12.2.11

Ribeira: Dolores Sánchez, María Dora Luisa Suárez e Manuela Martínez, homenaxeadas polo seu traballo na coral

Ribeira, 12 de febreiro de 2011. Máis de sesenta persoas déronse cita onte á noite no Club Náutico para homenaxear a tres mulleres integrantes da Coral Polifónica Municipal que despois de moitos anos se despiden desta formación musical. 

Trátase de Dolores Sánchez Fuentes, María Dora Luisa Suárez Fernández e Manuela Martínez Pardavila, que recibiron cadansúa placa conmemorativa nunha cea celebrada na súa honra. Manuela Martínez Pardavila non puido acudir ao acto e recolleu o obsequio no seu nome a súa filla, María del Carmen Cores Martínez.

As homenaxeadas recibiron as placas de mans do alcalde ribeirense, José Luis Torres Colomer, quen nunha breve intervención eloxiou o traballo realizado pola coral municipal baixo a sabia dirección de Enrique Paisal, quen tamén estivo na homenaxe, ao igual que o concelleiro de Cultura e Festexos, Luciano Fernández Martínez.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

11.2.11

Noia: bases do certame "Antón Avilés de Taramancos" de relato de aventura. Prazo ata 30 de abril

Noia: a Xunta congratúlase de que xa pode construír a ponte sobre a Ría unha vez obtida a adscrición de dominio público

A obra, centrada ata o de agora na zona non afectada por dita autorización, adxudicouse no mes de maio de 2010

Noia, 11 de febreiro de 2011.- A adscrición do dominio público marítimo terrestre aprobada hoxe polo Consello de Ministros para a variante de Noia permitirá á Xunta de Galicia avanzar na súa execución, centrada ata o de agora na zona non afectada por dita autorización, informou a propia Xunta no día de hoxe.

A obra, que se atopa adxudicada dende o mes de maio de 2010, poderá abordar agora a fase construtiva máis importante, é dicir, a execución da ponte sobre a ría, que enlazará a vía de alta capacidade Brión-Noia coa estrada AC-550 dirección Porto do Son sen ter que pasar polo centro da vila.

A variante ten unha lonxitude de 4,8 quilómetros e unha anchura de máis de 10 metros, na que se inclúen beirarrúas para facilitar a seguridade dos viandantes. Na ponte sobre a ría engadirase un paseo peonil que contará con ramplas de acceso no Testal e A Barquiña.

Unha vez rematada, a variante de Noia canalizará preto de 3.000 vehículos diarios que escollerán esta vía para realizar os seus desprazamentos. Isto implica unha redución do volume de tráfico de máis dun millón de vehículos ao ano, que aforrarán mais de 4 quilómetros respecto do percorrido actual. A actuación conta cun investimento de 38 millóns de euros.

Relacionadas:


Outes: escaralla viva a paisaxe a variante? fan falta as inaguracións?


Política: o Bng di que sacar a escolleira é "unha operación estética"


Rexeneración da Ría: máis preto, trala reversión de 224.000 m2



Infraestruturas: a Xunta di que agarda ao Consello de Ministros para facer o viaduto

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Bng esixe responsabilidades pola mala execución de saneamentos dos anos 90


Noia, 11 de febreiro de 2011. O grupo parlamentario do Bng acaba de presentar unha iniciativa no Parlamento no que esixe responsabilidades polo que consider deficiente execución de varias obras de saneamento nos anos 90 do século pasado. Segundo explican os nacionalistas, "do novo proxectro técnico para o saneamento, valorado en 4.455.194,43 euros, algo máis de 2 millóns irán destinados a derrubar a parte da obra mal executada na segunda mitade da década de 1990, e á súa reconstrución".


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Bng denuncia que van seis meses perdidos pola Xunta na tramitación da gasoliñeira do mar

Rianxo, 11 de febreiro de 2011. O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento preguntándose pola anulación do proceso de adxudicación da gasoliñeira do mar en Rianxo.

"Preguntámonos por que non escoitaron antes aos sectores implicados denantes de sacar a concurso esta licitación e perder esterilmente seis meses. Tamén por que non se ten contado co Concello de Rianxo, alomenos que o grupo municipal do BNG saiba pois non fomos informados nin consultados, para estudar a ubicación en zona lindante con vivendas dunha posíbel segunda gasoliñeira independente de uso exclusivo para vehículos. A prioridade entendemos que é resolver a carencia portuaria e a partir daí se é posíbel ampliar os servizos que se podían dentro do que as normas estabelezan e minorando os problemas ambientais para os veciños", explicaron os nacionalistas.


Antes publicamos:
Plans de Portos para Rianxo (2008)
Moción para reclamar a rebaixa do prezo para gasolina no mar

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: contratarán a varios desempregados con cargo á Consellería de Traballo

A Pobra do Caramiñal, 11 de febreiro de 2011. O Concello informou hoxe en rolda de prensa que, ao abeiro da convocatoria da Consellería de Traballo e Benestar para o fomento de emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais, solicitouse unha subvención para a contratación de desempregados.

     Dita solicitude inclúe varios programas a través dos cales cubriranse parte dos traballos que se levan a cabo, sobre todo, na tempada estival en diferentes áreas e que serían os seguintes:

    Socorristas: Programa de salvamento e socorrismo: contratación de 20 socorristas para cubrir tres praias. Subvención solicitada: 114.865,80 €.
Limpadores de praias: 10 peóns para a limpeza e mantemento das praias. Subvención solicitada: 44.967,90 €
Difusión cultural e turística: Un encargado do Museo Valle-Inclán: contratación de 1 encargado de museo. Subvención solicitada: 17.145,45 €
Actualización, iniciación e fomento da lectura na Biblioteca Municipal Victoriano García Martí: contratación de un empregado administrativo de biblioteca. Subvención solicitada: 11.430,31 €
Un guía local de turismo. Subvención solicitada: 5. 715,15 €.
Vivenda e urbanismo: Un arquitecto técnico/aparellador. Subvención solicitada: 22.558,86 €

     O total do solicitado, 216.683,46 euros, e os períodos de contratación para os programas de salvamento e socorrismo, limpeza de praias e desenvolvemento turístico serían de 3 meses. Para o programa da Biblioteca, seis meses e para o do Museo e Urbanismo 9 meses, todos eles a tempo completo.

     O Centro de Atención ao Discapacitado (CAD) solicitou a contratación de persoal para levar a cabo as diferentes actividades de formación para rapaces e rapazas que se veñen desenvolvendo no centro. Este programa incluiría un proxecto de Formación para a integración de rapaces/as con discapacidade do Centro Integral de Atención á Discapacidade, coa contratación de 3 monitores/as dos Obradoiros Ocupacionais, 1 animador/a sociocultural e 1 ordenanza. Subvención solicitada: 47.044,68 €. Neste caso o período solicitado de contratación é de 12 meses para todas as contratacións, coa característica de ser contratos a tempo parcial.

 Se se suman os dous programas, o orzamento total para estas contratacións ascende aos 263.728,14 euros.

Policía local: á agarda

     Por outra banda, o concello tamén está a espera da convocatoria que a Consellería de Presidencia está a piques de publicar para a contratación de auxiliares de policía local como reforzo tamén para a tempada estival e que este concello, como xa é habitual, solicitará en canto se abra o prazo de solicitudes. Lembran que o ano pasado, a través desta convocatoria, contratáronse 6 auxiliares de policía local cunha duración de tres ou catro meses.

     "Estes programas, xa interesantes de por si, aínda o son máis nestes intres nos que o paro converteuse nunha lousa para moitos fogares, e que poden servir para que ao menos temporalmente nalgúns deles entre un pouco de aire fresco para as súas economías. Desde o concello, e dentro das súa posibilidades, séguese a traballar para mitigar este problema, e proba diso, ademais desta solicitudes de subvención o temos no feito da futura ampliación do Polígono Industrial da Tomada, cuxo proxecto en breve estará a exposición pública", explicaron representantes do equipo de goberno.

Varandas para o Crocha

     A primeiros de xaneiro comezaron os traballos para cambiar todas as varandas de madeira na Crocha de Poñente dado o estado deteriorado e lamentable que presentaban, mesmo con perigo para os veciños da zona. Encargáronse 100 metros lineais de tubaxe galvanizada de 50 milímetros de sección par cubrir todo o acceso e cambialos polos de madeiras existentes.

     "Onte comezouse a obra e, que casualidade!, como sempre o BNG desprazouse ao lugar dicindo que habería que arranxar as varandas. En fin, xa nos teñen acostumbrados a pedir obras que se van facer ou que se están a facer. O máis importante, por riba de todo, é que a obra estase levando a cabo e que os veciños quedarán satisfeitos", concluíron dende o Concello.

Relacionada:
Biblioteca: denuncian o desleixo e discriminación do libro galego

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Concello recibe o premio "Taekwondo Galego 2010" por promocionar este deporte

A proposta foi realizada polo Club Suh Sport, que tamén foi galardonado

Boiro,  11 de febreiro de 2011. A Federación Galega de Taekwondo vén de comunicar ao Concello de Boiro a concesión do premio “Taekwondo Galego 2010” na categoría de Concello máis colaborador, “pola súa labor na promoción, difusión e apoio á labor da Federación Galega de Taekwondo”.  O Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, e a Concelleira de Deportes, Dores Torrado Ares, mostraron a súa satisfacción por este recoñecemento, así como o seu agradecemento polo distintivo tanto á federación como ao Club Suh Sport de Boiro, pois foi esta entidade a que fixo a proposta para os  Premios Rexionais 2010.

Nesta candidatura, o Club Suh Sport Boiro, que preside Víctor Costado Lima, solicita a mención honorífica para o Concello de Boiro “pola colaboración prestada durante o ano 2010 e tódolos anteriores con este club de taekwondo, e en consecuencia con este deporte, xa que a axuda prestada sempre foi incondicional”. Como proba disto, o Concello de Boiro sinala que ao longo do 2010 celebráronse en Boiro varias actividades, nas cales participou o Concello de Boiro (dous campionatos, Copa Xunta de Galicia e Deporte Escolar da Coruña, dúas exhibicións de taekwondo e un exame no que participaron un cento de nenos), ademais de que o Club Suh Sport recibe a subvención anual do Concello de Boiro destinada a entidades deportivas, e de que oito deportistas do Club percibiron unha beca do Concello polos seus méritos deportivos. Igualmente, a entidade boirense destaca a axuda e colaboración do departamento técnico de Deportes do Concello de Boiro.


Centro social de CaixaNova, antes que se fusionase con Caixa Galicia

O Club Suh Sport recibirá o premio ao mellor club da provincia da Coruña. A gala de entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro sábado, día 19 de febreiro, ás 19.00 horas no auditorio do Centro Social Novacaixagalicia, en Vigo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: o Psoe esixe as mesmas condicións da pasada lexislatura para as mariscadoras galegas


Mariscadoras na rula da ameixa en Rianxo
Soneira: "A política de Feijoo condena á miseria a un grupo de mulleres despois dunha vida de traballo no mar"

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2011. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira anunciou hoxe que rexistrou unha Proposición na Cámara Autonómica na que reclama á Xunta que se manteñan as mesmas condicións para as mariscadoras de 65 anos. Dixo que a política de Feijoo condena á miseria a un grupo de mulleres despois dunha visa chea de traballo no mar. Lembra que a Xunta retirou una axuda mensual de 557 euros para as mariscadoras que foi aprobada na pasada lexislatura.

Marisol Soneira explicou, na iniciativa rexistrada que a normativa vixente establece, como norma xeral,  o cese da actividade  no mesmo día en que, as mariscadoras, cumpran os 65 anos de idade. Nese momento dáselles de baixa no correspondente censo e, en consecuencia, non se lle revalida o Permex que lles autorizaría a seguir faenando. As persoas que se atopan nesta situación deberán solicitar a correspondente pensión de xubilación  da Seguridade Social.

Advirte que existe unha porcentaxe de mariscadoras que, a pesar de levar moitos anos mariscando, non teñen cotizado o período mínimo que da lugar a percibir unha pensión contributiva da Seguridade Social.

Dixo que se trata dun colectivo moi pequeno en termos porcentuais; un colectivo composto por mulleres que non teñen máis fonte de ingresos que os procedentes desta actividade e que, de non xerar as cotizacións necesarias para ter dereito a percibir unha pensión contributiva da Seguridade Social, están abocadas a sobrevivir cunha pensión non contributiva ou compartir a pensión do seu marido nos casos en que estean casadas.

Explica que na pasada lexislatura analizouse este asunto, e quedou patente a indefensión e desprotección económica na que se atopaban centos de mariscadoras que superaban os 65 anos de idade e que non podían recibir ningún tipo de retribución pública alternativa pola vía das prestacións da Seguridade Social. Por iso se publicou a Orde de 8 de agosto 2007 (DOG 155 do venres 10 de agosto de 2007) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para que as mariscadoras  a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización o réxime especial dos traballadores do mar co obxecto de conseguir pensión de xubilación. Nese mesmo ano publicouse a Orde do 30 de novembro onde se convocaban as axudas para o seguinte exercicio económico.

Recortes polo lado máis feble

A parlamentaria socialista denuncia que a Consellaría do Mar volve a recortar gasto polo lado máis feble da sociedade. Asevera que condena a un colectivo modesto de mariscadoras, que xa teñen cumpridos os 65 anos, a vivir da axuda de familiares e amigos porque a Administración pesqueira nos lles renova o Permex para poder seguir traballando, nin lles facilita un mínimo vital para sobrevivir mentres completan o período mínimo que lles permita acceder a unha pensión contributiva.

Texto da Proposición Non de Lei

O Parlamento galego  insta a Xunta de Galicia a modificar a Orde do 10 de xaneiro de 2011, publicada no DOG nº 12 de 19 de xaneiro do mesmo ano, no senso de que recolla, polo menos, as mesmas condicións que as recollidas no Artigo 4 -Contía das Axudas-, da Orde do 27 de novembro de 2007, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para que os mariscadores e as  mariscadoras a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar co obxecto de acadar pensión de xubilación.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

10.2.11

A Pobra do Caramiñal: sinalan as numerosas deficiencias e desleixo da biblioteca municipal


A biblioteca da Pobra está adicada a Victoriano García Martí

A Pobra, 10 de febreiro de 2011. A Agrupación Socialista manifesta nunha nota de prensa o estado de abandono da biblioteca municipal da Pobra do Caramiñal e esixe ao goberno local do PP "eficacia e responsabilidade na súa xestión".

Segundo os socialistas, "a biblioteca municipal Victoriano García Martí da Pobra do Caramiñal, situada no segundo andar do número 25 da rúa Castelao, malia ser a única biblioteca municipal da vila, está a ser esquecida polo goberno local, que mostra coa súa deficiente xestión deste activo cultural unha política municipal completamente insensible ás necesidades e inquietudes culturais dos pobrenses e daqueles que nos visitan".

Manteñen dende este grupo político que "son moitos os veciños que, ante a falta de resposta do Concello, acoden a esta Agrupación Local a formular as súas queixas e suxestións, entre as que destaca unha queixa xeneralizada no tocante aos horarios de apertura, queixas relativas aos fondos bibliográficos, e queixas sobre deficiencias nas instalacións, que están a provocar unha perda de usuarios que demostra que o actual alcalde non ten un compromiso firme coa cultura na nosa vila".

Horarios de apertura

A biblioteca abre unicamente de luns a venres en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas e pecha as súas portas o sábado e o domingo. "Este horario impide que as persoas traballadoras poidan acceder á biblioteca os días laborables pola case mimética coincidencia co horario laboral, atopando as portas pechadas nos días de descanso semanal e nos días festivos. Asemade, resulta usual atopar a biblioteca pechada dentro do horario sen previo aviso do Concello, ás veces cunha simple nota na porta na que se modifican os horarios habituais, debido á incorrecta cobertura dos permisos, licencias e vacacións do persoal da biblioteca, cuxos dereitos laborais entran en conflito co dereito de acceso á cultura dos pobrenses pola incapacidade de xestión da Concelleira e o desinterese do goberno municipal; todo isto provoca que moitos estudantes se despracen ás bibliotecas dos concellos limítrofes en épocas de exames.

En definitiva, os horarios da biblioteca non están adaptados aos usuarios da mesma que fundamentalmente son os estudantes. Estes atópanse ca porta pechada e con horarios insuficientes na época que máis o necesitan, cando teñen que preparar exames", argumenta o Psoe pobrense.

Fondos bibliográficos e instalacións: agóchanse os libros en galego

"Resulta salientable que os libros en galego se atopan ocultos nunha planta superior, de difícil acceso e que conta soamente con tres postos de lectura, o que supón unha discriminación á cultura galega por parte do goberno do PP, e non existe un programa da Concellería responsable para que as novas adquisicións e actualizacións se seleccionen por temáticas segundo a interese dos usuarios", manifestan os socialistas, que engaden que "a biblioteca carece tamén dun arquivo bibliográfico permanente, de forma que os libros de uso cotiá comparten estante con outros de uso ocasional nunha competición cultural absurda que consume espazos da biblioteca, cuxos puntos de lectura xa están en pugna coas sombras dos usuarios que se proxectan sobre os libros por causa dunha incoherente distribución do mobiliario e das luminarias do teito. Carecen de catálogo para buscar libros e a iluminación é moi deficiente".

Ruídos exteriores, mala distribución e nula divulgación

A biblioteca de Ribeira, nun obradoiro de escritura
 
"Son destacables os ruídos producidos polas oficinas existentes no local de abaixo e no da planta superior, ademais do mal funcionamento da porta de entrada da biblioteca. Tamén pensamos que a distribución non é a adecuada xa que para chegar ata o bibliotecario tes que percorrer todo o local, e consecuentemente, molestas ás persoas que alí están estudando. Estas deficiencias únense a unha falta de accións de fomento da lectura por parte do goberno local, até o punto de que o PP converteu á Pobra do Caramiñal na única poboación do Barbanza que non organiza ningunha actividade na súa biblioteca, o que demostra que para o goberno local de Isaac Maceiras, unha biblioteca é un vulgar almacén de libros. Debe pensar este goberno do Sr. Maceiras que a cultura non dá moitos votos, pero a educación é o que nos iguala a todos e fainos libres", rematan dende o Psoe.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: o Psoe de Ribeira resposta a unhas declaracións de Ruiz Rivas no Parlamento


Manuel Ruiz Rivas, diana das críticas socialistas

Ribeira, 10 de febreiro de 2011. O Psoe de Ribeira resposta hoxe en nota de prensa a unhas declaracións que fixo o actual portavoz parlamentario do Partido Popular, e dende hoxe candidato á alcaldía ribeirense, Manuel Ruiz Rivas, sobre o acceso de determinada xente á política.

Os peores tempos do franquismo

O Psoe de Ribeira critica "enerxicamente as declaracións pronunciadas polo portavoz parlamentario do PP galego Manuel Ruiz. As súas trasnoitadas e arcaicas afirmacións ao dicir que parece que ao final o que queremos é que á política chegue Xoán sen Terra e Xoán sen Traballo, lémbrannos aos peores tempos do franquismo".

Segundo os socialistas, tales declaracións son "un insulto á democracia e para a maioría dos cidadáns aos que parece que o señor Ruiz quere privar do seu dereito a exercer a política por non ter grandes fortunas ou non pertencer a grandes familias. O feito de que o sr. Ruiz e o PP non teñan interese en que los cidadáns conozan a situación patrimonial dos seus parlamentarios e conselleiros seméllanos un fraco favor ao noso estado de Dereito. A política e as institucións teñen que ser exemplares á hora de promover valores democráticos. A transparencia institucional é fundamental para manter a confianza da veciñanza nas institucións e nos seus representantes. As trabas que o PP pon para que os cidadáns coñezan quen os goberna realmente, non son máis que a clara manifestación da falta de transparencia e ocultismo que profesa esa formación política".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical