30.1.13

Política: Compromiso por Galicia nomeou responsables das secretarías locais da bisbarra de Muros-Noia

  • O sábado 2 de febreiro escollen secretari@ comarcal
Media_httpfarm9static_qgyje

Imaxe de arquivo dunha rolda de prensa de Compromiso por Galicia

Noia, 30 de xaneiro de 2013. Ao longo da pasada fin de semana Compromiso Por Galicia celebrou na comarca de Muros e Noia asembleas para conformar as súas agrupacións das localidades de Noia, Muros, Outes, Lousame e Mazaricos, que agora xa teñen secretarías locais.

En Noia, Xurxo Louro será o encargado de levar as rendas na localidade. Administrativo de profesión, Louro incorporouse ao mundo da política da man de CXG.
En Muros, a concelleira María Sambade será a referente de CXG neste concello. Mestra de profesión, María Sambade incorpórase á política sendo a número 3 da lista encabezada por María Xosé Alfonso, portavoz municipal de CXG nesta localidade.
En Outes, Xosé Manuel Ramos foi elixido o pasado sábado secretario local de Compromiso Por Galicia en Outes. Ocupou o terceiro posto na lista que encabezou Xosé Ramón Riomao (agora portavoz municipal de CXG).
En Lousame, a empresaria Sonia Ares foi elixida o pasado luns como a nova secretaria local de Compromiso Por Galicia. A lousamiana ten un longo percorrido na política municipal deste concello.
En Mazaricos, Xan Ramos será o encargado de levar a secretaría local. O histórico nacionalista será o encargado de tomar as rendas nesta localidade e volver de novo á primeira plana da política.

Unha vez conformadas as localidades, Compromiso Por Galicia inicia esta semana a elección do/a secretario/a comarcal que se elixirá nunha xuntanza aberta, na que poden participar todas aquelas persoas que sigan as liñas galeguista e socialdemócrata que marcou Compromiso Por Galicia o pasado 16 de decembro logo do seu Congreso Constituínte. A xuntanza celebrarase en Outes o vindeiro sábado, 2 de febreiro.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o sábado 9 de febreiro, I Concurso de Filloas e Orellas

Porto_do_son_filloas





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Centro Social de Cabo de Cruz celebra o Antroido e organiza unha exposición en febreiro

Boiro, 30 de xaneiro de 2013. Durante o mes de febreiro, no Centro Social de Cabo de Cruz vanse levar a cabo as seguintes actividades (á parte dos obradoiros anuais, que están na web: cabodecruz.org)

Obradoiro de disfraces: os días 11 e 12 de febreiro destinados a rapaces de 4 a 12 anos. Prazas limitadas. aberto plazo de inscrición.

Baile de disfraces: o día 8 de febreiro, venres, a partir das 20:30h, destinado a maiores de 18 anos.

Asemade, ata fin de mes pode verse a exposición pictórica "Obradoiro", de varios integrantes do Obradoiro de Pintura de Valga.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o grupo de goberno ve "unha aberración calamitosa" que se queira desmantelar o Grumir local e montar un novo en Muros

Grumir_noia

Noia, 30 de xaneiro de 2013. A Dirección Xeral de Emerxencia e Interior, dependente da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, vén de facer unha proposta de distribución no territorio galego dos Grupos de Emerxencia e Protección Civil (tamén coñecidos como Grumir). Segundo explica o goberno de Noia en nota de prensa "esta proposta da Xunta, de ir adiante, significaría a liquidación do actual Grumir de Noia, que dá servizo  non só a este concello senón aos que integran a comarca de Muros-Noia e incluso outros".

O Grumir de Noia e demais medios e infraestructuras en materia de Protección Civil e Emerxencias, explica o tripartito que goberna Noia, "son froito dunha longa traxectoria de esforzos económicos e humanos por conseguir esta loxística, que se remonta aos anos oitenta do século pasado. O goberno da Xunta, do PP, nun alarde de irracionalidade política pretende trasladar a base deste servizo, agora chamado Grupo de Emerxencia Supramunicipal, para o concello de Muros, concello que non conta coa máis mínima infraestrutura e os seus medios nesta materia son insignificantes. O despropósito sería tal que levaría, nun momento de máxima austeridade, por unha banda, á construcción en Muros dunha nova infraestrutura, con todos os medios, materiais e humanos, requeridos para este fin e pola outra banda, a destruir por abandono, en Noia, unha infraestrutura que conta con todos os medios materiais e humanos: persoas con formación, capacidade e moita experiencia acadada nas inumerábeis intervencións efectuadas na comarca".

ABERRACIÓN CALAMITOSA

Esta modificación, sinala o Concello de Noia, "suporía unha aberración calamitosa se nos axustamos aos criterios de equidistancia e centralidade. Mentres que Noia é o centro xeográfico dunha comarca, Muros atópase na sua periferia. Mírese por onde se mire, non se lle atopa lóxica e sensatez a esta proposta da Xunta de Galicia. Isto lévanos a pensar que o motivo desta decisión  é estritamente político-partidario e, de castigo a un concello rexido por un goberno que non está integrado polo Partido Popular".

QUE SE PRONUNCIE O PP LOCAL

Por último, o grupo de goberno do concello de Noia manifesta "a nosa firme resolución de loitar, con todos os medios ao noso alcance, para que a base do novo Grupo de Emerxencia Supramunicipal se manteña en Noia e, así, evitar esta arbitrariedade contra o noso concello e comarca. Ademais, convidamos ao PP de Noia para que, deixando a un lado sectarismos inúteis, se espelle nos seus compañeiros comarcais e se sume á defensa deste importantísimo servizo para o noso concello e comarca".

Antes, en Certo:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

29.1.13

Noia: o Colexio de Arquitectos de Galicia declara finalista nos seus premios a obras en Espazos Públicos Abertos a remodelación da Chaínza

  • É unha obra que deseñou o estudo Salgado e Liñares, que vai facer tamén a maior praza comercial da vila e xa fora multipremiado tamén en Noia pola súa actuación na Pedrachán
  • Os premiados daranse a coñecer nunha gala en A Coruña o 14 de febreiro

Noia, 29 de xaneiro de 2013. O recoñecemento a obras realizadas en Noia por parte dos arquitectos do estudo Salgado e Liñares suma hoxe un novo éxito. A reintegración urbana do patrimonio cultural da Chaínza vén de ser escollida entre os catro finalistas da XV edición dos premios do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), no seu apartado de Espazos Públicos Abertos. O traballo destes arquitectos ten duros competidores na súa sección, xa que se enfrontan a obras de importante fuste en Santiago e Coruña, así como a remodelación dunha praza en Sofán, Carballo.

En outubro de 2010 o mesmo estudo Salgado e Liñares recibira o I Premio de Arquitectura "Manuel Gómez Román"  polo proxecto e dirección da obra "Reintegración urbana do patrimonio cultural da ribeira do Traba-Noia. Acondicionamento, recuperación de accesos, lavadoiro e entorno dos Muíños de Pedrachán". Unha actuación que quedaría, uns meses despois, galardonada en sexto lugar nos prestixiosos premios de arquitectura de Enor (hai que ter en conta que se presentaron 350 proxectos a nivel nacional).

Próxima actuación de Salgado e Liñares: a praza comercial da vila, no Curro

O Partido Popular opúxose no último pleno á actuación que van facer estes mesmos arquitectos na futura praza comercial de Noia, a do Curro: "estamos ante un proxecto pouco clarificador que non define absolutamente nada, nin sequera as cotas, e todo queda supeditado á supervisión da dirección de obra por parte do arquitecto. Segundo ditamine esta dirección así se fará o proxecto, sen que os responsables políticos do mesmo poidan facer as preceptivas labores de previsión e control, polo que se está a incorrer nunha neglixente deixadez de funcións. Na memoria do proxecto tampouco se clarifica como van a ser os accesos tanto ás tendas como á Praza de Abastos". (...)

Os populares desconfían deste multipremiado estudo de arquitectura só polo feito de ser de fóra (do veciño lugar de Bertamiráns): "Tampouco se explica por que se recorreu a un arquitecto de Bertamiráns para redactar este proxecto nin tampouco a remuneración económica que percibiu por facer o seu traballo e quixéramos saber por que este proxecto non se encargou aos técnicos do concello, completamente competentes na materia e que suporían un importante aforro ás arcas municipais. O señor Bieito González que presidiu a comisión informativa do pasado xoves non soubo responder a pregunta do concelleiro delegado do Partido Popular, José Luis Trillo, sobre a remuneración que este arquitecto percibiu pola redacción deste plan. Esperamos que o consultara para hoxe e o clarifique, toda vez que nos parece unha falta de respecto aos contribuíntes desta vila que se encargue un proxecto a un gabinete externo sen saber o que nos vai custar".

O tripartito no goberno (Psoe, Bng e NOIA) aprobaron esta actuación e valoraron como "destrutiva" a postura do PP: "É lamentable a postura destructiva do PP votando en contra dunha obra tan necesaria para a vila. Só pretenden crispar aos futuros afectados desta actuación  e tentando intoxicar coas súas mentiras e falsidades como que non se cambiarán as instalacións, e demostran unha vez máis que non apoian as iniciativas de mellora de Noia".


Se quere ver o antes e o despois do entorno da Chaínza:

Relacionada:



Acta_Finalistas_XV_Premio_COAG.pdf Download this file

Premios_coag_noia

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: o colexio "Cernadas de Castro" acolle o mércores 30 de xaneiro actividades de Educación Ambiental

  • Adega e a Mancomunidade do Barbanza seguen apostando na súa novena edición polo seu Programa de Educación Ambiental O Lixo Desde o Teu Concello”


Barbanza é un modelo exemplar de xestión de residuos para Adega


Lousame, 29 de xaneiro de 2013. A pesares da actual situación económica, algunhas entidades seguen apostando pola educación ambiental, ao igual que ADEGA, como unha das ferramentas das que dispoñen as sociedades para avanzar na superación dos graves problemas ambientais que hoxe existen, sendo un deles a xestión dos residuos.

Un bo exemplo a seguir é a Mancomunidade do Barbanza que dende o seu comezo, no ano 2004, deu a coñecer o seu Plano de Residuos á cidadanía, expoñendo as vantaxes dun modelo de xestión que propón a reciclaxe e a compostaxe da materia orgánica e de boa parte do resto dos residuos producidos pola veciñanza. Este ano séguese co programa de concienciación e educación ambientalO Lixo Desde o Teu Concello”, no que se realizan charlas e obradoiros para incidir nas actitudes e prácticas dos veciños e veciñas –tanto maiores como nenos– para que na súa vida cotiá reduzan e separen ecoloxicamente os residuos en miras de achegarnos a un modelo máis sustentábel na xestión dos refugallos.

ADEGA xa recibiu solicitudes de varios centros escolares da Mancomunidade para participar no programa de educación ambiental. Neste mes de xaneiro vanse realizar actividades con alumnos/as do CPI de Cernadas de Castro. Será mañá, mércores 30 de xaneiro con dous cursos de 1º da E.S.O. En febreiro haberá máis actividades con diferentes centros de ensino dos concellos incluídos na Mancomunidade.

Queres estas actividades no teu centro educativo?

Poden solicitar a participación no Programa os centros de ensino e demais entidades pertencentes a Mancomunidade do Barbanza (Concellos de Muros, Noia, Rois, Porto do Son, Ames, Carnota, Brión, Lousame e Pontecesures). Soamente teñen que enviar a ADEGA a inscrición remitida pola Mancomunidade ou ben directamente poñerse en contacto coa persoa responsable do Programa:

 

Paco Bañobre

Responsable do Programa

“O Lixo desde o teu Concello”

Tfno.: 981 57 00 99 / 619 672 038

e-mail: pacobanhobre@adega.info

Páxina electrónica: www.adega.info

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: programa de Antroido do Liceo

Carteles-2013

 

Sábado 9 de febreiro.- ás 23:30h, “Noite de Río”, amenizada pola Orquestra “Los Españoles”. Ao longo da noite haberá un sorteo sorpresa entre os disfrazados.

 

Domingo 10 de febreiro.- a partir das 18:00h Festa Infantil de disfraces”, animada por “Brétema”.

 

Martes 12 de febreiro.- a partir das 23:30h, Baile de disfraces coa Orquestra “Charleston Big Band” e con sorteo de lacóns entre os disfrazados.

 

Sábado 16 de febreiro.- Sábado de Piñata, celebran a “Noite Mexicana” coa Orquestra Palladium a partires das 00:00h, e con sorteo de xamóns entre os disfrazados.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

28.1.13

Dodro: cursos de arte floral e relacionados co coidado de persoas dependentes, en febreiro

Dodro, 28 de xaneiro de 2013. A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Dodro organiza varios cursos gratuitos que darán comezo o próximo mes de febreiro.

  1. Curso de Arte Floral destinado ás persoas maiores de 55 anos do concello. As datas de realización serán os martes do 19 de febreiro ao 12 de marzo ambos incluidos, de 19h a 21h no local municipal do Centro de Día.

As prazas son limitadas por rigurosa orde de inscrición que deberá realizarse do 4 ao 15 de febreiro no departamento de servizos sociais municipal.

Por outra banda, para axudar na formación e búsqueda de emprego dos veciños/as do concello, esta concellería organiza dous cursos formativos subvencionados pola Deputación de A Coruña, dirixido a coidadores/as de persoas dependentes e válidos para a obtención do certificado de profesionalidade:

  1. Interrelación e comunicación coa persoa dependente e o seu entorno, cunha duración de 40 horas, do 16 de febreiro ao 7 de marzo.
  2. Apoio nas xestións cotiás das persoas dependentes, cunha duración de 40 horas do 8 ao 27 de marzo.

Ambos cursos impartiránse nas aulas da Paxareira de luns a venres de 20,30h a 22,30h e os sábados de 9h a 13h. As prazas son limitadas e teñen preferencia os/as coidadores/as de persoas dependentes do Concello de Dodro. Poden realizarse as inscricións do 4 ao 15 de febreiro no departamento de Servizos Sociais.

cartel cursos dependencia 2013.pdf Download this file

cartel ARTE FLORAL.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: funcionan xa os contedores soterrados da praza do Mercado en Palmeira

  • A inversión ascendeu a 54.000 euros para os seis contedores


Ribeira, 28 de xaneiro de 2013.- O Concello informa da entrada en funcionamento dos seis contedores soterrados dispostos na praza do mercado municipal de Palmeira    -no corazón comercial da parroquia- tras a realización dunha actuación que supuxo un investimento de 53.979,15 euros.

Os colectores prestarán servizo tanto aos vendedores e usuarios da instalación municipal como aos veciños da rúa da Canle e os seus arredores. Os contedores de superficie existentes no entorno serán retirados.

Na esplanada dispuxéronse dous contedores para residuos orgánicos, outros dous para plásticos, bricks e latas; un para vidro e outro para papel e cartón. A empresa Lisardo Inversiones, S.L., foi a encargada de executar a instalación.

A edil de Palmeira Maricarmen Vizcaya e os concelleiros de Consumo e Benestar Comunitario, Vicente Mariño e Antonio Freire, acudiron esta mañá ao mercado para supervisar que todo funcionase correctamente.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Concello súmase aos municipios que recollen aceite usado para reciclalo

Sinatura_aceites_6

  • Xa está asinado o convenio de recollida coa empresa "Compostela Inserta Empresa de Inserción Laboral", promovida pola asociación Plataforma polo Emprego
  • Ata agora só se recollía aceite doméstico usado no punto limpo
  • O acordo realízase para dar cumprimento ás obrigas de tratamento de residuos segundo o establecido na Ley 22/2011 de 28 de julio de residuos y suelos contaminados e o recollido na Directiva 2008/98/CE del Parlamento Europeo y del Consejo, así como na Lei 10/2008 de residuos de Galicia.

Media_httpfarm3static_acnpe

Rianxo, 28 de xaneiro de 2013. O Concello de Rianxo, segundo explica hoxe en nota de prensa, quere ampliar os obxectivos da campaña de recollida selectiva a todo tipo de residuos, incluídos os aceites vexetais usados, de todo o termo municipal do concello para a súa posterior reciclaxe, evitando desta forma que estes residuos sexan vertidos xunto co resto das augas domésticas, co conseguinte aumento da contaminación das augas. Na actualidade só se está a recoller o aceite doméstico no punto limpo polo que se pretende dar todas as facilidades á veciñanza para colaborar na eliminación de aceite.

Campaña de sensibilización

O Concello de Rianxo comezará a dar forma a este convenio cunha campaña instalando en centros socioculturais, escolas e colexios uns recipientes de recollida, onde a veciñanza poida depositar os restos das súas frixiduras domésticas. Cando o recipiente estea completo a empresa encargarase inmediatamente de recollelo e susbstituílo. Nos vindeiros días editarase un bando cos lugares sinalados e a súa posta en servizo co obxecto de concienciar a veciños/as, que o servizo que pretendemos realizar vai en beneficio da saúde de toda a veciñanza do municipio e da súa propia.

Nun segundo momento redactará e asinará unha carta de presentación dirixida aos establecementos de restauración, e realizará unha campaña que expresará o interese por parte desa Corporación na recollida deste tipo de aceites por parte de Compostela Inserta Empresa de Inserción Laboral, S.L., co fin de mellorar as condicións medioambientais co reciclado deste tipo de residuos.

Antes, en Certo:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical