A Pobra, 24 de agosto de 2011. Hoxe, mércores, ás 20:30 no Cantón da Leña, actúa a compañía Pés Ceibes para representar a súa obra de teatro "Pin Pam".
No 2008 estes Pés Ceibes botaron a andar polas rúas de Galiza polo simple motivo de amosar aquilo que tanto lles gostaba facer TEATRO. Certo que moitas outras aspectos de escena trasparéntanse nesta nova compañía: títeres, mímica … e moitísimo clown.
Neste combinado remexido polos anos ata o 2011, o seu espectáculo PIN PAM acompaña ao viandante nas prazas dentro e fóra de Galiza. No rueiro de Pés Ceibes existen numerosas rúas, parques, beirarrúas, festivais e lama das rías que viron como uns Pés Ceibes deixaban a súa humilde pegada defendendo o teatro de rúa como canle de comunicación e expresión.
No elenco artístico figuran Alenya Espiñeira, Marta Ortiz, Olga Abad, Sofía Espiñeira e Roberto C. Mouriño.
De que vai Pin Pam?
É unha conmovedora historia de amor entre dous monicreques. A súa forza de vontade e sentimento farán que rompan os fíos que os manexan. Este amor conseguirá sobrepoñerse á rivalidade dos seus manipuladores, dous titiriteiros tan competitivos como peculiares. As súas peripecias, así como as dos monicreques, conseguirán roubar máis dun sorriso.
Máis info en http://onosocirco.com/gl/artistas/item/14-pesceibes.html
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario