14.12.12

Audiovisual: o LAV013 en Vedra abre a inscrición en dez cursos de formación audiovisual para afeccionados e profesionais

  • A inscrición no Laboratorio Audiovisual de Vedra está aberta ata o día 1 de febreiro; a matrícula formalízase on line a través da páxina web da asociación: www.senunpeso.org
  • Ofértanse en total 150 prazas para dez cursos que se desenvolverán na fin de semana do 16 e 17 de febreiro
  • A segunda fin de semana do LAV estará dedicada ao intercambio de materiais e coñecementos prácticos para o cambio social: será o RevoLAV
Barbanza, 14 de decembro de 2012. Vedra está aí ao pé e a formación que se oferta é válida para todo aquel ou aquela das bisbarras de Barbanza e Noia que teña paixón por este mundo. O LAV013, Laboratorio Audiovisual de Vedra, volve en febreiro cun formato renovado que mantén o obxectivo de ofrecer de novo ferramentas de formación en audiovisual dirixidas a afeccionados e profesionais. Na fin de semana do 16 e
17 de febreiro desenvolveranse en Vedra os dez obradoiros destas VI Xornadas de
Formación e Mostra Audiovisual. A fin de semana seguinte celebrarase por primeira vez o
RevoLAV: unha xornada dedicada ao intercambio de materiais e coñecementos prácticos
para o cambio social, con mercado de troco, charlas informativas, proxeccións, actuacións
etc.
A Asociación Senunpeso abriu xa o prazo para inscribirse nas 150 prazas dispoñibles en
total nos dez obradoiros desta sexta edición. No programa de obradoiros segue habendo
oco para cursos de iniciación e outros máis técnicos sobre aspectos específicos. Este ano
dedícaselle máis atención aos formatos online e apóstase pola formación dirixida á
autosuficiencia e ao uso social e reivindicativo dos medios audiovisuais. Así, o LAV013
inclúe os seguintes obradoiros: vídeo de combate, loita escénica, o intérprete ante a
cámara, documental web, podcast e radio en Internet, dirección artística low cost,
marketing de guerrilla, videoclips, son en producións audiovisuais e obradoiro para
alumnado da ESO.

Todos os cursos teñen unha duración de 14 horas repartidas entre o sábado 16 e o
domingo 17 de febreiro. Hai 15 prazas dispoñibles en cada curso, cun custe de 50 € para
cada alumno ou alumna. A matrícula formalízase on line antes do 1 de febreiro a través da
páxina web da asociación: www.senunpeso.org

Na súa sexta edición, o LAV é xa un referente na formación audiovisual non regrada en
Galicia, ofrecendo un programa moi completo que ten por obxectivo fomentar a creatividade entre afeccionados e profesionais e promover o uso social das ferramentas audiovisuais. En Senunpeso entendemos o audiovisual coma un traballo ou unha afección colaborativa, onde todas as partes son importantes. Aproveitando e compartindo os coñecementos, a creatividade e os materiais pódense facer grandes produtos audiovisuais sen necesidade de contar con grandes orzamentos.

Iniciación a formatos

Se outros anos as curtas, a animación ou o documental foron protagonistas de obradoiros,
este ano dedicamos cursos a outros catro formatos: o videoclip, o documental web, o podcast e radio online e o vídeo de combate. O obradoiro de vídeo de combate pretende sentar as bases de como empregar o audiovisual para lanzar unha mensaxe clara, efectiva e con poucos recursos para informar, divulgar e denunciar apoiándose nas novas tecnoloxías. Está dirixido a asociacións, colectivos e persoas que queiran elaborar vídeos atractivos e dinámicos. Ensinarase desde como planificar o traballo, a como gravar para comunicar, editar e logo comprimir para Internet. Estará impartido polo realizador Roi Guitián e a xornalista María Lobo, con experiencia en vídeo participativo e con ONGs.
No obradoiro de videoclips abordarase a historia do formato e a súa metodoloxía de traballo. Traballarase cun caso real: desde a idea, a partir da música, ao desenvolvemento
de toda a preprodución, co obxectivo de que ao remate do taller o alumnado conte coas
ferramentas para a produción dos seus propios vídeos musicais. A cargo do curso estarán
Juan Lesta e Belén Montero (Esferobite), que realizaron clips para artistas como Fangoria,
La Buena Vida, Astrud e para as principais discográficas independentes españolas, ademais de dar clases neste ámbito en varios cursos universitarios. Con María Yáñez, xornalista, produtora e investigadora, especialista en contidos web e narrativas dixitais, introducirémonos nun novo formato: o documental web. Os participantes no obradoiro aprenderán a identificar e incorporar nos documentais para internet mecanismos da linguaxe da web: hipertextual, non lineal, espacial, inmersiva, interactiva e participativa. Dun xeito práctico achegaranse ao proceso creativo necesario para un webdocumental: da idea inicial ao prototipado, do prototipo á identificación de recursos para a produción e o desenvolvemento e edición da web. O taller está destinado a todo tipo de creadores audiovisuais, dende realizadores, guionistas ou xornalistas a todas aquelas persoas interesadas en contar historias de maneira diferente. E con Uxío Broullón, deseñador e responsable do podcast “Commons Baby!” achegarémonos ao podcast e radio online. O obxectivo deste obradoiro é aprender a facer a túa propia “radio” ou “espazo radiofónico” por internet. Contará cunha parte teórica onde se explicará como funcionan os dous xeitos de “emitir” na rede: en streaming e en podcasting; e unha terceira práctica no que se traballará todo o proceso de creación dun podcast ou falangullo, desde a concepción do mesmo até a publicación e difusión final.

Dominio de ferramentas

A interpretación segue a ter un oco importante no programa do LAV, con dous obradoiros:
loita escénica e interpretación diante da cámara. Ademais, programamos cursos de son
para producións audiovisuais e ferramentas na busca da autosuficiencia: márketing de
guerrilla e dirección artística low cost.
O obradoiro de interpretación diante da cámara estará conducido polo actor Francisco
Olmo. Estar ante a cámara é, ás veces, o maior hándicap para a actuación. Neste taller
ensaiarase como convertela nunha aliada mediante técnicas de relaxación, contención e
distancia, e a través de pequenos monólogos, accións e escenas simples.
Unha das propostas máis novidosas deste ano é o taller de loita escénica, que tratará de
achegar os recursos básicos para as escenas de pelexa e violencia en teatro e televisión. O actor Pablo Sánchez, especialista en teatro físico e coreógrafo de loita escénica en filmes como O agasallo de Silvia, Sara ou Diario de un skin, ensinará acrobacias sinxelas, caídas, expresións e reaccións, tipos de golpes, loita con bastón e creación de secuencias.
Daniel López de Mandeo Records encargarse do taller de iniciación ao son en producións
audiovisuais. Neste curso identificaranse todos os procesos de son dentro dunha produción audiovisual. Dende o deseño sonoro na preprodución, ata a súa emisión en cine ou televisión, pasando pola rodaxe e pola sala de posprodución, co fin único que os alumnos e alumnas sexan quen de abordar a súas propias producións audiovisuais, sendo coñecedores e autosuficientes dentro do apartado de son. No obradoiro, teórico e práctico,
abordarase a análise e deseño sonoro, a captación de audio e a postprodución en estudio.
Se tes unha idea ou proxecto, pero non dispós de fondos para contratar servizos
profesionais de marketing e comunicación para dalo a coñecer do xeito que se merece,
pode serche moi útil o curso de Marketing de guerrilla pra proxectos audiovisuais que
ofrecerá Iñaki Quenerapú. Nel achegará técnicas esenciais de mínimo investimento para
escoller o mellor nome para o teu proxecto; dotalo dunha identidade propia e atractiva;
proxectar de ti, do teu equipo e da túa compañía unha imaxe gañadora; ter presenza
favorecedora en Internet; e promocionar e popularizar as túas ideas e proxectos
aproveitando a viralidade das redes sociais dixitais. En definitiva, crear, manter e controlar
unha imaxe de marca eficaz e positiva.

Nas próximas días concretarase o programa e quen impartirá os obradoiros de dirección
artística low cost, para o que aínda non está aberta a inscrición.

Taller dirixido ao alumnado de ESO
Un ano máis, o LAV ofrece un obradoiro de balde para alumnado da ESO interesado no
audiovisual. O obxectivo é proporcionarlle unha visión de primeira man participando na
elaboración dunha curtametraxe. O curso terá dúas fases: unha de preprodución e outra de
rodaxe e edición. Na primeira procurarase que todos os alumnos e alumnas teñan unha
visión o máis ampla posible das distintas facetas, tanto artísticas coma técnicas, que
interveñen na realización dunha curta: son, iluminación, dirección, produción, fotografía,
planificación da rodaxe, etc. Deseguido levarase adiante a rodaxe e edición da peza. O
profesor será Luqui Matthews, que dirixe dende 2003 Espazo Aberto Galiza Filmes.

Máis información en: www.senunpeso.org

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical