3.12.10

Rianxo: eres mozo e quéreste emancipar? O xoves 16 de decembro hai unha xornada para ti


Rianxo, 3 de decembro de 2010. O vindeiro xoves, 16 de decembro, terá lugar unha xornada de "Emancipación xuvenil", na cal se informará sobre as posibilidades e axudas que hai actualmente en materia de emprego e de vivenda.

Esta xornada está dirixida a mozas e mozos de entre 18 e 35 anos, e levarase a cabo o vindeiro 16 de decembro, en horario de 17:00 a 19:30 horas, na Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo.

Os temas a tratar son:

  • Emprego: perspectivas actuais, currículum vitae, emprego autónomo, sociedades mercantís, emprego no exterior.
  • Vivenda: compra de vivenda, aluguer de vivenda, renda básica de emancipación.

Se desexas participar, inscríbete chamando ó 981 100 688, por correo electrónico xuventude@concelloderianxo.es, ou pásate pola oficina de información xuvenil, situada no Centro sociocultural - Auditorio.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Bng informa aos veciños sobre a Nova Lei de Augas, que consideran suporá unha "brutal subida de impostos"


Ribeira, 3 de decembro de 2010. O Bng de Ribeira informa hoxe no seu blog de que está a realizar unha campaña informativa para pór sobre aviso aos veciños ante a Lei de Augas que vén de aprobar o goberno Feijóo en solitario. As charlas comezan hoxe en Aguiño e Carreira Explican:

"O Partido Popular aprobou en solitario no Parlamento de Galiza a Lei de augas, que ten como único obxectivo aumentar a capacidade recadadora da Xunta, facéndonos pagar a toda a veciñanza un imposto sobre a auga.

No país da auga, esta suba de impostos vai a multiplicar por tres o actual canon. Ademais a instalación dun contador homologado será obrigatorio no caso de que Augas de Galiza así o estime oportuno e en caso de non facelo o/a usuario/a poderá ser sancionado con multas de até 30.000€

A suba de impostos que o PP introduce coa nova lei de augas, vai supoñer multiplicar por tres o actual canon para todos os usuarios e usuarias que teñan abastecemento e saneamento público xestionado pola Xunta de Galiza, pasando do 100 euros ao ano para vivendas de catro persoas.

Ademais, os titulares de captacións propias e pozos particulares, terán que pagar o Canón da Auga, e instalar contadores homologados: de non facelo no prazo de seis meses o canon da auga liquidaráselle polo método de estimación obxectiva (en función da concesión de auga que se teña ou do consumo medio dunha vivenda) A instalación dun contador homologado será obrigatorio no caso de que Augas de Galiza así o estime oportuno e en caso de non facelo o/a usuario/a poderá ser sancionado con multas de até 30.000€.

Os/as titulares de traídas colectivas son responsábeis solidarios do pago do canon por parte dos usuarios e usuarias.

Todos os usuarios e usuarias de auga van a ter que pagar estes novos impostos, xa que se suprimen as exencións que actualmente están vixentes, que benefician ao medio rural. Así:

    No novo canon non se exclúe de pagar o imposto a ningún núcleo rural, nin aos de menos de 2.000 habitantes, exentos do canon de saneamento na actualidade, nin tan sequera os de 500 habitantes que excluía a lei de 1993. Neste sentido, o BNG presentou unha emenda, que foi rexeitada polo PP, e que eximia de pagar o canon a todos os núcleos de poboación inferiores a 2.500 habitantes, o que implicaría que todo o rural quedaría exento de pagar o Canon da Auga.

    Tampouco se exclúen do pago do imposto os núcleos rurais que non teñan rede de saneamento, mentres este non entre en funcionamento".

Datas das charlas:

Venres, 3 de decembro:

AGUIÑO – CASTIÑEIRAS: Confraría de Aguiño, 19:00 horas

CARREIRA: Casa da Cultura, 20,30 horas

Venres, 10 de decembro:

PALMEIRA: Casa do Mar, 19:00 horas

RIBEIRA: Liceo Marítimo, 20:30 horas

Venres, 17 de decembro:

ARTES - OLVEIRA – CORRUBEDO: Centro Recreativo de Artes, 19:00 horas

OLEIROS: Local Comunidade de Montes, 20,30 horas

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

2.12.10

Rianxo: unha alumna do IES "Félix Muriel" gañou un premio en Vigo por un relato de ciencia ficción

Download now or preview on posterous
Relato_Gradiant.pdf (13 KB)


Imaxe da entrega de premios no blog de Gradiant

Rianxo, 2 de decembro de 2010. A alumna Sarela Betanzos Freire, de 2º de ESO do instituto Félix Muriel de Rianxo, acadou o primeiro premio da categoría C do II Certame de Relatos Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, sito en Vigo). A mesma alumna relata no blog do instituto a súa experiencia:

"O venres 19 de novembro fomos a miña clase (2ºB), Andrés, Lali e máis eu á entrega de premios que se celebrou nas instalacións de Gradiant , en Vigo. Alí ensináronnos algúns dos seus proxectos no ordenador, como un programa que detecta persoas e actitudes sospeitosas nun determinado lugar, ou outro que detecta os rasgos faciais dunha persoa…

Despois asistimos á entrega de premios. Primeiro falou o director de área de Gradiant, Javier González Castaño, logo a presidenta da actividade portuaria de Vigo, Corina Porro, e finalmente entregaron os premios das tres categorías. Primeiro entregáronme a min unha XBOX 360 con Kineckt e logo entregaron aos demais gañadores os seus respectivos premios.

Ao rematar a entrega, algúns rapaces estiveron xogando na Wii ao GuitarHero e despois déronnos unha charla sobre como cifrar mensaxes e a historia da criptografía.

Logo volvemos ao instituto. Pasámolo moi ben, e gustoume moito que me puideran acompañar os rapaces da miña clase á entrega".


O relato gañador:


Hoxe mesmo publicamos:


Premio en Santiago: un alumno do ies "Virxe do Mar", 2º de poesía

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: un alumno do instituto "Virxe do Mar" acadou o segundo premio na categoría de poesía do XV premio literario "Ánxel Casal" de Santiago

Noia, 2 de decembro de 2010. Onte deuse a coñecer o fallo do XV premio literario Ánxel Casal, convocado polo Concello de Santiago. O noiés José Ismael Ramos Castelo, de 16 anos e alumno do IES Virxe do Mar gañou o segundo premio na categoría de poesía polo seu traballo Capricho. Poesía existencial demasiado azucrada. Por este segundo premio levará 700 euros (o primeiro leva 1.000).

A concelleira de Educación de Compostela, Mercedes Rosón, deu a coñecer o nome dos gañadores do XV Premio Literario Ánxel Casal. Afonso Francisco Traficante Fernández, Brais Lamela Gómez e Lara Porto Mato foron os gañadores, respectivamente, nas modalidades de poesía, conto e teatro. En total, presentáronse 56 traballos. Afonso Francisco Traficante Fernández, alumno do IES Nº 1 de Ordes (A Coruña), con tan só 14 anos, foi o gañador do premio de poesía por Nós corredizos, unha obra que a escritora Dores Tembrás Campos, integrante do xurado, considerou "extraordinaria e dunha brillantez e madurez poética pouco habitual". Recordou Marcos Sánchez Calveiro, tamén escritor e membro do xurado, que se trataba do poemario máis amplo a concurso e que se presentou como "obra conceptual pechada".

Foi tanta a calidade dos traballos presentados na categoría de poesía –indicou a concelleira- que o xurado considerou oportuno facer tamén unha mención a Jesús Castro Yáñez, de 18 anos, do IES Pedregal de Irimia (Lugo), que concursou coa obra Paxarotempos.

Tamén estivo na rolda de prensa o director xeral de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, quen tamén se declarou "abraiado" pola calidade dos traballos presentados ao Concurso. A esta editorial encargarase de publicar un libro no que se recollerán os traballos premiados. A entrega dos galardóns aos premiados celebrarase o 16 de decembro, ás 12:00 horas, nun acto no Salón Vermello de Raxoi. Este acto, dixo Sánchez Calveiro, "recordarase dentro duns anos como o primeiro premio que recolleron estes escritores", porque prognosticou que "algún vai ser un escritor importante das nosas letras".

Traxetoria do Ánxel Casal

O premio literario Ánxel Casal foi creado no ano 1996 con motivo da celebración do 150 aniversario da fundación do Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez I. Cada edición organízase en colaboración cun centro educativo. Neste ano 2010 foi o IES de Sar o que formou parte do xurado en calidade de coorganizador do certame, dirixido a alumnos a partir dos 14 anos e con 5.100 euros destinados en premios.

O nome do galardón é un recoñecemento ao insigne galeguista Ánxel Casal, que fora alcalde da cidade de Santiago de Compostela, ademais de fundador das Irmandades da Fala, pedagogo, coeditor da Colección Lar, impresor de A Nosa Terra, da revista Nós e editor de tantas outras publicacións en galego.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Belén deste ano inaugúrase o mércores 8 de decembro, con novos elementos decorativos

Estará ubicado na praza Otero Goyanes, enfronte da igrexa de Santa Uxía, ata o Día de Reis -6 de xaneiro-

Imaxe do belén do Nadal pasado

Ribeira, 2 de decembro de 2010. A concellería de Cultura e Festexos, que dirixe Luciano Fernández Martínez, vai inaugurar o vindeiro mércores 8 de decembro, día da Inmaculada Concepción, ás oito da tarde, o Belén tradicional que como en anos anteriores se instala na Centenaria.

      Este nacemento foi sometido a un proceso de recuperación e restauración de elementos decorativos como as figuras, edificacións e outras partes deterioradas que foi realizada polas empresas Espiñeira Centro de Jardinería e Carmi Carpintería, que foi aproveitada para introducir novas construcións coma casas ou pontes. Asemade serán as empresas encargadas da realización e montaxe do resto da decoración con elementos vexetais e naturais.

O castelo de Herodes

      Outra novidade é a estrutura exterior, construída acorde co emprazamento do mesmo a través de estruturas de aluminio lacadas en tons madeira, así como o tamaño e disposición rectangular.

      A súa ubicación será na Praza de Otero Goyanes, entre a Igrexa Parroquial de Santa Uxía e o Pazo de Otero Goyanes, na parte baixa da mesma para resaltar a súa vistosidade e accesibilidade.

      Segundo o concelleiro de Cultura ribeirense, "o Belén Municipal goza de grande aceptación entre a cidadanía e por iso esta Concellería, coa pretensión de enxalzar e garantir a tradición do Nadal, aposta un ano máis por esta actividade de grande repercusión e aceptación interxeneracional".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello estreará novas marquesiñas para agardar o bus que servirán como soporte de información turística

Aseguran que é unha iniciativa pioneira en España

Ribeira, 2 de decembro de 2010. A práctica totalidade das marquesiñas instaladas no termo municipal van ser obxecto de restauración e, con tal motivo, van ser utilizadas polo Concello como soportes promocionais dos recursos turísticos e culturais que atesoura este territorio barbancés, ademais de ofrecer outra información de servizo ao cidadán, como os teléfonos de interese. Co fin de presentar este proxecto, déronse cita ante un prototipo situado diante do merendoiro de Espiñeirido (na parroquia de Olveira), o alcalde José Luis Torres e os concelleiros Luciano Fernández e Elvira Pereira, os cales comprobaron o resultado do traballo desenvolvido. 

O alcalde explicou que moitas destas construcións están deterioradas polo vento e outras incidencias meteorolóxicas, pero que son os actos vandálicos os causantes do mal estado da maioría delas. Esta é unha das razóns polas que se decidiu acometer esta acción, que afectará a unhas 60 marquesiñas (é dicir, todas as que son tipo hórreo e outras cunha estrutura parecida, como as da Deputación), na esperanza de que os cidadáns sexan máis respectuosos con estes elementos por mor do atractivo e utilidade das mesmas, ao albergar fotografías de grande impacto visual e unha listaxe cos teléfonos de interese para os cidadáns. 

Ademais José Luis Torres manifestou a idoneidade desta iniciativa para promocionar os recursos turísticos do concello ante as persoas que nos visiten. A este respecto, explicou que en cada parroquia albergarase como mínimo unha marquesiña decorada con imaxes desa parroquia en cuestión, mentres que outras marquesiñas conterán fotografías dos sitios máis característicos do municipio. 

O orzamento da actuación ascende a preto de 30.000 euros, acometidos íntegramente con fondos propios do Concello. 

Iniciativa pioneira en España, segundo o Concello

Pola súa parte, Luciano Fernández subliñou que esta iniciativa, desenvolvida dende a súa Concellería de Cultura e Festexos, é pioneira en España á hora de empregar estas estruturas para promocionar os atractivos do municipio.


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

1.12.10

Noia: a Concellería de Sanidade crea unha páxina en Facebook para informar sobre prevención de drogodependencias, sexualidade e outros contidos

Noia, 30 de novembro de 2010. A Concellería de Sanidade abriu unha páxina na rede social máis grande do mundo, Facebook, que pretende ser un espazo de encontro na educación para a saúde. Nela irán aportando información sobre sexualidade, prevención da infección polo VIH (hoxe colgaron as imaxes do posto que Cruz Vermella montou na entrada ao Concello para concienciar sobre esta doenza), seguridade vial, educación para a saúde, prevención de drogodependencias e outras adiccións.

Para acceder a esta páxina, chamada "Saúde Noia" é necesario ter un perfil en Facebook. A ligazón é ésta.

Ademais, para calquera noiés que queira facer consultas sobre estes temas de saúde, poñen a disposición o correo electrónico saudenoia@gmail.com e o teléfono móbil 609 823 134.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Barbanza: Ámbar percorrerá a bisbarra o venres, 3 de decembro, para conmemorar o Día das Persoas con Diversidade Funcional


Centro ocupacional de Ámbar, en Xarás, Ribeira

Barbanza, 1 de decembro de 2010. Con motivo do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, o próximo venres día 3 a Asociación AMBAR realizará os seguintes actos ó longo da mañá : 

1-     Pola mañá entre as 10 e as 11:30h. irán a todos os concellos da comarca para facer entrega ós alcaldes dunhas axendas conmemorativas deste día, realizadas no taller de encadernación do centro ocupacional. A axenda conmemora o día tres cun artigo da Convención da ONU sobre os dereitos da persoas con discapacidade e diversas imaxes relativas á diversidade.

2-     Ás 12:30h. no CENTRO DE RECURSOS DA BARBANZA haberá diversos axentes do eido educativo e dos servicios sociais que visitarán as instalacións e presenciarán a lectura ó manifesto por parte de socios e traballadores da entidade. 

3-     Despois disto amosaranlle aos asistentes a actividade diaria, guiada e explicada polos propios usuari@s do centro.

O manifesto para ese día é o que segue:


Relacionada:


Amicos: sensibilización sobre a discapacidade con "IntegraEscola"

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: defenden no Parlamento a construción dunha escola infantil que paralizou o actual goberno do PP na Xunta

O socialista Lage Tuñas presentou unha iniciativa instando a que rectifiquen a paralización da escola infantil planificada cando gobernaba Touriño e que se busque ubicación de acordo co goberno municipal de Noia. A escola infantil proxectada ía dar cobertura ao 22% da poboación de 0 a 3 anos da vila e estaría na Barquiña

A Galiña Azul de Dodro

Noia, 1 de novembro de 2010.O Viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialista de Galicia, José Manuel Lage, vén de presentar no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei co obxecto de instar á Xunta de Galicia a construír unha escola infantil en Noia. Lage Tuñas recorda na súa iniciativa que “o concello de Noia non conta con ningunha escola infantil pública na actualidade.”.

O deputado noiés do PSdeG-PSOE explica que “durante a anterior lexislatura o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño asinara o 18 de setembro de 2008 un convenio de colaboración co Ministerio de Educación, Política Social e Deporte, a través do cal, o Goberno de España financiaba a construcción de escolas infantís en diferentes concellos galegos, sendo un deles o de Noia".

Lage Tuñas considera “unha prioridade” a creación de máis prazas escolares públicas no primeiro ciclo de educación infantil e asegura que "Noia figuraba no citado convenio, no que se contemplaba a construcción dunha Escola Infantíl con setenta e dúas prazas. No ano 2008 xa se deran pasos tamén dende o goberno municipal noiés para a cesión e posta a disposición da Xunta de Galicia dos terreos necesarios para comezar a construcción do citado equipamento socio-educativo.A ubicación dos citados terreos era o lugar dos Carballidos-Carracido no lugar de A Barquiña”.

O Viceportavoz Socialista explica que “goberno galego dispoñía a comezos do ano 2009 dun proxecto para a edificación da citada Escola Infantil pero a chegada ao goberno de Alberto Núñez Feijóo e o Partido Popular botan por terra o proxecto existente, desentendendose do mesmo e optando polo silencio diante dun equipamento tan importante.”. Por estes feitos critica ao goberno galego xa que di “que non cumpriu o convenio asinado entre a Xunta e o goberno de España, renunciando así aos fondos dirixidos a construir unha Escola Infantil no concello de Noia.”

Recorda o deputado socialista que “a planificación feita polo anterior goberno da Xunta, contemplando a construcción dunha Escola Infantil en Noia só daba cobertura a un 22% da poboación infantil de 0 a 3 anos existente no termo municipal, pero era un primeiro paso importante para suplir unha carencia existente neste concello”. Lage Tuñas apunta ao Partido Popular ao destacar que “o proceder da Xunta de Galicia só amosa a falta de interese por dotar a Noia cun equipamento destas características, fundamental para mellorar a vida das familias da bisbarra.”

“A existencia de Escolas Infantís é fundamental nunha sociedade como a actual, xa que non só cumpren unha función de carácter educativo senón que tamén favorece a conciliación da vida laboral e familiar, sendo un importante apoio para as familias", opina o socialista, quen non dubida en afirmar que "non podemos consentir que se prive dunha Escola Infantil deste xeito  ás noiesas e noieses.Os socialistas galegos pedímoslle ao goberno galego que rectifique a súa postura, e demandámoslle que sitúe a Noia dentro das prioridades para a construcción dunha Escola Infantil”.

Galiña Azul de 72 prazas "polo menos"

As escolas infantiles eran Galescolas no anterior goberno. A de Rianxo

O deputado socialista defenderá  no Parlamento de Galicia que o goberno galego adique para o ano 2011 unha partida orzamentaria á construcción dunha Escola Infantil Pública no concello de Noia con alomenos 72 prazas, tal e como figuraba no convenio asinado entre a Xunta e o Goberno de España no ano 2008

Lage Tuñas tamén lle pide que acorden, á maior brevidade posible, co goberno municipal do Concello de Noia a ubicación máis axeitada para a súa adaptación ao proxecto xa redactado pola Xunta para a edificación da citada Escola Infantil.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Turismo: Arousa Norte presenta o seu paquete turístico para discapacitados visuais na Pobra

A Pobra do Caramiñal, 1 de decembro de 2010. Aousa Norte presenta "Turismo Accesible para persoas con discapacidade visual" este xoves 2 de decembro no salón de plenos do concello de A Pobra do Caramiñal, ás 12:30 da mañá.

No mes de Xullo do 2010 a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte asinou un convenio coa Secretaría Xeral para o Turismo para levar a cabo dous proxectos que durante estes meses ocuparon gran parte do traballo da Mancomunidade: Estancias Literarias e Turismo Accesible para persoas con discapacidade visual.

Turismo accesible é un paquete turístico integrado por aloxamento en casas de turismo rural, restauración e actividades de ocio que está destinado a un público moi concreto: persoas con discapacidade visual. Despois de traballar na confección de este paquete e antes de comercializalo a Mancomunidade quere dalo a coñecer entre os sectores máis achegados á Accesibilidade Universal e o Deseño para Todos. Por iso, dende a Mancomunidade Municipios teñen previsto facer unha experiencia piloto que terá lugar os días 2 e 3 de decembro en Arousa Norte. O obxetivo desta experiencia é que técnicos e usuarios da Fundación Once, especialistas en Accesibilidad Universal e Deseño para Todos procedentes de entidades de o toda España, e técnicos expertos en turismo accesible poidan avaliar as fortalezas e debilidades do paquete para que posteriormente se poidan perfeccionar.

Entre as estas entidades participantes na experiencia destacan Turgalicia, Servimedia, C.E.A.P.A.T. (Centro de referencia estatal de autonomía y ayudas técnicas) ou Ediversia (Centro Europeo de Recursos Avanzados para la Diversidad Humana).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical