11.8.11

Medio Ambiente: a Sociedade Galega de Historia Natural presentou alegacións ao plan director de Rede Natura

  • A superficie protexida en Galicia é dun 3% escaso. O asfaltado e con formigón, un 2%. Cualifican isto como "bochornoso"
  • Feble e difuso compromiso para erradicar especies invasoras ou impedir que entren especies exóticas

Ribeira, 11 de agosto de 2011. A Sociedade Galega de Historia Natural criticou que a Consellería de Medio Rural "non concedeu nin un día máis do periodo mínimo legal de 30 días para información pública, malia que o Plan Director consta dunhas 3.000 páxinas e abundante cartografía. Non semella, pois, que entre as intencións da Consellería figurase a de facilitar a participación pública na tramitación dun documento clave para a xestión dos espacios naturais máis sobranceiros de Galicia". Por enriba, faino en pleno verán, cos impedimentos que iso conleva nun país que segue ancorado en horarios e quendas de vacacións terceiromundistas.

SGO e SGHN, que estudaron coordinadamente o Plan Director da Rede Natura 2000, consideran que "é positivo pero pouco ambicioso en conxunto. Limítase a perfilar cales deben ser os obxectivos de xestión da Rede en Galicia pero sen establecer unha planificación real e efectiva dos distintos espazos que a compoñen".

Entre as eivas fundamentais do documento salientan as seguintes:

1.    Incoherencia entre a valoración ambiental dos espacios naturais, baseada en criterios técnicos e científicos, e a zonificación que, condicionada por outro tipo de decisións, deixou fóra da categoría de máxima protección a máis de 27.000 ha cun valor ambiental moi alto, incrumprindo os criterios de zonificación definidos no propio Plan Director.
2.    Ausencia de adaptación do Plan Director ás características dos LIC e ZEPA, realizándose unha análise global e pouco detallada. Á vista da moi somera e difusa definición de usos e actividades permitidos nos distintos espazos en función das súas tipoloxías, SGHN e SGO demandan a redacción de plans de conservación específicos para os distintos lugares ou grupos de lugares.
3.    Carencia da necesaria metodoloxía de avaliación, planificación e xestión específica para as ZEPA, declaradas en base a uns criterios (aves de interese para a conservación) distintos dos LIC (hábitats de interese comunitario). Ademais, o Plan Director non fai referencia algunha á imprescindible ampliación do número, a superficie e a representatividade das ZEPA, ata acadar alomenos o promedio das restantes Autonomías. Resulta bochornoso que, de acordo coas cifras oficiais, a superficie de Galicia protexida como ZEPAs (3%) apenas supere á superficie de Galicia cuberta por cemento e asfalto (2%).
4.    Consideración de “autorizables” para proxectos cun elevado impacto ambiental e paisaxístico (por ex. plantas de acuicultura, infraestruturas, queimas, repoboacións, concentracións parcelarias, rectificación de canles e diversas obras) mesmo en zonas de valor ambiental moi alto e máxima protección “teórica” e a pesares de haber alternativas con menor impacto ambiental.
5.    Feble e difuso compromiso coa erradicación das especies exóticas invasoras e coa prohibición de liberar organismos transxénicos (¡e iso nos espacios naturais máis valiosos de Galicia!).
6.    Omisión de toda referencia á necesidade de recuperar os humidais degradados, alomenos os existentes dentro do ámbito territorial da Rede Natura 2000 e os incluidos no inventario de humidais de Galicia.
7.    Carencia de compromiso en investimentos que permitan desenvolver as directrices e medidas precisas para a conservación da Rede Natura 2000 en Galicia máis aló de estimacións tentativas en números redondos supeditados a dispoñibilidade económica de cada momento.

Máis información en www.sghn.org e www.sgosgo.org

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical