no que describe como foi a unha inauguración de curso cunha amiga montada nunha vespa e acabou saíndo fotografada en xornais e revistas. 

Aínda hoxe segue achegándose María Isabel á Pobra no verán e noutras ocasións se lle resulta posible, e a mesma Pobra do Caramiñal axudouna en moitos momentos para atopar a inspiración que fixo posible que estas memorias viran a luz.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Belén do Campo reuniuse con representantes de nais e pais do instituto de Coroso

Coroso_reunin_sperdelegada

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a xefa territorial de Educación, Teresa Villaverde, na reunión cos pais e nais do centro integrado de formación profesional Coroso

  • A Consellería de Educación di que aposta pola Formació Profesional co aumento da oferta e do número de prazas para o vindeiro curso
  • Dende Educación aclaran -disque- que o traslado do alumnado de ESO e Bacharelato do futuro centro integrado de formación profesional non provocará ningunha interrupción da vida académica
  • O CIFP Coroso contará con tres novos ciclos
Media_httpfarm2static_dcidg

Ribeira, 6 de setembro de 2011.- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria mantén a aposta pola FP co aumento da oferta e do número de prazas para o vindeiro curso. "Só na localidade Ribeira, haberá tres novos ciclos, en virtude da creación do centro integrado de formación profesional Coroso, que permitirá aumentar nun 46% o número de prazas, dando conta do decidido impulso do Goberno galego a estas ensinanzas na comarca", explica a Xunta en nota de prensa.

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a xefa territorial de Educación, Teresa Villaverde, reuníronse esta mañá con representantes dos pais e nais do Coroso, encontro no que tamén estivo presente a concelleira de Educación da vila, Carmen Vizcaya. Na xuntanza, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia aclarou que o traslado do alumnado de ESO e Bacharelato do futuro CIFP a outros centros concluirase en poucos días e antes do inicio do curso, así como a adaptación do devandito centro a CIFP, co fin de evitar calquera trastorno da actividade académica.

Os 160 alumnos do Coroso xa foron reubicados na súa maior parte no IES Nº1 e no IES Leliadoura. Practicamente o 100% foron recolocados na súa primeira opción. Respecto dos docentes, teñen dereito e prioridade na escolla doutro centro, polo que os que se vexan afectados por esta circunstancia debido á creación do CIFP quedarán dentro da localidade.

Ciclos adaptados ás necesidades actuais
Tal como reiterou Do Campo, a creación do novo centro integrado e o traslado das ensinanzas de ESO e Bacharelato a outros institutos da contorna posibilita autorizar novos ciclos que respondan ás necesidades do sistema produtivo galego, así como o incremento de oferta en ciclos formativos xa autorizados. A finalidade é agrupar no novo CIFP ciclos da mesma familia profesional ata o momento dispersos en varios IES e poboacións.

A máxima representante da Xunta na provincia salientou que a reordenación da FP impulsada pola Xunta permite implantar novas disciplinas no CIFP Coroso: o grao medio en Instalacións de Produción de Calor e, en réxime modular para adultos, os graos medios en Instalacións Eléctricas e Automáticas e en Electromecánica de Vehículos Automóbiles.


Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: obradoiro de orientación laboral para menores de 30 anos e ciclo de charlas sobre asuntos controvertidos (herdanzas e consumo de tóxicos)

  • As charlas son os venres 16 de setembro e 14 de outubro
  • O obradoiro de orientación é o vindeiro mércores 14 de setembro

Pode que tamén lle interese:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: este sábado 10, V Baixada do Tíralle de San Ramón de Bealo

Texto e fotos: Alén Pérez

Boiro, 6 de setembro de 2011. O vindeiro sábado, 10 de setembro, terá lugar a V Baixada do Tíralle de San Ramón de Bealo. Dende hoxe mesmo puidéronse ver a todos os participantes xa anotados adestrando no circuíto "freeride" (condución estilo libre para os que non foron aínda a centros trilingües) que teñen alí mesmo, en Bealo.

Lema relacionado con Spielberg

O lema que locen este ano nos camisolas os participantes é "Non somos E.T. pero apañámonos", nunha simpática alusión a unha das películas máis famosas de Steven Spielberg. Organiza esta variante das típicas baixadas de vehículos das festas galegas Manuel Lustres, que foi quen comezou con esta actividade. Colabora o Concello de Boiro e patrocina unha tenda de bicis que terá unha carpa alí ubicada para amañar detalles de última hora.

Nas imaxes pódese ver a Pablo Blanco, Diego Lojo, Sergio Nieto, Cristian García, Álex Somoza,
Carlos Vilas, Martin Outeiral, Suso Maneiro, Dani Galbán, Luis Batidas, Efren Armental, e Samuel Cristobo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: comezou un curso sobre coidadores de dependentes que remata en outubro

Dodro, 6 de setembro de 2011. Onte, 5 de setembro, comenzou en Dodro o curso formativo de "Técnicas específicas de atención persoal a pacientes dependentes: Hixiene, Aseo e Coidados Sanitarios" para coidadores de persoas en situación de dependencia. A presentación do curso estivo a cargo da Concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Boga Grela, quen deu a benvida ós asistentes, agradeceu e louvou o traballo que realizan tanto os profesionais como as persoas a nivel particular e recalcou que a prioridade de Servizos Sociais "é axudar e apoiar aos sectores que máis o necesitan, neste caso facilitando a formación para os coidadores de dependentes".

Ao curso acuden 28 persoas que obteran o título valorable para o recoñecemento da experiencia profesional. Ten unha duración de 70 horas e rematará o 8 de outubro.

Pode que tamén lle interese:


Visita: do alcalde a Coruña, a falar coa súperdelegada


Concerto: a Polifónica de Padrón, este venres 9 de setembro


A Modiño: novo programa para coidadores de dependentes. Viaxes o 17 e 23



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Turismo: 21 pasaxeiros de media por viaxe na primeira andaina do novo autobús turístico do verán en Ribeira

Imaxe_autobs_turstico

  • En total foron 402 os usuarios do servizo, que realizou 19 viaxes 
  • O goberno quere impulsalo o vindeiro verán xunto cunha ruta en catamarán pola banda norte da Ría de Arousa


Ribeira, 6 de setembro de 2011.- Rematada a andaina no presente verán do autobús turístico de Ribeira (a primeira iniciativa desta índole que se desenvolve na comarca barbanzana) chegou o momento de facer balance. En total, foron 402 os pasaxeiros que fixeron uso deste servizo durante un total de 19 saídas, o que arroxa unha media algo superior aos 21 viaxeiros por sesión. 

O Executivo acolle estes datos "con relativa satisfacción, na confianza de consolidar este servizo na estación estival do 2011, unha vez se impulse un servizo integral de transporte turístico que inclúa, ademais do referido autocar, unha ruta marítima en catamarán  que conecte Ribeira coa outra banda da ría de Arousa e os seus turistas potenciais", explican en nota de prensa. 

Usuarios de toda España

Cabe salientar que entre os usuarios do autobús houbo xente procedente de practicamente toda a xeografía española, incluíndo ademais das catro provincias galegas, lugares como Madrid, Barcelona, Alacante, Valencia, Sevilla ou As Palmas de Gran Canaria. 

Así mesmo, moitos veciños de Ribeira e da comarca quixeron aproveitar a posta en marcha deste novo servizo para coñecer máis polo miúdo e baixo o asesoramento dun guía profesional os principais recursos que atesoura o municipio. Algúns fixérono a título individual e outros en grupos organizados, como foi o caso das asociacións Ambar, Amicos e A Creba, dos alumnos-traballadores do obradoiro de emprego Airoas ou dos nenos do Colexio Bayón participantes nas actividades de verán do centro educativo. 

Houbo dúas rutas: un primeiro itinerario que visitaba o miradoiro da Pedra da Rá, o parque periurbano de San Roque e o seu Centro de Interpretación Arqueolóxica, o Museo Etnográfico de Artes, o Dolmen de Axeitos, o miradoiro da Curota e o porto de Palmeira; e unha segunda ruta que pasaba polo Carreiro de Aguiño, a Casa da Costa / CIELGA (centro de interpretación do parque dunar), a Gran Duna, o Faro de Corrubedo, o porto de Corrubedo e a ermida e miradoiro de San Alberte.

Antes, en Certo:


Turismo: 276 viaxeiros en 15 días no bus turístico

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical