Dodro, 15 de marzo de 2011. O vindeiro día 18, ás 20.00 horas, preséntase no Auditorio da Casa do Regadío o libro elaborado polo veciño Manuel Lorenzo Baleirón que recolle a maior parte do tesouro lingüístico que constitúe a toponimia do municipio.
O Concello "quere mostrar o orgullo de ter patrocinado a súa publicación para que todas as persoas interesadas do noso Concello, e tamén de todo o país, teñan coñecemento e acceso doado a este recurso cultural. A toponimía de Dodro constitúe unha parte valiosa do patrimonio inmaterial do idioma galego que queremos poñer en valor, aprofundando no seu coñecemento e explicación para recuperar a través del a experiencia vital de centos de xeracións anteriores á nosa, recoñecéndoa e respectándoa para a nosa propia dignificación como comunidade, para comprender a súa singularidade, para compartir o pasado e o futuro", explica o equipo de goberno. Este libro, de case 400 páxinas, prologado por Anxo Angueira, ten como colaboradores a numerosos veciños e veciñas que o autor fixo partícipes, e recolle todos (ou case) os nomes de lugares do término municipal dodrense, nas súas tres parroquias. A presentación do libro forma parte do conxunto de investigacións e actividades que o Concello vén animando para a posta en valor do noso patrimonio material e inmaterial que nos enriquece como país. "A Toponimia resulta un fito transcendental na historia dos traballos sobre o Concello e acompañarase de actividades complementarias ao longo deste ano para divulgalo e ilustralo, especialmente entre as novas xeracións", explica o Concello na súa web oficial.Licenza de distribución libre
Ademais, como obra cultural e grazas á xenerosidade do autor, o libro conta cunha licenza de distribución libre, os seus contidos, tanto textuais como gráficos serán reutilizables, transformables e distribuíbles por calquera medio e formato para calquera que queira contribuír coa súa achega neste sentido. O propio Concello elaborará unha versión que estará dispoñible para descarga a través da páxina municipal en soporte electrónico. Manuel Lorenzo Baleirón, "veciño ilustre de Dodro e xenerosísimo autor deste traballo que tantas horas e días de esforzo lle dedicou por puro amor á súa Terra", din dende o Concello, naceu en Tarrío, Laíño en 1957; é licenciado en Filosofía e Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e exerce como mestre no IES Macías o Namorado do veciño Padrón.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario