Barbanza-Noia, 12 de setembro de 2012. As organizacións ADEGA, Amigos da Terra, CEMMA, FEG e SGHN presentaron hoxe en Ourense Un Programa pola Terra. Este documento recolle as propostas do ecoloxismo galego para que os diferentes partidos e coalicións políticas que concorren á vindeira convocatoria electoral, as integren na súa acción de goberno ou de oposición durante a vindeira lexislatura. A amplitude da crise ambiental global, encabezada polo incuestionábel cambio climático, o esgotamento dos recursos naturais e o incremento das desigualdades sociais, é de tal magnitude que precisa -sinalan os propoñentes- dun cambio radical nas políticas desenvolvidas polas administracións. a) O actual modelo económico e social é inxusto e insustentábel Calquera proxecto político responsábel debe supeditar o desenvolvemento económico á capacidade dos ecosistemas para anovar os seus recursos naturais e asimilar os impactos ambientais, amais de acadar a xustiza social. A actual crise económico-financeira precisa dunha resposta ecolóxica e solidaria que inicie a transición cara a un novo modelo que non faga depender o benestar social do consumo desbocado de recursos naturais propios e alleos. Unha resposta produtivista agravará a crise ambiental e non mellorará de forma durábel as condicións de vida da cidadanía. A procura da sustentabilidade a escala galega e global debe estar no centro de toda a acción do Goberno galego, o que nunca ten acontecido até hoxe. Faise necesaria a implantación de políticas ambientais transversais, para integrar a preocupación polo medio ambiente nas políticas das diferentes consellarías, alén do que é competencia directa da Consellaría de Medio Ambiente. b) É necesario un compromiso de cambio de dimensións estratéxicas A problemática ambiental é sistémica, polo que para a resolver de forma satisfactoria no seu conxunto é necesario ir alén da aplicación de simples medidas correctoras e encetar unha profunda mudanza do modelo de produción e consumo. Promover a sustentabilidade ecolóxica é moito máis que crear parques naturais, construír depuradoras ou tratar o lixo. Sen unha firme vontade política de reformular o modelo socioeconómico, calquera política ambiental quedará baleira de contido, sexa cal for o programa que a vertebre. As políticas da Xunta de Galicia deben ter como obxectivo fundamental, mellorar a vida e o benestar das galegas e os galegos cun menor consumo de enerxía e de materiais, apostando polo decrecemento sustentábel baseado na ecoeficiencia, o aforro e a contención.Consideramos de vital importancia non só o compromiso con estes obxectivos e creación de planos e instrumentos, senón tamén o seu seguimento e control, establecendo indicadores e outros medios de supervisión así como a aplicación de procedementos sancionadores exemplares. A Xunta de Galicia ten unha enorme responsabilidade na crecente deterioración do noso territorio e na elevada pegada ecolóxica do noso país, polo que é urxente que asuma un compromiso consistente coa sustentabilidade, como garantía de futuro e dunha vida mellor para o pobo galego e para o resto dos pobos do mundo, así como para o resto dos seres vivos que comparten connosco o planeta. c) Participación e transparencia non poden quedar só en verbas A construción dunha democracia participativa (que non limite a participación nos asuntos públicos ás convocatorias electorais) é un requisito necesario para avanzarmos cara á sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social. A participación é un dereito da cidadanía recoñecido na propia Constitución, mais cuxo exercicio vese moi limitado polos poderes públicos, entre eles a Xunta de Galicia. Persisten ademais vicios que degradan gravemente a calidade de vida democrática, como o clientelismo no uso dos fondos públicos, a subordinación a intereses empresariais contrarios ao interese colectivo, a manipulación dos medios de información públicos, a ocultación de información, o baleirado de contido dos limitados mecanismos de participación pública existentes, o abuso da propaganda institucional ou a confusión entre o institucional e o partidario. En particular, é fundamental mellorar a comunicación e o diálogo entre asociacións e colectivos coa Administración. A transparencia é un deber e como tal, é esixíbel en todos os ámbitos da Administración Pública. Para garantir e facilitar o acceso da sociedade e das ONG á información xerada pola Administración Pública e os procedementos administrativos relacionados con calquera ámbito das actuacións con incidencia medioambiental, débese levar á práctica real a aplicación da transposición do Convenio de Aarhus, particularmente a Lei 27/2006 de acceso á información ambiental. Por último, diversos documentos relativos ás estratexias de conservación, contemplan o desafío que supón modificar as prácticas sociais para acadar a sustentabilidade e a preservación da biodiversidade. A participación pública da sociedade nos labores de sensibilización social, así como na aplicación das políticas ambientais do Goberno galego, é fundamental para que a sociedade sinta o medio ambiente como algo de seu e non como algo alleo, illado ou diferente de si mesmo. Os colectivos ambientais, como movemento social, somos quen de participar nos diferentes labores de conservación do medio ambiente, através de accións, actuacións de educación ambiental, orientación, voluntariado..., como xeito de canalización da iniciativa cidadá na implicación ambiental. d) Cumprimento da lexislación ambiental As administración públicas en xeral e a Xunta de Galicia en particular, deberán ser as primeiras en dar exemplo cumprindo estritamente o espiritu e a letra de toda a lexislación ambiental e garantindo que empresas e cidadáns tamén a cumpran. |
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario