13.12.11

Boiro: Aturuxo! organiza unha Mostra de Curtametraxes o xoves 29 e o venres 30 de decembro

Cartaz_curtas


Boiro, 13 de Nadal de 2011. A falta de pan, boas son tortas. Logo da mala nova da suspensión da Mostra de Curtas "Vila de Noia", por obras no Coliseo Noela que, ante a creba da construtora encargada, adiaranse aínda máis, en Boiro, vila que tradicionalmente colaboraba con Noia no audiovisual, organízase unha mostra alternativa. A mostra, da man de Aturuxo!, comezará o xoves 29 de Decembro e continuará o venres 30 a partir das 21:00. Quere pór en relevo a producción galega no eido audiovisual, neste caso a través de diferentes curtametraxes. 

"Na Galiza existen centos de criadoras e criadores que carecen de medios e espazos para a difusión da súa obra. Ao mesmo tempo tiran ao lixo miles de millóns de euros en proxectos supostamente culturais como a Cidade da Cultura, espazo baleiro que pretenden encher expoliando a cultura do país para encerrala nunha cidade sen vida", argumentan os organizadores. 

"Con esta Mostra de Curtametraxes queremos pór o noso gran de area facilitando un espazo onde poder desfrutar do noso audiovisual, que é moito e de moi boa calidade", conclúen. Polo de agora, os tres documentais confirmados son:

O Cheque -  Estevo Silva (Boiro)
Hermanos de sangre -  Toño Chouza (Boiro)
A consulta do Doutor Natalio -  Javi Camino

En canto se vaian confirmando os demais, irán informando no blog http://aturuxa.blogspot.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o pleno infantil municipal abordou as principais inquedanzas da mocidade noiesa

Noia_pleno_infantil

Noia, 13 de Nadal de 2011. Esta mañá tivo lugar no salón de plenos o Pleno Infantil Municipal, unha sesión extraordinaria para que as rapazas e nenos da vila coñezan polo miúdo como funciona o concello por dentro e se informen sobre o discorrer da vida política municipal.

Segundo nos contou a concelleira de Educación, Sanidade e Deportes, Mary Domínguez, o máis preguntado e, por ende, o que máis lles interesou aos asistentes foron as melloras nas rúas onde estes vivían. Na parte de "Rogos e preguntas" acribillaron ao alcalde e concelleiros con estas cuestións: a algún só lle faltou soltar a consabida expresión "que hai do meu?".

Actividades deportivas nocturnas
 

Unha das preguntas máis curiosas, sempre segundo Mary Domínguez, foi a relativa á proposta de actividades nocturnas como alternativa ao botellón. "Iso implica ter madurez ante o problema do consumo de alcohol e prácticas pouco saudables en idades temperás", argumentou a concelleira de Educación.

Ambiente distendido e bromas

Aínda que a algúns lles puido parecer un "tostón" o pleno, pois foron máis de dúas horas -non foi tan curto como o último pleno "serio" do Concello, que apenas chegou ao cuarto de hora, rogos e preguntas incluídos- o ambiente reinante foi distendido, chegando incluso a momentos de chiscadelas nas que os escolares asistentes amosaron familiaridade e incluso empatía co alcalde, Rafael García Guerrero.

Curiosamente, ningunha das rapazas e tampouco ningún mozo dos que asistiu ao pleno revelou a súa intención de adicarse á política municipal. Para isto hai moitas posibles interpretacións. Propoñemos dúas, pero poden vostedes engadir máis:

1.- A xuventude noiesa "pasa" da política porque a ve moi lonxana e axena
2.- Os que se queren adicar á política non o contan por medo a ser logo obxecto de faladurías e chanzas por parte dos seus compañeiros. Entón hai futuros políticos "tapados"

PLENO INFANTIL MUNICIPAL
ORDE DO DÍA

Punto1: Apertura da sesión
Punto 2: Lectura e aprobación da acta anterior
Punto 3: Propostas dos rapaces e rapazas dos centros educativos.

Participaron os seguintes Centros Educativos.

CEIP FELIPE DE CASTRO. Concellerías de Educación e Seguridade Cidadá coas seguintes propostas:

* Gardería Municipal 
Reparación do Pavillón do colexio
Reparacións do teito do colexio
Más vixiancia policial para atallar os roubos do Centro.

ALEXANDRE RODRÍGUEZ CADARSO: Concellerías de Servizos Sociais e Deporte

* Centro de día para 3º idade
* Actividades deportivas nocturnas (alternativas ao botellón)
* Pavillón novo
* Roubos no colexio.

Mª ASSUMPTA: Concellería de Obras e servizos , e Medioambiente Rural e Mariño.

* Saneamento da Zona de  Testal, colocación de duchas e baños públicos, pistas de xogos, zona para xogos infantís.
* Saneamento e rexeneración da Ría de Noia.

Quedaron sen ocupar as concellerías de Sanidade e Cultura por non asistencia de outro centro invitado, ao que non lle foi posible asistir.

Punto 4. Rogos e preguntas. 
Estiverón facendo preguntas ao Alcalde, tanto o público como os nenos que actuaron como concelleiros durante hora e media das que recibiron resposta por parte de Rafael García Guerrero.

Punto 5 : Clausura da sesión

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: abren a biblioteca pública os sábados pola mañá durante Nadal

  • Medida xa en vigor, durará ata o sábado 7 de xaneiro
Media_httpfarm5static_jfdgg

Ribeira, 13 de Nadal de 2011. O Concello informa de que, a petición dos propios usuarios da biblioteca pública de Ribeira, tomouse a decisión de que esta instalación abra os sábados durante as datas de Nadal, facéndoo de 9.30 a 14 horas.

Esta medida xa se fixo efectiva o pasado sábado 10 de decembro e permanecerá en vigor ata o 7 de xaneiro.

Cabe lembrar que de luns a venres, a biblioteca está aberta de 10 a 14 e de 17 a 21 horas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o Concello organiza obradoiros para nenos por Nadal

  • O 22 de decembro haberá teatro


Pode que tamén lle interese:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: licitado o punto limpo de Nebra

  • Entre o prazo de presentación de ofertas para facer as obras (case un mes) e os tres meses da execución, o punto limpo podería estar rematado e posto en marcha a mediados de 2012

Media_httpfarm3static_efudj

Cruceiro en Nebra

Porto do Son, 13 de Nadal de 2011. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, realizará un investimento de máis de 296.000 euros para o financiamento do 100% do punto limpo de Nebra. A resolución publicada hoxe contempla un prazo de execución de tres meses.

As obras obxecto da proposta corresponden a aquelas dirixidas á adecuada xestión dos residuos en Galicia, nos concellos que teñen un orzamento insuficiente para financiar estes proxectos. Esta actuación atópase a medio camiño entre Portosín e Porto do Son, na zona chamada Agra de Bustelo, na antiga estrada de Cans, na parroquia de Nebra.

O punto limpo é un recinto preparado para que que os cidadáns poidan depositar neles os residuos para os que é precisa unha xestión específica, polo seu tamaño ou pola súa composición. Os obxectivos principais desta instalación son recuperar os materiais contidos nos residuos para a súa reciclaxe, evitar a vertedura incontrolada de entullos e voluminosos e separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o ambiente. As accións fundamentais centraranse na disposición das instalacións xerais, casetas e almacén, colectores e sinalización. Tamén se executará un peche da canteira, un peche perimetral e unha porta de acceso. O proxecto tamén considera a urbanización e o axardinamento do contorno.

O Goberno galego, mediante a execución desta infraestrutura, responde, asegura a Xunta, "á demanda dos habitantes de Porto do Son, xa que na actualidade existe un servizo de recollida que non cubre as necesidades dos veciños, cunha periodicidade dun día ao mes".

Coa posta en funcionamento deste servizo preténdese concienciar á poboación para tratar de erradicar as verteduras incontroladas e evitar a imaxe dos utensilios na metade da rúa durante varios días, nas zonas urbanas ata que se proceda á súa recollida.

A Consellería de Medio Ambiente lembra que, unha vez recibidas as obras, o concello debe asumir a súa explotación, mantemento e conservación.

As ofertas para a execución destas obras presentaranse no prazo máximo de 26 días naturais contados desde mañá.

Aposta polos puntos limpos
A Xunta de Galicia leva posto en funcionamento un total de 13 novos puntos limpos nas catro provincias no que vai de lexislatura. O novo Plan de Residuos Sólidos Urbanos prevé, ademais, a creación de preto de 300 novas instalacións deste tipo ata o ano 2020.

Nestes últimos dous anos puxéronse en marcha os puntos limpos dos concellos da Peroxa, A Pobra de Trives, Terras de Celanova e Bande na provincia de Ourense; en Guntín e Quiroga, na provincia de Lugo; na provincia da Coruña están situados nos concellos das Somozas, Curtis, Melide e Sobrado dos Monxes e Negreira; e nos concellos de Covelo e Cangas en Pontevedra.

Ademais, licitáronse 5 novos puntos limpos nos concellos do Pereiro de Aguiar, O Carballiño, Castro Caldelas, Vilarmartín de Valdeorras e San Cibrao das Viñas.

PREVISIÓN DE PUNTOS LIMPOS
Puntos limpos fixos
228
Minipuntos
40
Puntos limpos móbiles
28
TOTAL
296


Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos

Esta actuación está prevista no Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos, aprobado de forma definitiva o pasado 13 de xaneiro no que se definen as estratexias en materia de RSU para a vixente década; dando resposta ás exixencias comunitarias sobre prevención da xeración de residuos e o fomento da reutilización, a reciclaxe e a recuperación.

Con este plan, que estará en vigor ata o ano 2020, o Goberno galego establece obxectivos ambiciosos e realistas para acadar un modelo de xestión sustentable e reducir as súas repercusións ambientais. A Xunta de Galicia mantén unha aposta clara e definitiva por unha adecuada valorización dos residuos sólidos urbanos (RUS) e traballa co fin de implicar neste propósito os concellos galegos.

O Executivo autonómico tamén trata de potenciar o principio de proximidade, para facilitar a xestión do sistema integral aos concellos, con todas aquelas medidas que lles permitan abaratar os seus custos de transporte.

Adega contradí estes datos da Xunta

Grazas a esta política de actuacións, di a Xunta que "Galicia sitúase na vangarda no referente ao tratamento de residuos, ao dispoñer dunha sistemática xestión integral, consolidada e sustentable dentro do territorio nacional e comunitario que, coas infraestruturas dispostas nestes momentos, garante o peche do ciclo iniciado coa recollida fraccionada en orixe". Algo completamente diferente pensan en Adega, segundo podemos ler no artigo de hoxe mesmo en Galicia Confidencial de Fins Eirexas, aquí.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: este sábado 18, gala para a entrega do premio de poesía "Eusebio Lorenzo Baleirón"

12.12.11

Ribeira: celebrada unha recepción como homenaxe ao traballo do voluntariado local

Ribeira, 12 de decembro de 2011. O alcalde, Manuel Ruiz Rivas, recibiu no Salón de Plenos Municipal a unha representación do Grupo de Voluntariado Local en recoñecemento ao seu traballo e colaboración polo benestar dos veciños de Ribeira. 

    O alcalde, Manuel Ruiz Rivas, na compaña do concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño de Bricio e mais a responsable de Servizos Sociais, María Francisca Vidal Regueira, agradeceron o enorme traballo desinteresado que realizan estas mulleres e homes na súa entrega aos demais. 

    O alcalde fixo fincapé, durante a súa intervención, na importancia maiúscula que o labor altruísta deste voluntariado adquire en tempos de crise. Explicou que pode que haxa menos recursos, pero as necesidades existen, e traballarase na eliminación do superfluo, na austeridade como norma, pero desde o Concello de Ribeira non se deixarán sen cubrir labores fundamentais como os que se realizan desde o departamento de Servizos Sociais. Como mostra disto nomeou o alcalde a entrega de dúas vivendas a colectivos con diversidade funcional como Ámbar e mais Amicos, e a cesión dun local á asociación A Creba. Na procura de que non diminúan os recursos estase xa a traballar no Plan Concertado coa Deputación da Coruña que dará os seus froitos no 2012.

    Xantar especial o Día de Nadal

    O concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño de Bricio, agradeceu o traballo das voluntarias e voluntarios e salientou tamén o labor desinteresado de colectivos, como o empresarial, que toman iniciativas de apoio aos máis necesitados e anunciou que o día 25 de decembro, coa colaboración da empresa Cámping A Cascada, haberá un xantar especial de Nadal para os máis desfavorecidos.   

 

    Algunhas das accións nas que traballaron estas mulleres e homes que forman parte do “Grupo de voluntariado local” ao longo de 2011 foron a colaboración no taller de reforzo cultural para mulleres inmigrantes durante. O apoio no programa de aprendizaxe e reforzo do idioma español a inmigrantes no concello de ribeira, e labores de tradución e mediación con familias inmigrantes, de tres persoas voluntarias inmigrantes.  O acompañamento con enfermos no hospital comarcal; acompañamento para a realización de xestións e actividades de animación na residencia do maior en Ribeira.  

    O apoio no servizo de axuda no fogar municipal. O acompañamento e colaboración no programa de intervención familiar. A colaboración con outras asociacións ACCE, Asoc. Galega de ataxias... A colaboración co programa de reforzo educativo en parroquias, desenvolvido por 6 voluntarias e 100 persoas beneficiarias. Accións de captación de voluntariado, coordinación e dirección do programa municipal  a través da responsable  do programa...  

    Este sen fin de actividades desenvolvidas polo grupo de voluntariado local formado por 35 persoas durante o ano 2011, son un complemento importantísimo para o desenvolvemento de todos os proxectos que se enmarcan nos servizos sociais comunitarios de Ribeira, así como para os equipamentos comunitarios do noso Concello como é o hospital comarcal, a residencia do maiores  o centro de día de Alzehimer.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: do 15 de decembro ao 15 de xaneiro, nova exposición colectiva no centro social

  • As festas de Santa Baia rematan este martes 13
  • O vindeiro domingo 18, concerto de Nadal da Banda de Música
Boiro, 12 de decembro de 2011. O xoves 15 de decembro o Centro Social de Boiro, contará cunha nova exposición colectiva, baixo o título “Ferodinamos e Presenzas Mariñas” dos artistas Nolo Súarez e Nando Pereiro. A exposición poderase visitar dende o 15 de decembro ata o 15 de xaneiro na sala de exposicións do Centro Social nos eu horario habitual (luns a venres de 10-14h e de 16-21h e os sábados de 10 a 14h).
A inauguración celebrarase este xoves 15 de decembro as 20h, para a ocasión ademais da presenza dos artistas Nando Pereiro e Nolo Súarez, a escritora Helena Villar Janeiro, presidenta da Fundación Rosalía de Castro, fará unha presentación sobre a mostra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: presentan a campaña "Panos brancos contra a droga"

  • Os principais actos terán lugar este venres 16 de decembro no polideportivo da Fieiteira
Media_httpwwwasociaci_dyhdu

Ribeira, 12 de decembro de 2011. A campaña que leva por lema “Tómate a Vida dunha Forma Diferente: Mil Razóns para Dicir Si á Saúde” ten coma obxectivo principal sensibilizar á poboación fronte aos problemas do narcotráfico e o consumo de drogas, ofrecendo á mocidade, por ser os/as máis sensibles ás adiccións, alternativas de lecer saudable como a práctica deportiva.

Por este motivo desenvolveranse diversas actividades que terán continuidade ao longo dos próximos meses:

− O próximo día 16 de decembro -venres- a celebración do Torneo Deportivo Panos Brancos entre alumnos de ESO dos centros escolares e institutos de Riveira e Vilagarcía, desprazados para ese efecto, e que terá lugar no polideportivo da Fieiteira. O obxectivo do torneo, no que haberá partidos de baloncesto e de fútbol, non é a competición en si mesma, senón fomentar a confraternización e o lecer saudable, compartido e en equipo.

− Lectura dun manifesto xuvenil a favor dunha vida libre de drogas. A dicotomía entre o modo de vida ao que leva o consumo de drogas e o que posibilitan uns hábitos saudables será o eixo central da declaración de intencións do alumnado, para quen dicir "non ás drogas debería ser a decisión máis fácil da vida".

− Exposición durante a celebración do torneo dunha gran bandeira branca contra a droga, para que poida ser asinada como compromiso dunha vida libre de drogas. Despois trasladarase a todos os centros escolares para ser asinada polos alunmado e finalmente convidarase a facelo a todos aqueles/as deportistas que queiran ratificar o compromiso e apoiar a campaña.

− Nos vindeiros meses, e especialmente coincidindo coa celebración do Día Mundial contra o Tráfico Ilícito e o Uso Indebido de Drogas (26 de xuño), realizaranse diversas actividades de sensibilización coa poboación en xeral e os centros escolares en particular.

Razóns para organizar esta campaña de sensibilización

A problemática asociada ó consumo de drogas resulta especialmente inquietante en comunidades como Galicia, na que se asentan numerosas e importantes redes de narcotraficantes. A magnitude do problema que enfrontamos resulta por todos coñecida; superar ou, cando menos, mitigar os seus efectos é un dos grandes retos da sociedade galega.

Dentro das estratexias orientadas a lograr a redución da demanda, destacan especialmente as accións de prevención e sensibilización social, que se revelaron como a máis eficaces para facer fronte á apatía, a banalización do consumo e o alto grado de permisividade e tolerancia que parecen haberse instalado na sociedade.

Panos Brancos contra Droga

Concibida como unha campaña de sensibilización social, Panos Brancos converteuse desde a súa primeira edición no maior e máis contundente movemento social de rexeitamento ás drogas e o narcotráfico, facendo unha aposta en positivo pola saúde fronte ós graves problemas que supoñen as adicións e o tráfico de drogas.

Promovida e organizada pola Fundación Galega Contra o Narcotráfico, a campaña desenvolveuse o longo destes últimos anos a través de diferentes actos públicos mediante os cales os cidadáns pronúncianse en contra da droga e as bandas criminais do narcotráfico, utilizando principalmente a simboloxía de panos e bandeiras brancas como icona visible do seu compromiso.

A campaña diríxese a toda a sociedade galega, con especial atención para o colectivo de mozos e mozas, un dos grupos máis vulnerables fronte a este problema e faise cada ano de xeito itinerante por diversas cidades de Galicia, sendo Riveira este ano o lugar escollido.

No desenvolvemento das diversas actividades que se levarán a cabo dende agora, e rematarán coa conmemoración do Dia Mundial contra o Tráfico Ilícito e o Uso Indebido de Drogas participan a Asociación Antidroga Renacer, Fundación Galega contra o Narcotráfico e o Concello de Ribeira.

Obxectivos:

− Aumentar o grado de concienciación e sensibilización social.

− Contribuír a previr futuros consumos e adiccións, especialmente entre os mozos.

− Incrementar o rexeitamento aos narcotraficantes, eliminando calquera atisbo de benevolencia e permisividade fronte a estes delitos.

− Ofertar un exemplo de comportamento e actitude positiva ante as drogas para mozos.

− Implicar de forma activa a toda a sociedade na tarefa de lograr a desaparición das drogas e o narcotráfico de Galicia.

Participantes:

A campaña deséñase en estreita colaboración con múltiples colectivos sociais, entidades e institucións que apoian e participan en todos os actos programados. Panos Brancos celebra este ano a súa quinta edición, contando co apoio de diversas entidades e institucións, como a FEGAMP, a Xunta de Galicia o Parlamento de Galicia.

Organizan:

Fundación Galega contra o Narcotráfico, Asociación Antidroga Renacer, Concello de Riveira e centros educativos de Riveira e Vilagarcía de Arousa.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: o Concello organiza o Belén de Cumes o vindeiro sábado 17 de decembro

  • O traxecto deste ano é de Tállara a Guiende
  • O belén colócase nun antigo muíño. Ao remate, chocolate con rosca para os participantes
Media_httpmw2googleco_iyucg

Imaxe en Panoramio de Andrés Villar do belén de Cumes de 2005

Lousame, 12 de decembro de 2011. Este vindeiro sábado, 17 de Nadal, o concello de Lousame organiza o Belén de Cumes. Faise unha ruta de seis quilómetros desde Tállara a Guiende, onde se colocan as figuras do belén (este ano nun muiño dos máis antigos da zona) e cántanse unhas panxoliñas. Ao remate tómase unha chocolatada con rosca para todos. Este ano como novidade estrearase unha ruta que se compón de 18 quilómetros e que vai de Tállara ao Iroite e volta. 

O vindeiro sábado, entón, pódese escoller entre a andaina longa e a curta aínda que os primeiros catro quilómetros son comúns nas dúas. Para maior información consulta a web do concello pola semana, en http://concellodelousame.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical