27.6.10

Rianxo: o BNG local presenta moción para rebaixar custes da gasolina da baixura

A futura concesión rianxeira de gasoliñeira do mar debería contemplar xa o surtidor con rebaixa do combustíbel, segundo os nacionalistas


Rianxo, 27 de xuño de 2010. O BNG de Rianxo demandará que o prego que está a saír por parte da Xunta, segundo as informacións en prensa do patrón maior, para adxudicar a concesión da gasoliñeira de Rianxo, prevea a instalación de surtidores de gasolina que permitan a implantación inmediata da rebaixa dos prezos da gasolina ás embarcacións pesqueiras profesionais que utilizan este combustíbel.

No Concello de Rianxo, segundo o Bng, "numerosas embarcacións (200 aproximadamente) pertencentes á confraría de Rianxo utilizan a gasolina como carburante. Este combustíbel, a diferenza do gasóleo, aínda contando cun tratamento fiscal específico na lexislación vixente, segue sen posuír, non só nos nosos portos, senón en todos os galegos (agás o da Coruña), un tratamento real como combustíbel profesional".

Con estas rebaixas, din os nacionalistas, "estaríamos a falar de preto dun 55% de rebaixa, considerábel en momentos de crise para toda a economía. Unha gasolineira de Oza pertencente á Confraría da Coruña xa ten este surtidor que permite unha rebaixa aproximada segundo os seus cálculos de entre 3.000 e 5.000 euros anuais".

O nove de xuño:

Reclaman a gasoliñeira de SeteFogas

O portavoz de pesca do Grupo Parlamentar do BNG, Bieito Lobeira, reclamou no transcurso da rolda de prensa ofrecida en sede parlamentar, rebaixar os prezos da gasolina ás embarcacións pesqueiras profesionais, medida xa contemplada nun Decreto Lei do ano 1992 que nunca se cumpriu.

Unhas 1800 embarcacións pesqueiras, percebeiras, de marisqueo a flote ou de recursos específicos, distribuídas en todos os portos galegos, entre eles salientamos o de Rianxo cunha grande flota de baixura, utilizan a gasolina como carburante o que supón pagar o litro a 1,20 euros cando de aplicarse a exención fiscal pagarían 0, 51 céntimos.

Para isto cómpre a instalación de surtidores fiscais en todos os portos. Algo fóra do noso alcance en Rianxo onde malia a moción presentada polo BNG de Rianxo e aprobada por consenso en maio do 2009 no Concello non se fixo nada desde Portos para substituír a gasoliñeira de mar retirada finalmente de Setefogas. Nin a Conselleira do Mar nas súas constantes visitas á Confraría trae este importante servizo baixo o brazo.

Na nosa moción mar en Rianxo e na iniciativa do Parlamento Galego suliñamos que os mariñeiros, de termos este servizo activo, ademais das bonificacións referidas, non se verían obrigados a transportar, por vía pública, o combustíbel en vehículos privados para abastecer as embarcacións. Para os profesionais do sector de baixura, a rebaixa no prezo da gasolina pode supoñer entre 4000 e 6000 euros ao ano de aforro.

(Vía Bng de Rianxo)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical