13.9.12

Ribeira: o Concello entregou as súas medallas de ouro a dúas mozas deportistas, Ana Peleteiro e María Vilas

  •  Emocionante acto de entrega destes galardóns nun salón de plenos no que non collía unha agulla

 

Ribeira, 13 de setembro de 2012.- Acostumados a ver como se entregan medallas de ouro e outros títulos simbólicos de Concellos e Administracións a xente de avanzada idade, deu gloria ver onte en Ribeira como o Concello agasallaba coa súa medalla de ouro a dúas rapaciñas novas, dúas campioas en cadanseu deporte: o triple salto (Ana Peleteiro) e a natación (María Vilas).


O salón de plenos do Consistorio quedouse pequeno durante a celebración na tarde de onte do emotivo acto de entrega da Medalla de Ouro do Concello de Riveira ás deportistas Ana Peleteiro Brión e María Vilas Vidal, segundo acordo unánime da Corporación adoptado en sesión plenaria de 30 de xullo de 2012.

 

Os integrantes dos distintos grupos da Corporación Municipal, os pais e nais das homenaxeadas, o presidente da Federación Galega de Atletismo (Isidoro Hornillos), o vicepresidente da Federación Galega de Natación (Carlos Bremón, o presidente e o adestrador do Club Natación Riveira (José Antonio Prada e Juan Carlos Brión) ou a filla adoptiva Magdalena Bringas son algunhas das numerosas persoas que encheron o salón de sesións neste acto solemne.

 

Foi o alcalde Manuel Ruiz Rivas quen deu a benvida aos asistentes, a continuación do cal o secretario en funcións do Concello, José Martínez de Llano, leu o acta de outorgamento das medallas a María Vilas e Ana Peleteiro, así como os principais méritos deportivos que distinguen ás condecoradas, ao que se lle intercalou a proxección duns vídeos conmemorativos de cada unha delas.

 

Acto seguido tivo lugar o acto de entrega das medallas de ouro ademais de sendos diplomas conmemorativos a Peleteiro e Vilas por parte do rexedor municipal.

 

Tomou a palabra María Vilas para expresar o seu agradecemento por recibir este recoñecemento “de aqueles que me viron medrar, que  seguiron os meus pasos, que sempre estiveron ao meu lado e nunca me negaron o seu apoio”. “Isto é algo que me fai esforzarme aínda máis”, salientou.

 

Ana Peleteiro tamén se sumou ás palabras de agradecemento e salientou a importancia do premio outorgado polo Concello. “Espero seguirvos dando alegrías o ano que vén e durante moitos anos”, rematou.

 

Finalmente, Manuel Ruiz lembrou que ata agora na etapa democrática unicamente os irmáns Fran e José Ramón González Pérez foran distinguidos con estas insignias hai unha década.  

 

O alcalde afirmou que pese á xuventude das condecoradas, xa teñen un palmarés que as fan acredoras a recibir estas medallas e resaltou a importancia de contar co apoio duns pais, familiares, adestradores, clubs e federacións que están por detrás, que saben o valor do deporte e sobre todo saben inculcarlles a forza necesaria cando os resultados ou as lesións non acompañan”. Ruiz Rivas fixo fincapé no talento que caracteriza a ambas deportistas e expresou a esperanza do pobo de Riveira de poder velas competindo nos xogos olímpicos de Río de Xaneiro en 2016.

 

Queridas Ana e María, levade con orgullo o que todos os ribeirenses quixemos darvos”, concluíu.






 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical