25.9.12

Dodro: este venres 28, O Festivalo chega á súa terceira edición en Manselle

  • E ao día seguinte, festa do San Miguel, na mesma parroquia

Dodro, 25 de setembro de 2012. O vindeiro venres 28 de setembro celébrase o Festi-Valo 2012 na aldea de Manselle. Trátase da terceira edición deste acontecemento musical organizado polos veciños desta aldea e animado polo escritor Anxo Angueira. Este ano contará coa participación dos grupos Carapaus, Secho e os invisibles, Medomedá e Sacha na horta. Haberá, ademais, unha churrascada e mexillonada popular para todos os asistentes.

Baixo o lema “resistencia e alegría” e enriba do Valo de Manselle, os veciños da aldea convidan a todos os que desexen pasar una boa noite de música e diversión. Máis información en www.festivalo.gl e nas redes sociais.

www.festivalo.gl
Páxina oficial do FestiValo de Manselle

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

24.9.12

Ribeira: intenso día para o Grumir, cunha muller a punto de parir e dous feridos

  • O dito de que "vén cun pan debaixo do brazo" estivo a punto de facerse realidade, xa que a muller rompeu augas nunha panadería
  • Antes de asistir á parideira, os do Grumir tiveron que atender a dous feridos nun accidente de tráfico a cen metros do parque industrial da Tomada
Media_httpfarm7static_dfujf

Praza de Uxío Novoneyra, antes de que comezaran as obras de remodelación


Ribeira, 24 de setembro de 2012.- O Concello informa de que o Grumir ribeirense tivo unha mañá bastante movida ao ter que atender a unha muller que acababa de romper augas nun establecemento comercial situado na céntrica praza Uxío Novoneyra, concretamente en La Boutique del Pan Isabel. 

Os grupo de intervención municipal foi advertida desta incidencia ás dúas da tarde por un taxista e unha nena que se atopaban nas inmediacións. De seguido, deron conta ao 112 e desprazáronse ata o devandito local con material sanitario. Igualmente, acudiron ao lugar unha patrulla da Policía Local e unha ambulancia medicalizada a bordo da cal ían un médico, un enfermeiro e unha matrona.

Tras corroborar que efectivamente a muller rompera augas, foi trasladada de inmediato ao Hospital da Barbanza.

Antes, accidente na Pobra

Pero xa viñan dunha faena complexa, pois o Grumir ribeirense tamén acudiu esta mañá ao veciño da municipio da Pobra co fin de colaborar na atención a dous feridos como consecuencia da saída de vía dun vehículo.

Os feitos aconteceron na estrada AC 302 que une A Pobra con Oleiros, a uns cen metros do parque empresarial da Tomada. Grumir e Protección Civil foron alertados polo 112 ás 10.20 horas e acudiron ao lugar, ao igual que dous patrullas da policía local da Pobra, outra patrulla da Garda Civil de Tráfico, unha ambulancia do 061 de Boiro, un médico e unha enfermeira do centro de saúde da Pobra e dous camións de bombeiros procedentes de Ribeira e Boiro. Os efectivos ribeirenses cooperaron nas tarefas de extracción dos feridos, que foron evacuados ao Hospital da Barbanza. O operativo rematou ás 11 horas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: van mellorar os arredores do colexio de Artes, en Sego

 

 

Ribeira, 24 de setembro de 2012.- O Concello  acaba de adxudicar unha nova actuación consistente na mellora dos accesos e do entorno do colexio público situado na parroquia de Artes, máis concretamente no lugar de Sego. Cun importe de 57.455 euros, a obra foi adxudicada á empresa “Construcciones Anspal, S.L.”.

 

Na actualidade o camiño que dá acceso ao colexio de Artes presenta irregularidades no seu firme, con pronunciados avultamentos que sobresaen da rasante do vial e dificultan o tránsito de vehículos.

 

Por tales causas, o proxecto elaborado polos servizos técnicos municipais ten o obxectivo de acadar un estado do firme do vial homoxéneo e regularizado, de tal xeito que a circulación resulte o máis cómoda posible. Cabe salientar a este respecto que, ademais do centro educativo citado, tamén se verán beneficiadas da actuación outras instalacións que se ubican na zona, como o Centro Recreativo de Artes ou o Museo Etnográfico.

 

Para isto, pavimentarase o vial cunha mestura bituminosa en quente sobre unha superficie próxima aos 900 metros cadrados.

 

Ademais, contémplanse outras actuacións firmes, como son o estendido dunha capa de 20 centímetros de zahorra artificial, a limpeza da rede de pluviais existente na zona e a reconstrución do muro de peche exterior do colexio público.





 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: van restaurar a fonte da Nogueira e recuperar o seu manancial

 
Ribeira, 24 de setembro de 2012.- O Concello informa hoxe do inicio dunha actuación dirixida á recuperación da fonte de pedra situada na Nogueira e ao recuperación do seu entorno, a carón mesmo da avenida de Ferrol que sirve de principal entrada á cidade.

A brigada municipal de Obras está procedendo neste intre á restauración da citada fonte e xa se instalou unha pérgola de madeira coa que se pretende realzar este histórico elemento patrimonial (segundo consta na pedra da propia fonte, a mesma data do ano 1954) e acto seguido vaise colocar unha enredadeira para realzar a súa beleza.

Recuperación do manancial

Tamén serán realizados os labores necesarios para recuperar o manancial que tradicionalmente chegaba ata a esta fonte, seca na actualidade, e crearase unha zona axardinada con bancos e papeleiras e coa plantación dunha simbólica nogueira.

Esta actuación enmárcase no proxecto do equipo de goberno de seguir adecuando a que constitúe principal porta de entrada na cidade, que sirve de ligazón da urbe coa autovía da Barbanza e con localidades como Noia ou Porto do Son. Cabe lembrar outras accións dirixidas ao mesmo obxectivo, como a substitución das pinturas publicitarias que adornaban un muro por fotografías turísticas do concello ou a creación doutra zona axardinada na parte alta da avenida de Ferrol.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Sociedade: "Stop Desahucios" reúnese este martes 25 co director territorial de NovaGalicia Banco

  • Buscan evitar o desaloxo dunha vivenda dunha familia de Boiro

Ribeira, 24 de setembro de 2012. Este martes, mañá 25 de setembro, ás once da mañá vai ter lugar un novo encontro entre integrantes da plataforma "Stop Desahucios" da Barbanza e o director territorial de A Coruña da entidade financieira NovaGalicia Banco. Será na sede central deste banco, resultado da fusión e nacionalización das antigas caixas galegas, sita na Praza de Galicia de Santiago de Compostela.

A cuestión fundamental a tratar é a poxa -para poder parala e evitala- por unha vivenda dunha familia de Boiro que terá lugar o vindeiro 4 de outubro no xulgado 3 de Ribeira.

Segundo explican os membros da plataforma, "nos contactos previos houbo unha grande receptividade por parte deste director territorial e agardamos que a reunión sirva para concretar e plasmar os últimos detalles que solventen dunha vez o problema e evitar así o posible desafiuzamento ou desaloxo da vivenda".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este curso haberá ata 36 actividades deportivas para todos os sectores da poboación

Rianxo_deportes

  • Xa está aberto o prazo para inscribirse. As actividades van do 1 de outubro ao 31 de maio

Rianxo, 24 de setembro de 2012. O Servizo de Deportes do Concello de Rianxo presentou a oferta deportiva para a tempada de inverno 2012/13, incluíndo a do propio Servizo de Deportes, as escolas de formación dos clubs cos que colabora o Concello e as propostas da Piscina Municipal.

Como xa é habitual nas políticas deportivas do Concello, trátase dunha oferta ampla, dirixida a tódolos sectores de poboación, cun carácter descentralizado, con propostas en todas as parroquias rianxeiras, co obxecto de achegar o deporte a todos/as, en especial a aqueles que mais dificultades teñen de mobilidade (neno/as e idade).

 

Calendario

Desenvolveranse do 1 de outubro ó 31 de maio.

O prazo de inscrición xa está aberto nas instalacións municipais e na oficina do Servizo de Deportes.

 

Actividades

       Actividades nenos/as.

 

Abrangue 16 modalidades deportivas ás que se pode acceder nos pavillóns municipais (3 actividades de iniciación deportiva e 5 escolas deportivas), na piscina municipal (2 actividades en auga e 1 en seco) e a través das escolas de formación dos clubs rianxeiros (5 modalidades: piragüismo, remo, fútbol, xadrez e voleibol).

       Actividades adultos e 3ª Idade

Os adultos poderán escoller entre 20 actividades distintas, que van desde o Multifitness, coa oferta dun novo grupo na parroquia do Araño)e o Tenis nos pavillóns municipais a unha ampla oferta de actividades acuáticas (aquaruning, aquapilates, matronatacion...) e dirixidas (aerobox, worcicle, pilates...) na piscina municipal.

Asemade, mantéñense os grupos de Ximnasia para a 3ª Idade en todas as parroquias do concello.

 

Mais información na web do Concello, no apartado do Servizo de Deportes, en http://www.concelloderianxo.es/deportes/inverno2012-13

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: obradoiros inglés lúdico nas parroquias

Cartel_final_facebook

Noia, 24 de setembro de 2012. A asociación Enredos vai organizar este curso nas parroquias do Obre e A Barquiña, así como en Portosín, uns obradoiros de inglés lúdico dirixido a nenos e  a nenas de 3 a 12 anos.

Para máis información pódese chamar ao 657894819.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

21.9.12

Ribeira: orde do día do pleno do luns 24 de setembro

Ribeira: abertas as segundas conferencias xurídicas no auditorio

 

 

Ribeira, 21 de setembro de 2012.- O alcalde, Manuel Ruiz Rivas, tivo oportunidade de participar esta mañá no acto de apertura das Segundas Conferencias Xurídicas que o Colexio Provincial de Avogados da Coruña organizou no auditorio.

 

O rexedor riveirense acompañou na mesa presidencial ao vicedecano do Colexio Augusto Pérez-Cepeda; da delegada desta entidade en Riveira, Fernanda Álvarez Pérez; e do maxistrado encargo de impartir a primeira ponencia, Ángel Judel Prieto, presidente da sección 1ª da Audiencia Provincial da Coruña.

 

Durante a súa intervención, Ruiz Rivas loou o nivel que os profesionais vinculados coa administración de xustiza teñen en Ribeira e manifestou que actos como o de hoxe “veñen a refrendar as gañas que teñen os nosos xuristas de seguir aprendendo e actualizándose”. Así mesmo, o alcalde agradeceu ao Colexio o feito de ter sempre dentro dos seus obxectivos esta formación continua.

 

A continuación comezaría a primeira das conferencias da xornada, titulada “Violencia de xénero” e impartida polo citado Ángel Judel Prieto.

 

As outras dúas ponencias que completan o programa son “Dereito Sucesorio Galego”, por José Luis Seoane Spiegelberg, presidente da Audiencia Provincial da Coruña; e “Medidas de Axilización Procesal”, por Ángel Pantín Reigada, presidente da sección 6ª da Audiencia Provincial da Coruña.






 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: o Partido da Terra, con sede na comarca Barbança-Tambre, quere abrir o Parlamento á veciñanza

Partido_da_terra_grande

  • É a única força com sede na comarca -fundouse en Rianxo- que participa nas eleições

 

Barbança-Tambre, 21 de setembro de 2012. Esta semana foram publicadas no Diário Oficial da Galiza as candidaturas do Partido da Terra para as eleições de 21 de outubro. O PT fundou-se em Rianxo há algo mais de um ano e mantém a sua sede nessa vila, sendo a única força política com sede na comarca que participará nos comícios. Este facto evidencia-se na composição das listagens, sendo a responsável do partido em Lousame Iolanda Mato a número 2 da circunscrição da Corunha. O PT levou a cabo uma atividade intensa na comarca nos últimos meses, incluindo a concentração levada a cabo no mês de junho em Noia contra a supressão do concelho de Lousame sem antes devolver o poder de decisão às paróquias (http://www.partidodaterra.net/convocatoria/concentracao-em-noia/) ou a própria Assembleia Geral do Partido celebrada este verão em Rianxo (http://www.partidodaterra.net/convocatoria/assembleia-geral-2012/).

 

Objetivo eleitoral: 75 deputados por Zero euros

 

O Partido da Terra estabeleceu um sistema de rotatividade que garante a compatibilidade entre o exercício delegado parlamentar em nome das assembleias comarcais e a atividade profissional habitual assim como a participação parlamentar direta da totalidade de candidatos durante a legislatura. Deste jeito, no transcurso da legislatura a totalidade de pessoas que integram as candidaturas irá assumir ata de deputada durante um período máximo de um mês. De obter-se representação apenas por uma circunscrição, a lei eleitoral faculta aos partidos a designar outras pessoas para ocupar os escanos uma vez que todas as candidatas da listagem tenham renunciado à sua ata. Neste caso, finalizada a rotação entre a candidatura duma circunscrição serão designadas para assumir a condição de deputada as pessoas das três circunscrições restantes.

 

As pessoas que integram as candidaturas do Partido da Terra renunciam desde já ao seu salário como deputadas, de forma consistente com as propostas de desprofissionalização da vida política que, na visão do PT, deve estar fundamentada na participação direta e ativa, sem mediação de qualquer representante. O PT fará um apelo à cidadania para colaborar durante toda a legislatura facilitando o trabalho rotatório dos deputados comarcais, elaborando questões, interpelações, propostas de lei, etc. O Partido da Terra renuncia também a qualquer subsídio público que lhe puder corresponder em função dos resultados obtidos, estando ambas as medidas recolhidas nos Estatutos do próprio partido.

 

O sentido das decisões e das propostas a realizar será fruto do consenso ou de decisões maioritárias do Conselho Parlamentar do Partido da Terra, integrado pola totalidade dos candidatos e candidatas comarcais, das comunidades ou dos territórios limítrofes, independentemente de terem sido eleitos ou não para o parlamento ou de serem ou não membros do Partido da Terra. Os membros do Conselho continuarão vinculados durante toda a legislatura sob mandato imperativo e revogável às assembleias comarcais que os elegeram em primárias ou às que se venham a constituir para essa função nos restantes casos.

 

O Partido da Terra não designou candidato à Presidência do Governo, uma vez que independentemente do resultado se exclui a hipótese de exercer esta função. O PT também não reconhece a validez das divisões provinciais sendo que cada pessoa candidata a deputada comarcal é-o apenas por este território. As pessoas que encabeçam a listagem por cada circunscrição não têm qualquer relevância acrescentada à de ser candidato da sua própria comarca e assumirão o seu escano durante apenas um mês.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical