5.8.12

Dodro: o domingo 12 de agosto, á unha da tarde, homenaxe no cemiterio a Moncho Reboiras

A Pobra: o Psoe cre que Isaac Maceiras agocha algo porque non lles dá información sobre as contas de 2011

solicitar información conta 2011.docx Download this file


O Concello da Pobra, cada vez máis na escuridade, denuncian os socialistas

A Pobra do Caramiñal, 5 de agosto de 2012. Segundo denuncia o Psoe local, "unha vez máis o alcalde non autoriza a facilitar as copias para o estudo da conta xeral do exercicio 2011. Na nosa modesta opinión, un Alcalde que pon paus nas rodas da información, é un Alcalde que ten algo que ocultar".


A agrupación socialista, que dirixe a secretaria xeral Teresa García Guillán, sinala que a transparencia "debe ser o principio básico que  debe rexer na Administración Local. Sen unha información pública clara e veraz das contas municipais, o único que provoca é o “sospechosismo” ou a elucubración do destino  dos cartos públicos máis aínda cando somos un concello cun elevado endebedamento. Ademais a falta de transparencia provoca, como por desgraza podemos constatar hoxe en día, desapego e desconfianza cara os xestores públicos e políticos en xeral".

A voceira socialista considera "de especial importancia para a defensa dos intereses dos cidadáns que as contas públicas teñan o teito e as paredes de cristal, máxime na actual situación de crises económica na que hai que optimizar ó máximo os recursos".





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

3.8.12

Noia: o viaduto de Ceilán irá a dous niveis, co que o corredor Brión-Noia terá enlace directo coa variante noiesa

  • A Xunta informa que prevé rematar as obras da reparación da capa de rodadura na estrada Cee- Ribeira (AC-550), para as que se achegaron 1,3 millóns de euros, a finais deste verán
  • Estas rehabilitacións de firme incrementarán a seguridade nestes viais para máis de 62.000 habitantes dos concellos de Noia, Porto do Son, Ribeira e A Pobra do Caramiñal


Rotonda de Orro, en Noia, un dos nexos da variante

Barbanza-Noia, 3 de agosto de 2012.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciou hoxe que o viaduto de Ceilán construirase a dous niveis, polo que a VAC Brión- Noia terá enlace directo coa variante de Noia. Hernández realizou este avance na súa visita, en plena precampaña electoral, aos concellos coruñeses de Ribeira e Porto do Son, ámbolos dous gobernados polo PP.

A variante de Noia, no que respecta á conexión do corredor Brión- Noia coa estrada AC-550 en Taramancos, consta dun orzamento que ascende a máis de 38 millóns de euros. Xa se remataron practicamente todos os movementos de terras e está a avanzarse na construción dos viadutos necesarios (un na conexión da estrada autonómica coa variante, o viaduto do Eroski e o da ría). Como é habitual dende que se iniciaron estas obras, Hernández non dixo nada sobre o castro destruído en Taramancos nin sobre os seus achádegos.

O titular de Medio Ambiente adiantou estes datos nunha supervisión ás obras de mellora de seguridade viaria de varios treitos de dúas estradas fundamentais para a comarca do Barbanza: Oleiros- Corrubedo (AC-303) e Cee- Ribeira (AC-550), proxectos nos que a Xunta de Galicia está a investir preto de 4,6 millóns de euros.

Oleiros- Corrubedo (AC-303)
Por unha parte, o titular de Medio Ambiente visitou as obras de mellora da estrada Oleiros- Corrubedo (AC-303), un tramo cuxa lonxitude é de máis de 8 km. Prevese que estes traballos de optimización rematen no vindeiro ano 2013.

Este proxecto, que se iniciou recentemente (19% de execución), inclúe dous tipos de actuacións: a mellora nas zonas rurais e a urbanización das travesías de Bretal e Olveira. Hernández explicou que o orzamento que se contempla para estas obras é de máis de 3,3 millóns de euros.
As unidades de obra centraranse na demolición do firme en mal estado, execución de fresado e estendido de mestura bituminosa en quente. Tamén se colocarán as correspondentes sinais verticais e horizontais.
A poboación que se beneficiará destas obras de reforzo do firme ascende a un total de 27.700 habitantes do Concello de Ribeira.


Por outra parte, a Xunta prevé rematar as obras da reparación da capa de rodadura na estrada Cee- Ribeira (AC-550) a finais deste verán. O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, inviste preto de 1,3 millóns de euros na mellora destes viais.

Trátase dun tramo de 30 quilómetros (dende o punto quilométrico 73+250 e 103+500) cuxa execución se divide en dous treitos, co fin de esta sexa máis áxil e eficiente. Así, estanse a realizar obras entre os puntos quilométricos 73+250 (Noia) ao 84+000 (intersección coa CP-7101 a Nebra), que foi adxudicada á empresa Arias y Hermanos, cun orzamento de 573.146 euros; mentres que desde o PK 84+000 ao 103+500 (Ribeira), a empresa Ponciano Nieto será a encargada de executar esta obra por un investimento de 606.551 euros.

A reposición da capa de rodadura permitirá mellorar as condicións de conservación do vial. A actuación complementarase coa reposición das marcas viarias horizontais e de sinais verticais. Estes traballos, unha vez rematados, beneficiarán a máis de 62.000 habitantes dos concellos de Ribeira, Noia, Porto do Son e Pobra do Caramiñal.

Obras hidráulicas
Hernández lembrou que na zona de Porto do Son, Augas de Galicia puxo en servizo unha rede de colectores xerais e unha estación depuradora de augas residuais (EDAR) e mellorou o sistema de abastecemento en Portosín e Xuño. Ademais, estanse a redactar os proxectos de colectores xerais e EDAR de Tarrío, a mellora da EDAR de Siera e a 2ª fase do saneamento de Porto do Son.

Na zona de Ribeira, están en curso as obras de construción dos colectores xerais e EDAR de Corrubedo, proxecto cun orzamento de 5,3 millóns de euros. Tamén se iniciarán brevemente os traballos de reparación do emisario submarino de Touro. Cómpre sinalar que no que vai de lexislatura Augas de Galicia finalizou as obras de saneamento dende Padín ata Pedra Pateira e presentou o plan de saneamento local da marxe dereita da ría de Arousa, nos concellos de Ribeira e Pobra do Caramiñal.


Antes, en Certo:


Outes: escaralla viva a paisaxe a variante? fan falta as inaguracións?


Parlamento: o Bng pregunta pola desfeita de Taramancos


Pleno: moción de urxencia polo arraso do castro de Taramancos


Arqueoloxía: o Psoe leva ao Parlamento o arraso do castro de Taramancos


Arqueoloxía: o alcalde critica á Xunta por eliminar o castro de Taramancos

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Natureza: Adega denuncia o exterminio do lobo en Barbanza por parte da Xunta

  • Tamén alerta sobre as desmedidas batidas que se dan do xabarín, nada menos que 40 diarias autorizadas
  • Adega sinala que a Xunta pensa que inda estamos no franquismo coas súas monterías e que entre 2011 e 2012 leva abatidos entre 25 e 30 lobos, unha especie protexida. A Xunta só recoñece 3

Media_httpblogueirosa_nolgz

O blog de Axena informa sobre toda a desfeita sobre os lobos por parte da Xunta e os gandeiros en http://blogueiros.axena.org/category/asesinos-de-lobos-2/

3 de agosto de 2012. Segundo informa hoxe a asociación ecoloxista galega Adega, "coa excusa dos danos primeiro e dos híbridos despois, a Xunta levou a cabo no Barbanza unha auténtica campaña de eliminación do lobo perfectamente planificada e orquestada, que tivo como resultado o exterminio case completo desta especie. Coa axuda inestimábel de cazadores e gandeiros sen escrúpulos e a complicidade dalgúns funcionarios que por veces actúan máis como "secretarios" ao estilo das monterías franquistas que como valedores da nosa fauna, estimamos que entre 2011 e 2012 foron abatidos entre 25 e 30 lobos, a gran maioría exemplares puros. No entanto, a Xunta só recoñeceu no Barbanza 3 mortes en 2011 e ningunha en 2012, logo de 3 batidas "oficiais" (e ducias de agardos "extraoficiais") segundo informou o Valedor ao que acudíu ADEGA en amparo polo escurantismo da Xunta. O balanzo: Lobatos de 3 e 4 meses masacrados, lobos decapitados e tráfico de trofeos, lazos ilegais, corrupción, desleixo e incompetencia institucional... Mentres, ducias de poldros morrerán de fame este ano nos montes do Barbanza ou liquidados polos concellos se os gandeiros non os sanean e identifican co microchip. Ao cabo, quen gañou con estas tácticas? A sociedade galega, que veu desaparecer á poboación de lobo máis occidental de Europa? Os gandeiros, reacios a afrontar os custos dunha explotación gandeira ordenada (saneamento, identificación e permisos) e que este ano vense con máis poldros que nunca que non van poder xestionar? Iso sí, a Xunta aforrou uns euros e algúns privilexiados amigos teñen agora a cabeza disecada dun lobo ibérico decorando o seu salón".

Xoia do patrimonio natural

Adega informa, indignada, de que "o lobo do Barbanza, unha xoia do noso patrimonio natural, non era para a Xunta máis que un molesto problema que compría "solucionar" co mínimo gasto. Danos á cabana gandeira que habería que pagar (sempre tarde e mal) e protestas de certos sectores, escopeteiros e gandeiros sen escrúpulos, que coidan que o monte é un patrimonio ao seu servizo e fuxen de calquera responsabilidade na súa correcta xestión, puxeron ao lobo no ponto de mira".

A solución escollida pola administración pareceuse moito á "solución final" argallada polo nazismo ou ás limpezas étinicas de conflitos pasados e recentes. Primeiro, a estigmatización social e a propaganda negativa: Novas recurrentes de ataques e masacres de gando nos medios subvencionados apresentan unha vez máis ao lobo como o malo da película, unha alimaña perigosa que hai que eliminar, en troques dun patrimonio natural que hai que conservar. O resultado: A proliferación de condutas delictivas, como a caza furtiva (3 exemplares) ou os lazos asasinos (outros 4 máis), por parte dos irresponsábeis que sentíndose lexitimados pola sociedade e logo de aberta a veda pola administración, deciden actuar pola súa conta.

Nesta conxuntura, faise preciso tamén controlar e ter localizadas ás mandas: Para iso, nada como capturar un exemplar, colocarlle un colar localizador coa excusa do "estudo científico" e ceibalo no monte. Deste xeito, a administración (e tamén os colectivos interesados en suprimir o "problema" dos lobos) xa saben onde están e por onde se moven. Foi casualidade que o exemplar co GPS fora abatido en 2011 xunta outros dous nunha batida ilegal?

O raposo vixiando o galiñeiro

Por último, precísase xustificar legalmente o exterminio, para o que o problema da hibridación ven ao pelo. A suposta presenza de exemplares híbridos (a Xunta non publicou aínda as análises xenéticas que o confirman), de existiren, é un problema residual que ademais pode ser abordado con criterios conservacionistas e métodos incruentos. Pero magnificando o problema, críase a excusa perfecta para autorizar aos exterminadores batidas e agardos con escaso ou nulo control por parte da administración: O resultado, matáronse moitos máis lobos ibéricos puros que (supostos) híbridos. É como poñer ao raposo a "xestionar" o galiñeiro!

Xabarín: 40 batidas diarias en Galicia

Finalmente, ADEGA quere facer unha reflexión sobre como e quen xestiona a fauna salvaxe no noso país. Na

información do Valedor (1,44 MB), a Xunta recoñexe que en 2011 autorizou 14.720 batidas de xabarín en Galiza, unha media de 40 batidas diarias!!! Unha administración ambiental que fai dos cazadores o seu instrumento principal e do chumbo o seu sisrtema para xestionar a nosa biodiversidade, ademais de incompetente é aberrante.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Colaboración: "O ceo, o mar azul", por Javier Ferreirós

Non hai nada mellor que volver á casa coa pel adobada en salitre despois dun día de praia. Boto de menos os veráns de ata fai tres anos, que eran antes de setembro, sen apuros porque o inverno tardaría en chegar. Por outra banda, o outro día vin nun xornal a foto do fillo e do neto de Cousteau, con cadanseu pucho de lá vermello. Coma cada tanto, os membros de esta familia emerxen das augas, quitan o arneirón da cara e lanzan unha advertencia sobre o perigo que corre o planeta, e ese pucho de lá vermello semella un sinal de advertencia. Así que a nostalxia dos veráns de antes e máis esta foto acenderon en min un ansia: quero ser Seu Jorge en Life Aquatic.


Para os que non saibades quen é Seu Jorge, dicirvos que o escoitedes, que é un musico brasileiro, guitarrista e cantante de voz grave que provoca unha simpatía inmediata. E que ademais é actor ocasional; era o rapaz maior que tentaba ser honrado en Cidade de Deus e que finalmente sucumbía á chamada da violencia naquel mundo desesperado.

Para os que non vistes Life Aquatic, dicirvos que a vexades, que é unha película delirante e melancólica protagonizada por Bill Murray facendo de Steve Zissou, unha parodia/homenaxe/reflexo dun universo paralelo de Cousteau e das súas expedicións heroicas, que aquí convértense en patéticas, con puchiño de lá vermella incluído. E que é tan triste que fai rir, como creo que dixo Goethe falando de O Quixote.

Un dos membros da tripulación é Seu Jorge. Aparece el só nos recunchos da película coa súa guitarra, entoando unha canción de David Bowie cada vez. Atopámolo nese baleiro que el enche entre secuencias, de repente tocando Rock´n´Roll Suicide subido ó pau maior, ou Lady Stardust nun corredor, ou gravando, nese ambiente de tecnoloxía obsoleta tirada do TBO que ateiga o navío, unha versión de Life on Mars? ,alí metido, nunha cabina diminuta, cun mono vermello co Z de Zissou bordado no peito. Entón transfórmase nunha estraña (por resultarnos paradoxicamente familiar xa a primeira vista, por resultarnos coherente) presenza, fóra do tempo e o espazo, case que fóra da película e do personaxe, sen que lle roce o devir, semellando non ter necesidades terreais, salvo algún cigarro. E canta esas cancións de Bowie en portugués do Brasil, inventándose a letra. O texto alucinado de Life on Mars? de Bowie comeza así na voz grave de Seu Jorge: “Quando as coisas do coraçao...”; o “And it´s aaaaalright” de Lady Stardust é agora “E ser um boooom pai”.

Ó volvelo escoitar nun día invernal de xullo, inverno do hemisferio sur, caín na conta. Quero ser Seu Jorge, transformar o espazo exterior no que se me ocorra, en primeira persoa, gabear ata o máis alto do mastro e, aínda que leve un pucho vermello, deixarme abanar polo mar azul, que é o ceo, e viceversa.

Anterior colaboración de Javier Ferreirós:

"Presidente por accidente. Notas entomolóxicas"

Javier Ferreirós é músico e historiador

 

Toda a serie "Música por dentro" en Certo, aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: reciben no Día do Emigrante a representantes de sete institucións galegas no estranxeiro

Ribeira.- 3 de agosto de 2012.- O salón de plenos da Casa Consistorial foi hoxe o escenario dunha recepción oficial a diversas autoridades de institucións estranxeiras con motivo do Día do Emigrante.

A delegación estivo formada por representantes da Casa de Galicia en New York (entre eles, o presidente da institución, José Gil; o vicepresidente Antonio Lampón, e os integrantes do grupo de baile que actuará esta tarde ás 20 horas no Auditorio), da Hermandad Gallega de Venezuela (por medio do seu representante Leopoldo Ces), do Centro Gallego de Puerto Rico (co seu presidente José Gómez), do Club España de Newark (co seu vicepresidente Carlos Rodríguez), da Fundación Xacobeo USA (por medio da representante María Jesús Vila) e da Sociedad Hijos de Palmeira (co seu presidente Emilio Pérez).

Ademais, estiveron presentes, entre outros, o alcalde Manuel Ruiz, o senador José Luis Torres, a presidenta das Amas de Casa Magdalena Bringas, e a concelleira de Cultura Elvira Pisos.

A recepción comezou na propia entrada da Casa do Concello, onde os representantes riveirenses recibiron á comitiva institucional ao ritmo da música interpretada polo grupo de gaitas A Gandaina, da parroquia de Palmeira. Acto seguido, todos xuntos subiron ata o solemne salón de sesión para que, unha vez rematadas outras pezas tradicionais, deuse paso á quenda de intervencións.

Tras os discursos ofrecidos pola edil Elvira Pisos, o senador José Luis Torres, e Magdalena Bringas, o alcalde Manuel Ruiz salientou a importancia que ten para todos os galegos a presenza destas institucións no estranxeiro, xa que “grazas a elas as persoas que se ven obrigadas a irse fóra poden seguir mantendo as súas tradicións”.

No nome dos centros galegos no estranxeiro, falou o presidente da Casa de Galicia en New York, José Gil, quen agradeceu a benvida recibida e remarcou a boa relación existente co municipio, relación afianzada coa visita que, no 1996, tivera a oportunidade de celebrar esta entidade á localidade barbanzana.

Agasallos

No curso final do evento o Concello entregou a cada representante das sete institucións un novo agasallo institucional consistente nunha peza de Sargadelos que representa o Faro de Corrubedo. Pola súa banda, a Casa de Galicia en New York tamén lle obsequiaría ao rexedor cunha placa conmemorativa do acontecemento. O acto rematou con todos os asistentes postos en pé para escoitar e honrar o himno galego interpretado por A Gandaina.

Relacionada:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: a Asociación de Afectados polo Parque Eólico Outes-Mazaricos oponse "rotundamente" á súa construción

Parque

Outes, 3 de agosto de 2012. A Asociación de Afectados polo Parque Eólico Outes-Mazaricos manifesta a súa "rotunda oposición á construción do parque eólico Outes – Mazaricos e do parque Outes-Negreira posto que o emprazamento dos aeroxeneradores no medio e medio das aldeas vai supoñer para toda a zona unha perda económica, sociocultural e medioambiental e un grave risco para a
saúde de tódolos seus habitantes. Numerosos organismos e publicacións científicas acreditan o enorme impacto que teñen estas instalación nas zonas onde se implantan, polo que esiximos da
Administración unha revisión exhaustiva e rigorosa destes proxectos", explica este colectivo en nota de prensa.

"Non entendemos que as institucións que nos representan dean prioridade aos proxectos de dúas empresas privadas sobre a saúde e o futuro de toda unha comarca que depende en gran medida do seu entorno natural. Queremos denunciar a falta de transparencia e a pasividade que mantiveron os nosos representantes políticos en todo este proceso, negándonos incluso a poñer á disposición dos veciños técnicos municipais para informar do proxecto. Nós mesmos tivemos que suplir estas deficiencias informando aos veciños e contratando un avogado para presentar alegacións. O feito de que a asociación conseguira mobilizar aos veciños motivou nunha das corporacións unha declaración de apoio á nosa causa. Celebramos esta declaración de intencións, e deixamos a porta abertas aos que faltan por sumarse. En todo caso, ante a enorme afectación que estes proxectos terán sobre toda a zona, e despois da inhibición inicial que mostraron as nosas corporacións locais, demandamos feitos rotundos e inequívocos que nos permitan confiar na súa palabra", argumentan.

As antigas caixas galegas, implicadas na desfeita

Asegura esta asociación de afectados por estes parques eólicos que Novagaliciabanco promove o parque Outes-Mazaricos a través da súa filial Eólica Galenova. "A nova dirección do banco está a pedir perdón a toda sociedade galega e desmarcándose das actuacións da anterior executiva. Este parque é un exemplo claro da súa anterior política polo que esperamos a suspensión do proxecto constatando así que a campaña de imaxe da nova dirección se traduza en feitos", rematan.

Onte, en Certo:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

2.8.12

Porto do Son: a nova edición da Exaltación do Polbo será o vindeiro sábado 11 de agosto

Porto_do_son_polbo

Na esplanada portuaria, coma sempre.

Pode que tamén lle interese:


XI Xornadas de Historia e Cultura: do 7 ao 10 de agosto


Concurso: fotos sobre a igualdade de xénero. Prazo: abril 2013

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o domingo 12 de agosto, XXXIV Romaría de Neixón, en Cespón

Cartel_romara_de_neixn

Boiro, 2 de agosto de 2012. O próximo domingo 12 de agosto dende a Asociación de veciños "Neixón" da parroquia de Cespón voltan impulsar a XXXIV edición da tradicional Romería de Neixón. A programación prevista para ese día é a que figura no cartel.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: Compromiso X Galicia pide un pleno extraordinario sobre os eólicos ante a escuridade informativa do PP

P1010427


Outes, 2 de agosto de 2012. Segundo informa Xosé Ramón Riomao, de Compromiso X Galicia en Outes, o seu grupo vén de presentar unha solicitude de convocatoria dun pleno extraordinario para tratar a instalación de dous
parques eólicos que afectan ao Concello de Outes.

"Dende Compromiso x Galicia en Outes vimos de levar a cabo esta rolda de prensa debido a que hoxe presentamos no rexistro do Concello de Outes a solicitude da convocatoria de pleno extraordinario a iniciativa concelleiros de CXG no Concello de Outes José Manuel Ramos e Xosé Ramón Riomao. Para que esta iniciativa se levase a cabo tiñamos que conquerir o apoio da cuarta parte dos concelleiros da Corporación por iso queremos agradecer os concelleiros Lola Pena e Manolo Tuñas que se sumasen á nosa iniciativa. Por tanto, pensamos que reunimos os requisitos legáis e regulamentarios para que se nos convoque a ese Pleno Extraordinario no prazo de catro días a partir de hoxe. Consideramos que a labor fundamental dos concelleiros e grupos municipais da oposición son as tarefas de control e fiscalización dos órganos de goberno así como garantir e promover o maior grado de participación cidadán e información veciñal", explicou Riomao.

"Non tódolos veciños len con regularidade os boletíns ou diarios oficiais, polo cal cando algo sae publicado neles pasa desapercibido para o 90% da poboación. As Administracións deberían difundir de maneira máis plural determinadas actuacións que teñen incidencia directa en persoas e bens, referíndonos sobre todo ás administracións que máis preto están do cidadán, é dicir, os Concellos. No BOP do día 5 de xullo publícase unha Resolución da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria na que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e do estudio de impacto ambiental do parque eólico de Outes-CO/11, nos concellos de Outes e Mazaricos. A mesma publicación sae no DOG do 20 de xullo. Son 9 aeroxeneradores de 3000 Kw, de 119 metros de altura dos que 4 lle concernen a Outes. Que lle afectan a veciños de Outes, de Valadares ou con propiedades nesa parroquia. Segundo reflicten as actas da Xunta de Goberno Local nº 12 de data 19 de xuño de 2012, e nº13 de 3 de xullo de 2012 a xunta de goberno local ten
coñecemento dos escritos que remite a Delegación territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria de fecha 30.05.2012 e 12.06.2012, respectivamente:

a) o estudos de impacto ambiental dos mencionados parques eólicos para os efectos de emitir o informe en cumprimento do Decreto da Xunta de Galicia 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental;
b) a instalación eléctrica dos anteditos parques para prestarlle conformidade ou opoñer condicións aos proxectos, en cumprimento da Lei 8/2009, do 22 de decembro, que regula o aproveitamento eólico de Galicia; e
c) a resolución de exposición ao público dos anteditos documentos en cumprimento do Decreto da Xunta de Galicia 80/2000, do 23 de marzo, que regula os plans e proxectos de incidencia supramunicipal".

O Partido Popular sabíao e ocultoullo á veciñanza

"É dicir, estes documentos coñécense polo equipo de goberno do Partido Popular con anterioridade á súa publicación nos diarios oficiais. É pública a oposición que hai por parte dalgúns veciños afectados á ubicación dos aeroxeneradores debido a proximidade as vivendas, aos posibles impactos sobre a saúde, o impacto medioambiental e tamén o impacto sobre as explotacións gandeiras, sobre a valoración do solo e os efectos para o desenvolvemento de actividades de turismo rural. Como en Outes os plenos ordinarios celébranse o último xoves de cada mes par (neste mes de agosto será o día 30) e o período de alegacións a ditas exposición públicas remata antes desa data, consideramos que a única maneira de que se debatise en Pleno a procedencia ou non da ubicación dos aeroxeneradores deses parques era mediante a convocatoria dun pleno extraordinario", explican dende Compromiso X Galicia.

Solicitan a inclusión na súa orde do día os seguintes puntos:

1. Debate e, no seu caso, aprobación polo Pleno da procedencia/non procedencia da ubicación dos parques eólicos Outes-Mazaricos, Outes-Negreira.
2. Prestar apoio desde o Concello os afectados, tanto desde o punto de vista informativo como xurídico no caso de que algún desexe formular alegacións.
3. Que se permita intervir no Pleno os representantes dos afectados, se estes o consideran oportuno. O obxecto da convocatoria e dirimir de maneira clara, transparente e pública o posicionamento do Pleno do Concello de Outes con respecto a ubicación dos parques eólicos Outes-Mazaricos, e Outes-Negreira. E dicir, saber se se lle vai outorgar conformidade ou opoñer condicións aos mencionados proxectos.

Relacionada:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical