10.9.12

Ribeira: a asociación "Flor de Toxo", endebedada ao reducir a Xunta por sorpresa e ás agochadas unha subvención

Ribeira, 10 de setembro de 2012. Segundo informa hoxe en nota de prensa, a asociación cultural xuvenil "Flor de Toxo" queda endebedada en 3.500 euros -"poñendo en grave situación económica a esta entidade sen ánimo de lucro"- debido a que a Xunta de Galicia baixou de máis de 700.000 euros a pouco máis de 400.000 o programa "Iniciativa Xove". A citada organización xuvenil de Ribeira pediu esa subvención para desenvolver durante este verán un obradoiro para a construción dunha comparsa de xigantes e cabezudos.

QUE PASOU FINALMENTE COA SUBVENCIÓN?

Segundo explican dende "Flor de Toxo", o goberno da Xunta presentou este ano o citado programa de subvencións a asociacións xuvenís, que se denomina "Iniciativa Xove ", gabándose en diversos medios de que incluso se incrementaba o orzamento ata os 705.000€,  e medraba 1.4% con respecto ao ano pasado e que o goberno de Feijóo se preocupaba pola mocidade, polas súas iniciativas e poñía medios á súa disposición. A Asociación Flor de Toxo, a pesares de ter obtido máis da puntuación mínima para serlle concedida a subvención, no verán, o 13 de xuño, publícase no DOG unha redución do orzamento do citado programa de subvencións, pasando dos 705.000€ ata menos de 432.000€. É curioso observar como no rss reader que empregamos en Certo inda se pode observar a convocatoria dos 700.000 euros pero, vaia sorpresa, se picas a ligazón, a noticia desapareceu. Ou sexa, alguén mandou borrala dos servidores de Xunta. E tamén chama a atención como no DOG non se fai referencia en ningún momento aos 700.000 euros de que tanto se gababan apenas tres meses antes na consellería de Beatriz Mato.

"Un ano máis esta entidade queda sen subvención da Xunta de Galicia tendo que facernos nós agora cargo de 3500 euros que deixan a esta entidade nunha moi grave situación económica", aseguran os de Flor de Toxo.

AS CRÍTICAS DE "FLOR DE TOXO": ENGANO E OPACIDADE

"Criticamos o engano do goberno da Xunta de Galicia, non consideramos ético que no mes de marzo anuncien en ducias de medios de comunicación 705000 € para este fin e que no mes do verán, case clandestinamente e sen saír en ningún medio de comunicación, só no DOG, rebaixen o orzamento ata os 432.000€. É moi pouco serio que un goberno fachendee e se louve a si mesmo de apoiar á xuventude no mes de marzo e que 4 meses despois teñan que reducir o orzamento case á metade. Isto quer dicir ou que moi mal fan as cousas e previsións económicas ou que pouco valen as palabras do Sr. Feijóo e o seu equipo", inciden dende este colectivo de mozos de Ribeira.

VETADOS NA XUNTA

Ademais, aseguran os de "Flor de Toxo" que "en tres anos que se lle solicitaron subvencións á Xunta de Galicia non nos deron nin un euro: poucas iniciativas xuvenís se poden desenvovler sen cartos. Deberían probar a ter a metade dos seus parlamentarios sen cobrar, a ver cantos seguían indo ao parlamento. Non criticamos que sexan inferiores os recursos destinados a asociacións con respecto a outros anos, porque entendemos que hai outras prioridades como a sanidade, a educación ou os servizos sociais, o que non podemos permitir é que se saia na prensa presumindo de investir na xuventude e catro meses despois desbaratar todo o que se dixo". E engaden que "un goberno ten que ser serio, e non andar vacilando nin ríndose das asociacións, que somos os que realmente dinamizamos un pobo, e facémolo con moitos menos recursos dos que dispoñen as administracións públicas".

POSTURA DO CONCELLO: CALADA POR RESPOSTA

Explican tamén os de "Flor de Toxo" que no concello tiñan constancia dende o ano pasado de que estaban interesados en construír uns xigantes e cabezudos, incluso nunha reunión co 2º tenente de alcalde se lles indicou que parecía moi boa idea e que os habían de chamar para sentarse a falar con el e coas concelleiras de Cultura e Xuventude. A día de hoxe seguimos agardando por esa chamada. Dende a toma de posesión deste equipo de goberno, o concello só colaborou con nós nunha actividade e porque case estaban obrigados. Estamos seguros de que somos a entidade de Ribeira que menos fondos recibiu deste concello".

NON DESCARTAN REBENTAR ACTOS DE FEIJÓO

"Despois de nos deixar sen subvención e deixar á nosa entidade nunha situación económica gravísima, esta entidade non descarta recibir ao presidente da Xunta durante a campaña electoral "como o merece", cunha murga ou cunha representación teatral, porque "non podemos permitir que se rían da nosa entidade e nos deixen economicamente na creba", aseguran dende Flor de Toxo.

QUEIXA AO VALEDOR DO POBO DA QUE PASA O CONCELLO

Aproveitan para recordar que "esta entidade enviou un escrito ao concello de Ribeira, solicitando un informe que explicase se a oficina municipal de información xuvenil cumpre os requisitos que dicta a Xunta, e a día de hoxe seguimos agardando. Puxémolo en coñecemento do Valedor do Pobo que aceptou a queixa porque as administracións públicas deben contestar nun prazo máximo de tres meses. O Valedor solicitou informes ao concello sobre o tema, a día de hoxe o Valedor tamén segue agardando pola contestación: é moi grave que o Valedor do Pobo lle requerise ao alcalde en dúas ocasións información pola nosa queixa e que o máximo representante dun concello non llela enviase. O que non contesta é porque algo está agochando".


REFERENCIA HISTÓRICA DO OBRADOIRO FEITO

Os primeiros datos escritos son dun xornal de Ribeira de 1890, onde se podía ler "En las fiestas en honor a la Virgen del Carmen, el día 20 de agosto salieron las gaitas del país, los gigantones y cabezudos y una banda de música". No ano 1906 o rei Afonso XIII outorgaba a Ribeira o título de cidade debido ao gran desenvolvemento que experimentara no municipio a Industria da Salgadura (primeiras fábricas conserveiras onde o peixe se salgaba e posteriormente se comercializaba). Foron estes empresarios cataláns os que comezaron a mercar xigantes e cabezudos que durante as festas do verán e relixiosas sacaban ás rúas e convertíanse no maior atractivo das festas para os mais novos e os máis maiores.

Co paso dos anos concello e comisión de festas foron adquirindo xigantes, xigantóns e cabezudos debido á gran fama que obtiveran e psaran a formar parte imprescindible das celebracións festivas, tanto pagás como relixiosas. Durante os anos 50, 60 foron desaparecendo, debido a que foron deixados a outros municipios ou á comisión de festas dalgunha parroquia e desapareceron polo pouco control e preocupación que había por parte do concello daquela época. Tras terse volto a recuperar, outra vez foron estraviados e esnaquizados, polo que se ten constancia de que os últimos xigantes e cabezudos que houbo no municipio foron no mandato do ex rexedor Ventoso Mariño.

Dende hai uns anos, a directiva da asociación Flor de Toxo tiña por obxectivo a recuperación dunha comparsa de xigantes e cabezudos que puidesen voltar bailar, animar e facer as súas grazas polas rúas de Ribeira. Por iso neste ano, e acolléndose a un programa de subvencións da Dirección Xeral de Xuventude (Xunta de Galicia) presentaron un proxecto que tiña como fin a recuperación e construción de 6 cabezudos.

Dentro da iniciativa houbo unha serie de actividades como conferencia de historia de cabezudos, charlas previa e informativa e a principal actividade, o obradoiro de cosntrución de cabezudos, mesmo se tiña previsto unha festa de presentación polas rúas da cidade. O obradoiro foi impartido polo escultor e licenciado en Bellas Artes, Gonzalo Sarasquete, e participaron 32 mozos e mozas da comarca.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical