11.7.11

Ribeira: a Illa de Sálvora, unha das sedes dun congreso mundial de xeoloxía no que estarán 40 expertos internacionais este mércores

  • A outra sede é a cercana illa de Ons. O encontro comeza mañá martes nesta illa e o mércores irán á de Sálvora.
  • Escolléronse estas dúas illas pola súa gran diversidade xeolóxica, ideal como punto de encontro para xeólogos


Pazo de Sálvora, recentemente restaurado polo Estado, logo de que a illa voltou a ser pública

Ribeira, 11 de xullo de 2011.- A illa ribeirense de Sálvora, que pertence ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, acolle este martes e mércores un Congreso Mundial de Xeoloxía, que contará coa presenza de preto de 40 expertos chegados de diferentes puntos do mundo. Ons e Sálvora, dúas das illas do Parque Nacional xestionado pola Consellería do Medio Rural, contan con características senlleiras, que fan delas lugares singulares para o estudo e a análise dos solos de tipo granítico.

A actividade deste encontro académico divídese en dúas xornadas. A primeira delas, mañá martes 12 de xullo, centrarase no caso concreto da illa de Ons; mentres que o día seguinte, mércores 13, a expedición visitará Sálvora. Nestas dúas xornadas, os asistentes coñecerán en primeira persoa estas dúas formacións rochosas graníticas, representativas dos tres principais episodios de magmatismo varisco (pertencente ao período da oroxenía varisca).

Riqueza granítica en Ons
O martes 12, o Congreso Xeolóxico Mundial inicia a súa excursión na illa de Ons e Onza (pequeno illote situado a 600 metros ao sur de Ons). A expedición partirá de Cambados nunha viaxe en barco a primeira hora da mañá, dende o que se poderá observar a costa norte da ría de Pontevedra e as Illas Cíes.

Á chegada a Ons, prevista para as 9.45 horas, os expertos coñecerán a Punta Xubenco, lugar no que se rexistran varias capas paralelas de diferentes tipos de granitos. O Cabo Liñeiro é o segundo punto a visitar, onde a gran variedade de rochas indica complexos procesos de fusión que ao longo do tempo chegou a afectar tanto ao manto como á codia continental.

Durante a tarde, o grupo visitará as zonas de praia e a aldea de Ons, espazos compostos por leucogranitos e rochas miloníticas. Ao remate da xornada, os asistentes regresarán en barco a Cambados.

Diversidade xeolóxica de Sálvora

[[posterous-content:jfkuaJFfrdwlJkjIxoec]]
Praia de Sálvora, onde afloran rochas ígneas do periodo xeolóxico Devónico

A segunda e derradeira xornada do Congreso Xeolóxico ten como escenario a illa de Sálvora, un enclave de gran variedade xeolóxica. Partindo de Cambados, os 40 expertos internacionais observarán dende o barco a Illa de Arousa e a Península do Grove. En Sálvora dáse conta dunha gran variedade de formas e abundantes rochas ígneas. A primeira parada é a praia dos Bois ata chegar á abandonada vila da illa, onde se poden observar texturas pegmatíticas (rochas ígneas de grao especialmente groso).

Finalizado o xantar, a seguinte parada é a Volta de San Roque, logo de atravesar unha zona dunar con vexetación. Acto seguido visitarase a Punta do Castelo, espazo de rochas graníticas con suaves relevos; e Salgueiriño, enclave con granitos de abundantes fragmentos metamórficos.


Porto de Aguiño

Ao remate da xornada, os asistentes tomarán o barco con dirección ao porto de Ribeira, aproveitando o traxecto para observar pequenos illotes próximos a Sálvora e á costa de Ribeira, xunto co porto de Aguiño e as montañas do Barbanza.

Hai que lembrar que as condicións da illa de Sálvora fan deste enclave un lugar con características particulares e de especial protección, polo que os asistentes deberán extremar os coidados e evitar saír dos sendeiros indicados.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical