Outes, 5 de setembro de 2012. Compromiso x Galicia presentou varias mocións para o pleno de mañá, xoves 6 de setembro de 2012. O pleno terá lugar as 21:00h no Concello de Outes. Segundo explican en nota de prensa, Compromiso x Galicia de Outes solicita recortes "de gastos innecesarios e solicita a redacción dun regulamento de participación cidadá. Dada a situación socioeconómica que está a sufrir o noso país e que tanto esforzo lle está costando ós cidadáns a base de recortes sociais consideramos que os axustes deben comezar polas administracións que están máis preto dos veciños. É nos concellos onde se debe empezar a dignificar o traballo dos políticos, onde se debe demostrar que non se quer facer da política un medio de vida, onde se debe reflectir a vocación de servizo público coa que cada concelleiro asume os compromisos electorais". E engaden: "consideramos en Compromiso por Galicia de Outes que se poden tomar medidas para diminuír os capítulos presupostarios destinados a órganos de goberno e reducir e controlar o gasto corrente e de persoal, podendo incrementar desta maneira as partidas presupostarias destinadas a servizos sociais e fomento do emprego. Esta situación levounos a presentar unha moción solicitando a eliminación de partidas destinadas a outras indemnizacións, a atencións protocolarias, a dietas ou a gastos de locomoción por importe de máis de 60.000 euros, que se deben reducir os gastos destinados a pagar de forma periódica e habitual horas extras, reducir ó 50% as partidas destinadas a produtividade, reducir os gastos de atencións protocolarias ou de gastos directos en cultura e de gastos diversos, publicidade e produtos alimenticios en festas populares que xuntos soben dos 100.000 euros, así coma eliminar as convocatorias de prazas que non son imprescindibles para un concello de 7.300 habitantes e cun presuposto de 4.000.000 de euros, pero que si incrementarían considerablemente o gasto de capítulo de persoal. Así mesmo consideramos que se debe reducir nun 50% as asignacións establecidas por asistencia a Pleno, Xunta de Goberno Local, Comisións Informativas, Comisións dos órganos
colexiados, Comisión Xeral de Coordinación de Concelleiros delegados e a asignación a grupos políticos".
Participación cidadáOutra moción presentada por Compromiso x Galicia de Outes para este pleno verba sobre a participación cidadá na vida pública do municipio. O Concello -aseguran- "é o lugar ideal para que a
democracia se poda exercer de forma directa porque é a administración que mais preto está da cidadanía. A democratización do Concello esixe que haxa intervención da cidadanía na planificación e control das actividades do Concello, e dos seus concelleiros. Débese fomentar a participación democrática e a transparencia nos asuntos públicos locais. Consideramos que se debe redactar un regulamento de participación cidadán no que se
establezan as formas, medios e procedementos de información e participación dos cidadáns e das entidades e asociacións na xestión municipal do Concello de Outes, de conformidade coa lexislación vixente que debe ter como obxectivos facilitar a máis ampla información sobre as actividades, obras e servizos, facilitar e promover a participación dos veciños e entidades na xestión municipal, aproximar a xestión municipal aos veciños, garantir a
solidariedade e equilibrio entre os distintos núcleos de poboación do termo municipal e permitir participar nos Plenos previa solicitude".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario