- Os socialistas pregúntanse quen subsana agora os danos morais do ex-rexedor trala campaña de desprestixio por parte do PP e algúns sectores da prensa
Dodro, 12 de febreiro de 2012. Estes días fíxose pública a sentencia absolutoria para o anterior alcalde de Dodro, o socialista Arturo Díaz Díaz, sobre unha demanda interposta por Mercedes Fondevila sobre suposto acoso moral.
Na nota de prensa dos socialistas explícase que Mercedes Fondevila, secretaria do Concello, reclamaba unha indemnización de 250.000 euros por acoso moral ao ex-alcalde Arturo Díaz "e foi animada polo naquel entón xefe da oposición e hoxe alcalde do PP, Valentín Alfonsín Somoza, que xa en decembro de 2010 iniciou unha campaña de desprestixio e mentiras sobre o alcalde, e que incluso editou un folleto en xaneiro de 2011 no que acusaba de acosador ao entón alcalde. En maio de 2011, no mes das eleccións municipais pasadas, a prensa local fíxose eco desta demanda, facendo que un alcalde pasase por culpable de acoso grazas a facer caso a todo o que saía do Partido Popular de Dodro, como se a prensa no canto de informar o que fixo foi facer o traballo do PPP e desprestixiar a un honrado cidadán e alcalde. A sentencia que se adxunta declara inocente ao Concello de Dodro e ao ex alcalde Arturo Díaz. É unha mágoa que a prensa, incluído algún editorial dun periódico galego, fose parte dun proceso no que só tiña que informar. A reflexión que sacamos de todo isto é: quen paga agora o dano moral causado contra ex-alcalde? Parece que foi necesario mintir para enganar ao pobo, co único fin de acadar ser alcalde. E parece que vai seguir mentindo para conseguir os seus fins. Agardamos que co coñecemento desta sentencia, a xustiza sexa de verdade xustiza, e a prensa informe dela, coa intención de emendar o dano cometido con Arturo Díaz Díaz".
Nota de Certo: Pola parte que nos toca como medio de comunicación non nos sentimos aludidos por estas acusacións á prensa do PSOE dodrense. Certo sempre informou do que lle chegou e de quen lle chegou. Se determinado grupo político minte e engana aos veciños, é función dos outros grupos políticos desmentir e aclarar as cousas, defenderse ou, no seu caso, contraatacar perante as acusacións infundadas. Botarlle a culpa ao mensaxeiro, unha vez máis, non é a saída nin a solución. En Certo nunca se vetou ningunha información nin se omitiu ningunha nota de prensa nin se fará mentras sigamos na Rede.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario