Salmón atlántico en liberdade. WikipediaNoia, 7 de marzo de 2011. A Consellería do Mar pretende autorizar a instalación de dúas gaiolas de cultivo industrial de salmón, pertenecentes á empresa North Food, S.L., no polígono mexilloeiro Muros C, na ría de Muros e Noia. Para o Bng de Noia, "chámanos poderosamente a atención a inexistencia de informes da propia Consellería sobre o impacto que a instalación das gaiolas e o proceso de medre do salmón (e a súa alimentación, medicación, etc.) podería provocar sobre os recursos mariños e o medio. Así se fixo no seu día no caso da ría de Arousa, concluíndo no risco de infección severa e recomendando que esas gaiolas non se deberían instalar na ría. Hai que lembrar que a ría de Muros e Noia é un espazo singular, cunha alta produtividade pesqueira, marisqueira e mexilloeira, e milleiros de homes e mulleres vivindo directamente destas actividades produtivas. Cómpre, daquela, extremar as cautelas e precaucións cando de preservar a ría se trata".
Principio de cautela e rexeitamento consecuente
Os nacionalistas noieses explican en nota de prensa que "seiscentas once embarcacións pesqueiras e de marisqueo a flote teñen porto base na ría de Muros e Noia, ás que compre acrecentar outras 26 embarcacións auxiliares vinculadas aos polígonos mexilloeiros existentes. Sumémoslle os centos de persoas inseridas nos planos de explotación de marisqueo a pé, e teremos unha primeira mostra da necesidade de extraer o principio de cautela. En consecuencia o BNG de Noia, apoiará no Pleno extraordinario do Concello que se celebrará presumiblemente nos próximos días, o rexeitamento á instalación de gaiolas experimentais para o cultivo industrial do salmón na ría de Muros e Noia". Antes publicamos sobre o mesmo asunto estas novas.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario