11.4.12

Ribeira: comeza este xoves 12 a escola municipal de break-dance, con 16 inscritos

Break_na_ra

  • As clases son na casa da Xuventude, a cargo dos noieses de Vella Escola
Ribeira, 11 de abril de 2012.- A Casa da Xuventude dará cabida a partir de mañá a unha nova iniciativa xuvenil consistente na posta en marcha da Escola Municipal de Breakdance: unha acción que se desenvolverá todos os xoves de 19 a 20 horas ata o 28 de xuño e no que participarán 16 alumnos: é dicir, cubriuse o límite máximo de prazas que había convocadas.

A actividade está promovida pola Concellería de Xuventude que dirixe a edil Aroa Fernández Cadórniga. Os encargados de impartir as clases son membros pertencentes á Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola, que xa agasallara o pasado mes aos alumnos do colexio Galaxia cunha exhibición na pista multideporte Irmáns Parada Alvite.

O obxectivo principal que se persegue coa presentación da actividade de breakdance é achegar esta disciplina ao colectivo xuvenil e promover os beneficios que conleva a súa práctica habitual. Ademais, preténdese fomentar o uso entre os rapaces de instalacións municipais dirixidas especificamente aos mozos e mozas, como é o caso da Casa da Xuventude.
 
O breakdance entendido como deporte ou baile é unha actividade física recreativa moi interesante e conveniente para a poboación escolar e a mocidade en xeral, posto que a súa práctica habitual proporciona múltiples beneficios relacionados coa saúde e o desenvolvemento das capacidades físicas e psíquicas da persoa.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: rematadas en Aguiño as obras na praza da Igrexa e arredores

Ribeira, 11 de abril de 2012.- O Concello informa da práctica finalización da obra de pavimentación e renovación de servizos na praza da Igrexa de Aguiño e na rúa adxacente. A falla tan só de dar os últimos remates, esta vía está practicamente expedita para o pleno uso e disfrute dos veciños da parroquia, dentro da estratexia de humanización e recuperación de cascos históricos adoptada polo Concello.

 

Antes de afrontar esta obra, a praza da Igrexa presentaba un pavimento de formigón bastante deteriorado polo paso do tempo, ao igual que no firme da rúa adxacente (de asfalto na calzada e de formigón nas beirarrúas).

 

A iniciativa supuxo unha sensible mellora na área de actuación,  proporcionando un acabado de pedra acorde co entorno. Para alcanzar este obxectivo, pavimentouse con lousas de granito abuxardado e adoquín de granito, ademais de substituír as tubaxes de saneamento de auga existente por outras de polietileno de alta densidade, instalar un novo colector para fecais de PVC e dispoñer un colector de PVC de pluviais.

 

Tamén se mudou toda a rede aérea de alumeado público por canalización soterrada a fin de lograr un menor impacto visual.

 

O importe da obra, incardinada dentro do Plan Provincial de Obras e Servizos (POS 2011) da Deputación de A Coruña, ascendeu a 114.052,90 euros. Foi realizada por Nemesio Ordóñez, S.A.




 

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o luns 16 de abril comeza o proxecto "Comunidade Aula de Linguas Vivas", en inglés, francés, alemán e galego

Boiro, 11 de abril de 2012. Este luns 16 de abril comeza no Centro Social un proxecto lingüístico intitulado "Comunidade Aula de linguas Vivas". Nel preténdese a adquisición de destrezas comunicativas en distintas linguas estranxeiras: inglés, francés e alemán. A metodoloxía que se vai a seguir nesta comunidade é crear un espazo onde convivan as linguas: inglés, francés, alemán e galego.

No mes de abril haberá dúas sesións de unha hora cada unha: as sesións están dirixidas por auxiliares de conversación nativos.

O lugar onde se realizará a Comunidade de linguas vivas é na cafetería do Centro Social.

As datas no mes de abril son 16 e 30 de abril de 20h a 21h.

A Comunidade de aula de linguas vivas é unha actividade voluntaria e gratuíta polo que para participar debes inscribirte previamente na OMIX( Centro Social, 1º andar), no correo omix@boiro.org ou no tlf 981842635.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: xornadas sobre biomasa en catro sesións, o 19 e 26 de abril e o 2 e 3 de maio

  • Ata o 13 de abril, venres, aberto o prazo de inscrición. As sesións serán nas escolas vellas de Asados de catro da tarde a nove da noite

Sesión 1: Aproveitamento enerxético da biomasa forestal.

Sesión 2: Oportunidade de negocio e casos reais.

Sesión 3: Creación de empresas en zonas rurais.

Sesión 4: Visita de campo.

A temática destas xornadas formulouse como unha medida de inserción laboral, para sensibilizar á poboación nas oportunidades de emprego que pode xerar a Serra do Barbanza.

Estas xornadas son organizadas dende a Mancomunidade Arousa Norte coa financiación da Deputación da Coruña. Colaboran con os catro concellos da comarca e a organización Madoan en A Pobra.



Cursos en Rianxo: para mulleres en abril, maio e xuño. De balde

cartelcursobiomasarianxo.pdf Download this file

rianxoinfoeprograma.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: este venres 13, novo capítulo do Curota Sound e o sábado 14, roteiro con BoiroVerde

Boiro, 11 de abril de 2012. Continúa a primeira edición do Certame CurotaSound, para grupos noveis do Barbanza. Desta volta, o venres 13 de abril actúan Golpe Radikal e Areavasta (Aguiño). Como sempre, no Pousada das Ánimas dende as 22:00 horas.


Outra opción o mesmo día: Grupo Mustang

Fará un repaso de grandes temas da historía do rock en formato acústico. É un grupo formado por Ángel Noya (voz), Carlos Cernadas (guitarra acústica), Fran Velo (baixo acústico) e Manu Rey (batería e caixón). Tocará na Abadía de San Enrique, ao lado da igrexa de Santa María do Castro, en Cabo de Cruz. Dende as 12 da noite do venres 13.


O sábado, camiñata, pode que con chuvia

Media_httpfarm4static_gvblx

Este sábado 14 de abril os integrantes do colectivo Boiroverde organizarán unha saída polo litoral, que comezará en Rebordelo as 10h. A distancia son 8 km, a dificultade é baixa e aproximadamente terá unha duración de dúas horas e media.

Esta ruta polo litoral -pode que con chuvia- pretende achegar aos participantes os recursos culturais e naturais do litoral (Lagoas de Carragueiros, especies de flora e fauna autóctonas, praias de Carragueiros, a Retorta, o Chazo ou a Ladeira).

Información e inscricións no Centro Social de Boiro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

10.4.12

Noia: o Espazo Xove sumouse ao Día Europeo da Información Xuvenil cun seminario

Reunin_noia

Noia, 10 de abril de 2012. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado únese a Campaña: “O Dereito a Información Xuvenil” con motivo do Dia Europeo da Información xuvenil  que pon en marcha ERYICA en colaboración co Consello de Europa o vindeiro día 17. A campaña pretende sensibilizar á mocidade e aos medios de comunicación sobre o papel especial da información para os mozos e mozas con respecto ao acceso destes  aos  seus dereitos. Asi mesmo tamén se pretende sensibilizar sobre  acceso á información como un dereito en si mesmo para toda a Xuventude.


En Noia tivo lugar un seminario hoxe mesmo sobre este asunto (a imaxe é de hoxe).


Como requisito previo establécese o respecto á democracia, aos dereitos humanos e as liberdades fundamentais, así como o dereito a que todos os mozos e mozas teñan acceso a unha información completa, obxectiva, comprensible e fiable sobre todas as súas dúbidas e necesidades.

 

Os obxectivos xerais da campaña son os seguintes:

1. Dar a coñecer aos mozos e mozas o dereito á información.

2. Dar a coñecer aos mozos e mozas  os Servizos de información Xuvenil onde poderán facer uso do seu dereito e atopar aquilo que buscan para desenvolver os seus proxectos.

3.Sensibilizar á clase política da importancia da información xuvenil.

 

Con este motivo a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizou un seminario sobre “A información e dinamización xuvenil desde os Espazos Xove da Rede Galega de Centros de Xuventude”.  No mencionado Seminario participaron responsables de distintos Espazos Xove da Comunidade Autónoma de Galicia e da Comunidade Foral de Navarra, no que diseñaron un programa dirixido a mocidade para levar a cabo nalgúns dos Espazos Xove galegos, con motivo do Dia Europeo da Información Xuvenil: O Dereito a información xuvenil.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Ámbar acada o certificado de calidade ISO 9001 para o seu centro de día

Media_httpfarm8static_hedmy

Unha das numerosas actividades que organiza Ámbar

Ribeira, 10 de abril de 2012. A asociación AMBAR vén de ampliar o alcance da certificación de calidade ISO 9001 ao Centro de Día do que a entidade dispón en Ribeira. Deste xeito, actualmente tanto o Centro Ocupacional como o Centro de Día contan con esta acreditación, que mostra ante todos os seus grupos de interese: usuarios e familiares, administracións públicas, empresas privadas e sociedade en xeral, que se están a prestar eficazmente os servizos e que os recursos son canalizados de forma adecuada.

O certificado foi otorgado por Bureau Veritas Certification, que  estivo durante dous días realizando a pertinente auditoría que culminou na emisión do mencionado certificado.

O Centro Ocupacional e o Centro de Día de ÁMBAR traballan por mellorar a calidade de vida das persoas con Diversidade Funcional Intelectual prestando servicios de atención integral especializada a través de obradoiros prelaborais, programas de habilidades persoais e sociais, programas de ocio e inclusión social, atención psicolóxica e socio-familiar.
 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o luns 16 de abril inauguran unha mostra sobre o cómic galego e universal

Media_httpfarm7static_svphc

Traseira da Casa de cultura de Porto do Son

Porto do Son, 10 de abril de 2012. Dentro das actividades de promoción da  lectura no Mes do Libro, a Biblioteca do IES de Porto do Son, integrada no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e coordinada polas profesoras Rut Losada Soto e Sonia Ces García, organiza a exposición "A historia do cómic galego e universal". Vai ser inaugurada o luns 16 de abril ás 19:00 hrs. na Casa da Cultura do Concello de Porto do Son. Poderá ser visitada ata o 30 de maio.

Nesta exposición amósanse os traballos dirixidos polo profesor Alfonso Pérez Moreno e realizados polo alumnado de 3º de ESO de Lingua Galega e Educación Plástica e Visual durante o  curso 2009-2010 -que actualmente cursan Bacharelato-, así como unha exposición sobre a Banda Deseñada Galega cedida por El Patito Editorial. Naquel momento, conscientes do descoñecemento deste xénero e das súas posibilidades pedagóxicas, o equipo decidiu afondar neste eido para o cal realizou unha importante adquisición de fondos, que os interesados na visita poderán coñecer. Este foi un dos primeiros traballos coordinados dende a biblioteca do instituto centrados no que está a ser o principal obxectivo da mesma: a interdisciplinariedade como criterio pedagóxico.

A iniciativa pretende manifestar a necesitade de entender a educación como un proceso global que atinxe non só  toda a comunidade educativa -profesorado, alumnado, pais e nais- senón tamén á sociedade en xeral. Enviarase aos centros da zona unha guía didáctica coa que poder afondar na información de xeito dinámico.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o servizo de limpeza de edificios públicos será adxudicado en breve a unha das sete empresas presentadas

Media_httpfarm3static_lrggt

Imaxe do colexio O Grupo

 

Ribeira, 10 de abril de 2012.- Finalizado o prazo de recepción de ofertas o pasado 28 de marzo, un total de 7 empresas presentáronse ao concurso público polo que se licita a contratación do servizo de limpeza de interiores en edificios públicos, deportivos e centros escolares dependentes do Concello, segundo referiu a portavoz Herminia Pouso durante a súa comparecencia de hoxe para explicar os principais asuntos abordados na reunión do Grupo de Goberno.

 

Pouso Maneiro engadiu que esta mesma semana, a mesa de contratación iniciará os trámites oportunos con miras á pronta adxudicación deste servizo, que ten un importe de 320.000 euros e un prazo de duración de dous anos, prorrogable anualmente ata un máximo de dous anos máis.

 

Entre os centros  incluídos, que suman unha superficie total de 29.360 metros cadrados, prevese a inclusión de edificios de nova creación ou recente posta en funcionamento, como a sede da Policía Local, as novas dependencias dos Servizos Sociais situadas na praza 8 de marzo, a Sala Museo Municipal, a Casa da Xuventude ou o Edificio de Usos Múltiples de Corrubedo.

 

A edil riveirense advertiu tamén que, segundo consta expresamente no plego de condicións, o contrato poderá estenderse a outros locais ou dependencias que pasen a formar parte do Concello, co cal queda salvagardada a prestación do servizo de limpeza en todas aquelas novas infraestruturas municipais que se vaian abrir e inaugurar nos vindeiros dous anos, entre os cales se poden contar algúns incardinados dentro do proxecto Riveira Atlántica 2015.

 

Seguemento do Riveira Atlántica

Ao fío deste último comentario, Herminia Pouso informou de que o Concello foi escenario onte dunha reunión técnica de seguimento do proxecto Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos Feder.

 

Cabe recordar que o pasado 3 de abril procedeuse á apertura do Mercado Provisional despois dun intensísimo traballo de acondicionamento, así como ao inicio dos traballos preparativos con vistas á demolición da vella Praza de Abastos: unha actuación esta última sobre a que a dirección de obra do derrubo e a coordinación en materia de seguridade e saúde durante este labor recaeron na empresa 2C Arquitectos.

 

De forma inmediata está prevista a adxudicación dos servizos de apoio de comunicación e publicidade do proxecto Riveira Atlántica, que incluirá, entre outras accións, a elaboración dun manual de identidade corporativa específico, a creación dunha páxina web que amplifique a través da Rede a difusión deste proxecto e a edición de todo tipo de material gráfico divulgativo e de uso en actos institucionais.

 

Tamén nesta mesma semana se reunirá a mesa de contratación en orde a iniciar o proceso de adxudicación do subministro e instalación semafórica na avenida de Malecón, cun prezo de licitación de 80.830 euros.

 

E por outra parte, nestes momentos está en proceso de redacción tanto os plegos técnicos do Centro Social de Oleiros como do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Ribeira.

 

Adecuación de seis camiños

Outro dos temas dos que se dou conta na reunión de hoxe é o da próxima adecuación de seis camiños situados noutras tantas parroquias do municipio: unha actuación adscrita ao PEIM Rural (Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural) da Xunta de Galicia.

 

O importe global das seis actuacións alcanza un total de 48.193,27 euros e abrangue concretamente a camiños situados nos Castelos (Aguiño), Agrelo (Olveira), Meixe (Oleiros), Poi (Castiñeiras), Gándara (Artes) e no cruce do Vilar (Carreira).

 

Glorieta do Vilar

Por último, outros dos temas dos que se informou na reunión de hoxe foi o da publicación no DOG de 9 de abril da declaración de urxente ocupación pola Xunta de Galicia dos bens e dereitos necesarios para a realización dunha rotonda no cruce do Vilar, a efectos da súa expropiación forzosa. Cabe recordar a gran demanda veciñal existente sobre unha infraestrutura que se situará na estrada DP 7305 da Deputación Provincial.

 

“Esperemos que moi pronto podamos contar cunha glorieta que fará moito máis segura a circulación tanto de vehículos como de peóns”, rematou a edil.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a Feira Cabalar do San Marcos contará cunha proba puntuable para a Copa Galicia de Pura Raza Galega

Media_httpfarm4static_ckgec

Noia, 10 de abril de 2012. A asociación "Pura Raza Cabalo Galego" chegou a un acordo co Concello de Noia, a través da concellería de Cultura e Festexos que dirixe Javier Rodríguez Vieites, para que o vindeiro 25 de abril -mércores-, dentro do programa oficial das festas e feiras do San Marcos, se celebre unha proba morfolóxica de eguas e cabalos de pura raza galega que puntuará para a Copa Galicia desta especialidade.

Os équidos participantes deberán ser maiores de tres anos e estaren inscritos no rexistro xenealóxico da raza galega equina. A competición comezou o pasado 8 de abril na Pascua de Padrón e vai continuar por dez feiras máis, repartidas por toda Galicia. O concurso morfolóxico está dirixido por Xacobe Pérez Paz, que é o director técnico da mesa de concursos. De secretario fará José Ramón Abel Prado e o único xuíz desta proba será Joaquín González Troncoso, xuíz titulado da raza galega e presidente da comisión de actividades rurais da Federación Hípica Galega.

As probas van ter lugar no novo recinto feiral acondicionado nas proximidades do campo de fútbol. A asociación "Pura RAza CAbalo Galego" louva a "decidida aposta do Concello de Noia pola potenciación da raza autóctona cabalar de Galicia, e a súa posta en valor na Feira de San Marcos, verdadeiro motor impulsor do resto de celebracións que ese día se fan en Noia". Ademais, insta e anima a todos os gandeiros, criadores e propietarios de equinos a que acudan á cita do San Marcos, con toda a documentación sanitaria e identificativa dos seus animais en vigor, para un normal control e bo discurrir da cita gandeira.  


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical