23.12.11

Boiro: a asociación cultural etnográfica O Faiado 2 abriu blog e páxina de seareiros en Facebook

O_faiado_tallas

Está en http://www.ofaiadodous.blogspot.com

E xa hai fotos e información sobre a exposición que se inaugurou o pasado xoves 22, adicada a tallas de madeira.

Tamén teñen páxina de seareiros en Facebook: http://www.facebook.com/pages/O-Faiado/184452611651801?ref=pb


OLLO!! PÁXINA DE SEAREIROS EN FACEBOOK: http://www.facebook.com/xornalcerto
ÚNETE!!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: promoven unha campaña de actividades para axudar ao comercio a vender máis nestas festas

  • Promovida por Concello, Deputación e Asociación de Empresarios, trátase de que nais e pais compren a gusto tendo aos cativos entretidos

 

Ribeira, 23 de decembro de 2011- A Deputación Provincial de A Coruña, a Asociación de Empresarios de Ribeira e o Concello de Ribeira unen os seus esforzos para activar, dende mañá mesmo, unha campaña de Nadal dirixida a apoiar ao pequeno e mediano comercio e incentivar as compras na cidade a través dun amplo abano de actividades de animación e outras iniciativas enfocadas cara a conciliación do tempo de lecer coa acción de compra. 

A concelleira de Cultura, Elvira Pisos; a xerente de Viamare, Elena González; e o técnico municipal Unai González deron hoxe unha rolda de prensa na que ofreceron detalles deste programa, que complementa ao calendario de actividades de Nadal impulsadas polo Concello dende a Área de Cultura. 

Ludoteca

Unha das actividades máis salientables desta campaña comercial é a posta en marcha dunha ludoteca na que todos aqueles cidadáns que queiran facer as súas compras de Nadal dun xeito un pouco máis tranquilo poderán deixar os seus nenos e nenas con idades a partir dos tres anos. Estará situada na sede do Liceo Marítimo e funcionará os días 23, 24, 28, 29 e 30 de decembro e 2 e 4 de xaneiro, en horario de 17 a 20 horas. 

Doutra banda, no transcurso destas festas haberá unha pléiade de actividades lúdicas que axudarán a dotarlle de cor e dinamismo ás rúas e prazas da cidade de Santa Uxía de Ribeira, especialmente naquelas con máis actividade comercial e tamén hostaleira. 

Media_httpfarm8static_xapud

Sala museo municipal de Ribeira, de noite

Así, os días 24 de decembro (na rúa de Galicia, na zona da sala museo municipal), 30 de decembro (na rúa Galicia, zonas museo e biblioteca) e 4 de xaneiro (zona biblioteca) desenvolveranse ao aire libre unha gran variedade de obradoiros de adornos e postais de Nadal, abalorios, maquillaxe, globoflexia, etc... Será en horario de 11.30 a 13.30 e de 17 a 19 horas. 

En segundo lugar, os días 24 de decembro (na rúa de Galicia, zona biblioteca), 31 de decembro (na praza do Concello) e o 4 de xaneiro (na rúa de Galicia, zona museo) instalaranse parques de inchables para os nenos en horario de 11.30 a 13.30 e de 16.30 a 19 horas. O día 24 pola mañá os pequenos recibirán a visita do Pai Noel, que repartirá lambetadas, e o día 4 de xaneiro será o Carteiro Real o que recollerá as cartas para as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. 

Hostalería

Unha charanga estará  encargada de animar as rúas e prazas de Ribeira en horario vespertino e nocturno (de 18 a 21 horas) os días 24 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro. Caracterizados con gorros e traxes típicos do Nadal, o seu cometido principal será animar e ambientar as rúas e prazas do comercio e, sobre todo, da zona de hostalería: praza de Vigo, praza de España, avenida do Malecón, etc... 

Por último, cabe destacar que a cidade vai recibir a visita do Expreso de Oriente: trátase dun tren infantil –onde tamén poden viaxar adultos- que percorrerá as rúas de Ribeira en horario de 11 a 14 e de 16.30 a 19.30 h os días 24 e 31 de decembro e o 4 de xaneiro. 

A estación estará  na Praza do Concello e o tren –dotado cun vagón de 25 prazas- circulará por toda a cidade levando música de ambientación de Nadal. 
 
 
 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: abren expediente urbanístico a un predio da rúa Pontevedra

  • Trátase dos baixos do inmoble número 24, que os donos deben pechar, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Bieito González


Noia, 23 de Nadal de 2011. A Consellería de Urbanismo do Concello de Noia, a instancias dos propietarios das vivendas situadas do inmoble número 24 da rúa Pontevedra, esquina rúa Outonil (edif. CUNQUEIRO), vén de iniciar o expediente do “deber de conservación” dos baixos de dito inmoble.

O expediente vai dirixido á empresa propietaria dos baixos, no sentido de obligarlle á mesma ao seu cerramento, tal como se recollía no seu día nas condicións da licenza urbanística concedida para a construción do citado inmoble.

Do informe técnico que figura no expediente extráense os seguintes parágrafos: “Os baixos teñen que estar totalmente tapiados con materiais e aspecto de acabado, e non de obra inconclusa e con valados provisorios. A propiedade dos mesmos procederá a pechar os baixos do inmoble con tabique de ladrillo, recebado e pintado en cores neutros, preferiblemente branco”.

Os servizos técnicos municipais calculan un orzamento de 9.450, 33 euros, ao que ascenderá  a obra do cerramento dos baixos en cuestión, establecendo un período temporal para a execución da mesma de un mes.

As obrigas emanadas do “deber de conservación”  para os propietarios de toda clase de fincas, instalacións e obras, veñen recollidas no texto da actual Lei do Solo de Galicia, e habilitan aos Concellos para promulgar, se fora o caso, ordes de execución subsidiaria con cargo aos propietarios dos mesmos.

Pode que tamén lle interese:

 


Programación cultural completa de Nadal: do Concello e do Liceo de Noia


Colectivo Escollera: propoñen moción para que se unan partidos políticos

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o Bng presenta alegacións contra a construción do centro de saúde fronte ao cemiterio

22.12.11.-ALEGACIÓNS BNG APROBACIÓN INIC. MODIFICACIÓN PXOM-CENTRO SAÚDE.docx Download this file

Media_httpfarm5static_pmdzc

A Pobra, 23 de Nadal de 2011. O Bng rexistrou xa no Concello unha serie de alegacións sobre a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal dos polígonos urbanísticos 9 e 10, onde o actual grupo de goberno do PP pretende ubicar o novo centro de saúde da vila.


Esta teima, que xurdiu en agosto de 2010, supuxo a elaboración dun plan especial de desenvolvemento do polígono urbanístico 9 para poder levantar alí o novo centro médico. Contra isto, a secretaría xeral de Urbanismo da Xunta emitiu un informe "absolutamente demoledor", segundo explican os nacionalistas, sobre este plan especial, no que se botaba por terra a idea do Concello debido a fallos evidentes como a escaseza de aparcamentos, que é unha leira pequena e está a carón do cemiterio.

Unha vez desbotado o plan especial, agora o Concello aposta por iniciar unha modificación puntual do PXOM para que a Xunta permita ubicar o centro sanitario nos terreos propostos. O Bng alega contra esta aprobación inicial, e a Xunta aínda ten que voltar informar e, se o fai favorablemente, hai que facer a aprobación definitiva.

Segundo argumenta o Bng, "aínda vai para largo, por iso volvémoslle reclamar o arranxo do centro de saúde actual ao goberno do PP, para que non continúe a deterioración e se poida considerar un edificio digno para os usuarios e usuarias e para o persoal que alí traballa".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: entregados os diplomas dos cursos de alfabetización dixital de Aguiño, Palmeira e Santa Uxía

  • Participaron 116 persoas, que recibiron os diplomas de asistencia na aula multimedia
  • A

Ribeira, 23 de decembro de 2011- Un total de 116 veciños e veciñas do municipio estiveron a participar nestes trimestre nos cursos de alfabetización dixital impulsados polo Concello co fin de familiarizar no mundo das novas ferramentas da información aos cidadáns que así o desexasen.  

Dúas destas accións formativas celebráronse na cidade riveirense (na Aula Multimedia) en quendas de mañá e de tarde; en tanto que outros dous cursos desenvolvéronse nas parroquias de Aguiño e Palmeira (na Aula Multimedia de Aguiño e na Sociedade Hijos de Palmeira, respectivamente). 

A Aula Multimedia sita na cidade foi o escenario do acto de clausura, no que a tenente de alcalde Dolores Elorduy; o concelleiro de Enerxía e Novas Tecnoloxías, Emilio Pérez; e o axente TIC Abel Alonso, foron os encargados de entregar os correspondentes diplomas aos alumnos. 

Á volta das vacacións de Nadal está previsto estender estes cursos de alfabetización dixital a outras parroquias para que os seus veciños teñan ocasión de mergullarse nas novas tecnoloxías.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Carlos Callón, premiado por "Como defenderes os teus dereitos lingüísticos"

Como_defenderes_os_teus_dereit

  • O seu libro gaña o premio Redelibros ao mellor título de non ficción de 2011 
  • O autor de Ribeira agradece o recoñecemento que lle achega a rede social galega sobre o libro, que reúne a escritores, críticos, editores, libreiros e lectores  


Ribeira, 23 de Nadal de 2011.- Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, unha obra que o seu autor cualifica como un “manual práctico para podermos vivir en galego”, acaba de obter o recoñecemento ao mellor libro de non ficción en lingua galega do ano 2011. O ribeirán Carlos Callón agradece a distinción e sinala que para el “é unha honra compartir podio no recoñecemento de Redelibros con nomes como o de Agustín Fernández Paz”, que foi distinguido na categoría de mellor libro de ficción por parte da rede social galega sobre o libro, que reúne a escritores, críticos, editores, libreiros e lectores. 

En Como defenderes os teus dereitos lingüísticos Callón propón que “protagonicemos no noso día a día a revitalización do noso idioma a través de pequenas accións, porque os pequenos xestos poden orixinar grandes transformacións”. Como exemplo, anima por exemplo a “practicar un consumo responsábel co galego, dándolle prioridade a produtos ou servizos que contemplen o noso idioma, algo que podemos ter moi en conta por exemplo nestes tempos do Nadal”. 

A primeira parte do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos é unha “Guía rápida de conduta para vivirmos en galego”, na cal se presentan propostas “concretas e realizábeis para pequenas situacións da vida diaria en que se dificulta vivir no noso idioma”. A segunda parte da obra fai un repaso polos problemas que se pode encontrar unha persoa que quixer optar polo galego en diferentes ámbitos, desde a administración até as notarías, pasando polos servizos bancarios ou as empresas de telefonía móbil. Por último, a terceira grande parte do libro propón ese recomendado “consumo responsábel co galego”, no cal se escollan os produtos ou servizos non só pola súa calidade ou prezo, senón “tamén polo impacto que teñan na nosa lingua e cultura ou pola actitude cara ás mesmas por parte das empresas que os ofrezan ou os elaboren”.  

Para o presidente da Mesa é importante “lembrar que nin a desaparición nin a recuperación dunha lingua son nunca procesos espontáneos: podemos intervir e rectificar a situación actual”. “Non o esquezamos: cada decisión que tomamos no presente modifica os futuros posíbeis”, conclúe Callón, quen agarda que “o recoñecemento realizado por Redelibros axude á difusión dos consellos e propostas que nesas páxinas se conteñen”. 

Ademais de obter o recoñecemento por Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón tamén ficou de finalista con Amigos e sodomitas, título con que gañou o Premio Vicente Risco de Ensaio 2011.

Antes, en Certo:

Carlos Manuel Callón presentou o seu libro "Amigos e sodomitas"

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: a Xunta declara Ben de Interese Cultural Inmaterial o conxunto da obra de Castelao

Media_httpfarm7static_sgfan

Monumento a Castelao na carballeira de Santa Susana en Santiago

Rianxo, 23 de Nadal de 2011. O Consello da Xunta vén de declarar BIC inmaterial o conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao "pola súa significación para a cultura e a identidade de Galicia". Esta declaración BIC implica a conservación, difusión e investigación do conxunto da obra de Castelao, así como o fomento da súa pegada entre as xeracións futuras.

A Consellería de Cultura e Turismo enmarca esta actuación no seu labor de protexer, conservar e difundir o legado que constitúe o patrimonio cultural de Galicia e transmitilo ao futuro. Este patrimonio constitúeno todo os bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, son considerados como de interese relevante para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo. Deste xeito, con esta actuación recoñecese a obra de Castelao como un dos bens mais sobranceiros do noso patrimonio cultural. Esta é a primeira declaración de BIC inmaterial de Galicia e a primeira declaración de Ben de Interese Cultural relativa ao conxunto da obra dun autor.

A declaración BIC da totalidade da obra de Castelao prodúcese no ano no que se celebra o 125 aniversario do seu nacemento. A decisión da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural vén motivada polo feito de que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é un dos expoñentes máximos da nosa cultura e figura imprescindible para comprender a historia recente de Galicia e a súa realidade actual. Ao longo da súa vida, Castelao traballou con empeño a favor dos dereitos dos galegos e do recoñecemento da realidade diferencial de Galicia e a súa autonomía política. O galeguismo abrangue a totalidade do seu pensamento, o seu traballo e a súa vida. Deste xeito, toda a súa obra, nas súas múltiples vertentes de debuxante, literato, ensaísta e político, está profundamente marcada polo amor á súa terra e o compromiso con Galicia.

Castelao nunca disociou arte de compromiso, ética e estética, a obra artística en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade dun pobo. De feito, a súa achega ás letras, ás artes e á política é determinante para a recuperación da lingua e cultura galega e a formación dunha conciencia de Galicia como nación, intimamente ligadas á defensa das liberdades democráticas. A súa decisión de non separar a súa arte do servizo a unhas ideas levouno á utilización das técnicas e estilos máis axeitados a este fin, pero sen renunciar á contemporaneidade estética vangardista. Por todo isto, o conxunto da obra de Castelao identificase como símbolo de Galicia e, polos seus valores e calidade, a súa produción creativa posúe un significado que trascende as nosas fronteiras e o seu legado ocupa un lugar destacado na historia da arte contemporánea europea.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, por resolución do 28 de xuño de 2011, incou o expediente para a declaración de ben de interese cultural inmaterial en favor do conxunto da obra Castelao, sobre a base do seu valor simbólico e o interese do conxunto da obra en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade diferencial do pobo galego. Ao día seguinte da publicación da devandita resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 136 de 15 de xullo) abriuse o trámite de información pública durante o cal se reciben dúas alegacións, ás que se da resposta razoada. Con posterioridade á resolución solicítase a tres órganos consultivos e a un dos asesores en materia de patrimonio cultural previstos na lexislación vixente o seu parecer sobre tal declaración. Tanto os informes da Real Academia Galega de Belas Artes, do Consello da Cultura Galega e da Facultade de Xeografía e Historia (departamento de historia contemporánea e América) da Universidade de Santiago de Compostela, como o emitido pola Comisión Territorial do Patrimonio Histórico da Coruña, son favorables a que a obra de Castelao sexa declarada ben de interese cultural segundo a proposta do acordo de incoación do procedemento.

Deste xeito, esta declaración BIC implica a conservación, difusión e investigación do conxunto da obra de Castelao, sen prexuízo do exercicio dos dereitos de propiedade intelectual polos seus lexítimos titulares, así como o fomento da súa pegada entre as xeracións futuras. Asemade, ordénase a inscrición do ben no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, coa descrición dos fitos principais da súa obra escrita e plástica que constan no anexo da devandita resolución de incoación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 28 de xuño de 2011 e a relación da bibliografía que figura no expediente.

Media_httpfarm5static_hcjcf

Máscara orixinal de "Os vellos non deben namorarse"

Obra literaria e plástica
A primeira obra narrativa publicada foi Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), na que Castelao bota man da sátira social e política. A súa segunda obra, Cousas (1926), componse de breves relatos, a través dos que busca a plena expresividade para representar a alma galega que hai en cada personaxe.

Retrincos, en boa medida extensión da fórmula de Cousas, está formada por cinco contos presentados como autobiográficos. Resultado da reelaboración de escritos ao longo de 25 anos, esta obra supón unha combinación equilibrada entre brevidade, sinxeleza e alto grado de elaboración.

Os dous de sempre (1934) é a única novela de Castelao. Nela, narra a historia de dous homes, convertidos en verdadeiros arquetipos do comportamento humano universal, deseñados por Castelao con claridade, elegancia e humor. A súa única obra de teatro é Os vellos non deben namorarse (1941). Con ela, Castelao incorpora tendencias renovadoras do teatro europeo das vangardas a unha obra que non abandona a súa raíz galega. En 1944, Castelao escribe Sempre en Galiza, un libro que está considerado como a obra por excelencia do nacionalismo galego. Outras dúas obras salientables son As cruces de pedra na Bretaña (1930) e As cruces de pedra na Galiza (1950), que son estudos históricos e descritivos deses elementos singulares.

Para rematar esta breve relación da súa obra literaria, hai que mencionar o libro Diario, que aínda que publicado en 1977 foi escrito por Castelao en 1921. Nel recolle as impresións da viaxe de estudos por Europa que fixo nese tempo e que lle deu a oportunidade de coñecer de preto as novas tendencias artísticas.

En canto á obra plástica, Castelao foi un artista autodidacta, cunha capacidade natural para o trazo gráfico e para a síntese dunha imaxe real. No eido artístico, plasma todo un mundo de expresividade a través de técnicas e materiais moi variados como augada, tinta, carbonciño, lapis, óleo, pastel ou témpera. Domina, ademais, as distintas técnicas do gravado utilizando como soporte o papel, cartón e cartulina, pero destaca a súa preferencia polo debuxo rápido, apunte inmediato e de pequeno formato. Na obra gráfica de Castelao apréciase unha constante evolución na concepción da imaxe: parte dun comezo naturalista e costumista decimonónico, pero incorpora paulatinamente a composición e as percepcións espaciais do deseño moderno do seu tempo, influído pola fotografía e a estampa xaponesa e polas novidades formais do cartelismo.

Dentro da súa faceta plástica, cabe diferenciar tres etapas. A primeira, desde 1908 ata 1916, a segunda, desde 1916 ata 1936; e a derradeira, iniciada co estalido da Guerra Civil e definida pola posterior etapa franquista. Desa última época son as súas creacións artísticas de máis interese desde o punto de vista da consideración do autor como figura internacional. Gran parte da obra plástica de Castelao atópase dispersa en coleccións de diferentes entidades, museos e fundacións. Unha parte importante está en Galicia, pero tamén hai numerosas obras en arquivos, museos e coleccións de persoas e entidades do resto de España, en Europa e América.

Documentación e localización da obra

Froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación Castelao, asinado no ano 2008, elaborouse un catálogo de toda a obra artística de Castelao que se recolle nunha base de datos dixital con máis de tres mil rexistros.

A bibliografía de Castelao e o conxunto da súa obra nas súas diferentes facetas é moi ampla e vaise ampliando ano a ano, sendo o interese que suscita de moi distintas procedencias xeográficas e temporais. En Galicia, é doado contemplar directamente moitas das obras orixinais de Castelao, xa que se conservan en numerosas institucións e son accesibles a investigadores e ao público en xeral.

Por exemplo, o Museo de Pontevedra, que contou con Castelao en 1929 como vogal do seu padroado principal, conserva un importante conxunto de obras e materiais (máis de 1.600) entre as que se atopan todas as estampas orixinais dos seus tres albumes de guerra (Galiza Mártir, Atila en Galiza e Milicianos), así como o manuscrito de Sempre en Galiza, a serie de Debuxos de negros, todos os materiais da obra As cruces de pedra na Galiza, 100 debuxos realizados para ilustrar As cruces de pedra na Bretaña e a segunda e definitiva versión manuscrita de Os vellos non deben de namorarse.

Pola súa banda, no Museo Provincial de Lugo atópanse 27 debuxos e gravados, unha augada, una litografía e dous óleos de Castelao, en parte doados por Álvaro Gil Varela no 1965. En Vigo, no Museo Quiñones de León, hai unha colección de 110 debuxos, e en Sada, o Museo de Carlos Maside conserva 65 debuxos e augadas. O Museo de Belas Artes da Coruña posúe 3 debuxos a tinta e un gouache, mentres que o Museo do Pobo Galego de Santiago conta con 129 debuxos e gravados de Castelao.

Unha parte da obra de Castelao é conservada por institucións como Novacaixagalicia, que conta on 72 murais e 176 debuxos de Cousas da Vida. Por outra parte, a Universidade de Santiago de Compostela custodia 79 debuxos; a Fundacion Penzol, 52; a Fundación Vicente Risco, 36 debuxos e gravados; o BBVA, que ten 25 debuxos, e a Biblioteca Nacional de España, que conserva 62 debuxos. No Centro Superior Bibliográfico de Galicia (hoxe Biblioteca de Galicia) gárdanse 18 debuxos de Castelao, outros 17 no Instituto de Estudos Galegos do Padre Sarmiento, e a Real Academia Galega conserva outros 15, aos que hai que sumar 2 gravados.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Medios: súmase un novo xornal a "Vitaminas para o galego", desta volta en papel

Media_httpterrachaxac_amsao

Barbanza e Noia, 23 de Nadal de 2011. O xornal Terra Cha.xa ven de sumarse a “Vitaminas para o galego”, campaña de sensibilización impulsada conxuntamente polos medios de comunicación en lingua galega. A iniciativa pretende suliñar a importancia de contar con mass media no idioma propio de Galicia, se queremos garantir a súa transmisión interxeneracional. Co periódico da Terra Chá  son xa 11 os medios en papel impreso, dixitais e radiofónicos que se suman á proposta.

Terra Cha.xa naceu en outubro do 2003 con periodicidade mensual. Imprime na actualidade 2.500 exemplares. Nun principio o xornal tiña 24 páxinas, pero dende hai máis de 2 anos conta con 32. A súa versión dixital entrou en funcionamento no verán do 2009. Recolle a información de todos os Concellos da Terra Cha e limítrofes, coa actualidde de Vilalba, Abadín, Mondoñedo, Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Meira, Pol, Begonte, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz, Xermade, Muras e As Pontes.

 

 

Boa acollida dos internautas

 

O proxecto “Vitaminas para o galego” comezou o xoves 22 de decembro a búsqueda de micromecenas a través da plataforma de verkami. En 24 horas xa se tiña cuberto case a metade do orzamento marcado como obxectivo. O proxecto permanecerá en vigor durante 40 dias, ata finais do mes de xaneiro.

 

Galicia confidencial, Tempos Novos, Novas da Galiza, Radiofusión, Praza Pública, Ovalmiñor.info, quepasanacosta, certo.gl, cronica3 e O Sil, presentaron “Vitaminas para o galego” o pasado sábado  dia 17 no marco de Terractiva, Feira ecolóxica de Arzúa.

 

Agora no crowfunding

O crowfunding é unha forma directa de financiar proxectos coa suma de aportacións individuais. A páxina de verkami diríxese a creadores independientes que buscan financiación para materializar as súas ideas. O seu publico, convertido en mecenas, recibe recompensas exclusivas a cambio das súas aportacións.

 

http://www.verkami.com/projects/1040-vitaminas-para-o-galego


Antes, en Certo:


Campaña: apoia Vitaminas para o galego! Apóianos!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical