10.3.11

Boiro: este domingo 13 de marzo celébrase o particular "Enterro do Óso" en Abanqueiro

Media_httpfarm4static_jofnm

Cacheira de porco a enterrar. Foto de Diego Romero

Boiro, 10 de marzo de 2011. O  Enterro  do  Óso celébrase este domingo, día 13 de marzo, na parroquia de Abanqueiro. É unha tradición única en Galicia, que consiste no enterro da cachola dun porco e un óso na propiedade da última persoa da aldea que deixou a solteiría.
A xornada promete ser longa e repleta de actividades para entreter ao público asistente. Pola mañá, ás doce do mediodía, haberá unha "matraquillada", que non é outra cousa que unha procesión de pequenos tractores (desde "pasqualíns" ata outros modelos pequenos pero agrariamente potentes). Cada matraquillo irá locindo elementos do Entroido -en Boiro dise Antroido- e circulará polos lugares máis representativos de Abanqueiro co obxectivo de chamar a todos ao funeral festeiro e animalos a ensarillarse no mesmo.

Media_httpfarm4static_qfabf

A matraquillada é unha procesión de tractores pequenos con adobíos choqueiros

Pola tarde, ás catro e media, xa sae a "comitiva fúnebre" ata a "casa do defunto", pois este enterro simbólico partilla os mesmos elementos simbólicos que os habituais, ou sexa: un cura, ataúde, viúvas ao pé, choronas, oracións e sermón. Todos eles cheos de sátira dirixida á actualidade e con adaptación ao Antroido. Hai que enterrar o óso e a cabeza do porco e a parella que se casou por último na parroquia debe ofrecer bebida e comida típica de Entroido a todo aquel veciño que acuda á súa casa.
No resto da tarde haberá unha charanga animadora e, para rematar, sobre as oito e media, á noitiña, este ano darán un concerto os de La Banda de Balbina, gañadores de A Polo Ghit do ano 2009.

O Enterro do Óso é unha tradición que ten máis dun século de vida, sempre promovida e organizada por veciños de Abanqueiro sen ningún tipo de asociación ou entidade que se faga cargo dos festexos. Por estas bisbarras hai outros enterros, como o do Felipiño en Porto do Son ou Ribeiro, ou o do Toribiño en Rianxo, así como o tradicional e tan estendido da Sardiña, pero Enterro do Óso só hai en Abanqueiro.

Segundo contan os vellos de Abanqueiro, -non hai documento que o acredite, é tradición oral- a única razón de que se enterre un óso e a cacheira do porco é que "cando te casas comes a carne e deixas o óso".

Media_httpfarm6static_wigxa

O edil de Cultura de Boiro e o presidente de Borobó presentan a esquela deste ano

Neste últimos anos, a persoa que máis pulo lle deu a esta iniciativa foi Pepe Vida, pero desta volta a asociación cultural Borobó tamén ofreceu o seu apoio na organización, xa que moitos integrantes deste colectivo, comezando polo seu presidente, Jorge Campaña, son naturais de Abanqueiro. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical