13.7.12

Ribeira: doan unha medalla da prata das Heroínas de Sálvora ao museo municipal

  •  A medalla foille concedida a Josefa Parada Crujeiras e a doazón fíxoa seu neto, José Parada, que emigrou a Estados Unidos
  • Anunciouse hoxe que en 2013 a sala museo acubillará unha mostra adicada ao naufraxio do vapor Santa Isabel e que se fará un monumento conmemorativo ás catro heroínas de Aguiño

 

Ribeira, 13 de xullo de 2012.- Os fondos da Sala Museo Municipal contan dende hoxe cunha peza de valor extraordinario que fai referencia unha das maiores traxedias marítimas producidas na historia de Galicia: nin máis nin menos que a medalla de prata concedida por parte da Cámara de Comercio de Pontevedra a unha das catro heroínas de Sálvora, Josefa Parada Crujeiras, quen, encarando as condicións terribles da noite do 1 ao 2 de xaneiro de 1921, tivo o arroxo de saír coa súa dorna para rescatar ás vítimas que puideron salvar a vida no naufraxio do vapor Santa Isabel.

 

Foi un neto da citada heroína, José Parada Sieira, o que tivo a deferencia de doar de forma altruísta esta medalla á instalación municipal. A condecoración foi recibida polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, na sección do museo municipal onde se exhibe outra peza alusiva á traxedia do Santa Isabel: a dunha campá pertencente á embarcación.

 

Conversacións de sobremesa

José Parada, veciño afincado en EEUU, relatou os detalles do naufraxio tal e como lle foron contados nas moitas conversacións de sobremesa que escoitou no seu fogar. Así, explicou que o buque embarrancou na peor zona da illa, onde as ondas rompían con moita intensidade, e se referiu ao descoñecemento do terreo pola maior parte da tripulación como outra das causas de que morresen máis de duascentas persoas.

 

Non obstante, durante a súa intervención aludiu á actuación de persoas como Salvador Santos, natural de Palmeira e contramestre do barco, quen foi quen de evitar que o bote no que ía xunto con outros náufragos se estrelase nas pedras, o que posibilitou a chegada da dorna coas heroínas.

 

Ruiz Rivas agradeceu esta doazón e amosou a satisfacción do Concello de poder exhibir unha das medallas coas que se distinguiron ás catro heroínas, que marcou un fito na historia do municipio e que fai que este pobo se sinta orgulloso do seu pasado. Así mesmo, o alcalde anunciou que no que queda de lexislatura vaise instalar un monumento dedicado ás heroínas de Sálvora, probablemente na parroquia de Aguiño

 

Por outra banda, a directora do museo, Pilar Casas, adiantou que se está a preparar unha exposición para o ano 2013 que abordará a historia do barco vapor Santa Isabel, desde a súa construción nos asteleiros de Matagorda, Puerto Real (Cádiz) ata o seu afundimento en Sálvora, mostrando imaxes e pezas que non se viron ata o momento, como é o caso dos planos que recollen as sucesivas etapas de construción do buque ás que Pilar casas puido acceder na localidade gaditana. A concepción da mostra conta co asesoramento do historiador José María Fernández Pazos, autor dun libro sobre a traxedia.

 

Mostra permanente

Sobre este tenor, o alcalde expresou o seu desexo de que esta exposición temporal que vai ter lugar en 2013 na sala museo se poda mudar posteriormente en permanente, de tal xeito que teña a súa sede precisamente na illa de Sálvora.

 

O alcalde manifestou a este respecto que está a efectuar xestións con outras Administracións para ver a posibilidade de que no pazo ou na fábrica de salazón poida ter cabida dita mostra permanente e que Sálvora sexa “un lugar visitable e visitado”.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: queixas polo prezo dos amarres nos novos pantaláns

  • Os nacionalistas piden que se discrimine positivamente aos que son de Muros


Muros, 13 de xullo de 2012. Segundo explican hoxe en nota de prensa, os concelleiros nacionalistas de Muros súmanse ao malestar e preocupación xerados no pobo polos prezos dos novos puntos de atraque "e esiximos que as autoridades competentes tomen as medidas oportunas para que as embarcacións “do noso concello” dispoñan duns prezos razoables".

Para os nacionalistas non adscritos de Muros, "a xente do mar do noso pobo veu amarrando dende tempos inmemoriais na dársena interior do porto, e xa a anterior actuación de Portos de Galicia dotando de pantaláns a esta dársena supuxo un custo considerable para os usuarios dado o baixo poder adquisitivo da maioría dos propietarios das embarcacións. Topámonos con que a día de hoxe hai numerosos propietarios de embarcacións que están sen amarre e están agardando que se abran as listas de espera ou que corran as solicitudes xa feitas con anterioridade para esta dársena interior".

Con esta situación na dársena interior, Portos de Galicia reordena e amplía os pantaláns na dársena intermedia, pantalán que pasan a ser xestionados mediante unha concesión por unha empresa privada cunhas tarifas "totalmente inasumibles pola práctica totalidade das nosas xentes, o que vai imposibilitar a contratación da inmensa maioría dos propietarios das embarcacións do noso porto, véndose obrigados a amarrar as embarcacións en lugares pouco axeitados e seguros, co correspondente perigo que isto supón para estas persoas na súa maioría xubilados do mar. Incluso se teme pola situación destes pantaláns da dársena interior, ata o de agora xestionados por Portos de Galicia que de algunha forma podan verse tamén afectados no caso de pasar a ser xestionados pola empresa concesionaria", argumentan.

117 euros ao mes

Para os nacionalistas está claro que "é bo e necesrio para o pobo fomentar e facilitar o acceso de visitantes cun certo nivel económico, o que non é de recibo é que habendo prazas vacantes e a un prezo razoable na dársena interior, as embarcacións de Muros se vexan obrigadas a pagar un amarre nos novos pantaláns cuns elevados prezos (117 €/mes as embarcacións máis pequenas) ou marchar do porto de Muros".




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: arranxados os asolagamentos en Cubelo

Nas imaxes, o antes e o agora de Cubelo
 

Ribeira, 13 de xullo de 2012.- O Concello informa do remate da actuación consistente na instalación dunha rede de pluviais e pavimentación no lugar de Cubelo, pertencente á parroquia de Carreira xusto a carón do CEIP Frións.

Os camiños que compoñen a zona en cuestión carecían de rede de pluviais e non estaban pavimentados, razón pola cal cando chovía acumulaban unha gran cantidade de auga, provocando en ocasións problemas de circulación aos vehículos e molestias aos peóns.

Co fin de poñer remedio a estas incidencias decidiuse acometer unha actuación consistente en primeiro lugar na instalación dunha rede de pluviais que permitise recoller e canalizar a auga que circulaban pola zona. A tal efecto, instaláronse dúas tubaxes de 145 e 113 metros de lonxitude, cuns diámetros de 315 e 240 milímetros respectivamente. Ambas están feitas de PVC corrugado. Tamén se dispuxeron 11 arquetas sumidoiro, 6 acometidas de pluviais e 9 pozos con profundidades de ata 1,70 metros. Doutra banda, pavimentáronse os camiños cunha mestura de bituminosa en quente e as zonas verdes colindantes foron desbrozadas.

A empresa Eulogio Viñal foi a encargada de acometer a actuación, que ía con cargo ao canon derivado da adxudicación do servizo de saneamento e tivo un orzamento de 45.730,40 euros.





 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: máis de 300.000 euros para ampliar a lonxa en 60 metros cadrados máis

  • A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe o concello de A Pobra para explicar as obras de remodelación

A Pobra, 13 de xullo de 2012.- A Consellería do Medio Rural e do Mar reformará a lonxa da Pobra do Caramiñal, tal e como avanzou a propia conselleira, Rosa Quintana. A titular de Medio Rural e do Mar, acompañada do presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou hoxe o concello de A Pobra do Caramiñal para explicar en que consistirán as obras de remodelación, que suporán un investimento estimado duns 326.000 euros.

Segundo explicou a conselleira, as obras consistirán principalmente na ampliación da actual lonxa, de forma que o edificio administrativo pasará a ter máis de 60 m² a maiores entre os dous andares, dando reposta así a unha vella demanda do sector. Esta ampliación suporá unha mellora da capacidade e da operatividade das instalacións para adecuarse ás necesidades dos usuarios.

A remodelación incluirá tamén a substitución da chapa da cuberta da nave por unha nova, de semellantes características en acabado gris escuro ou metalizado. No que respecta á fachada, esta será tratada tamén con diversos materiais e revestimentos que mellorarán as súas condicións de illamento térmico.

Portos de Galicia revisará tamén as instalacións da nave por completo, isto é, a instalación eléctrica e o alumeado, a canaleta central de saneamento ou as instalacións de protección contra incendios. O ente público colocará unha nova impermeabilización sobre o edificio administrativo para evitar problemas de humidades.

Ademais, están previstas actuacións no exterior de cara a mellorar o entorno inmediato. Así, empregaranse pavimentos de baixo deslizamento, construiranse accesos para as persoas de mobilidade reducida e repararase unha bomba de auga salgada para a súa posta en funcionamento. O proxecto construtivo estará rematado nun prazo aproximado dun mes.

Antes, no mesmo concello:


A Pobra: novo escándalo do goberno do PP ao levar a menores enganados a unha reinauguración




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Turismo: Barbanza, Noia e Muros quedan fóra do ránking turístico de Galicia

INT-exclusión comarca topten turístico Galicia-xullo 2012.pdf---.pdf Download this file

  • Así o denuncia o parlamentario socialista José Manuel Lage Tuñas, que esixe explicacións á Xunta por esta discriminación
  • O socialista cre "inxusto" que o Goberno Feijóo "exclúa espazos tan importantes como o Castro de Baroña no Son, as dunas de Corrubedo en Ribeira, a igrexa de Santa María a Nova coas súas laudas en Noia o o Monte Louro en Muros"


A Lauda gremial dos Canteiros que se pode ollar ata decembro na Cidade da Cultura de Santiago

Barbanza-Noia/Muros, 13 de xullo de 2012. O deputado e Portavoz da área Institucional do Grupo Socialista; José Manuel Lage, rexistrou hoxe unha interpelación no Parlamento de Galicia “para pedirlle á Xunta de Galicia que explique os criterios que seguiu para definir o top ten dos destinos turísticos de Galicia”.

O deputado noiés do PSdeG-PSOE pídelle explicacións á Xunta “pola exclusión do citado ránking turístico de espacios tan emblemáticos como o Castro de Baroña (Porto do Son), as Dunas de Corrubedo (Ribeira), Santa María a Nova e as laudas gremiais (Noia) ou Monte Louro (Muros)”.


“Non se trata de desmerecer aos que cita a Xunta pero deben dar unha explicación de que criterios seguiron para facer a citada clasificación, xa que non é moi entendible que espacios tan singulares e de tan alto valor turístico e cultural como o Castro de Baroña (Porto do Son), as Dunas de Corrubedo (Ribeira), Santa María a Nova e as laudas gremiais (Noia) ou Monte Louro (Muros) fora excluidos”.


“As Dunas de Corrubedo reciben máis de catrocentas mil visitas anuais e o Castro de Baroña seguramente sexa o espacio máis singular e único dentro do noso País, e sinceramente é difícil atopar xustificación á exclusión que fai a Xunta no denominado “top ten” dos destinos turísticos de Galicia”, explica Lage Tuñas. “Por iso queremos coñecer os criterios que seguiu o goberno de Feijóo para definir o citado ránking e que indicadores seguiron para medir o valor dos espazos naturais”.

A xuízo do deputado socialista “é imprescindible que o goberno que preside Feijóo se explique e diga que criterios seguiron para excluir as comarcas do Barbanza, Noia e Muros e a espazos tan singulares como os xa citados”.

Os socialistas galegos demandan transparencia para coñecer que indicadores se seguiron para definir o citado ránking turístico xa que é sorprendente a exclusión dalgúns dos espacios de alto valor turístico e cultural que son máis visitados en Galicia.

Pode que tamén lle interese:


Laudas: a dos Canteiros pódese ver na Cidade da Cultura ata decembro


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

12.7.12

A Pobra: levan ao Congreso dos Deputados a rexeneración medioambiental das Xunqueiras

09.07.12.-INICIATIVA BNG CONGRESO ANUNCIO PP 1 MILLÓN EUROS REXENERACIÓN XUNQUEIRAS.pdf Download this file

  • Ante a pasividade do goberno local en máis dunha década


 
A Pobra, 12 de xullo de 2012. Segundo explicou hoxe en rolda de prensa o Bng da Pobra, "nos últimos anos foron moitas as ocasións nas que o BNG acudiu ao entorno das Xunqueiras para denunciar (denuncias escritas ao SEPRONA, a Costas, ao Concello, a Medio Ambiente), nuns casos verteduras, noutros acumulación de entullos da construción mesmo con autorización do Goberno Local do PP, e noutros a degradación progresiva que sufre esa zona sin que o Goberno Municipal do PP teña feito nada ao respecto en 13 anos de mandato. Moi ao contrario, diante das distintas denuncias do BNG, o alcalde sempre saíu con escusas “de mal pagador”, facendo anuncios que logo nunca se cumpriron, ou mesmo tachándonos de mintireiros".

U-lo millón de euros para esa zona?

 
No día de hoxe, o Bng estivo tamén nas Xunqueiras para pedir aclaracións ao anuncio feito polo Partido Popular da comarca sobre un investimento nesta zona dun millón de euros. "É curioso, pero o BNG comprobou que nos Orzamentos Xerais do Estado para este ano non existe ningunha partida orzamentaria adicada a esta actuación tan necesaria. Non só iso, senón que o BNG presentou como emenda a eses Orzamentos que se execute a partida que, froito da negociación co Goberno no ano 2009, conseguimos por un importe de 500.000 euros, e o Goberno do sr. Rajoy, do Partido Popular, rexeitouna".
 
Os nacionalistas están preocupados porque "máis outra vez, o Partido Popular está a xogar cun tema verdadeiramente sensíbel para toda a cidadanía da Pobra e solicitamos que nolo aclaren, a nós a todo o pobo".
 
Antes, en Certo:


Xunqueiras: o Bng denuncia os entullos sen controlar na zona


Montan unha web ambiental para aparentar namentres o río Morto segue con verteduras



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Duendesico montou o espectáculo na praza do Concello

Ribeira.- 12 de xullo de 2012.- Decenas de meniños e meniñas disfrutaron este mediodía co espectáculo de monicreques ofrecido na praza do Concello por Duendesico Teatro.

A compañía coruñesa escenificou a función “A profesora Tomasa e a Alimentación Sana-Xá”, que tamén espertou o interese de moitos maiores que non se quixeron perder a actuación na compaña dos seus pequenos.

A actividade está adscrita dentro da programación Monicreques Empreza-2 que ofrece dende o pasado mes a Concellería de Cultura.



 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: acordan poñer 36 puntos de luz de baixo consumo en Abesadas

Ribeira, 12 de xullo de 2012.- O Concello segue coas melloras en Abesadas, barrio de recente creación situado no casco urbano da cidade de Santa Uxía. Esta vez, a nova actuación contemplada incidirá no fortalecemento do seu sistema de iluminación pública por medio da instalación de 25 novos puntos de luz e a substitución de 11 lámpadas xa existentes por outras máis modernas e de baixo consumo.

Á hora de tomar esta decisión, o Executivo foi consciente de que algunhas zonas do barrio (como é o caso das rúas Carlos Casares e Xohana Torres ou do propio parque de Abesadas) adoecen dunha iliminación insuficiente e escaseza de luminarias. Por este motivo, decidiuse emprender unha actuación que hoxe mesmo foi adxudicada en comisión de goberno. A acción recaeu na empresa Electro Vidal por un importe superior aos 55.000 euros. Está previsto que as obras comecen a próxima semana. Cada un dos 36 puntos de luz que se van instalar están formados por lámpadas de baixo consumo de 70 watios. As luminarias que se coloquen estarán dotadas de difusor antivandálico fabricado en policarbonato e posuirán unha elevada resistencia á oxidación, raios UVA, solucións salinas, etc...

Proxectores no parque

Hai que destacar tamén a instalación no interior do parque (que ten unha superficie superior aos 2.540 metros cadrados) de oito proxectores a maiores das lámpadas que se van implantar. Estes proxectores estarán situados sobre catro columnas galvanizadas de sete metros de altura e cruceta de dous brazos. Esta nova actuación vénse a sumar a outras accións efectuadas nos últimos meses co obxectivo de mellorar un barrio con crecente actividade comercial e notable presenza escolar.

Entre esas accións realizadas, hai que recordar a creación dunha pista multideporte detrás da Casa da Xuventude (de nome ‘Irmáns Parada Alvite’), a construción dunha travesía peonil entre esta instalación municipal e o colexio Galaxia ou a recente reordenación do tráfico para gañar en fluidez e seguridade viaria.


Abesadas: xa hai novo trazado viario. Ollo!





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: persoal do departamento de Servizos Sociais recibiu un curso para mellorar e actualizarse

Noia_curso

Noia, 12 de xullo de 2012. O persoal do Departamento de Servizos Sociais que dirixe a Concelleira de Benestar e Igualdade, Sofía Caamaño Lado, recibiu recentemente o "Curso de formación, avaliación, supervisión e calidade do departamento de SS.SS. de Noia" impartido polo psiquiatra Jesús Cartelle, xefe da Unidade Asistencial de Ribeira.

Jesús Cartelle Fernández é médico especialista en Psiquiatría, Máster en Drogodependencias pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Saúde Mental pola Universidade de Vigo. Ademais, é consultor en temas de calidade e asesora ao Instituto de Droga e Toxicomanía (IDT) de Portugal.

Durante o curso tratáronse sobre a organización de equipos de traballo, funcións e roles, así como os procesos de tomas de decisións, repartición de funcións e de tarefas, xestión eficaz das reunións e optimización dos recursos existentes.

O obxectivo deste curso é fortalecer os procesos de traballo en equipo do Departamento de Servizos Sociais e orientar a calidade á atención aos usuarios. Esta iniciativa terá continuidade para dotar de estratexias e de recursos o persoal do departamento de servizos sociais para garantir unha atención de calidade o máis próxima ao cidadán, segundo fontes de Servizos Sociais de Noia.

Pode que tamén lle interese:



Noia: do 18 de xullo ao 14 de agosto, obradoiro de memoria




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: do 16 ao 19 de xullo, curso universitario sobre Educación e Cultura Marítima en Galicia

  •  O ex conselleiro de Pesca Enrique López Veiga atrévese o martes, 17 de xullo, a falar do Prestige, agora que nos goberna a xeneración do PP que xestionou -tan mal- aquela catástrofe
  • Organizado pola USC co patrocinio de Concello e Deputación



Ribeira.- 12 de xullo de 2012.- Se a pasada semana o municipio foi escenario dun curso de verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo que afondou na temática da depresión, este próximo luns dará inicio unha nova iniciativa académica universitaria, que estará dedicada esta vez á Educación e Cultura Marítima en Galicia.

 

O curso está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (no marco da Universidade de Verán 2012) coa colaboración do Grupo de Investigación Escola-Cultura (Esculca) e Ries (Rede de Innovación Escola e Sociedade) e co patrocinio do Concello de Ribeira e a Deputación Provincial da Coruña.

 


A acción formativa terá lugar no Centro de Interpretación do Parque Periurbano de San Roque entre os días 16 e 19, baixo da dirección do catedrático da Facultade de Ciencias da Educación Miguel A. Santos Rego (que é natural da localidade barbanzana de Xuño).

 

O curso entraña a obtención de dous créditos para os estudantes asistentes dous créditos e está recoñecido tamén como actividade homologada de formación permanente do profesorado non universitario por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

 

O programa está conformado do seguinte xeito:

 

16 de xullo

 

9:45. Inauguración do curso

 

10:30

As Industrias Marítimas como Motor da Galicia contemporánea.

Xoán Carmona Badía. Catedrático Departamento Historia e Institucións Económicas

 

12:00

As artes e os artistas do mar

Juan M. Monterroso Montero, Profesor Titular de Historia da Arte e Decano da Facultade de Xeografía e Historia. Universidade de Santiago de Compostela

 

16:00

As profesións do Mar en Galicia. Os Desafíos da Formación

Antonio Rial Sánchez, Profesor Titular de Didáctica e Organización Escolar. Universidade de Santiago de Compostela

 


18:00

A Cultura mariñeira e o seu tratamento museístico e didáctico

Francisco Calo Lourido

Catedrático de Ensino Secundario

  

17 de xullo

 

10:00

O Campus del Mar. Unha oportunidade para Galicia.

Emilio Fernández Suárez. Catedrático de Ecoloxía.  Universidade de Vigo

 


12:00

Que leccións temos aprendido do Prestige en Galicia?

Enrique César López Veiga. Doutor en Ciencias Biolóxicas. Ex-Conselleiro de Pesca en la Xunta de Galicia

 

16:00

Mesa Redonda: As mulleres e o mar de Ribeira

Coordinan:

María del Carmen Vizcaya Sampedro, Concelleira de Educación. Concello de Ribeira

Alicia Padín Otero, Técnica de Normalización Lingüística do Concello. Concello de Ribeira

 

Interveñen:

Elvira Larriba Leira, Comisión de Pesca Senado.

Rosa María Carballo Martínez, xerente do Grupo de Acción Costeira, Ría de Arousa

Begoña Rodríguez Conde, mestra de taller da Escola Náutico Pesqueira de Ribeira.

 

18 de xullo

 

10:00

Seguridade no Mar: a prevención como educación

Joaquín del Río Romero, Profesor da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas. Universidade da Coruña

 

12:00

As ciencias do mar como plataforma de aprendizaxe e crecemento

Juan Luis Barja Pérez, Catedrático de Microbioloxía y Parasitoloxía. Universidade de Santiago de Compostela

 

16:00

Mesa Redonda: A Sociedade Civil e o Coidado do Mar en Galicia

Antonio García-Allut. Fundación Lonxanet para a Pesca Sostible

Rosa García Orellan Universidad de Navarra

 

18:00

O Mar e os Fondos de Coñecemento Educativo

Miguel A Santos Rego, Catedrático de Teoría e Historia da Educación. USC

Mar Lorenzo Moledo, Profesora Titular de Teoría e Historia da Educación. USC

 

19 de xullo

 

10:00

A Economía e a Cultura do Mar en Galicia

Luis Caramés Vieitez, Catedrático de Economía Aplicada. Universidade de Santiago de Compostela

María Dolores Cadaval Sampedro

Profesora Contratada Doutora de Economía Aplicada. Universidade de Santiago de Compostela

 

12:00

As Políticas do Mar en Galicia. Educar para a sostibilidade

Antonio Basanta Fernández. Xefe de relacións institucionais e internacionais de la Consellería do Medio Rural e do Mar  da Xunta de Galicia

 

13:45 Clausura do curso

 

16:00

Visita educativa á Lonxa Municipal de Ribeira, Patrimonio marítimo-pesqueiro do Concello

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical