- O Retruke, 2º Congreso Internacional de Malabaristas, recibirá a máis de 150 artistas de circo de toda Europa
Noia, 25 de abril -San Marcos- de 2012. Noia prepárase para vivir a gran festa do circo. Durante tres días, máis de cen malabaristas chegados dende todos os recunchos de Europa tomarán as rúas da localidade para asistir ao Retruke, o IIº Encontro Internacional de Malabaristas , cun programa inzado de galas circenses, concertos, pasarrúas, sesións de DJ's, obradoiros...
A organización deste seminario festivo corre a cargo do colectivo Circonove, o grande proxecto de consolidación dun proxecto circense profesional no noso país e que mantén a nave do circo na localidade do Milladoiro (Ames), un espazo para a creación, produción e formación no eido circense. Disporase de distintos espazos para acoller aos convidados, artistas (uns 150 aproximadamente) e público, que visitarán a vila durante a fin de semana, e para a celebración das distintas actividades, que configuran un calendario que non lle dá respiro ao divertimento.
Venres 27 de abril
O venres comezará o Retruke coa recepción de todos os participantes. Despois da comida, o espectáculo non parará ata o amencer. As 19:00 está previsto un espectáculo de malabares na rúa na Alameda, e as 20 horas na Praza do Cantón Manu Lago ofrecerá o seu espectáculo Manicús. Ás dez da noite, no Pavillón municipal, terá lugar o open stage, un espectáculo de cabaré colectivo de circo dirixido pola Asociación Circonove. Ás 23:30, na Praza do Tapal, será a quenda do concerto de Tetehless e Fanfarria Taquicardia, ao que seguirá unha sesión de DJ´s.
Sábado 28 de abril
O sábado os espectáculos na rúa comezarán ás 12:00 na Praza da Constitución coa preestrea do espectáculo da Compañía Caír. Ás 19 poderase ver a Jesús Fornies na Alameda. Xa á noite, ás 22 hora terá lugar o acto central do Retruke, a Gran Gala na que se ofrecerán algúns dos espectáculos máis anovadores e de recoñecemento internacional no eido do novo circo. Ao remate, haberá unha espectacular noite de lume, un desfile de malabares con lume que se desprazarán dende o Pavillón até o Campo da Feira, como preludio dos concertos que se prolongarán durante toda a noite na Praza do Tapal.
Domingo 29 de abril
O domingo ao mediodía os artistas do Retruke percorrerán as rúas de Noia nun vistoso pasarrúas. Ao seu remate, terá lugar un dos eventos lúdicos máis salientables do encontro: as olimpiadas de malabares, unha serie de probas que abofé causarán a admiración e as risas do público. Xa á tarde, será o espectáculo 'Circo Beluí' no Cantón e ás 19 horas no Pavillón o Circo Multimedia, un atractivo espectáculo que mestura circo e novas tecnoloxías e que servirá de clausura a esta fin de semana de actividades ininterrumpidas.
Queres aprender a facer malabares? Hai obradoiros
Aqueles que non só queiran gozar coa arte dos malabaristas, senón que tamén pretendan iniciarse nela, terán a oportunidade de acudir aos obradoiros que se impartirán en horario de mañá e tarde, entre o venres e o domingo.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario