22.8.11

Ribeira: o acto de homenaxe á Galiza Mártir lembrou a indecencia de que o fascista Millán Astray recupere o título de fillo adoptivo da Coruña

Ribeira, 22 de agosto de 2011. O pasado sábado 20 de agosto tivo lugar en Ribeira un acto de homenaxe á Galiza Mártir. O acto escomenzou cunha introdución do presidente de Altofalante, Xosé Antonio Vázquez Cobas, que dixo:

"Para Altofalante esta conmemoración non é un acto tristeiro, ben o contrario, lembrar a xentes que foron leais, patriotas, libres... mantendo o seu facho acendido cremos que nos fai máis libres ó telos na memoria xunta nós porque así están máis vivos. 

Cando homenaxeamos a Alexandre Bóveda personificamos nel a todos os mártires galegos. Este ano a homenaxe centrámola máis nidiamente  en todas as xentes que morreron por Galiza polo progreso e polo futuro. Cando redactei a nota para a prensa puxen: Houbo nesta Galiza 14.000 represaliados, 5.651 executados, 4.560 extraxudicialmente ( paseados e torturados). Todos eles documentados e contrastados polas tres Universidades Galegas no estudo “As Vítimas e os Nomes” e faltan moitos máis... O mellor de nós. Estas xentes, demócratas, amantes da liberdade, galeguistas, socialistas, nacionalistas, anarquistas, sindicalistas, republicanos, etc. son parte da nosa historia. 

Como lin estes días : A importancia da memoria radica en subsanar o esquecemento imposto, sobre o que está edificado o noso presente. Non se pode permitir que se continúe privando os galegos e ás galegas de coñecer unha parte fundamental da historia do noso país, quizais polo temor a que a verdade nos faga cuestionar un estado que montou o seu progreso sobre unha terra con tantos cadáveres.

“A verdade corrómpese tanto coa mentira como co silencio”....   

O dia 17 foi o 75 cabodano de Alexandre Bóveda. Nin unha soa mención deste goberno que temos na xunta para un home a quen tanto debe o noso país. O mesmo fixo co 125 aniversario de Castelao. 

Por certo, retirou as escasas axudas e non colabora na recuperación da memoria e pola contra subvenciona as touradas (con centos de milleiros de euros) e restitúe a Millán Astray como fillo predilecto da cidade da Coruña.

Xa queda retratado !!"

A continuación, diversos socios de Altofalante leron o poema de Luís Pimentel Cunetas, escrito en 1937 na Galiza. Léronse tamén as verbas de Castelao sobre os mártires galegos escritas en Alba de Groria. Rematáronse as lecturas co poema Lembranza de Alexandre Bóveda de Manuel María. O acto finalizou coa ofrenda floral feita Marivén Sampedro e Silvia Varela, vicepresidente e tesoureira da asociación cultural Altofalante respectivamente. Ao longo do acto escoitáronse diversas pezas de música galega actual.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical