20.2.13

Mar: o Grupo de Estudio do Medio Mariño en Ribeira atopa moluscos invasores en augas de Arousa

  • Un deles é a primeira vez que se atopa na Península Ibérica, o Cumatotus cuenoti, atopado antes só nunha área pequena de Francia
  • O outro atopouse en Noruega, Irlanda, Inglaterra e Italia e crese que puido vir nas gaiolas de salmón que de xeito experimental se colocaron en augas galegas
  • Advirten da necesidade de realizar estudos "escrupulosos" de impacto ambiental antes de

As imaxes deste artigo foron tomadas por Jacinto Pérez Dieste, presidente do Grupo de Estudio do Medio Mariño

Ribeira, 20 de febreiro de 2013. O Grupo de Estudio do Medio Mariño (GEMM) desenvolve a súa actividade científica de forma preferente en augas da ría de Arousa e ten a súa base en Ribeira, no Club Náutico. Como resultado desta actividade vén de publicar no número de xaneiro de 2013 da prestixiosa revista científica internacional Gloria Maris, o achádego de varios exemplares dunha rara especie de nudibranquio (vistoso molusco mariño semellante a unha babosa), como resultado das numerosas inmersións con escafandra autónoma realizadas nas nosas augas. Este molusco, chamado científicamente Cumatotus cuenoti,  foi atopado con anterioridade só en contadas ocasións nun área moi restrinxida da costa de Francia, e por tanto é a primeira vez que se da conta á comunidade científica internacional da súa existencia en aguas da península ibérica.

No mesmo artigo, descríbese tamén a presencia das nosas augas doutro nudibranquio, Cumanotus beaumonti, que ata o de agora só se coñecía en augas de Noruega, Irlanda, Inglaterra e Italia, e que contaba cunha única cita en augas galegas tamén realizada por membros do GEMM. Nas devanditas inmersións obtiveronse abundante material fotográfico dos animáis e as súas postas de ovos, o que documenta o achádego de forma excepcional, e describen no seu artigo algunhas peculiaridades respecto á súa alimentación e ó seu comportamento que semellan constituir unha adaptación específica ao noso ecosistema mariño.

Especies invasoras que hai que controlar

Estes dous nudibranquios son considerados especies invasoras nas nosas augas. Cumanotus beaumonti foi observado asociado a estruturas experimentais de cultivo de salmóns o que fai supor que foi trasladado nos mesmos tanques que serviron para o traslado destes peixes dende augas Noruegas. "Esto pon de manifesto unha vez máis a necesidade de realizar escrupulosos estudios de impacto ambiental antes de proceder á importación de especies de acuicultura, se queremos evitar un efecto negativo sobre o noso ecosistema mariño do que viven directamente milleiros de persoas", manifesta o GEMM.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: pedirán a Portos a fórmula que rexe para adxudicar espazos de uso de compradores na nova lonxa

  • Foi na reunión do Consello Sectorial de Pesca e para facer un  rexistro de solicitantes

Ribeira, 20 de febreiro de 2013.- O Consistorio acubillou esta mañá unha nova reunión do Consello Sectorial de Pesca de Ribeira co obxecto de realizar un seguimento por distintos asuntos que son de interese para o noso sector do mar

Media_httpfarm6static_pfvsc

Imaxe virtual da futura lonxa, que debería estar antes de 2015

Un destes asuntos tivo que ver coa Nova Lonxa, e máis concretamente cos espazos que conforme ao proxecto de execución van ser habilitados na futura infraestrutura para uso de compradores e transformadores.

Así, durante a reunión constatouse o alto grado de interese existente entre un gran número destes operadores por facerse cun destes espazos. Ao obxecto de confeccionar un rexistro de demandantes, tomouse a decisión de solicitar a Portos de Galicia que informe das condicións baixo ás que se pretende adxudicar eses locais, detallando aspectos tales como os tempos de concesión, o valor do metro cadrado ou as taxas que se eventualmente se pretenden aplicar sobre os mesmos.

Outro dos temas referidos durante a reunión foi a necesidade de que se tomen as medidas oportunas para que se garantan os pagos nas transaccións coas vendedurías. A este respecto, acordouse estudar a posibilidade de que se reforme o vixente regulamento da lonxa en aras a que impere unha maior seguridade xurídica neste tipo de operacións.

Transportistas

Tamén se debateu a localización dun emprazamento axeitado para o estacionamento dos vehículos dos transportistas: un asunto sobre que o alcalde Manuel Ruiz deu conta das xestións realizadas ata o momento e no que se coincidiu de maneira unánime en dar o visto bo á última das propostas tomadas en consideración: é dicir, a de que ese aparcamento para camións se sitúe nas inmediacións da actual lonxa municipal.

Por último, a reunión serviu tamén para que se puxera en coñecemento dos integrantes do Consello sectorial a problemática derivada de que barcos de arrastre doutros países, como é o caso de Portugal, operen nos caladoiros españois baixo diferentes condicións ás que aquí rexen. Farase un informe ao respecto.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a asociación Altofalante homenaxea a Rosalía este sábado 23 de febreiro

Media_httpeniacinform_kmkby

Santiago Páramo

Carlos Callón

Ribeira, 20 de febreiro de 2013. A asociación cultural Altofalante organiza unha homenaxe a Rosalía de Castro este sábado 23 ás 19:00h na Casa do Pescador de Ribeira. O acto realízase co gallo do 150 aniversario de Cantares Gallegos, a primeira grande obra da literatura galega contemporánea, e encádrase dentro dun movemento expansivo promovido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, que pretende coorganizar unha lectura de rosaliana simultánea ao longo de numerosos concellos de Galiza (http://www.aelg.org/GetActivityById.do?id=278).


A actividade, presentada polo presidente de Altofalante, Carlos Lixó, consistirá na lectura do Manifesto da AELG e no recital de textos da autora escolleitos por persoas diversas, quen tentarán achegar as súas propias percepcións, ben dos textos seleccionados ben do que para eles representa Rosalía como figura. Polo de agora está confirmada a participación de 10 persoas (Santi Páramo, Lola Outeiral, Carlos Callón, Elvira Blanco, Pili Pereiro, Raquel Xallas, Pacucha Rey e as nenas Uxía, Iria e Alejandra), porén aínda quedan asistencias por confirmar. Tamén haberá unha actuación musical de Pepe Romero.


Ademais de tentar achegar a literatura galega a toda a xente (de aí a natureza aberta e plural do acto), "o noso obxectivo é reivindicar a Rosalía loitadora, feminista e nacionalista. Isto é unha resposta social á interpretación dos sectores máis reaccionarios e españolistas, que baldeiran a autora do seu contido caracterizándoa como folclórica e choromiqueira. Nós cremos que hoxe en día é máis importante ca nunca exaltar a figura das mulleres que se rebelan contra a sociedade patriarcal na que vivimos e, moi especialmente, a figura das galegas que se negan a renunciar á súa identidade nacional", sinala Carlos Lixó, quen convida a todo o mundo a asistir e desfrutar deste acto.


Noutros concellos:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: a Escola de Música imparte un obradoiro musical de marzo a xuño para cativos entre 3 e 7 anos

  • O prazo para inscribirse remata o vindeiro martes 26 de febreiro
  • Comeza o 1 de marzo e custa 40€

Rianxo, 20 de febreiro de 2013. A Escola de Música de Rianxo informa da realización do V Obradoiro Musical durante os meses de marzo a xuño, para nenos/as de 3 a 7 anos.

As xornadas serán:

Venres:
Rianxo (16:00 a 17:00)
Taragoña (17:30 a 18:30)
Asados (19:00 a 20:00)

Sábados:
Leiro (16:00 a 17:00)
Isorna (17:30 a 18:30)

O prazo de inscrición remata o 26 de febreiro.
O obradoiro comeza o 1 de marzo.
O prezo do obradoiro é de 40€.

Máis información nas oficinas do auditorio de 11h30 a 13h00, no
teléfono 671 058 555 ou no e-mail: escolademusicaderianxo@gmail.com.

Cartaz_saxo_obradoiro_2013

FICHA DE INSCRICIÓN obradoiro 2013_1.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a rúa Esteirón de Palmeira estará arranxada entre abril e maio

Ribeira, 20 de febreiro de 2013. As obras de renovación da pavimentación e servizos da rúa Esteirón en Palmeira, que comezaron a finais do pasado mes, están a avanzar a bo ritmo, segundo fontes municipais.  Traballa a empresa Construcciones Figueiras Vixán, S.L., adxudicataria das mesmas por un importe de 102.564,11 euros e un prazo de execución de tres meses.

A rúa Esteirón -paralela á praia da Corna e lindeira practicamente co termo municipal de A Pobra- atopábase bastante deteriorada. O seu firme estaba formado por unha capa de formigón que se foi danando polas sucesivas reparacións que ao longo do tempo se realizaron nos servizos da zona.

 

Ademais, o colector de saneamento existente está  feito de formigón, non existe rede separativa de alcantarillado (pluviais e fecais descorren por un único colector) e as tubaxes da rede de abastecemento son de fibrocemento.

 

En consecuencia, a actuación que está a realizar contempla a substitución da tubaxe de auga existente por outras de polietileno de alta densidade. Renovaranse as acometidas existentes, dispoñendo todas as chaves e válvulas que sexan necesarias.

 

Ademais, instalarase polo centro da calzada un colector de PVC liso para o saneamento de fecais e un colector de PVC corrugado para pluviais. Nas liñas de fecais se construirán pozos de rexistro cada 30 ou 35 metros e  en todas as conexións con colectores existentes. Tamén se reporán as acometidas domiciliarias con tubaxes de PVC liso. Nas liñas de pluviais colocaranse arquetas sumidoiro e disporanse acometidas de pluviais. En canto á pavimentación, empregarase unha mestura bituminosa en quente tipo D-12 de oito centímetros de espesor.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Concello gana un contencioso-administrativo sobre un portal en Entrerríos-Bergondo

Noia, 20 de febreiro de 2013. A licenza agora confirmada autorizaba a apertura dun oco nun muro de peche dunha finca, permitindo á súa vez a colocación dun portal. Os demandantes entendían que a instalación do portal íalle dar acceso ao veciño solicitante a unha zona que eles consideraban non estaba habilitada nin para o tránsito peonil, nin para o rodado. Neste sentido argumentaban que cando se procedeu á construción da urbanización de vivendas acaroadas, onde actualmente residen, a empresa promotora tivera que ceder 393,95 metros cadrados, con destino a terreos de titularidade municipal.

Os argumentos esgrimidos polo Concello partían dunha primeira consideración: que a concesión da licenza non autorizaba a constitución dunha servidume de paso sobre un terreo de titularidade municipal, tal como os demandantes sostiñan, senón que era para autorizar a colocación dun portal. O segundo dos argumentos era clarexar o carácter do solo cedido no seu día pola empresa promotora, que para os demandantes debía ter a consideración de terreos adscritos ao Patrimonio Municipal do Solo, e para o Concello tales terreos teñen a consideración de Espazos Libres Públicos. Neste sentido hai que lembrar que a actual normativa urbanística de Noia obriga, para a construción de vivendas acaroadas, á cesión de 28 metros cadrados por vivenda, destinados a espazos libres públicos.

A sentenza comentada é firme, e contra a mesma non cabe a interposición de recurso algún, non facendo tampouco mención algunha ao pago das costas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

19.2.13

Rianxo: o Día de Rosalía contará con actos este mércores 20 e o sábado 23

Rianxo_rosala

Media_httpuploadwikim_zerfb

Luz Fandiño na Galipedia

Rianxo, 19 de febreiro de 2013. No marco das actividades organizadas e promovidas pola ASOCIACIÓN DE ESCRITORES E ESCRITORAS EN LINGUA GALEGA, para conmemorar a figura de Rosalía de Castro, o Concello de Rianxo, en colaboración co Colexio Rural Agrupado do concello, organiza o seguinte programa conmemorativo:

  • MÉRCORES 20 DE FEBREIRO - 16.30 horas - ESCOLA DE CRUCEIRO, TARAGOÑA

Lerán, contarán e cantarán a Rosalía coa colaboración das familias e Luz Fandiño

Organizado polo Club de Lectura de Literatura Infantil do CRA de Rianxo

  • SÁBADO 23 DE FEBREIRO - 18.00 HORAS - NO BUSTO DE ROSALÍA EN RIANXO - PASEO DA RIBEIRA

Media_httpfarm3static_iriqi

Lectura pública e Ofrenda Floral

Tamén coa presenza de Luz Fandiño, poderán participar todas aquelas persoas, entidades ou institucións rianxeiras interesadas en ler composicións propias ou alleas, do ou sobre a eximia poeta, para dar forma, deste xeito,  a un texto colectivo nado e dictado en Rianxo por iniciativa pública e popular,  na celebración do 150 aniversario da edición de "Cantares Gallegos".

Noutros concellos:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Bng leva ao Parlamento o "deficiente funcionamento" da confraría

Confraria Noia.pdf Download this file

  • Ante as  denuncias formuladas polos socios e socias da Confraría de Noia sobre a negativa dos órganos de goberno para informar da situación contable e a decisión de peche temporal da campaña marisqueira co grave prexuízo para a actividade e os postos de traballo, a deputada do BNG Montse Prado dirixe diversas preguntas á Consellería do Mar

Media_httpfarm3static_tfnkj

O Bng critica como está levando Rosa Quintana o asunto das confrarías

 

Noia, 19 de febreiro de 2013. A portavoz de Pesca do BNG, Montse Prado, vén de rexistrar diversas iniciativas sobre as demandas de socios e socias da Confraría de Noia derivadas do "seu mal funcionamento". Prado alude a unha situación na que un número importante de socios e socias denunciaron “unha serie de anomalías” que se están a producir na confraría  polas que  membros do pósito presentaron diversas demandas ante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº2 de Noia e a propia Consellería do Medio Rural e do Mar.


A deputada explica que estas denuncias recollen “o mal funcionamento do sistema de pesado”, a denegación de información dos órganos de goberno da confraría sobre a situación financeira e o peche temporal da campaña marisqueira sen previa consulta dos e das afectad@s.


Prado tamén se fai eco da denuncia de “superación en 2 anos” de mandato dos órganos de goberno da confraría polo que reitera, como xa reclamou noutra iniciativa parlamentaria, “a convocatoria inmediata de eleccións neste ente”.


A deputada formulará varias preguntas á titular da Consellería de Medio Rural e Mar sobre as xestións realizadas polo departamento que dirixe Rosa Quíntana para resolver esta situación anómala. Por outra parte, a nacionalista tamén quer saber se a Consellería de Mar contactou coa confraría de Noia e os seus socios e socias para determinar os “graves feitos denunciados”.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: certame de carteis co gallo do Día da Muller Traballadora para adolescentes

Boiro BASES CERTAME CARTEIS.pdf Download this file

  • Dirixido a estudantes de 4º de ESO ou non estudantes entre 16 e 21 anos
  • Prazo ata o mércores 27 de febreiro
  • A gañadora ou gañador recibirá unha tablet
  • Haberá unha mostra con todos os carteis que se inaugurará o venres 8 de marzo



Exemplos de carteis xa empregados o 8 de marzo

Boiro, 19 de febreiro de 2013. O Concello de Boiro convoca o I Certame de Carteis conmemorativos con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora. Os carteis presentados valóranse tendo en conta o impacto social que supoñan, a súa orixinalidade así como a calidade artística presente.

A Concellería de Servizos Sociais, Muller e Terceira Idade que dirixe Beatriz Deus, propón a realización do I Certame de Carteis con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, onde cada adolescente poderá presentar un deseño relacionado co significado da conmemoración do 8 de Marzo. A proposta desta iniciativa xorde con motivo da necesidade de erradicar a existencia de condutas discriminatorias existentes na sociedade, considerando ao colectivo dos xóvenes como un dos que presenta unha gran capacidade de modificar, nun futuro, a realidade actual na que vivimos.

Un dos obxectivos que sustenta esta proposta pedagóxica é involucrar aos xóvenes do municipio na realización das actividades para o 8-M, outorgándolles responsabilidade e protagonismo durante o desenvolvemento desta xornada. Este Certame está dirixido para todos aqueles mozos e mozas que se atopen cursando 4º da E.S.O ou o Bacharelato nalgunha das institucións educativas do municipio. A iniciativa tamén está aberta para todos aqueles adolescentes que non se atopen estudando e que teñan entre 16 e 21 anos.
O gañador do certame será premiado cunha tablet, tamén se realizará a difusión e a publicidade que se lle rendirá ao seu deseño.
Sinalar que todos os carteis presentados formarán parte dunha exposición que se inaugurará o venres 8 de Marzo.
Todos os xóvenes que queiran participar deberán presentar o seu cartel ben ao responsable da materia de Educación Plástica do seu I.E.S correspondente ou no Rexistro do Concello de Boiro antes do Mércores 27 de Febreiro ás 14:00.

Bases:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Turismo: Ribeira participa pola súa conta, sen Arousa Norte, na feira TurExpo Galicia esta fin de semana

  • Será en Silleda e achegaranse aloxamentos do municipio da man do Concello para ter reunións con turoperadores de 28 países
  • Arousa Norte non aposta por esta feira, senón por Fitur (na que acaba de participar) e Intur, en Valladolid


En Ribeira púxose en marcha hai dous veráns o bus turístico

Ribeira, 19 de febreiro de 2013.- O Concello vai participar esta fin de semana en Turexpo Galicia, feira de referencia do sector turístico na Comunidade Autónoma, que se desenvolverá do 22 ao 24 de febreiro no recinto Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra).

A intención do Concello é promocionar a través dun stand de 16 metros cadrados os recursos e patrimonio turístico do municipio, tanto entre os profesionais do sector (o primeiro día e medio do certame está dirixido a este tipo de visitante) como entre o público en xeral (a partir do sábado pola tarde).

Arousa Norte, que tamén engloba a Ribeira, non vai

Arousa Norte, a pesares das críticas do tenente de alcalde de Rianxo sobre a súa falta de efectividade e rumbo, non se desfai. Aínda non fai un mes que a mancomunidade participou en Fitur. E no pasado decembro os concellos que a conforman -Ribeira, Rianxo, Boiro e A Pobra do Caramiñal- aprobaron unha aportación económica para 2013 de 40.000 euros, 10.000 máis que o ano anterior. As feiras ás que adoita acudir a Mancomunidade Arousa Norte son a citada Fitur e Intur, feira de turismo rural que se organiza en Valladolid. 


A Mancomunidade do Salnés leva moita vantaxe na promoción do turismo con respecto a Arousa Norte

Bolsas de Contratación

Unha das actividades complementarias máis significativas de Turexpo Galicia son sen dúbida as súas Bolsas de Contratación: reunións entre expositores do Salón e turoperadores co fin de alcanzar posibles acordos que propicien que os stands presentes atopen novas vías de promoción nos circuítos nacionais e internacionais. Nesta acción participarán 80 turoperadores de 28 países de Europa, Asia e América (Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, China, Dinamarca, EEUU, España, Finlandia, Francia, Grecia, Holanda, Hungría, Islandia, India, Italia, México, Noruega, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, República de Corea, Romanía, Rusia, Suecia, Uruguai e Xapón).

A este respecto, o Concello de Ribeira emprendeu as xestións necesarias para brindar a aloxamentos do municipio (tal e o caso do Hotel Río Azor, do Cámping Ría de Arosa 2 e dalgunhas casas rurais) que poidan intervir nestas reunións preaxendadas e lograr así novos cauces de comercialización do produto turístico riveirense. E, por tanto, máis turistas e maior número de pernoctacións.

Produto turístico diferenciado

A intención do Executivo é avanzar nesta liña e seguir contactando cos diversos axentes de Ribeira ligados co sector turístico para confeccionar un produto integral e diferenciado e poder dalo a coñecer en próximos eventos feirais.

Membros do Goberno Local acudirán o venres 22 ao Salón para, entre outras cousas, asistir ao acto inaugural do Salón ás 12 do mediodía por parte do conselleiro de Presidencia da Xunta e presidente da Fundación Semana Verde, Alfonso Rueda Valenzuela.


Pode que tamén lle interese:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical