19.12.11

Ribeira: a comunidade educativa do IES Leliadoura maniféstase este martes 20 en defensa do Ensino Público

Ribeira, 19 de Nadal de 2011. Mañá martes, día 20 de decembro de 2011, de 11:15 a 11:45 horas, terá lugar unha manifestación arredor do IES Leliadoura pola defensa do Ensino Público.

Trátase dunha medida acordada por unanimidade polo Consello Escolar do centro, que no seu momento xa informou ao Subdelegado do Goberno da provincia de A Coruña para solicitar o devandito permiso.

Media_httpwwweduxunta_lqfgq

Non cubren prazas

O obxecto da concentración é a defensa da Educación Pública e demandar da Consellería de Educación que se cubra a praza do profesor/a de Pedagoxía Terapéutica, e o profesorado necesario (2 como mínimo) para cubrir a atencións ao alumnado con dificultades (apoio), gardas de rede (mantemento de ordenadores), gardas custodias de transporte, biblioteca, desdobres para atención do alumnado nos laboratorios de Física e Química e Bioloxía, ...

Como medida de seguridade establecerase un servizo de orde, convenientemente identificado, integrado por persoas do Instituto.

iesleliadoura.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Asemblea do Bng advirte á poboación sobre a progresiva deterioración da atención sanitaria

Acordo_centro_de_sade_decembro

Media_httpfarm6static_xtmek

Ribeira, 19 de decembro de 2011. A Asemblea Local do BNG de Ribeira fai un chamamento á poboación "diante do deterioro progresivo da atención sanitaria da Xunta de Galicia. Sendo competencia exclusiva da Xunta de Galicia, desde a toma de posesión do Goberno do PP presidido por Núñez Feixoo vimos comprobando un claro deterioro da atención sanitaria pública en Galicia. O PP xa viña poñendo en práctica, coa escusa da crise, medidas privatizadoras da atención sanitaria que xa iniciara, antes da crise, noutras comunidades como Madrid ou Valencia", explican en nota de prensa.


A responsable de Sanidade da Xunta, Pilar Farjas

"No concello de Ribeira percibimos, claramente, as consecuencias dos continuos recortes en gasto sanitario: xa nos primeiros meses de goberno PP deixáronse de cubrir a baixas por vacacións ou enfermidade de persoal sanitario (médico e enfermería) nos centros sanitarios da comarca co conseguinte retardo e deterioro da calidade na atención. Nos vindeiros orzamentos para o 2012 a Xunta anuncia novas medidas que, ao igual que a inmensa maioría do colectivo de sanitarios e pacientes, consideramos intolerables porque provocarán maior deterioro da asistencia sanitaria: foi o propio presidenta da Xunta quen anunciou a intención de cobrar por "servizos non sanitarios" (alimentación, lavandería...) nos hospitais galegos, o que suporá de feito a introdución do co-pago na nosa sanidade pública.
Outras medidas anunciadas deste tipo serán tamén o cobro de 10€ pola tramitación da tarxeta sanitaria, o bloqueo da tarxeta a parados de longa duración, ou aos emigrantes que non teñan máis de 183 días empadroados no noso país, o pago adiantado de próteses dos enfermos ou o pago por transporte en ambulancias, etc...  No caso da atención Primaria no concello de Ribeira, temos que lembrar o acordo plenario de 20 de decembro de 2010 no que, a proposta do BNG, se acordou por unanimidade "solicitar da Xunta de Galicia un novo Centro de saúde para Ribeira" dada a situación de saturación dos servizos que padece o actual. No orzamento para o 2012 non aparece ningunha partida para esta actuación pese á insistencia do BNG para incluíla. A estas medidas regresivas no ámbito do SERGAS temos que engadir os non menos graves recortes (redución dun 14% a respecto de 2011) no ámbito da Asistencia e Prevención de Drogodependencias levadas a cabo a través de programas xestionados polos Concellos ou por Asociacións que veñen prestando un inestimable labor neste ámbito", proseguen, ademais de convidar á cidadanía "a participar nas mobilizacións que promoven os diferentes colectivos cidadás de defensa da sanidade pública e a evitar a deterioración definitiva e irreversible da atención ao noso dereito máis básico: a saúde".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o Psoe acusa ao PP de querer afogar á oposición

Media_httpfarm5static_irkpw

Dodro, 19 de decembro de 2011. Hoxe 19 de decembro de 2011, celebrouse un pleno extraordinario no Concello de Dodro a petición do goberno do Partido Popular.

      Nese mesmo pleno, incluído no punto 4, estaba a toma de posesión dos concelleiros representantes da Agrupación Municipal Socialista. Os citados concelleiros foron Paula Blanco Giráldez e Jacobo Tanoira Janeiro.

Renuncia á asignación de partidos do 2010

      Ademáis, no seguinte punto da orde do día, o equipo de goberno propoñía a renuncia por parte dos grupos municipais á asignación de partidos fixada para o ano 2010. Neste caso, o grupo municipal socialista "non só non renunciamos a dita asignación, senón que aproveitamos para destacar que esa mesma asignación foi a que lle axudou ao PP a exercer a súa oposición destructiva chea de demandas e querelas contra o equipo de gobernó anterior", explican os do Psoe en nota de prensa.  Tamén, dende ese partido, están convencidos de que "é un intento máis de afogar á oposición, de facela calar, e evitar, unha vez máis, que se exerza a oposición á que temos dereito".

Pagamento de débeda herdada do PP

      No último punto, e un dos motivos fundamentais para convocar o Pleno Extraordinario de hoxe, o goberno quere recoñecer unha débeda con Augas de Galicia correspondente  ao ano 2005 e setembro do 2006, "deuda herdada non do bipartito, senón que proviña do anterior goberno do PP", explicaron os socialistas. O importe da citada débeda é de 111.000 €uros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: os clientes das prazas de abastos de Palmeira e Santa Uxía poderán escoller praceir@ favorit@ en Nadal

  • Dentro da campaña da Xunta “Este ano presume de praceiro/a”
  • O ano pasado foi designada como mellor praceira de Ribeira María Teresa Domínguez Caamaño, da froitería María Teresa.
Media_httpfarm5static_pbnai

Ribeira, 19 de decembro de 2011- O Concello informa de que tras o éxito acadado no 2010 pola campaña “Este ano presume de praceiro e praceira”, a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia pon en marcha unha nova edición desta iniciativa cos obxectivos de promocionar e visibilizar os mercados galegos, destacar a calidade dos seus produtos e resaltar a profesionalidade dos responsables dos postos que desempeñan alí o seu labor.

    O Concello está a colaborar a través da Concellería de Consumo no desenvolvemento desta acción, que atinxe a máis de 100 mercados e prazas de abastos de Galicia e que dentro deste termo municipal afecta ao inmoble de Ribeira e, como novidade deste ano, tamén ao de Palmeira.  

Media_httpfarm7static_vhrco

    Como incentivo para buscar a participación dos usuarios, entre os días 12 e 23 de decembro, os clientes de mercados como os de Ribeira e Palmeira recibirán un cupón por cada compra. O consumidor unicamente terá que enchelo co seu nome, apelidos e teléfono de contacto, indicando o número de posto do seu praceiro favorito ou da praceira que mellor lle caia, e depositar o cupón na urna instalada ao efecto dentro do mercado.

    Cheques de compra como premio

    Os días 23 de decembro de 2011 (este venres vindeiro) e venres 20 de xaneiro de 2012 procederase ao elección ao azar de tres cupóns de cada mercado, que se corresponderán con tres clientes agraciados con cheques de compra desa quincena, por valor de 75, 50 e 25 euros, intercambiables en forma de desconto nas seguintes compras que se efectúen no propio mercado (caducan o 28 de febreiro de 2012). Só poden ser recompensados os clientes que estean presentes no momento do sorteo.

   

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: O Faiado 2 acolle este xoves 22 unha charla sobre escultura e a inauguración dunha mostra de tallas en madeira

Noia: o Liceo programa un concerto de Nadal o venres 23 e o baile de Nadal o 25 coa orquestra París de Noia

Rianxo: o premio "Modesto R. Figueiredo" entrégase o venres 30 de decembro a X. Amancio Liñares

  • O gañador da XXXVII edición presentou "Corografía Obama"

Media_httpfarm5static_gtnsg

O acto de entrega será no auditorio rianxeiro

Rianxo, 19 de decembro de 2011. Onte, domingo 18 de Nadal, fallouse o premio de narracións curtas "Modesto R. Figueiredo" que organiza o Pedrón de Ouro xunto co Concello de Rianxo (este Premio rota cada ano por un Concello de Galicia).

O gañador, coa obra titulada "Corografía Obama", lévase mil euros. Desta volta foi o profesor Amancio Ñiñares Giraut, residente en Negreira e director da editorial tresCtres Editores. Tamén obtiveron accese, cunha contía de catro centos euros cadansúa obra, as tituladas: "Frío Azul" de Ledicia Costas (escritora de Vigo) e "Eco de Afasia", de Xaime Domínguez Toxo (natural de Pontevedra).

O xurado estivo formado por: Xosé Ramón Fandiño Veiga (Presidente do Pedrón de Ouro), Xesús Santos Suárez , que foi o Moderador, Tucho Calvo en representación do PEN CLUBE de Galicia, Agustín Agra en representación da AELG, Esther Carrodeguas en representación do Concello de Rianxo, Anxo Angueira en representación do Pedrón de Ouro e David Otero que actuou como Secretario.

A entrega destes premios terá lugar o trinta de decembro ás oito horas da tarde no Auditorio Municipal de Rianxo e deste acto será o mantedor literario o profesor e académico Xosé Luís Axeitos e a presenza musical do trío Vai formado por ex-membros de Fía na Roca. Neste acto de entrega a organización conta coa presenza en Rianxo da viúva de Modesto RFigueiredo e tamén as fillas deste.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

16.12.11

Ribeira: programación de Nadal completa

Na presentación estivo o técnico de Cultura, Unai González, e a concelleira encargada do ramo, Elvira Pisos

Ribeira, 16 de Nadal de 2011. Esta mañá presentouse a programación do Nadal Cultural do Concello de Ribeira.


Estase ultimando a celebración dunha serie de actividades na rúa promovidas pola Deputación Provincial, a Asociación de Empresarios de Ribeira e o propio Concello, co fin de dinamizar o comercio de proximidade nestas datas festivas. Ao seu debido tempo informarase ao respecto.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a campaña "Panos brancos" contra a droga congregou a 350 rapaces na Fieiteira

    Ribeira, 16 de decembro de 2011- Máis de 350 nenos e nenas de distintos centros educativos de Ribeira acudiron ao Complexo Polideportivo de A Fieiteira para dicirlle non á Droga nun evento –a Campaña Panos Brancos- que estivo coorganizada pola Asociación Renacer, o Concello de Ribeira e a Fundación Galega contra o Narcotráfico.

    Tras a oportuna presentación por parte de Fernando Alonso, xerente da fundación citada, o acto comezou coa intervención de cadanseus autoridades en representación das das tres entidades: María González, presidenta de Renacer; José Manuel Siso, presidente da fundación, e a tenente de alcalde Dolores Elorduy (quen desculpou a ausencia de Ruiz Rivas por estar atendendo outras obrigas como deputado provincial). 

    Acto seguido, unha vintena de rapaces e rapazas leron o manifesto que, baixo o título 1000 razóns para dicir si á saúde” pretende servir para que os máis novos tomen conciencia do problema da drogadicción e se desenvolvan na infancia como logo serán na idade adulta, vivindo no deporte e na aposta pola vida. Unha vez rematado o manifesto, as autoridades convidadas ao evento procederon á firma dunha bandeira branca que simboliza o espírito desta campaña para, a continuación, pasar de man en man este emblema a fin de que todos os asistentes deixaran estampada a súa sinatura.

    Logo tivo lugar unha pequena exhibición de taewondo, un partido de baloncesto mixto entre unha selección de alumnos e alumnas de 1º e 2 de ESO de Riveira e outra de Vilagarcía e un encontro Fútbol 7 entre alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO das dúas cidades: tres espectáculos deportivos que levantaron os aplausos dos participantes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: do 19 ao 21 de Nadal, concertos dos alumnos do conservatorio profesional

Cartel Concertos Nadal 2011 .pdf Download this file

Ribeira, 16 de Nadal de 2011. O Conservatorio Profesional de Música de Ribeira, dependente da Concellería de Educación do Concello de Ribeira, organiza para a semana un programa de concertos co que se pon fin ao primeiro trimestre de curso 2011/2012. 

O luns 19 de decembro os alumnos e profesores  do departamento de Piano ofrecerán unha audición no salón de actos do Conservatorio Local a partir das 19.00 horas con motivo do 200 aniversario do nacemento do compositor e pianista húngaro Franz Liszt. 

O martes día 20, ás 19 horas, alumnos do conservatorio ofrecerán un concerto na Residencia do Maior de Riveira. O concerto será ofrecido  por distintas agrupacións instrumentais, as cales interpretarán obras de Mozart, Carulli, Diabelli, Diego Bouzón e tamén música tradicional do Nadal. 

O mércores día 21, ás 19.30 horas, no salón de actos do Conservatorio desenrolarase o tradicional Concerto de Nadal protagonizado unha vez máis polos estudantes do centro.  Música de  Saint Saens, Bing Crosby, Scott Joplin, Apocalyptica  e as tradicionais panxoliñas soarán para poñer punto final a este  primeiro trimestre no Conservatorio Municipal. 

Unha vez rematado o concerto os profesores entregarán aos alumnos as cualificacións obtidas nesta primeira avaliación.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical