1.2.13

Turismo: presentada en Fitur a Guía de Servizos Náuticos de Galicia, con detalles de cinco portos destas bisbarras

Barbanza e Noia, 1 de febreiro de 2013. Portos de Galicia vén de presentar oficialmente a nivel nacional e internacional a Guía Básica de Servizos Náuticos de Galicia, recentemente elaborada polo ente público en colaboración coas autoridades portuarias. O seu presidente, José Juan Durán, deu a coñecer esta mañá a publicación ante axentes turísticos de toda España e do exterior, na Feira Internacional de Turismo, Fitur, que se celebra ata o vindeiro domingo en Madrid.

Durán Hermida explicou que se trata exemplar de fácil manexo que recolle información útil para o navegante dos 39 peiraos deportivos existentes no conxunto do litoral galego, coordinando os portos autonómicos e de interese xeral. Concretamente referencia as dársenas náutico recreativas de Ribadeo, Viveiro, Ortigueira, Ferrol (3), Ares, Sada (2), A Coruña (5), Camariñas, Muxía, Muros, Portosín, Cabo de Cruz (Boiro), A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Combarro, Pedras Negras (O Grove), Portonovo, Sanxenxo, Pontevedra, Marín, Beluso (Bueu), Moaña, Cangas, Vigo (4), Baiona (2) e Tui.
.
Entre o seu contido destaca a información de contacto e ubicación de cada clube náutico e o seu xestor, así como un relatorio de todos os servizos dispoñibles para o usuario e datos de acceso e comunicacións. Como valor engadido, na guía figura tamén unha referencia turística da contorna de cada peirao de modo que se incremente o atractivo do litoral galego de cara aos visitantes marítimos.

Editada en en tres idiomas, galego, castelán e inglés, para que sexa unha ferramenta útil tamén para visitantes estranxeiros, a guía pode descargarse por internet, a través da páxina web de Portos de Galicia: www.portosdegalicia.com.

Velaquí as páxinas referentes ás bisbarras de Muros-Noia e Barbanza:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Psoe local ve como un "ataque brutal" a decisión da Xunta de desmantelar o Grumir

  • Os socialistas noieses tamén se sumarán á concentración deste domingo, día 3 de febreiro, e animan á veciñanza a defender os servizos actuais do Grumir
Media_httpsphotosfakf_gakxo

Imaxe do Facebook de Santiago Queiro Hermida. A concentración será ás 13:00 horas diante do Concello de Noia.

Noia, 1 de febreiro de 2013. A Comisión Executiva Local do PSdeG-PSOE de Noia fixo pública hoxe a súa posición sobre o "desmantelamento" do GRUMIR noiés que pretende a Xunta de Galicia. 

Os socialistas noieses consideran "un atropelo" a decisión da Xunta e ademais denuncian que o mapa galego dos Grumir esta feito sen criterios obxectivos, "xa que non é razoable deixar a Noia e ao conxunto da comarca sen un grupo estable de GRUMIR, nin por poboación nin por territorio".

Dende o PSdeG ademais salientan que o GRUMIR noiés está dotado de medios tècnicos e recursos que foron "inversións feitas nos últimos anos, con cartos públicos, facendo que Noia hoxe sexa un dos concellos mellor equipados e polo tanto máis preparados para albergar un grupo estable de GRUMIR" ao que engaden dende a executiva local que se debe destacar igualmente "a profesionalidade e capacitación dos profesionais do GRUMIR noiés".

"Cabe recordar que dende o goberno municipal de Noia, no seu día e de forma preventiva enviouse documentación e datos argumentando a idoneidade da nosa vila como sede para o novo mapa de emerxencias", aseguran os socialistas noieses.

"Ademais dos argumentos esgrimidos recordamos que as Directrices de Ordenación do Territorio aprobadas pola Xunta de Galicia recoñecen a Noia como Sistema Urbano Intermedio, como núcleo aglutinador de servizos, e neste caso o que fai a Xunta é perpetrar un ataque brutal a Noia, deixando a este pobo e ao conxunto da comarca sen un servizo que funciona de maneira exemplar", explican dende a agrupación socialista de Noia.

Concentración este domingo, 3 de febreiro

Por outra banda o PSdeG-PSOE de Noia anuncia que se sumará "á concentración do vindeiro domingo día 3 de febreiro para defender o servizo do GRUMIR de Noia" e ademais anima ás veciñas e veciños de Noia e dos concellos da comarca a participar neste acto cívico de protesta e reivindicar "o mantemento do GRUMIR en Noia para darlle servizo a Noia e ao conxunto da comarca".

Os socialistas noieses destacan que "mentres o conxunto do goberno municipal (PSdeG, BNG e NOIA) defenden a continuidade do GRUMIR, outros son cómplices co seu silencio da decisión tomada pola Xunta de Galicia", en velada alusión ao PP local.

Relacionadas:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: do 15 ao 17 de marzo, medio cento de prazas para viaxe á neve organizado polo Concello

San_isidro_-_horizontal

  • Como é habitual, será á estación leonesa de San Isidro
  • O custe é de 179 euros e o prazo para anotarse remata o luns 11 de febreiro


Ribeira, 1 de febreiro de 2013.- O Concello organiza para mediados de marzo un viaxe á neve. Concretamente, á Estación Invernal de San Isidro, situada na cordilleira cantábrica ao norte da provincia de León.

 

A concelleira de Xuventude, Aroa Fernández Cadórniga, e o edil de Deportes, Juan Luis Martínez, compareceron na Casa Consistorial para explicar as características desta saída, na que pode participar calquera veciño maior de idade e tamén os menores se van acompañados.

 

A acción terá lugar os días 15, 16 e 17 de marzo. Hai 50 prazas. A viaxe inclúe autobús, guía técnico acompañante desde a orixe, desprazamentos na actividade, aloxamento no Hostal Pico Agujas en réxime de media pensión, forfait para dous días, seguro de actividade e seguro de accidentes. O prezo é de 179 euros.

 

O técnico municipal de Xuventude, Mario Vidal –tamén participante na presentación- salientou que ao emprender esta actividade procurouse apoiar tamén o comercio local ao firmar un convenio cunha axencia de viaxes do municipio para a súa posta en marcha.

O prazo para anotarse xa está aberto e finaliza o día 11 de febreiro. Terán prioridade para asistir á viaxe os veciños de Riveira, pero se quedasen prazas vacantes poderán participar cidadáns doutros concellos.

 

Máis informacións e inscricións: na Oficina Municipal de Información Xuvenil (situada na Casa da Xuventude, número de teléfono: 981 835 289, email: xuventude@riveira.com) ou na Oficina de Deportes (no Complexo da Fieiteira, teléfono:981 873 646, email: deportes@riveira.com).

Relacionada:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: do venres 15 ao domingo 17 de febreiro, nova Feira de Inverno no Malecón

  • É unha iniciativa da Mesa Local de Comercio para dinamizar o pequeno comercio 

Ribeira, 1 de febreiro de 2013.- O Concello quere dar máis pasos en alianza cos empresarios do municipio para dinamizar o comercio local. Se hai escasos días se mantivo unha xuntanza cos negocios das rúas peonís da cidade para contribuír a potenciar a actividade mercantil neste tipo de zonas, no día de hoxe activouse a celebración da Primeira Feira de Inverno do Pequeno Comercio de Ribeira.

A nova iniciativa foi acordada no transcurso dunha reunión da Mesa Local de Comercio celebrada no Consistorio e na que participaron, entre outros, o tenente de alcalde Juan Luis Martínez; o concelleiro de Comercio, Anxo Orellán; o presidente da Asociación de Empresarios, José Paz; Magdalena Bringas en representación do colectivo de consumidores; e un representante da Subdirección Xeral de Comercio da Xunta.

O evento terá lugar os días 15, 16 e 17 de febreiro nunha carpa de 525 metros cadrados (15x35) instalada no paseo do Malecón, no mesmo emprazamento onde nos veráns se celebra a feira Viamare. Vinte dos stands a que dará cabida a feira pertencerán precisamente á propia Asociación de Empresarios.

Prazo de inscricións

A maiores, habilitaranse outros once stands para aqueles pequenos comercios que non formen parte da entidade que preside José Paz. Os comercios non asociados que estean interesados en participar teñen de prazo para anotarse entre o 4 e o 8 de marzo. As inscricións terán lugar a través do e-mail turismo@riveira.com. O prezo do stand (de 8 metros cadrados) está aínda por determinar, pero oscilará entre os 20 e os 30 euros.

Pódese recibir máis información chamando ao número 686 587 000 (Concello) ou ben 981 873 719 (Asociación de Empresarios).

Antes, en Certo:









Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este sábado 2 entregan miles de sinaturas contra a LOMCE do ministro peor valorado da democracia

Ribeira, 1 de febreiro de 2013. Segundo comunicou hoxe en nota de prensa, a Asemblea en Defensa do Ensino Público da Barbanza  levará a cabo o SÁBADO 2 DE FEBREIRO ÁS 12:00 HORAS a entrega no REXISTRO DO CONCELLO DE RIBEIRA de miles de sinaturas recollidas en toda a comarca en contra da nova lei do ensino (LOMCE).
"A tal efecto faremos unha concentración frente ao Concello. Ao acto asistirá a Presidenta da Federación de ANPAS de Galicia, representantes da diferentes ANPAS da comarca, profesores, alumnado e demáis membros da comunidade educativa para mostrar o descontento da cidadanía en xeral polas novas medidas establecidas pola nova lei que pretende aplicar o Ministro Wert", sinalan dende a Asemblea pola Defensa do Ensino Público da Barbanza.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o martes 5 de febreiro preséntase o servizo de TeleXerontoloxía

Rianxo, 1 de febreiro de 2013. O vindeiro martes día 5 de febreiro ás 18:00 h. terá lugar no Salón de Actos do Centro Sociocultural de Rianxo a presentación por parte de persoal da empresa Recursos y Servicios Gerontológicos Gallegos S.L. da presentación do servizo de Telexerontoloxía.

É un recurso de teleasistencia avanzada dirixido ás persoas maiores e/ou con pérdida funcional e/ou cognitiva, que se presta pola empresa antes citada. Entre os seus obxectivos destacan a prevención e a detección precoz da dependencia e a teleasistencia multiespecialidade, polo que se pode considerar tanto un sistema de apoio social como sanitario.


Este dispositivo, que funciona a través dunha pantalla táctil situada no domicilio da persoa usuaria, permite realizar a valoración do estado cognitivo, da tensión arterial, do pulso e do nivel de saturación de osixeno en sangue, ademais de facilitar a interación mediante videoconferencia con profesionais específicos.

Telexerontoloxía ofrece unha gama de servizos sociosanitarios que inclúen:

  • Videoconferencia
  • Valoración e adestramento da memoria e outras funcións mentais
  • Control de parámetros biomédicos
  • Navegación a través de internet
  • Telealarma por videoconferencia

Antes, en Certo:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

31.1.13

Turismo: os catro alcaldes de Arousa Norte viaxaron a Madrid a facerse a foto en Fitur

Fitur_barbanza

  • Estiveron apoiados pola delegada territorial do Goberno galego na Coruña

Barbanza, 31 de xaneiro de 2013.- Nin crise, nin austeridade: os alcaldes da Mancomunidade Arousa Norte (tres do PP e un do Bng) consideraron que tiñan que estar presencialmente en Fitur (Madrid) hoxe para dicir que esta bisbarra existe, inda que a presenza dela, como de todas as demais, é un pequeno curruncho no stand de Galicia. Ademais, os grandes titulares, como adoita acontecer nestas citas, fóronse para outras bisbarras, neste caso a da Costa da Morte, coa máis que cuestionable aposta polo mundo do ciclismo (Vuelta a España) nestes intres onde está tan baixo sospeita como o dos partidos políticos debido á dopaxe e corrupción.

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, destacou o potencial turístico da comarca de Arousa Norte, pois “pertence a un xeodestino -Ría de Arousa-, que conta cunha enorme riqueza paisaxística natural, un importante patrimonio arquitectónico, xacementos arqueolóxicos de primeiro nivel e, tamén, unha gastronomía que está indisolublemente unida ao mar”.

A representante do Goberno galego na provincia reiteroulle aos alcaldes da Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira "todo o apoio da Xunta de Galicia para seguir impulsando o crecemento turístico da zona e convertelo en referencia de calidade". Neste senso, avogou por incrementar a colaboración entre as administracións para poñer en valor os recursos do xeodestino, que conta coa peculiaridade de abarcar dúas provincias, pois tamén se estende ata Pontevedra.

Do Campo participou esta tarde no acto de presentación da campaña Regala Arousa Norte. Produtos e paquetes turísticos, organizada pola Mancomunidade de Municipios Ría de Arousa Zona Norte no stand disposto pola Xunta en Fitur, que acolle todas as propostas galegas baixo o paraugas da oferta común de Turgalicia. Nese senso, a delegada territorial valorou a iniciativa, que servirá para “aumentar o turismo de calidade en colaboración con empresas punteiras da zona relacionadas cos sectores de aloxamento, restauración e ocio.

Relacionada:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Bng local tamén manifesta a súa disconformidade "e asombro" co peche ou traslado do Grumir

Temporal_grumir

  • O Bng apoia e sumarase á concentración deste domingo, 3 de febreiro, ás 13:00 horas fronte ao Concello para protestar por esta medida arbitraria da Xunta


Noia, 31 de xaneiro de 2013. O responsable local do Bng de Noia, Xosé Agapito Romeiro, manifestou hoxe en nota de prensa o seu "asombro e disconformidade coa decisión que acaba de tomar a Xunta de Galicia, respecto do traslado do GRUMIR de Noia para o concello de Muros".

"Sen ánimo de facer política localista, esta decisión da Xunta semella que non ten pés nen cabeza, tendo en conta a realidade e o contexto en que se dá. O concello de Noia conta cun alto potencial de medios neste tema, sen parangón nos concellos e comarcas limítrofes. Tampouco podemos obviar a situación estratéxica de que goza Noia desde o ponto de vista xeográfico. Isto, sumado ao senfín de servizos prestados a cotio polo GRUMIR nos concellos colindantes, fai que este servizo de emerxencia sexa fundamental para Noia e comarca; por suposto ubicado onde está actualmente", argumenta o portavoz do Bloque Nacionalista Galego de Noia.

O BNG apela á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e aos responsábeis do Partido Popular "para que, facendo un exercicio de racionalidade e cordura, recapaciten e non despracen o GRUMIR de Noia para o concello de Muros. Finalmente, o BNG de Noia anuncia que se sumará a todos aqueles actos e mobilizacións reivindicativas para que este servizo esencial permaneza no noso concello. Deste xeito apoiará a concentración que está convocada para este vindeiro domingo, 3 de febreiro, ás 13:00 horas, fronte ao concello de Noia".

Onte, en Certo:


Pode que tamén lle interese:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: programa de Entroido, do martes 5 ao mércores 13 de febreiro

A concelleira de Cultura do Concello de Riveira, Elvira Pisos, deu a coñecer esta mañá a programación de Entroido de Ribeira. Secundárona os técnicos municipais Unai González e Segundo Chiki Durán. No acto estivo tamén o presidente da Asociación de Hostalería, Víctor Casais, quen dou a coñecer dúas actividades promovidas por esta nova entidade: por unha parte un concurso de disfraces (cuxas bases se achegan en documento adxunto e están publicadas na páxina web municipal: www.riveira.es) e por outra un concurso de decoración de locais no que poderán participar todos os establecementos interesados (inscricións no Auditorio Municipal, data límite: 7 de febreiro).Tamén servirán aos seus clientes tapas típicas de Entroido.

 

PROGRAMACIÓN XERAL

 

Do 5 ao 8 de Febreiro

 

OBRADOIRO DE COCIÑA E REPOSTERÍA DO ENTROIDO

 

Lugar: Aulas de Servizos Sociais

Datas e horario: Do 5 ao 8 de febreiro de 19:00 a 21:00 h

Destinatarios: Persoas de 16 anos en diante / Mín. 13 – Máx. 25 prazas

Información e inscricións: Do 31 de xaneiro ao 5 de febreiro de 10 a 14 h no Auditorio Municipal de Riveira – Tlf. 981 835650 e culturaefestexos@riveira.com

Publicarase a listaxe de admitidos o 5 de febreiro ás 15 h no Auditorio e web de Riveira. Inscrición de balde

 

VENRES, 8 de Febreiro

 

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA  DE RIVEIRA COA CHARANGA:

 

“OS ARMADANZAS” a partir das 11 da noite

 

SÁBADO, 9 de Febreiro

 

ENTROIDOLANDIA

 

Praza do Concello, de 11:30 a 13:30 e de Ás 16:30 a 19:00 h na Praza do Concello, parque de inchables de saltar, escalar, rampear, pelotear, xogar, bailar, rechinar os pequenos piratas, pallasos, choqueiros, príncipes, patos, galiñas, princesas, soldados, romanos, mariñeiros, astronautas, sereas… e demais personaxes fantásticos e animados!!! Para nenos e nenas. Entrada libre e de balde (en caso de choiva trasladarase ao Pavillón “Santa Uxía” de Coroso, Riveira.

 

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA DE RIVEIRA COA CHARANGA:

 

 “OS ARMADANZAS” a partir das 11 da noite!

 

DOMINGO, 10 de Febreiro

 

CHOQUEIRADA INFANTIL

 

Aviso a todas as máscaras e caretas, choqueiros, príncipes e princesas, demos, elfos, merlíns, piratas, cavernícolas, ratos, gatos, lunnis, gormittis, pallasos, monsters high, bob esponjas e demais seres de fantasía que queiran pasar unha tarde de entroidada.

 

Ás 16:30 h. na Carpa do Entroido (Paseo do Malecón) unha reviravolta de bulicio, algarabía, barafunda e profano divertimento, dará comezo á GRANDE FESTA INFANTIL para os máis cativos, amenizada por animadores de xogos, mascotas, desfile de disfraces con entrega de diplomas, obradoiros variados e moito máis...

 

Entrada libre e de balde. Todos os nenos e nenas deberán ir disfrazados.

 

LUNS, 11 de Febreiro

 

FESTA DA NOITE DE ENTROIDO

 

Música, luces, animación, e baile na Carpa do Entroido, a partir das 12 da noite no Paseo do Malecón. Entrada libre e de balde.

 

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA  DE RIVEIRA COA CHARANGA:

 

“OS TROMPOS DAS  NICRAS” a partir das 12 da noite.

 

MARTES 12 de Febreiro

 

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA DE RIVEIRA CO GRUPO DE GAITAS:

 

 “A GANDAINA DE PALMEIRA” a partir das 11:30 h!

 

FESTIVAL DE MURGAS E COMPARSAS

 

Ás 17:00 h. sairán do Auditorio Municipal as murgas e comparsas do Entroido cara á Praza do Concello, acompañadas no desfile polas charangas “OS ARMADANZAS” de Boiro, “OS TROMPOS DAS NICRAS” de Barbanza e os gaiteiros de “A GANDAINA” de Palmeira, así como un sinfín de personaxes que advertirán ao cidadán dos perigos de andaren a soas polas rúas.

 

As “Murgas Adultas” competirán no festival por un Primeiro Premio de 1.000 €, un Segundo Premio de 500 €, un Terceiro Premio de 350 € e un Premio Local de 350 €, para o que haberá un Xurado Entroido-Profesional composto por seis membros, especialistas en Artes Escénicas, Moda e Vestiario, Música, Maquillaxe e Caracterización, Letra e Rima e a Presidencia que recaerá  nun representante da Área de Cultura e Festexos de Ribeira.


Festival e actuación:  Praza do Concello. Bases en www.riveira.es

Nota: En caso de choiva o festival será trasladado á Carpa do Entroido de Riveira.

 

MÉRCORES 13 de Febreiro

 

ENTERRO DO FELIPE

 

Saída do acompañamento ás 19.30 h, dende o Auditorio Municipal pasando polas rúas da cidade ata chegar á Praza dos Mariñeiros. Ao ritmo da comparsa “O SANTIAGUIÑO” de Padrón. Unha vez enterrado afogaremos todos xuntos as penas na Rúa de Portugal, -e se chove a mares e escacha na rúa será na Carpa do Entroido-, con preñados, orellas e rosquiñas,  todo isto regado co mellor viño de Barrantes e demais bebidas para os padais máis exquisitos.

Bases definitivas concurso disfraces Entroido 2013 Riveira hostaleria.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este venres, 1 de febreiro, charla e coloquio sobre a "estafa das preferentes"

Invita_psoe

  • Organiza o Psoe de Noia, na segunda actividade do foro "Diálogos"
  • Ás oito da tarde, na casa da cultura "Antón Avilés de Taramancos"


Noia, 31 de xaneiro de 2013. O Portavoz Parlamentario do PSdeG-PSOE, Abel Losada acudirá mañá a Noia para explicar a situación na que se atopan os produtos financieiros (preferentes e subordinadas) que foron suscritos por moitas familias. Será ás oito da tarde, na casa da cultura, como segunda actividade do Foro "Diàlogos" creado polos socialistas noieses para abrir un espacio de diálogo permanente coa cidadanía.


A executiva do PSdeG-PSOE de Noia fundou este espazo informativo e de debate denominado Foro "Diàlogos" como "un espazo útil para os cidadáns, onde se aborden temas de actualidade que poidan ser de interese".

O Foro "Diàlogos" comezou a a súa andaina no pasado mes de xaneiro coa celebración dunha MESA-REDONDA sobre  a nova lei de taxas xudiciais. Neste mes de febreiro (sempre os primeiros venres de cada mes) acudirá a este Foro o economista e deputado autonómico Abel Losada Álvarez, para falar da "estafa das preferentes".

Losada Álvarez é membro do Departamento de Economía da Universidade de Vigo e exerce de Portavoz Parlamentario dos Socialistas Galegos no pazo do Hórreo.
 
No acto os cidadàns poderàn coñecer de primeira man como a situación na que se atopan os productos financieiros coñecidos como preferentes e obrigas subordinadas así como os avances lexislativos e xudiciais sobre este "engano masivo".O PSdeG-PSOE de Noia invita a tódolos cidadáns e aos afectados a acudir a este acto e participar no coloquio que se abrirá ao remate da intervención do ponente.
 
 




 
 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical