14.3.11

Ribeira: as novas instalacións da policía local inaugúranse este xoves 17

Media_httpfarm3static_khaij

As instalacións ían comezar a funcionar no primeiro semestre de 2010
Ribeira, 14 de marzo de 2011. O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda Valenzuela, presidirá a inauguración das novas dependencias da Policía Local. O acto de inauguración desenvolverase o vindeiro xoves, día 17 marzo, ás 13 horas. Está previsto que o novo edificio situado na Rúa Barbanza, nº 33 de Riveira, sexa inaugurado polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, quen será acompañado polo Rexedor Municipal, José Luis Torres Colomer.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: escolares do ceip Praia Xardín visitaron o Pazo de Goiáns acompañados polo alcalde

Boiro, 14 de marzo de 2011. Escolares do colexio Praia Xardín de Boiro acudiron hoxe mesmo ao pazo de Goiáns, onde estiveron guiados pola Presidenta da Asociación O Faiado, María Luísa López. Tamén os acompañou o alcalde, Xosé Deira Triñanes; o Tenente de Alcalde, Juan Jesús Ares González, e a concelleira de Servizos Sociais, Natalia Laíño.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: comezan en breve os traballos de limpeza de camiños e cunetas, segundo o Concello

Rolda_de_prensa_andres_001

A Pobra, 14 de marzo de 2011. O Concello informou hoxe en rolda de prensa que a empresa Javasan comezará en breve os traballos de desbroce, limpeza de camiños e cunetas apoiada pola brigada municipal de servizos do concello da Pobra do Caramiñal.

     Os  traballos levaranse a cabo por zonas ata rematar as labores de limpeza en toda a zona rural, é dicir, nas parroquias de Santa Cruz, Santo Isidro e Xobre.

Piden colaboración veciñal

     "É de interese para este equipo de goberno ter estas zonas limpas polo que se insta aos veciños a que se acheguen ás oficinas do concello para informar dos lugares nos que consideren necesaria a intervención das brigadas municipais", explicou o  concelleiro de Obras e Servizos, Andrés Millán, persoa de contacto para estas informacións.

     Desde o concello afirman "traballar arreo para que con estas actuacións todos os camiños, estradas e accesos queden en condicións axeitadas e darlle así un mellor servizo a todos os nosos veciños e veciñas".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: os socialistas repoñen unha moción "tras vinte anos do deplorable estado da rede de augas residuais"

O Psoe local cualifica de "inoperatividade do Goberno Popular" o estado dos sumidoiros e emisarios que danan o litoral, logo de facer inspeccións visuais en Castiñeiras, Palmeira e Ribeira este domingo pasado. Piden unha comisión específica que estude e dea solucións a este problema "irresoluto en cinco mandatos"
Media_httpfarm6static_eefip

Alividadeiro de Touro

Ribeira, 14 de marzo de 2011. O grupo socialista ribeirense vén de dirixir unha moción na que critica o grave estado de deterioro da rede de augas residuais en parte da costa do municipio. Como é costume en Certo, reproducímoslla íntegra:

Sr. Alcalde/Presidente:
O Grupo Municipal do PSDG-PSOE de Ribeira, a instancias de veciños de Castiñeiras, ven de efectuar unha visita de inspección á parroquia de Castiñeiras para, entre outros asuntos, comprobar o estado actual de determinados puntos de canalización de augas residuais nos espazos litorais, praia, e verquidos irregulares ao mar que, segundo se informou, presentan numerosas deficiencias.
As dimensións do problema, unha vez inspeccionado e tendo en conta os antecedentes dos que xa tiña coñecemento este grupo PSdeG – PSOE Ribeira, viuse que excedían os puntos da parroquia, polo que se procedeu a efectuar un exame primario completo do litoral do Municipio, comprobándose que, desgraciadamente, a extensión dos mesmos segue a ser xeralizada. Así, este grupo puido constatar visualmente que o problema segue a estar presente prácticamente en toda a liña de costa, apuntando como especialmente relevantes polo seu impacto os casos de Ribeira, tanto no tocante ao estado calamitoso da dársena, tamén repetidamente, e infructuosamente, tratado, como no tocante ás canalizacións que afloran directamente a carón do Paseo Marítimo de Carolinas-Coroso; en Palmeira, onde tamén se levaron a cabo comprobacións oculares durante unha visita este mesmo domingo, 13 de marzo; en Aguiño; e en Corrubedo, destacando aquí o enorme foco de pestilencias que supoñen os focos do Prado.

Media_httpfarm6static_guvhi

A pesar de que, para esas mesmas deficiencias, xa foron demandadas diante do Concello de Ribeira, e por este mesmo grupo municipal, en varias ocasións anteriores medidas de corrección e/ou intermediación por parte do Concello, ningunha forma de xestión dos problemas que máis abaixo se especifican parece que tivese resultado favorable, dado que persisten, en moitos casos empeorando, hai xa moitos anos. Entre os problemas novamente visualizados durante a inspección en Castiñeiras e a corroboración nas outras parroquias poñemos como significativos os seguintes:

  1. - Afloramento de partes da rede de residuais ás praias.
  2. - Rotura de canalizacións en varios puntos do litoral da parroquia.
  3. - Emisións libres.
  4. - Deterioro do aspecto visual e saudable dos areeiros e augas litorais.
  5. - Fondos afectados e en visible degradación.
  6. - Evidentes danos ás especies mariñas e recursos pesqueiros.
  7. - Cheiros que recalcan a evidencia dos danos en determinados puntos.
  8. - Presencia de contaminantes visibles líquidos e sólidos.
  9. - Obturacións en tuberías de residuais.
  10. - Manchas en lámina de mar, turbideces e materiais en suspensión.
  11. - Lugares de acumulación de sedimentos residuais.
  12. - Deterioro do potencial lúdico-turístico das praias.
  13. - Contaminación ambiental.
  14. - Plásticos, materiais domésticos evacuados. Insuficiente información.
Media_httpfarm6static_azbwo

Propoñemos, como clara evidencia dos danos anteriormente expostos, a súa comprobación directa, na data actual, nos puntos de emisión de Ribeira (Porto) e Corrubedo (detrás da liña do peirao). En anteriores ocasións, Sr. Alcalde, se lle deu como resposta a este grupo municipal, que determinadas actuacións estaban en marcha, que se ía dar solución dunha ou doutra maneira a estes problemas. Este grupo insiste agora no feito e na reflexión seguinte:

Como é posible, Sr. Alcalde; cómo é posible que poidan transcorrer máis de vinte anos, sen que se puidese atopar a maneira de ir arranxándoos parcialmente; e máis tendo en conta os avances que, en materia de saneamento, obra pública e medio ambiente, se teñen dado neses vinte anos? Son 20 anos, Sr. Alcalde. Son 5 programas electorais. 5 mandatos sen que se poida constatar un avance neste sentido.

Cal cre vostede que debería ser o mínimo que a xente lle debe esixir como resultado a un mandatario despois de un só deses 5 mandatos? Quizais se nos volva a aducir que se fixo a depuradora do Touro. Pero é que a depuradora do Touro, a estas alturas da película, xa é máis desconfianza que solución. Rompeu en varias ocasións. Os emisarios reventaron, saíron a flote, houbo escapes, contaminacións concentradas, escumas, etc., iso sen mencionar os problemas que persisten na actualidade. Evidencia do dito é o aliviadero que, de maneira tan persistente como irregular, podemos atopar a carón da vía pública en Pedra Pateira. Leva alí dous anos, nunha condición lamentable, tentando ocultarse á vista do público cunhas ridículas lonas que non fan máis que afear (repetimos que leva alí dous anos) o aspecto dese espazo, ademáis de poñer de manifesto a situación na que se atopa o sistema de residuais nesa liña. Ou quizais se nos queira volver dar resposta mencionando un caso concreto como panacea de todos.

Pero é que non é un, Sr. Alcalde. O problema repetido, irresoluto, do que aquí se dá conta e múltiple, en ducias de puntos do litoral. O caso da dársena de Ribeira, cos seus caladoiros e praias veciñas, entendémolo dende este grupo municipal como realmente catastrófico. Centos de cúmulos de materiais, substancias, lodos, orgánicos, fecais e químicos se acumulan día a día nos puntos de saída coñecidos e denunciados ata a saciedade. Os fondos e as augas dun porto de primeira e de futuro, como debería ser o de Ribeira, están nun estado deplorable. O impacto sobre a ría entendémolo tan indefinido coma grave. Son 20 anos. 20.

Por iso, o grupo municipal do PSdeG – PSOE de Ribeira, volve traer diante do pleno a seguinte MOCIÓN:

QUE POLO GOBERNO DE RIBEIRA SE INICIEN OS TRÁMITES PARA A CREACIÓN DUNHA COMISIÓN ESPECIFICA DE ESTUDO LOCAL DO LITORAL E DOS SEUS DANOS, QUE INCLÚA UNHA PERIODIZACIÓN DE ANÁLISES QUÍMICAS, LOCALIZACIÓN DE NOVOS VERQUIDOS, IRREGULARIDADES EN EMISARIOS, TRATAMENTO, BÚSQUEDA DE SOLUCIÓNS E OBXECTIVOS CLAROS PARA CORRIXIR E RECUPERAR AS PRAIAS, OS FONDOS E AS AUGAS LITORAIS DO CONCELLO DE RIBEIRA

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lingua galega: Lousame e A Pobra do Caramiñal únense á Rede de Dinamización Lingüística

Con eles xa son 45 concellos de toda Galicia inseridos nesta rede, anunciou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo
Media_httpfarm6static_dijco

Anxo Lorenzo, á dereita, nunha imaxe de arquivo en Ribeira

Lousame / A Pobra do Caramiñal, 14 de marzo de 2011.- A Rede de Dinamización Lingüística conta nestes momentos cun total de 45 concellos adheridos, segundo informou hoxe o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. O secretario xeral comunicou esta cifra nos concellos de Lousame e da Pobra do Caramiñal, que anunciaron hoxe en rolda de prensa a súa adhesión á Rede.

“A vontade de Lousame e da Pobra do Caramiñal representa o compromiso de moitos outros concellos de toda Galicia que xa forman parte da primeira iniciativa de colaboración, coordinación e impulso ás accións de dinamización social do galego desde o ámbito local”, asegurou Anxo Lorenzo. “Ás 45 localidades que xa pertencen á Rede –engadiu– súmanse os numerosos concellos que están a tramitar nestes momentos a súa solicitude de adhesión”.

No concello de Lousame, Anxo Lorenzo estivo acompañado pola tenente de alcalde e concelleira de Educación, María José Maroñas. Na rolda de prensa da Pobra do Caramiñal participaron o alcalde do concello, Isaac Ventura Maceiras, e mais a concelleira de Cultura e Turismo, Encarnación González.

Importantes vantaxes para os concellos
Ademais dunha mudanza no modelo de dinamización lingüística, a Rede –creada pola Orde do 14 de setembro de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia o 21 de setembro de 2010– supón importantes vantaxes para as entidades locais, entre as que cómpre destacar o acceso a programas e actividades lingüísticas que incidan nos ámbitos social, educativo, cultural, lúdico etc, axustados ás necesidades e á realidade de cada municipio. Ademais, o secretario xeral recordou que “a adhesión á Rede non ten custo ningún para as entidades locais”, xa que a secretaría xeral garante o seu financiamento.

A mellor alternativa para a viabilidade técnica e económica
O secretario xeral tamén incidiu, por unha banda, na estrutura da Rede de Dinamización Lingüística, “que favorece a adopción de decisións conxuntas entre as entidades das administracións local e autonómica, de aí o carácter bipartito na composición dos seus órganos”. Por outra banda, explicou que a Rede permite coordinar as vontades dos seus integrantes, agrupar as súas necesidades de dinamización e manter a súa capacidade de actuación, sen que se teña que detraer ningún recurso nin humano nin material destinado a financiar a estrutura administrativa da rede. “En consecuencia –dixo– consideramos que a figura da rede se presenta como a mellor alternativa para a viabilidade técnica e económica dos obxectivos que se perseguen”.

Convocatoria de axudas para as entidades locais
Finalmente, Anxo Lorenzo recordou que as subvencións dirixidas ás entidades locais para fomentar o uso do galego, convocadas a pasada semana pola secretaría xeral, inclúen como un criterio de valoración a pertenza á Rede de Dinamización Lingüística. Os concellos que o desexen poden solicitar a súa adhesión á Rede no momento en que presenten a solicitude destas axudas, que contan cunha dotación económica de 420.000 euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o PP critica que o equipo de goberno organice actos institucionais na Casa do Regadío

dodro.pdf Download this file

Media_httpfarm4static_kgfxn

Dodro, 14 de marzo de 2011. O Partido Popular de Dodro denuncia hoxe en nota de prensa "a irresponsabilidade do goberno PSOE-BNG do Concello de Dodro, e de xeito particular, a da tenente-alcalde Rei Mariño, ó anunciar a realización de actos institucionais na Casa do Regadío, unha obra que incumpre o regulamento de Espectáculos Públicos, á parte doutras ilegalidades urbanísticas, tal e como figura no informe técnico que o Partido Popular dou a coñecer a través da súa páxina en internet".

Para os conservadores dodrenses, "a realización de actos que deberan ser culturais e sen ningún trasfondo partidista, vanse convertir de feito en actos de apoio ó BNG e á sua candidata Rei Mariño, que sen ningún reparo, vai tentar utilizar a persoas alleas á política para os seus propios intereses de cara á campaña electoral". Consideran os populares que a actual tenente-alcaldesa de Dodro "está actuando con absoluto desprezo cara os resultados da inspección urbanística, confundindo claramente a valentía política coa ousadía más ignorante, e sen ter en conta o máis mínimo a prudencia e respecto á legalidade que debe primar no exercicio de todo cargo público".

O PP de Dodro reitera e conclúe que "é absolutamente irresponsable utilizar a persoas que puideran descoñecer a ilegalidade da obra da Casa do Regadío como respaldo persoal ó BNG, pois o único que vai conseguir a sra. Rei Mariño é convertilas nos seus cómprices involuntarios para vergonza de todo o Concello de Dodro".

Relacionadas:


Primavera cultural: presentacións de libros e charlas sobre arqueoloxía


Cultura en marzo: actividades polo Día da Muller Traballadora

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Bng solicita que se poña en marcha dunha vez a Casa da Xuventude

Casa-da-xuventude

Ribeira, 14 de marzo de 2011. O grupo municipal do Bng presentou unha iniciativa municipal na que demanda ao Concello de Ribeira "que poña, de xeito inmmediato, a Casa da Xuventude a disposición da cidadanía de Ribeira. Na moción tamén solicitamos que o concello de Ribeira consensúe coas entidades xuveniles, de xeito urxente, o regulamento de participación na nomeada Casa da mocidade, para que o sintan como un espazo propio".

Media_httpfarm5static_pvepq

Na Casa da Xuventude reuníronse colectivos do Concello, pero en febreiro de 2010

Segundo explicaron, o BNG de Ribeira "leva tempo preocupándose polas inquedanzas da mocidade do noso concello. É dende este grupo municipal, de onde partiron numerosas iniciativas para que dunha vez, Ribeira cumpra coa súa xente moza. Unha das demandas máis reiteradas é a carencia de espazos que teñen as entidades onde participan mozos e mozas para poder reunirse, desenvolver as actividades, etc. Coa inauguración da Casa da Xuventude, hai máis dun ano, semellaba que estes problemas se ían paliar. Mais isto non está sendo así. A día de hoxe a Casa da Xuventude está pechada e sen actividade coñecida. As únicas novas que hai dela son os continuos desperfectos e deficiencias da construción da obra. Pero o que é peor, á mocidade ribeirense séguenselle poñendo trabas para desenvolver todas as súas potencialidades (reitero, non se permiten xuntanzas, non hai actividade coñecida, etc). Semella que o goberno local non valora nin aprecia as cualidades positivas que ten a nosa mocidade: está preparada, é activa, comprometida e diversa. Non fagan que todas estas características murchen antes que florezan", conclúen os nacionalistas.

Control do emprego público, ou stop ao enchufismo

Por outra banda, o PP de Ribeira rexeitou unha moción na que o BNG solicitara "un control máis exhaustivo do emprego público". Os nacionalistas denunciaron que as últimas contratacións foron "feitas a dedo” polo Goberno do PP e sen ter en conta os preceptos constitucionais de “Igualdade, mérito, capacidade e publicidade”, o BNG volve pedirlle ao partido de Goberno "que se deixe de comprar votos e simplemente cumpra coa lei. Nun contexto a nivel nacional de 4.700.000 parados e a nivel autonomía cunha taxa de desemprego na provincia máis desfavorecida do 22,5%, creemos que é cuestión de dignidade dar cumprimento aos principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade e publicidade no acceso a un posto de traballo. Non é de recibo que mentres milleiros de familias están a pasar fame por mor do desemprego, as administracións publicas se adiquen aínda a pagar favores políticos con prazas creadas a dedo, con postos de traballo á medida, con oposicións irregulares, sen ningún tipo de cumprimento da legalidade vixente".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

12.3.11

Boiro: o colectivo Aturuxo celebra o seu terceiro aniversario o 25 e 26 de marzo

Aturuxo_iii_aniversario

Venres 25:

- Ás 22h cantareiras
- ÁS 23h contacontos
- ÁS 00h concerto

Sábado 26:

- ÁS 13h saen desde Aturuxo, a tomarlle uns viños por Boiro, acompañados por gaiteiros e un fogheteiro!
- Ás 15h Xantar para celebrar os 3 anos de traballo do local social. HAI QUE IR APUNTANDOSE!!! (localsocialbarbanza@gmail.com)
- Ás 23h concerto

(desvelarán todos os nomes cando teñan todo confirmado!! ficade atent@s)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

11.3.11

Boiro: o presidente da Deputación estivo vendo a senda peonil entre Boiro e Cespón

A Deputación da Coruña investiu 126.706 euros nela

11 de marzo de 2011. O presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, realizou esta mañá unha visita ao Concello de Boiro, onde visitou as obras, xa rematadas, da nova senda peonil da DP 1106 que une Boiro e Cespón e participou no acto inaugural do Centro de Formación, Escola de Hostelería e Viveiro de Empresas do concello boirense.

Fernández Moreda, acompañado polo alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, e polo tenente de alcalde do municipio, Juan Jesús Ares, percorreu un tramo da nova senda peonil Boiro-Cespón, cun percorrido dun kilómetro, entre os pk. 2,260 e 3,220, que supuxo un investimento provincial de 126.706, 60 euros.

Segundo afirmou Salvador Fernández Moreda, a Deputación da Coruña destinou nos últimos catro anos máis de 5,5 millóns de euros para a construción deste tipo de vías peonís nos tramos máis urbanos e frecuentados por peóns dos 2.200 kilómetros de estradas provinciais, “co obxectivo de mellorar a seguridade” dos veciños.

Novos proxectos por importe de máis de 460.000 euros

Neste sentido, Fernández Moreda anunciou que a Deputación xa ten redactados os proxectos para a construción de dúas novas sendas peonís de dous metros de anchura en Moimenta e Comoxo, que terán respectivamente 700 e 810 metros de lonxitude, e que contan cun orzamento de 273.983, 84 euros.

O presidente da Deputación da Coruña anunciou ademáis a próxima licitación das obras de ensanche e e mellora da estrada de Triñanes (DP 1101 de Triñanes á Ponte de San Francisco), cun orzamento de 186.641,12 euros, e que contemplan o ensanchamento da estrada ata os seis metros, con dous carrís de 3 metros en cada sentido de circulación.

O alcalde de Boiro, Xosé Deira, agradeceu á Deputación a resposta aos nosos requeriementos e considerou que, coa finalización das obras desta senda peonil, complétase o investimento realizado pola institución na estrada Boiro-Cespón, tamén de titularidade provincial.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Arqueoloxía: charla sobre os Castros de Neixón (Boiro) en Ourense

<embed width="640" height="476" flashvars="playlistfile=http://tv.uvigo.es/gl/video/playlist/33549.xml&http.startparam=start&repeat=list&provider=http&autostart=true&stretching=uniform" wmode="opaque" allowscriptaccess="always" allowfullscreen="true" quality="high" name="player33549" id="player33549" style="" src="http://tv.uvigo.es/swf/player.swf" type="application/x-shockwave-flash">
Impartida en Ourense en 2010. "Os castros de Neixón: Paisaxe, sociedade e territorio ó longo da Idade de Ferro", por Xurxo Ayán, director das escavacións en Cespón dende 2003 a 2008.

Vía Universidade de Vigo TV

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical