12.6.12

Roteiro: "Entre o mar e a terra", do Faiado 2, percorre Palmeira este sábado 16

Boiro_vi_roteiro

  • O VI Roteiro “Entre o mar e a terra” que organiza a asociación boirense "O Faiado 2" está adicado a Palmeira e o seu patrimonio.
  • Será o 16 de xuño as 17:00 h e sae do Mirador do Castelo (porto de Palmeira).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o I Ciclo de Retranca da Ría comeza o venres 22 de xuño con Evaristo Calvo

Cartel

Ribeira, 12 de xuño de 2012. A Asociación Xuvenil e Cultural Flor de Toxo organiza o I CICLO DE RETRANCA DA RÍA, que pretenden se convirta "nunha actividade anual na que os maiores representantes do humor, do conto e da retranca se acheguen ata a nosa comarca".

O venres 22 xuño comeza coa actuación do famoso actor Evaristo Calvo, que chegará cun monólogo titulado " O turista Madrileño", ás 22:30 no Bar Brétema (Ribeira). Entradas á venda dende o día 14 de xuño no bar Brétema, tamén se poden adquirir o día da actuación, pero tede coidado que HAI AFORO LIMITADO. Prezo da entrada: 4 euros. Socios gratis.


Nos meses de setembro e outubro o ciclo contará coas actuacións de Quico Cadaval, Carlos Blanco e algún monologuista máis por concretar.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: este domingo 17 de xuño, "O señor das dunas", na casa da cultura

Senor_das_dunas1


Muros, 12 de xuño de 2012. Este vindeiro domingo, 17 de xuño, ás 20:00 horas pasará  polo auditorio da Casa da Cultura de Muros a obra multidisciplinar O Señor das Dunas, espectáculo dirixido ao público familiar.

É unha obra, metade contacontos, metade acción artística, desenvolvida polo actor Mani Braga, no papel do señor das dunas, e polo ilustrador con area Dani Boullosa, quen representa o seu discípulo, baixo a dirección artística de David Hernández. É unha actividade que transmite historias tradicionais galegas cuxas personaxes van cobrando vida a través da ilustración na area, apoiados en todo momento pola música e polos efectos de son.

Ao rematar, todos os asistentes recibirán como agasallo un libro que recolle os contos tradicionais galegos que se narran no espectáculo, ilustrados con area.

Sinopse:

Un vello bibliotecario hai tempo naufragou diante da costa de Corrubedo, onde quedou a vivir entre as súas dunas. Durante anos, os veciños da vila achegáronse canda el escoitar as historias que lera en tantos libros durante os longos anos de bibliotecario. Agora, xa maior, ten que ser o seu discípulo quen, usando area da praia, as ilustre mentres el as conta.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Barbanza: o Psoe pide medidas contundentes contra as trampas ilegais para lobos nesta bisbarra

  • O goberno galego respondeu ás preguntas do deputado socialista José Manuel Lage sobre a aparición de trampas ilegais na Serra do Barbanza
  • O socialista alerta de posibles delitos ambientais e considera necesario impedir este tipo de prácticas, que prexudican ao lobo e a toda a fauna sen distincións

Media_httpblogueirosa_bhtzo

Foto de Axena, asociación que denuncia estas prácticas e que xa vai polo capítulo XXII na súa serie sobre este problema no Barbanza: http://blogueiros.axena.org

Barbanza, 12 de xuño de 2012. O deputado do PSdeG Lage Tuñas levou o asunto ao parlamento presentando varias preguntas e interpelacións ao goberno galego para “que explique que medidas teñen adoptado, xa que estamos diante de accións que se estenden polo conxunto da Serra do Barbanza e as prácticas ilegais deben ser combatidas, e os infractores perseguidos”.

O parlamentario socialista afirma que “o goberno galego debe apoiar aos gandeiros do barbanza que fai un ano denunciaron a perda de 200 cabezas de gando sen que a Xunta tivese unha áxil resposta diante das protestas polas importantes pérdidas deste sector. Hai que facer compatible o apoio aos gandeiros e a protección da especie autóctona do lobo ibérico, un reto a facer compatible con concertación, acordos e legalidade e perseguindo a aqueles que se adican a colocar trampas ilegais de carácter mortal para a fauna da serra barbanzana.”

Terá a Xunta de Galicia que tomar medidas inmediatas para poñer fin tamén a este tipo de prácticas alleas aos conductos oficiais e aos acordos alcanzados entre os diferentes colectivos como cazadores, gandeiros e comuneiros”, remata José Manuel Lage.





81341-POC Aparición de trampas ilegais na serra do Barbanza.pdf Download this file

81342-PRE Aparición de trampas ilegais na serra do Barbanza.pdf Download this file

Lobos-Resposta da Xunta a pregunta Lage Tuñas sobre trampas ilegais no Barbanza-xuño 2012.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Psoe denuncia que hai locais de hostalería que non poden liquidar taxas porque o Concello retrasouse na inspección

AXGL 25.05.12.doc Download this file


Boiro, 12 de xuño de 2012. Segundo explican en nota de prensa os socialistas de Boiro, na Xunta de Goberno de data 25 de maio (que se adxunta completa nesta información) déronse unhas liquidacións á hostaleria por máis de 20.000 euros por ocupación de espazo público. "Os Socialistas estamos completamente dacordo en que tódolos cidadáns deben cumprir cas súas obrigas tributarias, do contrario, sería competencia desleal con aqueles que si cumpren puntualmente cos pagos; non obstante, neste caso existeu deixadez por parte do Goberno do Partido Popular por non ter feito unha inspección ata case que un ano despois da última feita, e coa que está caendo, hai locales afectados que nos comunicaron non poder facer fronte a cuantías nalgúns casos de máis de 3000 euros", explican.

Revisar á baixa ante o baixo consumo e as diferentes zonas

O Psoe de Boiro considera tamen que "en momentos de tan baixo consumo deberíase revisar á baixa a ocupación dos espazos públicos e, ao mesmo tempo, poñer as taxas de ocupación segundo as diferentes zonas do casco urbano: non é o mesmo na rúa peonil que a zona de Cimadevila no núcleo de Boiro".
 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Neira Vilas compartiu na cidade un anaco das súas prodixiosas historias

Ribeira, 12 de xuño de 2012.- Centos de escolares de Ribeira volcáronse no día de hoxe coa dobre actividade celebrada no municipio en torno á figura do escritor Xosé Neira Vilas e da súa novela máis emblemática: “Memorias dun neno labrego”.

Así, ás 11 da mañá, e no marco da programación do Xuño da Cultura e as Artes promovida polo Concello, tivo lugar na planta alta do Auditorio a inauguración da exposición “Querido Balbino. 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego”, con presenza do propio autor, nacido en Vila de Cruces no ano 1928; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e do alcalde Manuel Ruiz. Ao acto –no que estaban tamén as concelleiras de Educación e de Cultura, Mª Carmen Vizcaya e Elvira Pisos- acudiron medio cento de nenos do Colexio Bayón e profesores de diferentes centros educativos, que non se quixeron perder o acontecemento.

Durante a súa intervención, o alcalde quixo salientar ante os asistentes a importancia que ten dentro da historia da literatura galega a obra de Neira Vilas e moi especialmente o libro protagonizado polo neno Balbino, ao que chegou a cualificar como “o noso Quijote. Ademais, o rexedor municipal animou aos rapaces congregados no Auditorio a que aproveitasen esta experiencia para coñecer e “intentar emular a persoas que, como Don José Neira Vilas, fan a Galicia grande”.

Valentín García tamén quixo reflectir a transcendencia do libro obxecto da exposición, ao que cualificou de bestseller galego (“algúns lle chaman os Harry Potter galego”, dixo) e do que se levan vendidos xa máis de 600.000 exemplares.

Pola súa parte, o autor e gran protagonista do acto manifestou a especial ilusión que lle fai que unha persoa da Galicia interior coma el teña a oportunidade de estar nun pobo con mar con esta exposición. O escritor explicou as circunstancias da creación do seu libro nunha cafetería de Bos Aires, o interese que espertou en persoeiros da cultura galega como Rafael Dieste, Luis Seoane ou Isaac Díaz Pardo, a súa publicación na editorial deste último e como, co paso dos anos, foi adquirindo unha sona crecente ata ser traducido a moi diferentes idiomas, como o italiano, o portugués, o francés, o alemán ou o chinés. Ao remate da quenda de intervencións, Xosé Neira Vilas asinou un bo número de exemplares a todos aqueles que así o quixeron. Moitas das obras asinadas procedían das diferentes bibliotecas escolares que hai nos centros do municipio.

Exposición

A mostra do Auditorio articúlase en torno a dous eixos que guían ao espectador a través dun túnel de vitrinas. Dunha banda, preséntase a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos transcendentes da súa biografía: exilio en Arxentina e Cuba, amizade con outros exiliados ou o casamento con Anisia Miranda. Doutra banda, amósanse documentos e material referidos á traxectoria seguida polo propio libro e o seu protagonista. Neste sentido, a exposición lembra as edicións, adaptacións teatrais e audiovisuais inspiradas en Memorias dun neno labrego e conta cun espazo onde se proxecta un documental sobre Balbino.

Querido Balbino presenta tamén 15 obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego. Entre os autores que colaboran nesta iniciativa son: Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Esperanza Lema, Federico Fernández, Xoán Domato, Antón Pulido, Herminda Salgueiro, Siro López e Xaquín Marín.

Encontro en Frións

Ao rematar este primeiro acto, tivo lugar unha segunda actividade no CEIP de Frions: “Encontros con Neira Vilas”. Alí foi recibido o escritor de Vila de Cruces para disertar e conversar cos numerosos rapaces e profesores asistentes que –procedentes da escola citada e dos colexios de Carreira e Aguiño- encheron por completo o salón de actos do recinto escolar.



Neira Vilas.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

11.6.12

Andainas: o ciclo "Ponte a Andar" 2012 puxo o seu broche de ouro coa viaxe ás Illas Cíes

Ribeira, 11 de xuño de 2012. Onte domingo tivo lugar a derradeira andaina do ciclo Ponte a Andar que pecha a temporada 2011-2012.O éxito de participación foi rotundo en tódalas andainas organizadas pola Cofradía da Dorna, acadando unha media de andaríns de 60 persoas nas 5 convocatorias anteriores, pese á dureza de -por exemplo- a andaina dos Forcados.

60 que se botaron atrás e se perderon un baño na praia máis bonita do mundo

Nesta derradeira andaina había inscritas 200 persoas que saíron do porto deportivo de Ribeira rumbo ás Illas Cíes, ainda que por mor do mal tempo unhas 60 persoas declinaron viaxar no último intre. Craso erro, pois a mala climatoloxía respetou ós excursionistas facendo unha lixeira presencia durante escasos minutos, e tan benevolente foi que incluso lles permitiu pegarse un baño na que contan é a praia máis bonita do mundo: a praia de Rodas.

Os andaríns disfrutaron da Lagoa dos Nenos, da subida ó Faro, e da Pedra da Campá na que os monitores en xornada de mañá leváronnos a coñecer eses enclaves do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Pola tarde e xa sen a tutela dos monitores, os andaríns que non optaron por desfrutar da praia de Rodas pudéronse achegar ata a praia de Figueiras, o Alto do Príncipe ou o Faro do Peito.

A xeira polas rías de Arousa, San Vicente, Mar de Ons, e Costa do Vento (coas impresionantes vistas de Cabo Home) foi algo máis movida do que se podería esperar para un mes de xuño, pero pouca cousa para os aventureiros dorneiros acostumados a marearse noutras augas máis bravas.




https://twitter.com/Tutotutorino/status/212096500019363840

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Solidaridade: Ámbar celebrou o seu 30 aniversario cun festival de apoios

  • Recadáronse 3.000 euros que serán adicados a actividades de inclusión

Ribeira, 11 de xuño de 2012. Os barbanzáns mostraron a súa cara máis solidaria apoiando a labor de AMBAR. Preto de trescentas persoas asistiron ao Festival Solidarios, promovido pola entidade no auditorio municipal de Ribeira. Durante máis de dúas horas, os artistas conducidos por un xenial Quico Cadaval, subiron ao escenario para animar unha velada inesquecible. Os mozos do grupo de teatro de AMBAR abriron o espectáculo “facendo aparecer” a Quico, quen deu paso ás actuacións da agrupación folclórica Vai de Roda, Sonia Levedynski e Gabriel Vidal coa súa guitarra, Roi Casal acompañado da voz de Silvia Ferre; o grupo municipal de teatro de Ribeira, Xosema Esperante e Teté García, e Tonhito de Poi e Ana de Poi, pechando o cartel con música, bo humor e tenrura. Pero Cadaval aínda quixo despedir o festival cunha homenaxe solidaria facendo subir ao escenario aos artistas, quen aplaudiron ao público mentres a charanga de Vai de Roda musicaba a quen ían deixando a sala.

 

Intervencións da “xente de AMBAR”

En distintos momentos do espectáculo, Cadaval deu voz a tres persoas vinculadas a AMBAR para que expresasen o seu sentir dende distintas perspectivas: Silvia Rodrigues, voluntaria colaboradora da entidade; Luisa Crujeiras, socia e usuaria dos servizos de AMBAR; e Milagros Rey, Presidenta da asociación, quen agradeceu o empeño das persoas que durante tres décadas fixeron posible a labor de AMBAR.

 

3000 euros para actividades de inclusión

A recadación do Festival Solidarios ascendeu a 3000 euros, derivados das vendas do caderno que levaba a invitación ao evento e das achegas á fila cero aberta para este fin. Dende AMBAR desexamos expresar unha inmensa gratitude a quen fixeron posible que este evento fose unha gran demostración de solidariedade e un gran espectáculo: a todos os artistas, intérpretes e grupos xa mencionados, quen fixeron gozar da súa arte e talento a un público entregado, ao equipo técnico de Bandín Audio, quen se empregaron a fondo cun excelente soporte fundamental para lograr a calidade da función e a outros colaboradores que preferiron quedar no anonimato. Agradecemos, tamén, o apoio á difusión dos medios de comunicación da comarca e a resposta do público. Este diñeiro destinarase aos programas de atención directa ás persoas con diversidade funcional que acoden a AMBAR.

 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: queixas sobre deficiencias na limpeza viaria

Media_httpfarm8static_qlazm

Ribeira, 11 de xuño de 2012. Veciños de Ribeira están molestas con certas anomalías na limpeza viaria, pois non parece empregarse coa asuidade necesaria o camión para lavar contedores nin se retira con dilixencia o cartón para reciclaxe na zona do mercado.

Un destes veciños insatisfeitos enviou un escrito ao Concello no que pide que se arranxen estes problemas. Reproducimos íntegro o seu escrito:

"Por medio de la presente coincido, con esa máxima autoridad municipal, en que es necesario mantener limpia la ciudad y que las vecinos tenemos que ser más respetuosos con nuestro medio ambiente, pero tampoco es menos cierto que la empresa de limpieza viaria tiene que cumplir con sus obligaciones contractuales y es responsabilidad de ese Concello el ejercer el control necesario para ello y así mantener una ciudad, principalmente el casco urbano y las calles peatonales, más limpia, sostenible y habitable.

  Deseo trasladarle una serie de consideraciones importantes para que pueda comprobar y si quiere darme la oportuna contestación que como vecino, me consta que también a otros muchos, nos preocupa al destinar dinero público para pagar a una empresa por la limpieza pública de nuestras calles. Al parecer puede que se produzcan una serie de  irregularidades o deficiencias por eso le pregunto que si se utiliza mucho el camión de “lavacontenedores” y con que regularidad.  ¿Es cierto que el camión de la empresa de limpieza coge agua de la toma de agua pública, utilizada para casos de emergencia (protección civil, bomberos,…). ¿Cuantas veces se ve por las calles, principalmente las peatonales, el uso de la “hidrolavadora”?, personalmente siempre veo unos camiones que realizan un pequeño lavado de cara de las calles, con chorros de agua natural, sin utilizar detergentes ni otro tipo de productos que limpian perfectamente las calles.
 

    Por otra parte  también me preocupa el motivo por el cual, en las últimas semanas, no se recoge el cartón del mercadillo de los sábados para reciclar y se tira todo en los contenedores de los residuos orgánicos. Estos trabajos de recogida y limpieza de la zona del mercadillo lo realiza el propio personal de la empresa de limpieza viaria y me imagino que cumplen con el mandato de sus empleadores".

 

Antes, en Certo:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o escritor Xosé Neira Vilas visita este martes 12 de xuño o colexio de Frións e inaugura no auditorio "Querido Balbino"


Neira Vilas, á esquerda, con Mero, de Fuxan os Ventos
 
Ribeira, 11 de xuño de 2012.- No marco do Xuño da Cultura e as Artes, mañá martes terá lugar en Ribeira unha dobre cita en torno á figura do gran escritor galego Xosé Neira Vilas: unha exposición no Auditorio e un encontro co propio autor no CEIP de Frións.

Así, e baixo a presidencia do alcalde, Manuel Ruiz Rivas, ás 12 do mediodía terá lugar no Auditorio a inauguración da mostra “Querido Balbino. 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego”. Este acto contará coa presenza de Neira Vilas, do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; da Concelleira de Educación, Maricarmen Vizcaya e da Concelleira de Cultura, Elvira Pisos Arnoso, entre outros.


Parte da mostra "Querido Balbino". Neira Vilas coñeceu ao Che Guevara

O acto está aberto ao público en xeral e máis aos centros de ensino que desexen asistir. Logo da inauguración, Neira Vilas asinará os exemplares da súa obra que os asistentes acheguen ata o Auditorio.

Acto seguido, ás 13 horas, o escritor nacido en Vila de Cruces visitará o CEIP de Frións, para participar na actividade “Encontros con Neira Vilas”, á que están convidados os estudantes de todos os centros de ensino de Riveira que queiran coñecelo e ter a oportunidade de falar con el.

Xogos populares

Outra das novidades do día é a celebración de 17 a 19 horas na praza de España dunha Xornada Interxeneracional de Xogos  Populares por iniciativa da Asociación Xuvenil Arrecó e do Club de Pensionistas e Xubilados do Mar de Riveira. Esta acción comprende o desenvolvemento de diferentes xogos tradicionais, como a ra, a chave de pé e a chave de pas, os bolos, aros, zancos, cordas e moitísimos máis.

Por outra parte, no Centro de Interpretación Arqueolóxica do parque periurbano de San Roque terá lugar a segunda xornada de “Os artistas en San Roque”, na que escolares de 5º e 6º de Primaria do municipio toman parte activa nun conxunto de xogos, obradoiros e outras actividades lúdicas e de divertimento, co fin de aprenderlles coñecementos sobre o megalitismo, a idade de bronce e a idade de ferro. Organizada pola Concellería de Turismo, a iniciativa terá lugar entre as 9 e as 13.30 horas.

Teatro infantil

Tamén mañá desenvolverase a segunda xornada da XV Mostra de Teatro Infantil de Ribeira. A partir das 20 horas, actuarán os grupos do Colexio Bayón e o Colexio Galaxia. A primeira das formacións porá en escena a obra “O Dinosaurio Belisario”, con adaptación e dirección de Domingo Armental. Belisario é un feroz dinosauro verde, brando,  enorme e que viste cun uniforme de militar, provocando o terror en todo o arredor... Vintecinco actores e actrices forman parte do reparto.

A continuación, o Colexio Galaxia interpretará “O Heroe tolo”, cun guión escrito e dirixido por Cipriano Fernández Fernández. Xelasio, o ser máis estraño da aldea, é o único que se atreverá a enfrontarse a Firmín o Facineroso e á súa banda, logrando que a violencia acabe na comarca definitivamente.... Actúan dezasete nenos e nenas.

 

Como sempre, as dúas funcións de mañá son libres e gratuítas ata encher aforo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical