19.9.12

Política: Rianxo foi escollido polo Bng para abrir os mitins de precampaña, con Guillerme Vázquez

  • O portavoz nacional do Bng incide en que "votar Feijóo é votar Rajoy" e ponlle nota ao goberno da Xunta actual: "non supera o umbral do moi deficiente"
  • Tamén se fixeron alusións ás andanadas do Borbón contra o independentismo: "namentres o Rei di que rememos todos xuntos, el segue no seu iate"




Rianxo, 19 de setembro do 2012. O portavoz nacional do BNG participou este serán nunha charla-coloquio en Rianxo xunto co alcalde, Adolfo Muiños, a candidata número 2 por A Coruña, Ana Pontón, e representantes do ensino, do mar e mesmo afectados polas preferentes.

Vázquez criticou as medidas do PP “consistentes só en duros recortes que recaen nas costas de traballadores, pensionistas, mulleres, estudantes, persoas dependentes e os máis desfavorecidos. Ou na súa pasividade para cos nosos sectores productivos porque os está deixando caer sen remedio”.

Tamén se referiu á grave situación pola que están a atravesar os estaleiros galegos públicos e privados, os baixos prezos para o leite, o engano masivo das preferentes “posto que o PP legalizou unha fraude e agora aproba unha lei segundo a cal poden perder até o 80% dos aforros investidos”. Mencionou “os acordos de pesca que non se renovan e prexudican sobre todo á flota galega, e a última que non vos debedes perder: fan unha proposta no Parlamento europeo para que na etiquetaxe das conservas e peixe e marisco fresco non figure a orixe dos productos”.




“Son únicos en destrozar o país. E vai Feijoó e pide que os comicios galegos non se convirtan nun exame da xestión de Rajoy senón que se avalíe só a súa xestión. Claro que sí, el soliño abonda. Desde logo, nós estamos dacordo en pór nota á súa xestión porque a verdade que non chega nen ao umbral do moi deficiente”, asegurou o portavoz nacional do BNG, quen engadiu “que ninguén se leve a engano. Son a mesma cousa: votar a Feijoó é votar a Rajoy. Andan a voltas co resgate, xa non saben que facer para evitar pedilo antes do 21-O, e por qué? Porque nos están enganando, ocultan o seu verdadeiro programa e os seguintes salvaxes recortes que van levar a cabo. Xa o dixo o Eurogrupo, un segundo resgate implicará unhas duras condicións”, argumentou Vázquez na emblemática praza de Rafael Dieste.

Guillerme Vázquez sinala “a necesidade de parar esta deriva. Hai que parar ao PP e na Galiza temos unha oportunidade excelente para poñerlles o primeiro atranco. O descontento social, o malestar pola baixada de salarios, por unha altísima taxa de paro, por desmantelar a sanidade e a educación públicas, por pechar a lei de dependencia, por todos os ataques ás maiorías sociais, hai que canalizalo, hai que reaxir e votar opcións políticas nacionalistas e de esquerdas como o BNG que defende a Galiza, aos seus sectores produtivos, e estamos radicalmente en contra dos recortes”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o sábado 29 de setembro, campionato de bolos celtas en Triñáns

Boiro_bolos_aturuxo

Boiro, 19 de setembro de 2012. O sábado 29 de setembro a partir das 12:00, o Local Social Aturuxo coa colaboración da Asociación de Bolos de Triñáns, organiza unha xornada de convívio e de desfrute dos deportes e xogos tradicionais galegos.

A partir das 12:00: Música ao vivo coa actuación dunha banda de gaitas e xogos tradicionais

Ás 14:00: Xantar popular

A partir das 16:30: Campionato de bolos celtas e xogos tradicionais.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este venres, 21 de setembro, charla sobre as sociedades de fomento forestal en Olveira

Ribeira_21_charla_sofor

  •  Na casa da cultura, entre as sete da tarde e as nove da noite

 

Ribeira, 19 de setembro de 2012.- A Casa da Cultura de Olveira vai ser escenario este venres día 21 de setembro, entre as 19 e as 21 horas, dunha charla informativa sobre as Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR): unha nova figura societaria auspiciada pola Xunta de Galicia que nace coa intención de favorecer a xestión conxunta e viable do monte galego por parte dos propietarios forestais de xeito voluntario, con normas claras e garantía xurídica plena para todos os axentes implicados.

 

Organizada pola sociedade cooperativa galega Xesforesta coa colaboración do Concello, esta charla está aberta a todo o mundo, se ben está especialmente dirixida aos propietarios de terreos forestais a fin de que coñezan novidosas e sinxelas fórmulas de xestión coas que obter rendibilidades das súas parcelas.

 

Máis información nos números 981 074 ou 647 634 993 ou ben a través do enderezo electrónico info@xesforesta.com.


Unha figura controvertida


"Agora, a posibilidade convertese en obriga. O Partido Popular, nos montes consorciados ou conveniados, vaille sacar a súa xestión á veciñanza comuneira, para entregarllos ás empresas privadas amigas, para entregarllos as sociedades de fomento forestal (as Sofor)": non se perdan esta entrada de Paco do Martelo sobre a nova Lei de Montes. En http://nebra-nebra.blogspot.com.es/2012/09/analise-polo-miudo-do-que-sinifica-lei.html




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

18.9.12

Noia: avanza paseniño a obra da ponte da variante, coas primeiras vigas do viaduto principal

  • O viaduto sobre a ría posúe unha lonxitude total aproximada de 1.700 metros, dos cales 258 serán salvados por medio dun viaduto tensado sobre a canle de navegación
  • A lonxitude da actuación é de 4,93 Km e inclúe a execución doutros dous viadutos

Noia, 18 de setembro de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comezou hoxe a colocar as primeiras vigas sobre o viaduto que atravesará a ría de Noia e permitirá cruzar a Ría de Muros e Noia salvando a canle de navegación. O viaduto sobre a ría posúe unha lonxitude total aproximada de 1.700 metros, dos cales 258 serán salvados por medio dun viaduto tensado sobre a canle de navegación.

Este viaduto xa ten executada a cimentación do lado da Barquiña con 40 pilotes. Estes pilotes son de 1,5 metros de diámetro encamisados con chapa de 5 mm. O número final de pilotes será duns 100. Algúns superarán os 30 metros de profundidade. As pilas únense a estes pilotes de forma continua unidas por lintel na parte superior. Sobre estes linteis descansarán as vigas siamesas unidas polo seu costado de 37 metros de lonxitude para a formación do taboleiro.

Este taboleiro terá unha anchura variable, de entre 14 e 16,5 metros na zona tensada. Tamén se concluíu a metade da cimentación da estrutura de tirantes sobre a que se erguerá o mástil de 26,30 dende a cota da calzada. Desde este pilono descolgaranse 6 pares de cables (12) de cada un para salvar o van central de 104 metros composto por 3 tramos de vigas.

Nada sobre o impacto na paisaxe e no patrimonio

Logo das últimas actuacións en materia de infraestruturas nas nosas bisbarras de Barbanza e Noia, a paisaxe segue a ser grande esquecida. Pontes como as do Engano en Outes e agora ésta que se conta rematar para xullo de 2013, veñen a esfarelar de novo o horizonte de montes e rías que caracteriza esta parte do litoral galego. A estas estradas -entre autovías, corredores e vías de alta capacidade- hai que engadir o AVE que vai pasar por Catoira e atravesa parte de Rianxo e Dodro, unha infraestrutura ferroviaria que chega tarde, mal e, sen dúbida algunha, vai ser deficitaria, como xa se demostra en varias partes de España e non vai resolver o problema do transporte público nestas comarcas. No caso de Noia, semellante pendello sobre a ría para salvar os atascos puntuais do verán, ou, como din os lugareños, "para que os señoritos de Santiago cheghen de contadiño á praia e ao iate de Portosín".

Media_httpfarm3static_jtdia

Ao impacto da paisaxe das pontes e estradas hai que engadir o dos eólicos, que están a invadir sen escrúpulos -hoxe mesmo sóubose que a Xunta, na consellería de Industria, deulle para adiante inda tendo informes negativos- os nosos montes. E tamén hai que lembrar a paisaxe agochada, o patrimonio esquecido e sistematicamente expoliado, como é o caso do castro de Taramancos, do que nada se sabe e que están a escavar dende unha empresa que, segundo nos contan, non cumpre o convenio de Arqueoloxía de Galicia, e segue contratada impunemente pola Xunta de Galicia, a que debería ser a maior valedora e veladora do noso patrimonio milenario.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: Compromiso X Galicia asegura que as comarcas do Barbanza e Muros-Noia están "amplamente representadas" nas súas listas pola Coruña

M_glez_eco3

  • O Outense Manuel González ocupará o 5º posto na candidatura de Compromiso pola circunscrición da Coruña

Barbanza e Noia, 18 de setembro de 2012. Segundo informan hoxe dende Compromiso X Galicia, "as comarcas de Muros e Noia e do Barbanza contarán cunha ampla representación na candidatura da formación galeguista Compromiso por Galicia ás vindeiras eleccións autonómicas do 21 de Outubro".

A candidatura que encabeza Xoán Bascuas, como aspirante á presidencia da Xunta, contará coa presenza de cinco persoas destas comarcas. "A representación da comarca une xuventude e experiencia na política local e comarcal -aseguran-. En primeiro lugar estará Manuel González, profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago e ex-concelleiro en Outes, quen ocupará o posto número 5 da candidatura de Compromiso. Actualmente é membro da Executiva Nacional. Pola súa banda, María Xosé Alfonso, actual portavoz do grupo municipal de CxG en Muros e persoa cunha ampla experiencia política ocupará o posto número 10. Martiño Rial, da Pobra do Caramiñal e persoa que conta tamén cunha ampla experiencia política ligada ao nacionalismo ocupará o posto 13. A noiesa Lola Caramés, ex-concelleira do goberno desta localidade no anterior mandato ocupará a súa vez o posto número 20 desta candidatura. Pertence ao Consello Politico Nacional e ocupa o cargo de secretaria Comarcal en Compromiso. Finalmente, a candidatura da provincia da Coruña estará pechada Henrique Monteagudo, unha persoa con fortes ligazóns co Concello de Muros, profesor da USC e Académico da Real Academia da Lingua Galega".

Compromiso por Galicia preséntase por primeira vez ás eleccións autonómicas e faino en solitario, logo de non chegar a acordo co partido de Beiras, ANova, que vai en coalición con Esquerda Unida. Defínense como "unha forza galeguista e socialdemócrata, cun programa centrado na mellora e na defensa do autogoberno, dos servizos públicos e da democracia real".

Núñez Feijóo: o peor goberno da Historia de Galicia

Compromiso entende que o goberno de Núñez Feijoo "foi o peor goberno da historia deste país polo
que se fai necesario un cambio sustentado en alternativas cribles, lonxe de radicalismos estériles, e que pensen no 99% da sociedade que está a pagar as consecuencias da crise".

Antes, en Certo:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: presentan o novo curso do Conservatorio, que ten matriculadas a 156 persoas


 

Ribeira, 18 de agosto de 2012.- O salón de actos do Conservatorio Profesional de Música encheuse por completo durante a presentación ao alumnado e aos pais do novo curso 2012/2013. En total, son 156 os alumnos e alumnas con idades a partir dos oito anos que estudarán no centro, dos cales 26 inician a súa andadura musical no primeiro curso.

 

Tal e como tivo ocasión de explicar o director do centro, Álvaro López, mañá mércores ás 19 horas terá lugar a elección dos horarios individuais en todas as materias, agás a de piano, que será este venres a esa mesma hora.

 

Amén da quincena de profesores que impartirán as clases, tamén asistiu á presentación a concelleira de Educación, Mª Carmen Vizcaya, quen desexou aos alumnos presentes unha frutífera aprendizaxe e salientou a importancia de ser constante á hora de aprender adecuadamente un instrumento e disfrutar con el.

 

O curso iniciará as súas clases o vindeiro luns 24 de setembro.

 

Dous a sete anos

Por outra banda, cabe lembrar que tamén esta aberta a matrícula das Escolas Municipais de Música destinadas a nenos e nenas de 2 a 7 anos. Os horarios destas escolas é o seguinte:

1.      Bebe Música 1 (2 anos): luns e mércores de 17.00 a 17.45 horas

2.      Bebe Música 2 (3 anos): luns e mércores de 17.45 a 18.30 horas

3.      Música e Movemento (4 e 5 anos): luns e mércores de 18.30 a19.30 horas

4.      Iniciación Musical 1 (6 anos): martes e xoves de 18.30 a 19.30 horas

5.      Iniciación Musical 2 (7 anos): luns e mércores de 19.30 a 20.30 horas

 

O curso das escolas comenzara o día 1 de outubro de 2012.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este venres, 21 de setembro, preséntase "Como defenderes os teus dereitos lingüísticos", de Carlos Callón


Como xa informamos en xullo, este libro foi premiado en RedeLibros

Ribeira, 18 de setembro de 2012. Este venres, 21 de setembro, terá lugar a presentación en Ribeira do libro "Como defenderes os teus dereitos lingüísticos", do castiñeirense Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e activista cultural. Será ás oito do serán (20:00 horas da tarde) na confraría de Ribeira e estarán acompañando ao autor Elvira Blanco, da Mesa pola Normalización Lingüística da Barbanza; Rosana Pérez, concelleira na Pobra do Caramiñal e axiña deputada do BNG no Congreso trala renuncia de Jorquera Caselas ao presentarse como candidato á Xunta; Luís Pérez, concelleiro en Ribeira e estudante de Filoloxía Galega; Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, a editora deste libro e María Torres, que deseñou a imaxe á cuberta deste libro.

Máis información sobre esta actividade cultural nesta ligazón do Facebook.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: "O señor das dunas" representouse o domingo dentro do programa FalaRedes

O_seor_das_dunas_2012

Dodro, 18 de setembro de 2012. O pasado domingo 16 de setembro o Concello de Dodro, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política lingüística, organizou unha representación do Señor das Dunas, obra de teatro baseada na literatura oral galega, que relata cinco contacontos e que a través dunha moderna técnica, complementa coa ilustración simultánea da historia en area.


Un par de Valentíns

 

Este espectáculo reuniu en Dodro preto de medio cento de persoas de diferentes idades. Entre o público atopábanse o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez e o Alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín Somoza. Ao rematar a obra tódalas persoas asistentes recibiron como agasallo un libriño cos contos que escoitaron.

 

O Señor das Dunas forma parte da oferta de actividades do Programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística que ten como obxectivos fomentar o uso do galego a través da creación de espazos de aprendizaxe da nosa lingua ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da comunicación.


Antes, en Dodro:



 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: hai corenta empresas competindo para pavimentar a rúa Vionta en Aguiño

  •  Cun orzamento de 337.416 euros, búscase reordenar esta céntrica vía e aumentar a seguridade dos peóns xunto cunha maior fluidez da circulación e novos aparcadoiros

 

Ribeira, 18 de agosto de 2012.- Rematado o prazo de presentación de ofertas, en total ascende a corenta o número de empresas presentadas á licitación dobra de pavimentación e renovación da Rúa Vionta en Aguiño: unha actuación que conta cun orzamento de 337.416 euros e un prazo de execución son 5 meses.

 

A rúa Vionta é unha das vías máis céntricas da parroquia. A día de hoxe, a súa calzada está feita en aglomerado asfáltico e conta con dous carrís, aínda que un adoita estar ocupado por vehículos estacionados en liña. Non existe beirarrúa en toda a lonxitude da vía, apreciándose unicamente algún tramo curto con formigón e baldosa hidráulica nos seus extremos e no resto só un bordillo de formigón que delimita un espazo para o tránsito peonil de ancho moi reducido e sen pavimentar.

 

O obxectivo fundamental do proxecto é a reordenación da rúa Vionta que xeito que os peóns poidan transitar por ela de forma cómoda e segura, sen que teñan que circular pola calzada conxuntamente cos vehículos. Ademais, preténdese establecer unha banda diferenciada para aparcamentos en liña, co que a circulación será máis fluída.

 

Por todo isto, vaise implantar un único sentido de circulación, dispoñendo un carril de circulación de 3,75 metros de anchura mínima e unha banda de aparcamentos en liña de 2,25 metros. Por cada marxe da rúa e ao longo da mesma, disporase unha beirrarrúa.

 

Servizos

En canto á renovación do saneamento, no apartado de abastecemento eliminarase a tubaxe existente de fibrocemento que será suplantada por dous liñas de auga potable (unha debaixo de cada beirarrúa) formadas por tubaxes de polietileno de alta densidade. Instalarase unha nova liña de saneamento formada por 284 metros de colector de PVC liso e 6 metros de tubaxe de fundición dúctil. E disporase unha rede de pluviais formada por colectores de PVC corrugado de 295 metros de lonxitude.

 

Ademais, substituirase toda a rede aérea de alumeado por canalización soterrada para lograr un menor impacto visual e cada 25 metros se situará un punto de luz. Tamén de colocarán alcorques e bancos de madeira tratada.  A obra enmárcase dentro do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais (POS 2012).




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Escultura: o ribeirense Gonzalo Sarasquete expón tres pezas nunha nova galería de arte de La Palma

Ribeira, 18 de setembro de 2012. O artista ribeirense Gonzalo Sarasquete, afincado no arquipélago balear, presenta esta semana, na Nit de l'Art, o gran inicio da tempada artística en Palma de Mallorca, tres pezas nunha nova galería chamada "Kaleuxe".

Máis info en http://www.nitdelartartpalma.com
http://www.facebook.com/gonzalo.sarasquete
http://kaleuxe.net

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical