31.1.10

Ribeira: expoliado un reloxo de sol en Frións, Carreira

 Seguindo rastros de cousas perdidas, atopamos esta columna en Frións-Carreira, a cal soportaba un reloxo de sol por onde a veciñanza se rexía para desenvolver as faenas propias na vida da aldea. Agora, a un gran sector da sociedade, maldita a falta que lle fai. Dormen de día e folgan de noite!

Reloxos, picotas, horcas,  rollos, miliarios, estelas funerarias e outros elementos da antigüidade pasaron a formar parte de muros, lousados de rúas, e construccións de vivendas, chouzas e alpendres. Os outeiros monumentais que destacaban nas atalaias foron derruídos a golpe de grilo para construír a inmensidade de casas espalladas por vilas e aldeas.

¿Qué lle imos facer? Foi unha necesidade.

Os reloxos de pedra eran respectuosos coa xente e co medio ambiente. Non tradeaban os oídos coma os das torres das igrexas, nin eran terebrantes coma os dos concellos e catedrais, que fan condenar e tolear á veciñanza sen ter quen lles abra unha porta para verter as súas queixas.

Os reloxos antigos só daban a hora ao que a quería. Os das torres métencha no cranio, e por se fora pouco, céibanche o carillón. Nin que tiveran comisións coas boticas para vender somníferos, audífonos ou coas consultas de otorrinos, neurólogos, psicólogos e louqueiros!


—¡Leña con estes pagáns! A ver quen manda aquí! —din os que lle dan corda o reloxo.

Os ruídos de antes eran máis nobres

Simil pescaba as piallas no Camouco. A súa irmán mandáballe un mensaxe: .— ¡Manuellll. A comerrrrr…¡ E o son, natural, esvaraba lene, mainiño e puro ata que chegaba a Manuel que, coa man na orella, recollía claramente a mensaxe, e deseñando un embude coas curtidas mans respostáballe polo burato: ¡Xa vou....! E o son, modulado, chegaba en clave á ventá da súa irmán coa nitidez, discreción e anonimato natural. Vouuuu…!

Agora queres chamar a Manuel e o son non pode camiñar por estes aires podres, e pode pasar que o móbil non teña cobertura, non teña batería, non o leve consigo, o teña apagado, morto ou o teña un polbo no caveiro.

Os reloxos modernos atópanse en tódolos lados, nos móbiles, nos ordenadores, na pulsera, nas radios, nas televisións, nos coches e nun sinfín de electrodomésticos, e pese a todo, os reloxos dos campanarios seguen a fastidiar.

Non me estrañaría que algún mozo da aldea teña este reloxo de sol na mesiña de noite.

 

A primeira foto pertence á columna de Frións.

A segunda é unha hipotética montaxe na columna de cómo puido ser.

A terceira recolle o reloxo da fábrica de Baquero en Palmeira, do cal non sei o seu paradoiro.
 
Domingo Regueira

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical