Entrevistarase co conselleiro de Cultura da Xunta para impulsar o proxecto de posta en valor do patrimonio arqueolóxico incluído no seu Plan Estratéxico de Turismo. O seu proxecto contempla a ampliación e mellora do Centro de recepción de visitantes de San Roque para convertelo en Centro de Interpretación dos restos e intervencións nos castros da Cidade e de Porto Baixo.
Pedra das Cabras
Ribeira, 18 de marzo de 2011.- O candidato do PP á Alcaldía, Manuel Ruíz Rivas, concede -sempre segundo o PP- no seu programa de goberno unha especial atención ao patrimonio cultural, cun programa de accións co que proxecta converter a Ribeira na capital cultural arqueolóxica de Galicia. Ruíz Rivas amósase convencido de que o patrimonio arqueolóxico é “posiblemente o de maior potencial turístico de todos os recursos cos que conta o concello”.
Así, dentro do seu Plan Estratéxico de Turismo, inclúe un proxecto de posta en valor do patrimonio arqueolóxico centrado tanto na vertente de interpretación e coñecemento coma de recuperación e posta en valor de todos os elementos do patrimonio existentes. O candidato ten previsto entrevistarse co conselleiro de Cultura da Xunta para impulsar o citado proxecto. “É a miña intención facer ver ao Goberno autonómico a conveniencia de poñer en marcha esta iniciativa e intentar lograr a súa implicación”.
O proxecto contempla diversas actuacións, entre as que destacan a ampliación e mellora do Centro de recepción de visitantes de San Roque para convertelo en Centro de Interpretación dos restos e intervencións nos castros da Cidade e de Porto Baixo.
A actuación no Centro de Interpretación permitirá albergar nel exposicións, sumando ás xa existentes novas reproducións que recollan o patrimonio etnográfico coas diferentes clases de hórreos, cruceiros, pallozas ou petos de ánimas, entre outros elementos.
Igualmente, servirá como centro de apoio loxístico para o traballo de campo e coordinación de actividades como visitas guiadas; como punto de información e promoción turística e como centro de estudios no que se promoverán actuacións arqueolóxicas encamiñadas especialmente á catalogación de novos elementos, conservación, vixilancia e divulgación.
A actuación inclúe a dinamización da aula coa organización de conferencias, cursos, charlas e reunións.
As actuacións previstas no Castro da Cidade inícianse cunha campaña de limpeza da vexetación existente no xacemento para facilitar a súa visión. Así mesmo, o proxecto prevé a realización dunha serie de sondeos que permitan deixar ao descuberto os sistemas de fortificación, co fin de ofrecer unha observación doada de recoñecemento cara ao público visitante. As actuacións completaranse coa mellora da pista de acceso que parte do miradoiro, a elaboración dunha sinalización vertical específica a pé de xacemento e de indicadores de acceso ao mesmo e a realización de fotogrametría para a realización de planos topográficos. Nunha última fase, os traballos centraríanse na posta en valor da totalidade do Castro.
No caso do Castro de Porto Baixo, superada a primeira fase de sondeos de escavación parcial, co que xa se pode apreciar a muralla e outros elementos do xacemento, seguirá unha campaña de escavación parcial do xacemento para contar cos datos suficientes de cara á súa reconstrución. Actuacións que irán acompañadas da instalación dunha correcta sinalización e dun plan para a protección e conservación das estruturas postas ao descuberto.
Doutra banda, o proxecto inclúe tamén actuacións nos túmulos e na necrópoles de San Alberto, concretadas fundamentalmente en despexar o terreo para acceder á máxima información posible, eliminando unicamente aquelo que potencialmente poida considerarse dañino ou degradante, o que se traduce basicamente en eliminar vexetación.
Á marxe destas accións destacadas, o proxecto contempla tamén intervencións de carácter preventivo sobre elementos en potencial perigo ou deterioro grave e para a conservación, mantemento sostido, funcionamento e divulgación de toda a riqueza arqueolóxica de Ribeira.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario