6.9.12

Ribeira: retoman o Banco de Tempo para este curso

  •  Reunión o mércores 26 de setembro para xuntanza de cohesón grupal
  • Onte houbo reunión para albiscar o futuro desta ferramenta veciñal que promove o Centro de Información á Muller

 

Ribeira, 6 de setembro de 2012.- No día de onte, de 19.00 a 20.30 horas, celebrouse a primeira xuntanza do novo curso do grupo de socios e socias que forman parte do Banco de Tempo de Ribeira. O obxectivo da mesma foi informar da reanudación do funcionamento da Secretaría do Banco de Tempo e a presentación da Axente de Tempo.

 

Así mesmo, a reunión convocouse coa intención de fortalecer a confianza entre os e as integrantes do grupo e fomentar o coñecemento mutuo e a comunicación interpersonal. As persoas asistentes fixeron unha valoración positiva e enriquecedora das anteriores experiencias de intercambios e actividades, debatendo dun xeito participativo as diversas actividades a levar a cabo nos vindeiros meses e fixando unha próxima xuntanza de dinamización e cohesión grupal para o día  26 de setembro.

 

Rede social

O Banco de Tempo ten como obxectivo poñer en valor o tempo das persoas e o que son capaces de facer xuntas. Esta rede social é un xeito de evitar o illamento persoal, onde todas as persoas teñen algo que ofrecer como coñecementos e experiencias que se poden compartir cós demais. Ten o mesmo valor intercambiar xestións administrativas que acompañar a unha persoa a compartir un paseo, xa que a medida de valor é o tempo non o servizo intercambiado. Este espazo de encontro e axuda mutua fortalece as relacións e comunicación entre as persoas dun xeito recíproco, dándose valores de empatía, confianza, solidariedade e axuda.

 

Este Banco de Tempo é un proxecto promovido polo Centro de Información á Muller de Ribeira –órgano adscrito á Consellería de Igualdade- e financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.


Contacto para facerse socia ou socio

 

Calquera persoa pode participar sendo socio/a do BdT, tan só debe inscribirse, de balde, na Secretaría do Banco de Tempo, localizada no Centro de Información a Muller (CIM) na praza 8 de marzo, contactando coa Directora do (CIM) Mª Dolores Crujeiras ou coa Axente de Tempo: Herminia Dios nos teléfonos 981 874 131, 981 873 409 ou 666 689 122.


Enderezos electrónicos: cim@riveira.com e hdios@aidsocial.com.


Sitio web: http://www.bancodotempo.com/

 



 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical