30.3.12

Ribeira: un cento de kaiakistas de mar de seis países participarán nunhas xornadas do 4 ao 8 de abril

 

  • Haberá dous expertos mundiais en kaiakismo extremo e cursos en mar e terra, travesías, conferencias, obradoiros e documentais

 

 

Ribeira, 30 de marzo de 2012.- Entre os días 4 e 8 de abril, un centro de kaiakistas chegados de seis países van recalar neste municipio para participar nunhas xornadas técnicas organizadas pola Asociación Galega de Kaiak de Mar, o colectivo referente neste deporte non só a nivel autonómico e estatal senón en toda Europa e Norteamérica pola calidade das súas iniciativas.

 

O presidente da entidade, Roberto García, acompañado dos concelleiros de Deportes e de Seguridade, Juan Luis Martínez e Víctor Reiriz, e do presidente da Asociación Sálvora José Antonio Sobrado (tanto o Concello como este colectivo colaboran na acción), foi o encargado de explicar o programa destas xornadas que teñen carácter bienal e que xa van pola terceira edición (as anteriores foron en Ortigueira no 2008 e en Muxía no 2010) e que cada vez contan cun número crecente de participantes.

 

O centro de kaiakistas desta convocatoria proveñen de Canadá, Alemaña, Holanda, Francia, Portugal e de toda a xeografía española, incluíndo as Canarias. Ao longo dos 5 días de programa terán oportunidade de participar en multitude de actividades, que están distribuídas en cursos en mar (bautismos, surf, técnicas de paleo, rescates, desembarcos, esquimotaxes, navegación en correntes e kaiak para nenos), cursos en terra (ioga, comunicacións, primeiros auxilios), rutas-travesías (Coroso/Illa de Rúa/Illa Irós, Illa de Sálvora, Illa de Arousa e Illa de Ons) e talleres (reparación en fibra, tuiliks).

 

Un dos acontecementos máis relevantes é a participación de dous dos maiores expertos mundiais en kaiakismo extremo: os canadenses Marty Perry e Rowan Glog, fundadores dos Hurricane Riders, un grupo de practicantes deste deporte que actúa ao oeste do Canadá, no territorio da Columbia Británica. Ambos non só participarán como instrutores nas travesías, senón que ademais impartirán unha conferencia sobre o seu labor e proxectarán o documental “The Night Squad”, ademais de aproveitar a súa visita para gravar imaxes para os seus próximos filmes.

 

A charla e a emisión do filme dos Hurricane Riders terá lugar o sábado pola tarde no Hotel Rio Azor, emprazamento en que nos días previos (xoves e venres) haberá outras conferencias sobre temas tales como o Parque Nacional Illas Atlánticas  (a cargo de Vicente Piorno, técnico deste espazo protexido), sobre o Manuel de Boas Prácticas que se está a elaborar (con Benito Lourido como relator) e sobre a Bretaña Francesa (cun documental que presentará Manolo Pastoriza). Tamén haberá un simulacro de rescate coa participación de Salvamento Marítimo, faranse uns Xogos Esquimais e se realizarán actividades para nenos e acompañantes: barranquismo, rafting, sendeirismo, contacontos...

 

Razóns para escoller Ribeira


Sobre as razóns polas que a asociación escolleu este municipio por enriba doutros, Roberto García resaltou a idoneidade de Ribeira por reunir unhas condicións “inigualables” para a práctica do kaiak de mar, na entrada da ría máis grande de Galicia; por estar inmersa no corazón do Parque Nacional das Illas Atlánticas e por ser o concello máis importante da comarca, con servizos suficientes para aloxar aos participantes.

 

O edil Juan Luis Martínez destacou a idoneidade de albergar estas xornadas para cumprir cun dos obxectivos do Concello, que é o fomento das actividades no medio natural.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: escolares de Frións tiveron como guía ao alcalde nunha visita ao Concello

 

Ribeira, 30 de marzo de 2012.- Dezaseis alumnos de 4º de Primaria do CEIP de Frións efectuaron esta mañá unha visita a Casa do Concello. Os rapaces, de catro nacionalidades distintas, estiveron acompañados dos seus profesores e do director do centro, Luís Teira -ata hai nada concelleiro do Bng na Corporación-.

 

No transcurso da súa visita tiveron oportunidade de coñecer as distintas dependencias en que se distribúe o inmoble, tales como as oficinas xerais, a área de urbanismo ou a parte reservada ao arquivo. A responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Alicia Padín, exerceu de cicerone durante o percorrido polas distintas estancias, no que tamén estivo a concelleira de Educación, Mª Carmen Vizcaya.

 

Como corolario da súa visita coñeceron o despacho do alcalde, no que foron recibidos polo propio Manuel Ruiz, e a continuación, acudiron ao salón de plenos do Consistorio, onde o rexedor se someteu ás preguntas que lle quixeron facer os nenos en torno a cuestións como a de como é o día día dun alcalde ou ás dificultades de conciliar a vida persoal coa laboral.





 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o xoguete será o eixo de actividades no centro social de Cabo de Cruz

  • Cruz Vermella organiza tamén un obradoiro de prevención entre o 2 e o 4 de abril en Abanqueiro e Escarabote

Máis info:cabodecruz.org
centrosocialdecabo.blogspot.com/
www.boiro.org


Máis que facer en Boiro en vindeiras datas:


Semana Santa: ludoteca para rapaces (6-11) do 2 ao 4 de abril


Sendeirismo: o 7 de abril, de Río Grande a Río Beluso


14 de abril: curso sobre independentismo galego en Aturuxo



Cartel A4 xoguetes 2008-2012 PDF CERTO 29 03 12.pdf Download this file

Boiro_cartel_prevencin

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: abertas as oficinas de turismo e a sala museo municipal durante a Semana Santa

Turismo_semana_santa

  • As praias estarán limpas e vixiadas xa nestas datas


Ribeira, 30 de marzo de 2012.- A diferenza de anos anteriores en que, pola Semana Santa, as Oficinas de Turismo de Ribeira adoitaban abrir o sábado véspera de domingo de Ramos, en 2012 están abertas xa a partir de hoxe, venres 30. Así o anunciou onte o concelleiro de Turismo, Anxo Orellán, quen informou de que as dependencias radicadas en Xarás e na avenida do Malecón estarán abertas ata o domingo de Pascua, 8 de abril.

 

O horario de funcionamento das mesmas será de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, todos os días dende mañá ata o día 8; en tanto que a oficina permanente radicada no Centro de Interpretación de San Roque continuará co seu horario habitual ata o mércores (de 9 a 13.30 e de 16 a 19 horas), mentres que en xoves santo, venres santo e sábado santo ampliarase o mesmo, abrindo de 10 a 14 e de 16 a 20.

 

Dende a Área Municipal de Turismo espérase incrementar as 650 consultas rexistradas o ano pasado. Lembran que nas datas festivas de 2011 o parque de San Roque estaba en obras, co cal agora que está totalmente acondicionado agardan incrementar os 233 visitantes que acudiron ao Centro de Interpretación en demanda de información (183 deles eran de Galicia, 46 de Península e 4 estranxeiros).

 

Polo que respecta á oficina de Xarás, rexistrou 157 visitas, das cales 90 proviñeron de Galicia, 59 da península e 8 do exterior; mentres que na do Malecón foron 230 os visitantes: 85 galegos, 135 do resto de España e 10 estranxeiros.

 

O parque natural, o parque periurbano, os miradoiros e -de persistir o sol- praias como as do Vilar ou A Ladeira, espérase que sexan unha vez máis os puntos de maior interese para os turistas, aínda que se está a detectar unha atención crecente por museos e rutas de sendeirismo.

 

Praias limpas e vixiadas

De calquera xeito, estes días estívose a traballar na limpeza e posta a punto dos areais do municipio e entre o xoves santo e o domingo de pascua haberá servizo de socorrismo e vixilancia de praias a través de voluntarios de Protección Civil: concretamente, serán dez as persoas que se encargarán de velar pola seguridade nas praias de Coroso, O Vilar e A Ladeira, en horario de 12 a 19 horas.

 

Sala museo aberta

O Concello tamén informa de que a Sala Museo Municipal, situada na rúa peonil de Galicia de Santa Uxía, vai estar aberta durante a festividade de Semana Santa, coincidindo cuns días nos que o municipio adoita contar cun gran movemento de visitantes.

 

Concretamente, a instalación cultural permanecerá aberta o xoves e o venres santo (días 5 e 6 de abril) en horario de 11 a 13 e de 17 a 19 horas, en tanto que o sábado 7 estará a disposición do público de 11 a 13.30 horas.


Na mesma pódese ver estes días a fachada engalanada para conmemorar os dez anos da Festa da Chuvia (pagana totalmente).


Relacionadas:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: programación relixiosa da Semana Santa 2012

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical