16.9.12

Muros: o finado ex-alcalde nacionalista Domingos Dosil foi homenaxeado

  • O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, cualificouno como "bo e xeneroso, con determinación, compromiso e coraxe"

Homenaxe_a_dosil
Muros, 16 de setembro de 2012. A Antiga Fábrica de Sal foi o escenario, onte en Muros, dunha cálida e moi concorrida homenaxe á memoria de Domingos Dosil, activista polos dereitos dos minusválidos, alcalde da vila e sobre todo, en verbas dos seus compañeiros de partido, "grande patriota e grande nacionalista galego", tristemente falecido.

Na homenaxe tomou parte o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez. Na súa alocución, o líder nacionalista gabou a “determinación, a coraxe e a convicción patrióticas” das que Domingos fixo gala durante toda a súa vida.

“Domingos”, dixo Guillerme, “tiña todo o que ten que ter un nacionalista galego: determinación, compromiso, coraxe”. “Era un home bon, claro que si; era un home xeneroso, por suposto que si”.

Entrega e traballo

O portavoz nacional destacou que a traxectoria vital de Domingos mostra que “a política é unha das actividades máis nobres que pode desenvolver un ser humano”. “Porque a política é iso, entrega e traballo na defensa dos intereses colectivos, traballo para construír unha sociedade e un mundo mellor para todos”, engadiu.

Concluíu Guillerme dicendo que “a mellor homenaxe que lle podemos render a Domingos é traballarmos duro con determinación, entusiasmo e ilusión para que o 21-O o pobo galego diga alto e claro que estamos fartos das políticas de recortes e que queremos outro estatus político para Galiza”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical