14.9.12

Lousame: o alcalde fai precampaña o mesmo día no que se coñece que abandona o posto

  • Do mesmo xeito que calou sobre a posible fusión con Noia, cando xa tiña todo falado con Núñez Feijóo, agochou o seu abandono da alcaldía ata o último momento 

  • Lousame pasará, probablemente, a ter alcaldesa sobrevida, María Teresa Villaverde, como pasara en Madrid con Ana Botella e Gallardón
  • Hoxe estivo acompañando á secretaria xeral para o Turismo nas obras de rehabilitación do edificio destinado a café-bar restaurante no complexo das Minas de San Finx



[[posterous-content:pid___1]]

Lousame, 14 de setembro de 2012.- Santiago Freire deixa a alcaldía de Lousame para ir de oitavo na lista do PP da Coruña nas vindeiras eleccións autonómicas do 21 de outubro. Tamén tivo que deixar o seu posto como deputado provincial e corre o ruxe-ruxe de que o vai substituír o alcalde de Outes, tamén do PP, Carlos Crespo. Santiago Freire iría na mesma lista que as conselleiras Beatriz Mato e Rosa Quintana (1 e 2 pola Coruña), e con Pedro Puy, Miguel Tellado, Paula Prado, Pedro Arias e a súperdelegada Belén do Campo. Tamén se filtraron os nomes de María Faraldo e Álvaro Pérez nesta lista que o PPdeG presumía de facer unha tarde pero que está a causar bastantes crebadeiros de cabeza xa que a maioría de conselleiros do goberno Feijóo ou están queimados ou apenas son coñecidos. 

A noticia sóubose hoxe, unha táctica habitual deste alcalde, que no seu día, ante a publicación da posible fusión con Noia que fixo este xornal, negouno no Facebook do Concello, coa tamaña hipocrisía de dicirlle aos veciños que eles ían ser os primeiros en sabelo, cando xa tiña todo falado con Núñez Feijóo, co que se reunira, a tres bandas, xunto co alcalde de Noia. Por suposto, ao chegar a convocatoria de eleccións, queda todo o da anexión no aire, porque lle viu as orellas ao lobo ante a oposición veciñal e sabe que se vai por ese camiño perde todo o rédito electoral, que sempre foi moito, no seu concello. Non se coñece, polo menos oficialmente, quen quedará á fronte de Lousame, pero suponse que María Teresa Villaverde Pais.

Facendo precampaña nun complexo que chucha recursos públicos sen unha utilidade clara

Como se tal cousa, Santiago Freire estivo hoxe coa secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo,  visitando as obras que financia a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Turismo para a rehabilitación dun dos edificios do complexo das minas de San Finx co obxectivo de convertelo nun servizo de café-bar restaurante dentro do conxunto de edificios que conforman as antigas instalacións desta explotación mineira.

 

As minas de San Finx son un complexo que leva anos rehabilitándose, chuchando recursos públicos como un burato negro e, cuns accesos moi deficientes no medio de ningunha parte, co que é moi cuestionable que se convirta nun recurso turístico de primeiro orde, que é o que se pretende. De seguir así, San Finx pode acabar converténdose na Cidade da Cultura de Lousame: un saco sen fondo pagado cos cartos de todos nun concello no que non hai cartos nin para asfaltar o máis básico.

Débeda dos catro últimos anos en Lousame: case se duplicou en 2011
2008: 473,000 Euros 127.77 por habitante
2009: 533,000 Euros 143.98 por habitante
2010: 471,000 Euros 127.23 por habitante
2011: 831,000 Euros 227.24 por habitante
POBOACIÓN 2011: 3,657

[[posterous-content:pid___0]]

Os traballos para converter este edificio en restaurante comezaron o pasado mes de xullo e está previsto que rematen no vindeiro mes de novembro. O investimento total da obras é de 197.962 euros. Con esta rehabilitación actuarase nun antigo edificio de pedra que ocupa unha parcela de 24,65 metros de largo por 7,35 metros de ancho para instalar servizos de cociñas, sala de instalacións, un espazo de reserva, un distribuidor, zonas de servizos, zona de barra, un comedor e dous aseos.


A edificación obxecto de rehabilitación neste proxecto destaca sobre as demais polo seu alto valor arquitectónico, construtivo e ambiental. Trátase dunha edificación de dúas plantas e un anexo de planta baixa que no pasado albergou entre outros usos o de cuartel da Garda Civil e vivendas. O edificio atópase nunha posición dominante e de peche sobre un conxunto de edificacións, así como punto final do acceso rodado ao conxunto.


A xeometría da planta é rectangular, e construtivamente posúe muros de fábrica de mampostería duns 65 centímetros de espesor e cuberta a dúas augas. O edificio non posúe forxados interiores nin carpinterías e antes de iniciarse as obras atopábase totalmente baleiro.


Patrimonio material e inmaterial

As minas de estaño-wolfran de San Finx teñen un importante valor patrimonial desde o punto de vista cultural e histórico, un patrimonio tanto inmaterial como material, asegura a Xunta na súa nota de prensa, e disque "desde o punto de vista do patrimonio industrial mineiro, as minas de San Finx constan na actualidade dun conxunto de valores, equipamentos e instalacións. Un conxunto de elementos que son o resultado da realización de actividades e a creación de infraestruturas e equipamentos que foron transformándose, cambiándose, adaptándose ata configurar o estado actual da mina. Están inventariados 35 elementos construtivos de diferentes anos".

Relacionada:


Fusión de Concellos: Noia e Lousame, en proceso de diálogo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical