Vista do peirao de A Barquiña
Noia, 29 de agosto de 2012. Segundo informa hoxe en nota de prensa o Consello Local do Bloque Nacionalista Galego de Noia, "logo de ter analizado o contido do “Plano estratéxico de náutica recreativa 2012-2020”, pódese comprobar que ningunha das propostas electorais formuladas polo Partido Popular na campaña electoral municipal para o mandato 2011-2015, aparecen recollidas no mesmo".
Os nacionalistas do Bng sinalan que as conclusións do citado plano falan de mellorar a xestión, do desenvolvemento das insfraestructuras; do aproveitamento do potencial turístico galego e do incremento da responsabilidade social corporativa. "Pois é nos apartados onde se fala do desenvolvemento das insfraestructuras, así como no relativo ao do aproveitamento do potencial turístico no país, onde botamos en falta toda aquela serie de propostas anunciadas por Antonio Pérez Insua -candidato á alcaldía polo PP entón e hoxe deputado en Madrid- e avaladas de xeito directo polo conselleiro Hernández, co apoio do propio Alberto Núñez Feijóo".
O Bng lembra que nos días previos á constitución da actual Corporación Municipal de Noia e a subseguinte investidura do alcalde ou alcaldesa (xuño de 2011), librouse "unha batalla encarnizada que tiña como desculpa o que se ía facer co sistema portuario noiés, pero que no fondo só buscaba que o grupo municipal do BNG axudase ao candidato do PP, señor Pérez Insua, a acadar a alcaldía; chegando incluso a acusarnos de traizoar ao pobo de Noia por un hipotético abandono da nosa proposta electoral referida á recuperación do mar para a vila. Nesta estratexia participaron activamente toda a estrutura orgánica do PP, determinados medios de comunicación afíns a esta forza política (nomeadamente os radiofónicos con implantación na comarca) e tamén compañeiros e compañeiras que hoxe se atopan lonxe do BNG".
Recuperar o porto histórico
"É sabido que nós estábamos e estamos, por recuperar os usos portuarios do que no seu día foi o porto histórico de Noia, falamos do Malecón de Gasset e do Peirao do Marqués, e para iso é imprescindible que o Ente Público Portos de Galicia se aclare no relativo a estas propostas. Non podemos ser optimistas xa que cando se debateron os orzamentos da Xunta de Galiza para o presente ano, non se admitiron as emendas formuladas por nós que ían encamiñadas a que o citado Ente Público dotara unha partida económica coa cantidade de 2 millóns de euros, a fin de avanzar na consecución dos obxectivos marcados. A posición do PP, e nomeadamente a do señor Pérez Insua, foi a mesma no Congreso dos Deputados, votar en contra da emenda presentada polo BNG e que pretendía que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente presupostara con 1 millón de euros para a elaboración dos estudos pertinentes que permitiran unha verdadeira rexeneración do esteiro interior da ría, que nos conduza de xeito paulatino á posibilidade da retirada dos limos e fangos que colmatan o esteiro desde hai décadas. O obxectivo desta pretensión non era outro que o de acadar a posibilidade de recuperar a navegabilidade polo mencionado espazo, ao tempo que se recuperen aqueles ámbitos marisqueiros produtivos que un día foron, e hoxe como consecuencia do aterramento da ría están ermos", argumentan dende o Bng noiés, grupo que esixe ao PP o cumprimento das súas promesas electorais e a inclusión no “Plano Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020”, das demandas para a recuperación dos usos portuarios no porto histórico de Noia.
Pode que tamén lle interese:
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario